DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Mércores, 29 de xuño de 2005 Páx. 11.538

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 180/2005, do 16 de xuño, polo que se crea a Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

O Estatuto de Autonomía de Galicia establece a competencia plena desta comunidade autónoma para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos termos que figuran no artigo 2 do Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, e no artigo 1 do Decreto 454/2003, do 26 de decembro (DOG do 19 de xaneiro de 2004), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo considera as ensinanzas de idiomas impartidas nas escolas oficiais de idiomas coma ensinanzas de réxime especial. Así mesmo, a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, no seu artigo 49.1º, mantén a consideración de ensinanzas de réxime especial ás impartidas nos mencionados centros.

Por outra parte, a Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, determina no seu artigo 17 que a creación dos centros públicos será efectuada polo Consello de Goberno da comunidade autónoma correspondente.

Finalmente, en Vilagarcía de Arousa véñense impartindo desde o curso escolar 2002/2003 os idiomas inglés, alemán e francés en aulas dependentes da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Tendo en conta o número de alumnos escolarizados e a crecente demanda existente neste concello e limítrofes, faise preciso a creación dun centro propio.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa (código 36024598), e adscríbese á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria queda autorizada para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do anteriormente sinalado e determinará os cadros de persoal docente, administrativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL