DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 15 de xullo de 2005 Páx. 12.659

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

INSTRUCIÓN técnica de residuos ITR/01.0/05, do 29 de xuño de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, referente á elaboración de solos reciclados a partir de residuos.

Con base no Decreto 106/2004, do 27 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ten atribuídas, entre outras, as competencias referidas á xestión de residuos, os cales se empregarán na elaboración de solos reciclados.

A elaboración de solo reciclado é unha alternativa para a xestión de determinados residuos mediante a súa valorización, en consonancia coas directrices da Unión Europea, nas que se fomenta a aparición de novas propostas de valorización de residuos, como acontece neste caso.

Os residuos poden ser empregados como acondicionadores dos solos, por ser susceptibles de mellorar algunha o algunhas das súas utilidades, ou como fertilizante, o que implica a achega de nutrientes para o sostemento da cuberta vexetal.

Os solos reciclados constitúen un material sólido que se fabrica por combinación de residuos de distinta natureza segundo unha formulación tal que permita que este material presente as fraccións e propiedades adecuadas para que sexa susceptible de actuar como substrato para o desenvolvemento vexetal.

O que se pretende é proceder á reutilización dos residuos e acadar proporcionarlles unha utilidade de modo que deixen de ser simplemente produtos para eliminar, e así poida levarse a cabo a súa valorización.

Neste contexto encádranse os solos reciclados, a súa elaboración implica o reciclado de diferentes residuos, que pasan a converterse nas materias primas, posto que os residuos empregados intégranse totalmente para elaborar o solo reciclado, onde a súa utilidade radica en contribuír á recuperación de espazos degradados, de maneira que non só non se producirán novos residuos, senón que o produto obtido a partir dos residuos fabricados será empregado para a reparación e mellora ambiental.

A finalidade da elaboración de solos reciclados é que constitúe unha alternativa á xestión de residuos, a rexeneración de espazos degradados e a fixación de CO.

Bases normativas da ITR.

A utilización e o emprego dos solos reciclados e dos materiais residuais deben cumprir coa lexislación vixente.

Actualmente existe un baleiro legal xa que, ata o de agora, non se prevera o emprego de residuos diferentes aos lodos de depuradora, como emendas a solos naturais, ou como constituíntes dun solo reciclado. Porén, e ante a inexistencia dunha lexislación clara ao respecto, deben terse en conta as recomendacións internacionais e as previsións da lexislación sobre os materiais que vaian ser empregados, así como sobre o resultado final, co fin de garantir o uso de este solos reciclados.

As normas legais nas que se debe encadrar esta instrución técnica de solos reciclados establecen as estratexias que hai que seguir e as pautas que han de ser tomadas como referencia en todo momento.

O marco legal engloba a lexislación correspondente aos ámbitos de residuos, augas, impacto ambiental, solos, montes, aproveitamentos forestais, protección de flora e fauna, obra civil e normativa de tipo xeral, sendo máis numerosa a normativa referida aos residuos e augas.

A lexislación aplicable enumérase a continuación agrupada en diferentes categorías:

* Lexislación comunitaria.

-Estratexia comunitaria en materia de residuos, que se incorporou a través da Directiva 91/156/CEE. Foi revisada pola nova Estratexia Comunitaria para a Xestión de Residuos, aprobada o 24 de febreiro de 1997 polo Consello da Unión Europea. En consonancia con ela xorden programas e proxectos de valorización de residuos, entre os cales pretenden situarse os solos reciclados.

-Directiva 99/31/CEE do Consello, do 26 de abril, relativa á vertedura de residuos.

-Directiva 86/278/CE do Consello, do 12 de xuño de 1986, relativa á protección do ambiente e, en particular, dos solos, no emprego dos lodos de depuradora en agricultura. Estableceu os principios que deben presidir as regulacións nacionais sobre o emprego de lodos de agricultura, buscando o equilibrio entre o interese agrario e o ambiental.

-Regulamento (CE) 1774/2002, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

-Directiva 91/676/CE, do 12 de decembro de 1991, relativa á protección das augas contra a contaminación producida polos nitratos empregados na agricultura.

-Directiva 97/11/CE, do 3 de marzo, pola que se modifica a Directiva 85/337/CEE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio.

-Directiva 91/156/CEE, do 12 de decembro de 1991, que regula o aproveitamento dos estercos gandeiros en agricultura.

* Lexislación estatal.

-Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos. Ten por obxecto previr a produción de residuos, establecer o réxime xurídico da súa produción e xestión, fomentar, por esta orde, a súa redución, reciclado e outras formas de valorización, así como regular os solos contaminados, coa finalidade de protexer o medio e a saúde das persoas.

-Orde MAM/304/2002, do 8 de febreiro, pola que se publican as operacións de valorización e eliminación de residuos e a lista europea de residuos.

-Real decreto 1310/1990, do 29 de outubro, polo que se regula a utilización dos lodos de depuración no sector agrario.

-Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.

-Orde do 26 de outubro de 1993, sobre a utilización de lodos de depuración no sector agrario.

-Real decreto 261/1996, do 16 de febreiro, sobre protección das augas contra a contaminación producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias.

-Real decreto 324/2000, do 3 de marzo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das explotacións porcinas.

* Lexislación autonómica.

-Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

-Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

-Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

-Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

-Resolución do 12 de abril de 2000, sobre a declaración de zonas vulnerables na Comunidade Autónoma de Galicia.

Bases técnico-científicas da ITR.

O concepto de solo reciclado xurdiu como unha nova alternativa para a aplicación de residuos ao solo nunha dirección distinta das vías existentes ata o momento.

Así, para avanzar nesta dirección marcada, xurdiu a necesidade de realizar estudos para o desenvolvemento destas formulacións, e con iso, dos solos reciclados, deste modo proxectáronse as primeiras actividades neste ámbito.

A primeira experiencia en Galicia de emprego de residuos para a formulación de solos reciclados tivo comezo no ano 1999, coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para realizar o seguimento das diferentes especies plantadas e do solo. A consellería prestou a súa colaboración a través do Centro de Lourizán, dependente da propia Xunta. Por outra parte, esta experiencia piloto obtivo unha subvención por parte da Secretaría Xeral de I+D, dependente da Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia, que financiou o proxecto de investigación Formulación ecoeficiente de solos entre os anos 1999-2000.

A raíz desta experiencia, xurdiron unha serie de traballos de investigación na USC:

* Formulación Ecoeficiente de Solos. Departamento de Enxeñaría Química da USC.

* Estudos da fabricación ecoeficiente de solos artificiais como alternativa á valorización de residuos. Departamento de Enxeñaría Química da USC.

* Os solos artificiais como alternativa na rehabilitación de superficies mineiras. Departamento de Enxeñaría Química da USC.

* Proxecto piloto de recuperación de cimas erosionadas, mina Barquiña. Departamento de Enxeñaría Química da USC.

En función dos resultados obtidos das distintas experiencias, concluíuse que as formulacións de solos reciclados ensaiadas permitían un desenvolvemento normal e óptimo dos plantóns testados nas súas primeiras etapas de desenvolvemento, e que os lixiviados e solos non presentaban concentracións en metais pesados superiores aos límites máximos. Tamén se comprobou que diferentes formulacións de solo permitían igualmente o desenvolvemento de especies vexetais. Verificouse cales dos tipos de solos ensaiados presentaban maior fertilidade e que especies mostraban mellor adaptación ao emprego como substrato de solo reciclado.

Procedementos de actuación.

1. Materiais de partida.

Un solo reciclado pode ser formulado a partir de residuos de distinta natureza que deben ser combinados de modo que o solo reciclado resultante reúna as características apropiadas para actuar como substrato vexetal, de tal maneira que sexa posible a aplicación do mesmo á recuperación de terreos degradados.

Os residuos que se empregarán na elaboración do solo divídense en tres grandes grupos:

* Fracción inertes.

-Residuos de demolición e construción que fosen previamente tratados.

-Terras de escavación.

* Fracción biodegradable lenta.

-Biomasa arbustible leñosa.

* Fracción biodegradable rápida.

-Biomasa vexetal herbácea.

-Lodos con calidade que fose comprobada.

Para a elaboración de solos reciclados só serán aplicados os lodos clasificados como non tóxicos nin perigosos de acordo co Real decreto 952/1997, do 20 de xuño.

Segundo a lista europea de residuos (LER) que se recolle na Orde do MAM/304/2002, do 8 de febreiro, os residuos que se empregarán para a elaboración

de solos reciclados, que xa foron probados e clasificándose nas tres fraccións anteriores, son os seguintes:

* Fracción inertes.

01 Residuos da prospección, extracción de minas e canteiras e tratamentos físicos e químicos de minerais.

-0104 Residuos da transformación física e química de minerais metálicos.

010408 Residuos de grava e rochas trituradas distintos dos mencionados no código 010407.

010409 Residuos de areas e arxilas.

010413 Residuos do corte e serrado de pedra distintos dos mencionados no código 010407.

10 Residuos de procesos térmicos.

-1001 Residuos de centrais eléctricas e outras plantas de combustión (agás os do capítulo 19).

100103 Cinzas voantes de turba e de madeira (non tratada).

17 Residuos da construción e demolición (incluída a terra escavada de zonas contaminadas).

-1702 Madeira, vidro e plástico.

170201 Madeira.

-1705 Terra (incluída a escavada de zonas contaminadas), pedras e lodos de drenaxe.

170506 Lodos de drenaxe distintos dos especificados no código 170505.

-1709 Outros residuos de construción e demolición.

170904 Residuos mesturados de construción e demolición distintos dos especificados nos códigos: 170901, 170902 e 170903.

* Fracción biodegradable rápida.

02 Residuos da agricultura, horticultura, acuicultura, silvicultura, caza e pesca; residuos da preparación e elaboración de alimentos.

-0201 Residuos da agricultura, horticultura, acuicultura, silvicultura, caza e pesca.

020102 Residuos de tecidos animais ().

() Nota: seguindo o Regulamento (CE) 1774/2002.

020103 Residuos de tecidos vexetais.

020106 Feces de animais, ouriños e esterco (incluída palla podre) e efluentes recollidos selectivamente tratados fóra do lugar onde se xeran.

020107 Residuos da silvicultura.

-0202 Residuos da preparación e elaboración de carne, peixe e outros alimentos de orixe animal.

020204 Lodos do tratamento in situ de efluentes.

-0203 Residuos da preparación e elaboración de froitas, hortalizas, cereais, aceites comestibles, cacao, café, té e tabaco; produción de conservas; produción de fermento e extracto de fermento, preparación e fermentación de melazas.

020304 Materiais inadecuados para o consumo ou a elaboración.

020305 Lodos do tratamento in situ de efluentes.

-0205 Residuos da industria de produtos lácteos.

020502 Lodos do tratamento in situ de efluentes.

-0206 Residuos da industria de panadaría e pastelaría.

020601 Materiais inadecuados para o consumo ou a elaboración.

-0207 Residuos da produción de bebidas alcohólicas e non alcohólicas (agás té, café e cacao).

020705 Lodos do tratamento in situ de efluentes.

19 Residuos das instalacións para o tratamento de residuos das plantas externas de tratamento de augas residuais e da preparación de auga para consumo humano e de auga para uso industrial.

-1908 Residuos de plantas de tratamento de augas residuais non especificados noutra categoría.

190802 Residuos de desareado.

190805 Lodos do tratamento de augas residuais urbanas ().

() Nota: procedentes de procesos de dixestión anaerobia.

20 Residuos municipais (residuos domésticos e residuos asimilables procedentes dos comercios, industrias e institucións), incluídas as fraccións recollidas selectivamente.

-2002 Residuos de parques e xardíns.

200201 Residuos biodegradables.

-2003 Outros residuos municipais.

200304 Lodos de fosas sépticas.

* Fracción biodegradable lenta.

03 Residuos da transformación da madeira e da produción de taboleiros e mobles, pasta de papel, papel e cartón.

-0301 Residuos da transformación da madeira e da produción de taboleiros e mobles.

030105 Serraduras, labras, cortes, madeira, taboleiros de partículas e chapas distintos dos mencionados no código 030104.

20 Residuos municipais (residuos domésticos e residuos asimilables procedentes dos comercios, industrias e institucións), incluídas as fraccións recollidas selectivamente.

-2001 Fraccións recollidas selectivamente (agás as especificadas no subcapítulo 1501).

200138 Madeira distinta da especificada no código 200137.

2. Condicións que deben cumprir os residuos para ser empregados na elaboración de solos reciclados.

Inicialmente procederase á identificación, análise e control dos residuos dispoñibles para a preparación do solo reciclado.

Todos os residuos que se incorporen ao solo deben cumprir co Real decreto 1310/1990, do 29 de outubro, polo que se regula a utilización dos lodos de depuración no sector agrario, cos valores límite de concentración que se establecen no anexo IB que aparecen reflectidos na páxina seguinte.

En ningún caso se empregarán residuos con características físico-químicas que superen os límites establecidos pola normativa en vigor para o uso agro-forestal.

Debido á gran variabilidade que presentan cada un dos diferentes residuos, para a súa utilización na fabricación de solo reciclado, deberase comprobar a súa calidade.

En canto aos lodos que se empreguen, debe comprobarse a súa calidade superando os protocolos de admisión para o seu uso. Os lodos deberán someterse aos análises dos parámetros físico-químicos que aparecen reflectidos na lexislación vixente (Real decreto 1310/1990): pH, nitróxeno, fósforo, materia seca, materia orgánica e metais pesados: cadmio, cromo, cobalto, cobre, níquel, chumbo, zinc, mercurio.

Dentro dos lodos que poden formar parte da elaboración do solo reciclado, encontrámonos cos seguintes tipos:

* Lodos de EDAR (orixe urbana).

* Lodos de EDARI (orixe industrial).

* Lodos de orixe mixta.

* Lodos de orixe agrogandeira.

Os lodos deberán cumprir, como se indicou con anterioridade, cos valores límites establecidos no Real decreto 1310/1990, con valores que son os seguintes:

ParámetrosSolos con pH'7Solos con pH)7

Cadmio2040

Cobre1.0001.750

Níquel300400

Chumbo7501.200

Zinc2.5004.000

Mercurio1625

Cromo1.0001.500

Táboa 1: valor límite de concentración de metais pesados nos lodos destinados á súa utilización agraria (mg/kg de materia seca).

Empregaranse os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais que apliquen un tratamento de depuración físico-químico. Tamén poderán empregarse lodos de depuradoras biolóxicas sempre que foran sometidos a tratamentos de pasteurización.

No caso dos lodos agrogandeiros, someteranse a un proceso de dixestión anaeróbica para a súa maduración e estabilización en balsas impermeabilizadas cubertas, durante polo menos seis meses, con isto conséguese diminuír a fracción líquida do lodo, acelerar a súa fermentación e destruír a actividade microbiana.

* No caso da biomasa vexetal herbácea, non se somete a ningún tipo de tratamento. A biomasa arbustible leñosa terá que ser sometida a un proceso de trituración antes da súa aplicación.

* En canto aos residuos de construción e demolición (RCD), empregaranse exclusivamente fraccións non perigosas. Cada 400 toneladas realizarase unha análise da composición de RCD. A granulometría adecuada estará entre 50 lm e os 2 mm ou ben con diámetros de partícula superiores aos 2 mm pero menores de 40 mm.

3. Condicións que debe cumprir o solo reciclado.

É necesario realizar unha correcta formulación do solo reciclado, é dicir, incorporar os tipos de residuos e cantidades axeitadas de cada un para proporcionar ao solo unha composición e características que o convertan en fértil para o desenvolvemento da vexetación.

Para constituír un solo reciclado, haberá que incorporar os residuos de tal natureza e en tales proporcións que se dote o solo reciclado destas fraccións equivalentes ás do solo natural.

O solo reciclado debe ter unha proporción aproximada de residuos seguinte:

* 50% de residuos inertes.

* 10% de materia orgánica (5% de residuos biodegradables rápidos-5% de residuos biodegradables lentos), en base seca.

* O 40% restante corresponde a:

-A humidade dos residuos empregados (auga).

-Achegas de nutrientes minerais.

-Correctores.

Hai que considerar que na formulación dun solo, por combinación dos residuos empregados como materias primas para a fabricación do mesmo, debe resultar un material sólido, o solo reciclado, que para que posúa as condicións buscadas de fertilidade, debe estar caracterizado por concentracións dos distintos elementos en valores equivalentes aos indicados na táboa 2, relativos a un solo natural fértil.

Unha excepción ao indicado constitúena as porcentaxes de elementos principais como o nitróxeno, fósforo

ou potasio, que no solo reciclado presentaranse en valores o máis elevados posibles dentro dos rangos recollidos na táboa 2, xa que se pretende potenciar así a súa fertilidade.

Desta maneira tratarase de combinar os distintos materiais residuais en proporcións adecuadas tales que leven a obter un solo reciclado que presente valores de composición análogos aos da táboa 2, o cal estará determinado pola caracterización de cada material residual empregado como materia prima para fabricación de solo reciclado.

Os valores habituais dos diferentes elementos dun solo fértil e que deben cumprir os solos reciclados que se fabriquen son:

Elementos principaisValores (%)Elementos menoresValores (ppm)

Nitróxeno0,1-1,8%Boro60-360 ppm

Fósforo (PO)0,1-1,7%Ferro8.000-15.000 ppm

Potasio (KO)0,1-2,3%Manganeso300-1.300 ppm

Xofre (S)0,5-3%Molibdeno10 ppm

Calcio (CaO)1-20%

Sales totais (KCl)0,5-2%

Táboa 2: elementos constituíntes dun solo natural fértil (Sánchez Rodríguez, 1986).

A formulación do solo reciclado ten que ser realizada de tal maneira que este se manteña nos valores adecuados e equivalentes aos dun solo natural fértil. A mestura dos diferentes materiais residuais debe proporcionar que a concentración dos anteriores elementos se atopen no intervalo sinalado. Hai que sinalar que convirá que as concentracións de nitróxeno, fósforo e potasio, que son os elementos de maior influencia teñen na fertilidade do solo, sexan o máis elevadas posibles, dentro das marxes.

En determinadas condicións sucede que ao realizar a mestura dos distintos residuos que constitúen as diferentes fraccións de solo reciclado, resultan solos ácidos, e que esta acidez debe ser corrixida mediante a adición de maiores proporcións dos residuos ricos en calcio. Deben buscarse formulacións que conduzan a solos reciclados con valores de pH próximos á neutralidade.

En canto á textura do solo reciclado, esta debe ser similar ás dos solos naturais que presentan mellores características de fertilidade. A textura terá grande influencia sobre numerosos aspectos e propiedades importantes do solo como son: asimilabilidade dos elementos do solo polas plantas, capacidade de retención de auga do solo, dispoñibilidade de nutrientes, erosionabilidade, etc. A presenza de maior proporción de elementos grosos dificultará a penetrabilidade das raíces.

A textura que ten que proporcionarse ao solo reciclado será aquela que se asemelle o máis posible á dos solos naturais fértiles, sendo por tanto as texturas máis adecuadas as correspondentes a solos de textura franco ou franco-limosa, que se caracterizan por presentar unha porosidade da orde do 65%, cunha mes

tura de area, limo e arxila equilibrada, para reter as cantidades necesarias de auga e nutrientes, ademais de permitir unha boa aireación.

Outro factor que hai que considerar o realizar a formulación dun solo reciclado é a normativa ou lexislación que hai que cumprir. Non existe unha normativa específica para os solos reciclados na súa aplicación forestal ou agrícola. Por iso, se considera de aplicación o Real decreto 1310/1990, no que se determinan as limitacións a ter en conta ao formular o solo reciclado en canto o seu contido en metais pesados. Neste recóllese que os solos non excederán, en canto ao contido en metais pesados, dos valores límite expresados na táboa 3, que se corresponde co anexo IA.

ParámetrosSolos con pH'7Solos con pH)7

Cadmio13

Cobre50210

Níquel30112

Chumbo50300

Zinc150450

Mercurio11,5

Cromo100150

Táboa 3: valor límite de concentración de metais pesados nos solos (mg/kg de materia seca).

Debe por tanto terse a precaución ao formular un solo reciclado de que se minimicen os riscos derivados do uso dos residuos. Algúns dos axentes que inducen a maiores problemas de contaminación, ademais dos metais pesados, son a presenza de substancias tóxicas, o exceso de nutrientes ou deficiencia ou demanda deles, a salinidade, ou a existencia de microorganismos patóxenos, entre outros riscos.

Así, debe evitarse que ao formular o solo este poida conter algún tipo de composto tóxico, e garantir tamén que os valores da relación C/N do solo sexan apropiados.

Con referencia á posibilidade de que o solo reciclado elaborado produza olores, se este solo está estabilizado e a relación C/N é correcta, entre o intervalo de valores 15-25, non debería presentar problemas neste aspecto, polo que en ningún caso se aplicará no terreo solo reciclado que poida producir olor unha vez que terminen as operacións de elaboración e antes de levalo ao terreno no que se vaia aplicar.

Resulta tamén imprescindible o control da existencia de patóxenos. Cando se incorporen ao solo reciclado elementos residuais que poidan conter elementos patóxenos, tales como lodos de estacións depuradoras de augas residuais de determinadas procedencias, é necesario sometelos previamente a procesos de tratamento que aseguren a súa destrución. Por iso resulta importante realizar procesos de acondicionamento que permitan controlar e eliminar este risco.

4. Operacións de elaboración do solo reciclado.

Unha vez completada a formulación do solo reciclado, coñecidos os materiais residuais que van ser

empregados como materias primas para a súa fabricación e realizadas xa as analíticas correspondentes de cada tipo de residuos, procédese xa ás accións destinadas á fabricación de solo reciclado.

Ao determinarse xa a formulación para o solo reciclado que hai que fabricar, pódese calcular, en función da superficie de terreo degradado a recuperar mediante a aplicación de solo reciclado, a cantidade deste solo que será necesaria para a rexeneración de tal terreo en particular, e en función da formulación de solo reciclado buscada, poderá determinarse a cantidade de cada tipo de residuo que será necesario incorporar.

Coñecidas pois as cantidades de cada residuo necesarias para a fabricación do volume de solo reciclado pretendido, procédese ao transporte de cada un destes residuos nas cantidades apropiadas determinadas desde o seu lugar de produción ata o lugar da fabricación do solo.

A fabricación do solo reciclado completarase coa mestura dos distintos tipos de residuos empregados como materias primas nas cantidades determinadas como necesarias segundo a formulación do solo reciclado.

O tempo de amoreamento dos residuos deberá ser o menor posible, excepto o dos lodos, que non deben ser amoreados. Se por algunha causa, se tivesen que almacenar os lodos, estes deben cumprir unhas condicións para o seu almacenamento que dependerán do % de materia seca do lodo, e as súas condicións son as seguintes:

Tipo de lodoAlmacenamento

Lodos 4'%ms'10Depósitos impermeables

Lodos 10'%ms'15Depósitos impermeables

Lodos 15'%ms'20Depósitos impermeables

Montóns no campo

Lodos 20'%ms'30Depósitos impermeables

Montóns no campo

Lodos 30'%ms'40Montóns no campo

Lodos 40'%ms'40Montóns no campo

Táboa 4: condicións para o almacenamento de lodos.

O tempo máximo de acumulación nunca deberá ser superior a seis meses.

En canto aos lodos, o desexable para a aplicación á elaboración de solos reciclados é que o contido en humidade sexa o máis baixo posible.

Os diferentes materiais estenderanse sucesivamente por capas, humedecéndoas se é preciso para evitar a produción de po, sobre unha superficie habilitada para tal efecto. A primeira capa que se colocará será a de RCD e a última corresponderá ao lodo. É conveniente alterar o máis posible as capas para mellorar a mestura final, polo que a mestura dos residuos voltearase 2 ou 3 veces, de maneira que se obteña unha distribución o máis uniforme posible.

A maduración dos residuos efectuarase preferentemente no lugar onde se vaia aplicar o solo reciclado

fabricado, pois no solo desenvolveranse os microorganismos propios do solo natural do lugar e polo tanto a adaptación do solo reciclado ás condicións do contorno é máis rápida. O tempo mínimo de maduración do solo elaborado será dun mes.

No suposto de que non se realice a maduración do solo onde se vai aplicar e se realice esta no lugar de elaboración do solo, deberase contar coa superficie habilitada para tal efecto. A maduración do solo reciclado deberá realizarse nun solo cuberto por unha lámina impermeabilizada sobre a cal se realizará a dita maduración ou sobre unha superficie xeolóxica de permeabilidade K=10 m/s. A superficie deberá ter unha pequena inclinación para a recollida de lixiviados.

Durante esta etapa de maduración realizarase un control sobre os posibles lixiviados producidos polo solo, para determinar a súa composición. Así mesmo, someterase ao propio solo ás análises ás que foron sometidos os distintos residuos que o forman. Sobre os lixiviados que poden xerar os solos ao madurar, deben realizarse, polo menos, os seguintes controis:

-Unha primeira análise ao día seguinte de realizar a mestura de todos os materiais.

-Unha segunda análise durante a maduración, ás dúas semanas da mestura.

-Unha terceira análise ao terminar a maduración, dúas semanas despois da anterior.

-Unha análise previa á aplicación (coincidente coa anterior nalgúns casos).

As análises realizaranse tomando como referencia as normas específicas recollidas na correspondente ao uso de lodos en actividades agrícolas.

Calquera anomalía que se detecte durante esta fase, tanto no propio solo, como nos lixiviados, en concreto, a superación dalgún dos límites establecidos na normativa de referencia, orixinará o rexeitamento de toda a partida correspondente.

A normativa de referencia será a Directiva 86/278/CE, de protección do ambiente e, en particular, da utilización dos solos no emprego de lodos de depuradora. Nesta directiva establécense os límites para aplicar nos solos de metais pesados, tales como cadmio, cobre, níquel, chumbo, zinc, mercurio e cromo. Ademais destes metais, nos lodos, e antes da súa aplicación, deben analizarse os seguintes parámetros: materia seca, materia orgánica, pH, nitróxeno e fósforo.

Antes de proceder á colocación do solo reciclado sobre o terreo degradado, é necesario acondicionalo para que a aplicación do solo teña os resultados beneficiosos que se pretenden acadar. Realizarase un estudo da zona que se vai recuperar, que incluirá os antecedentes da zona, a análise do solo e análise do contorno.

Unha vez acondicionada a superficie que se vai recuperar, procederase á colocación do solo elaborado sobre o terreo. O solo reciclado debe ser aplicado sobre o substrato orixinal de maneira que se coloque

unha capa de solo reciclado non inferior a uns 30 cm de espesor.

Tras o proceso de colocación do solo reciclado sobre a superficie que se vai recuperar, o seguinte paso é a maduración do mesmo, previo á posterior plantación.

Unha vez realizada a selección e o estudo do lugar de aplicación, elaborarase un proxecto de reforestación e as accións necesarias para o seguimento das especies vexetais plantadas, co fin de comprobar a súa adaptación ao solo reciclado e a súa evolución co tempo.

5. Protocolo de validación.

A) Lodos segundo a súa orixe.

* Análise do lodo.

O lodo deberá someterse ás análises dos parámetros físico-químicos que aparecen reflectidos na lexislación vixente:

PH, nitróxeno, fósforo, materia seca, materia orgánica e metais pesados.

Como se expuso anteriormente, os lodos non superarán os límites en canto a metais pesados da lexislación vixente, Real decreto 1310/1990, do 29 de outubro, polo que se regula a utilización dos lodos de depuración no sector agrario:

ParámetrosSolos con pH'7Solos con pH)7

Cadmio2040

Cobre1.0001.750

Níquel300400

Chumbo7501.200

Zinc2.5004.000

Mercurio1625

Cromo1.0001.500

Táboa 5: valor límite de concentración de metais pesados nos lodos destinados á súa utilización agraria (mg/kg de materia seca).

Ademais de realizar as anteriores análises, segundo a orixe do lodo, analizaranse tamén os seguintes parámetros:

1. Orixe agrogandeiro.

* Microbiolóxica: reconto total ufc/mL. Especialmente: Escherichia coli, Salmonella spp, Strettococcus fecalis, Clostridium e sulfato redutores, pseudomonas e fungos (Candida spp).

2. Orixe EDAR urbano.

* Screening orgánicos: PCA (policíclicos aromáticos), hidrocarburos, fenois, deterxentes.

3. Orixe mixta.

* Screening orgánicos: PCA (policíclicos aromáticos), hidrocarburos, fenois, deterxentes.

* Aceites e graxas hidrocarburos.

* Ecotoxicidade.

4. Orixe industrial.

* Nalgúns casos poderá ser necesario incluír compostos específicos e/ou xenotoxicidade.

B) Solo reciclado resultante.

* Análise de lixiviados.

Análises correspondentes dos lixiviados producidos e recollidos mediante un sistema de recollida apropiado. Deste modo debe verificarse que non presentan cantidades excesivas de metais pesados ou compoñentes perigosos ou tóxicos. A periocidade recomendada para os ensaios analíticos de composición de lixiviados adoita levarse a cabo durante os períodos pluviométricos de maior intensidade, que corresponden a outono e primavera.

* Análise de ecotoxicidade.

En maior medida debido á utilización de lodos na fabricación de solos reciclados. Con frecuencia os axentes biolóxicos son os que posúen un maior risco para a saúde das persoas. Realizarase o control patoxénico, incluíndo víricos, bacteriolóxicos e antimicrobianos. Como resultado, para que calquera lodo sexa seguro, precísase a eliminación ou polo menos unha inactivación suficiente, destes axentes patóxenos. En caso contrario, debe garantirse que o solo sobre o que se deposite o lodo sexa capaz de reter estes microorganismos.

* Análises periódicas da composición do solo.

Esta é unha acción imprescindible para realizar co fin de comprobar a evolución da composición do solo. As análises do solo reciclado deben efectuarse incluso antes da plantación, unha vez comezada a maduración do solo. Establécese como imprescindible a análise de composición do solo reciclado para aplicar nun terreo degradado no momento da súa aplicación. Posteriormente estas analíticas deben seguir efectuándose unha vez ao ano.

Os parámetros que se analizarán son:

pH, nitróxeno orgánico total, fósforo, potasio, carbono orgánico total, calcio, xofre e metais pesados.

Como se indicou anteriormente, o solo elaborado non excederá os valores límite de concentración de metais pesados en solos (mg/kg de materia seca) segundo o establecido no anexo IA do Real decreto 1310/1990.

ParámetrosSolos con pH'7Solos con pH)7

Cadmio13

Cobre50210

Níquel30112

Chumbo50300

Zinc150450

Mercurio11,5

Cromo100150

Táboa 6: valor límite de concentración de metais pesados nos solos (mg/kg de materia seca).

Se o solo reciclado se aplica en grandes superficies de terreo, recoméndase que se realice un control

de augas subterráneas e que se analicen os seguintes parámetros:

Metais, fósforo total, nitróxeno total, nitratos e nitritos.

6. Posible inclusión doutros residuos.

A lista de residuos exposta anteriormente mostra aqueles residuos que xa foron probados na fabricación do solo, pero esta lista queda aberta a posibles residuos que cumpran cos tests de validación e poidan ser incorporados ao solo despois de cumprir as garantías de uso do protocolo de admisión. Para que novos residuos sexan aptos para o seu emprego na fabricación de solos reciclados, deben ser sometidos a ensaios experimentais, realizaranse as análises correspondentes ao solo fabricado e unha vez realizada a plantación das especies.

7. Usos do solo reciclado.

O obxectivo desta nova vía de valorización de residuos é o emprego dos solos reciclados na recuperación de zonas degradadas e/ou non válidas para o desenvolvemento de actividades forestais.

O uso de solos reciclados, ademais de ter uns claros beneficios sobre o lugar de actuación, tamén teñen outros ligados ás características especiais do mesmo.

Con respecto aos lugares de actuación, serían:

-Recuperación de zonas degradadas por distintos motivos, ben sexa pola actividade mineira ou por outras actividades que esgoten a fertilidade do solo.

-O uso de solos reciclados en cimas erosionadas.

-Evitar os procesos de erosión que tenden a provocar desertización, mediante a fixación do solo por utilización de solo renovable.

-Recuperación de espazos degradados que se atopan inutilizados para calquera fin.

-Recuperación de superficies danadas ou erosionadas, cun perfil edáfico mínimo.

-Reforestación de zonas en principio non aptas para iso, contribuíndo ao incremento da produción madeireira.

-Creación da cuberta vexetal no selado de vertedoiros.

-Contorno das obras de estradas. Vías de comunicación e o seu contorno.

-Recuperación de solos afectados por incendios forestais.

Esta instrución técnica ten o carácter de documento de referencia técnica para a axeitada elaboración de solos reciclados a partir de residuos obxecto do seu contido non tendo carácter normativo, e estando en todo caso supeditada ao que prevexan as normas que se diten nesta materia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2005.

José Manuel Álvarez-Campana Gallo

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental