DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 20 de xullo de 2005 Páx. 12.966

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE PONTEVEDRA

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan parcial do sector B-3 do Plan Xeral de Ordenación Urbana en Campolongo, con resolución das alegacións formuladas durante o trámite de información pública.

O Pleno da Corporación, na sesión que tivo lugar o 20-5-2005, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro.-Resolver o proceso de información pública deste Plan parcial no senso de estimar a alegación formulada pola AA.VV. Estrigueiras Campolongo referente a que se garanta a profundidade e pendente necesarias na vía nº 15 para poder facer as acometidas dunha nova rede de sumidoiros do resto da rúa das Estrigueiras, de xeito que a urbanización desa rúa proxectada en contacto coa existente, conteña as arquetas precisas para a conexión das redes de saneamento pluviais e fecais actuais e as novas que se realicen, así como que os ramais destas redes que parten destas arquetas ata a súa conexión coa da cidade na rúa Rosalía de Castro se dimensionen adecuadamente para o caudal proveniente da propia urbanización e da rúa das Estrigueiras no seu tramo norte, desde o sector ata a praza de Campolongo, de tal modo que o proxecto ou proxectos de urbanización que se redacten e executen coa finalidade de realizar os servizos e dotacións de planeamento terán que desenvolver e prever todas estas

determinacións; así mesmo, estímase a alegación de Tico, S.A. referente a aumentar en dúas vivendas por polígono o número previsto das de protección pública sen que se produza incremento da superficie nin da edificabilidade. No que atinxe ás alegacións de María Sindita Camiña Garrido, Elena Llovo Taboada e Andrés Campos García en interese de Grupo Dosean, S.L., referentes ás superficies por eles alegadas dos predios da súa propiedade -máis sen achegar documento ningún- faise constar e os datos respectivos do Plan parcial están extraídos do catastro polo que considerándose, súa condición de interesados neste procedemento de ordenación ou de planeamento, o contido destas alegacións sobre tal cuestión será tido en consideración nos procedementos de xestión urbanística que se incoen, se é o caso, referentes aos polígonos en que se divida o sector, procedementos estes onde as alegacións versarán sobre aquelas que aos seus dereitos conveñan, como o efectivo cómputo das superficies dos

terreos, os títulos de propiedade que posúan e declaración das situacións xurídicas que afecten aos predios, prevalecendo mesmo a realidade física nos expedientes de reparcelación e neste mesmo senso debe resolverse a alegación subscrita por Estanislada Vázquez González, Mª del Pilar Pérez Isabel e José Luis Pereiro Alonso no seu nome e no dos seus irmáns Óscar, Manuel Ángel e María Rosa Pereiro Alonso, á cal certamente achegan copias de planos taquimétricos e de diversos documentos públicos a que se atenderá na xestión urbanística

polos instrumentos urbanísticos procedentes baixo as circunstancias indicadas. No que atinxe ao contido das restantes alegacións ou reclamacións formuladas por María Sindita Camiña Garrido, Elena Llovo Taboada, Andrés Campos García en interese de Grupo Dosean, S.L., Estanislada Vázquez González, José Manuel Camino Lastra e a AA.VV. Estrigueiras Campolongo, desestímanse estas por canto de conformidade cos informes emitidos polo Servizo Municipal de Planeamento e Xestión Urbanística, recollidos nos antecedentes de feito deste acto administrativo e que serven de motivación a este, nos termos do artigo 89.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, así como as motivacións xurídicas a este, consonte a normativa de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do solo e ordenación urbana, de ningún modo se incorreu en caducidade neste procedemento do Plan parcial que se basea na normativa de aplicación que lle é propia e que non vulnera disposición ou

determinación da normativa de ordenación territorial ou urbanística en vigor nin do planeamento de ordenación integral deste termo municipal, contendo as determinacións propias de tal categoría de instrumentos urbanísticos de ordenación.

Segundo.-Prestar aprobación definitiva ao Plan parcial do sector B-3/Campolongo do vixente Plan Xeral de Ordenación Urbana, formulado, mediante iniciativa particular, por Tico, S.A. que contén, entre outras determinacións, a delimitación de dous polígonos, e que foi redactado polo equipo técnico integrado polos arquitectos Ángel Cid Carballo, José Jorge Santos Ogando e don José Antonio Parga García, con visado da Delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia do 8-4-2005.

Terceiro.-Notificar este acto administrativo a todos os interesados no procedemento con ofrecemento do réxime de recursos procedente e comunicalo ás entidades interesadas, Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento e Autopistas del Atlántico Concesionaria Española, S.A. con traslado á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia dunha copia autenticada do expediente administrativo completo e dous exemplares do Plan parcial aprobado definitivamente, debidamente dilixenciados, dispoñéndose a publicación deste acordo, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia facendo constar a remisión da documentación á consellería e publicar as normas e ordenanzas do Plan parcial no BOP para lograr a súa eficacia e executividade, de acordo co establecido nos artigos 92 da Lei 9/2002, do 30 de

decembro e 70.2º e 65.2º da Lei 7/1998, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Cuarto.-Incorporar ao Plan parcial como de obrigado cumprimento a decisión do 3 de xuño de 2004 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, pola

que, ao abeiro da vixente normativa de avaliación ambiental, terán que cumprirse na súa execución e na daqueles proxectos de obras que teñan por finalidade executar os servizos e as dotacións establecidas no planeamento, as medidas de aplicación que figuran no anexo da decisión. Así mesmo, incorpóranse como de obrigado cumprimento as disposicións da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento e da súa concesionaria Autopistas del Atlántico, S.A., ás cales prestou a súa conformidade a inspección do ministerio, facéndose constar que terá que solicitarse autorización para a reparación ou asfaltado da vía afecta ao dominio público que parte da rúa Rosalía de Castro, con ocasión dos procedementos e actuacións da execución das obras de urbanización do polígono ou polígonos en que se desenvolva o PP, o que se acreditará ante este concello. Sen prexuízo de que se interese a desafectación dos 8 m da zona de dominio público da autoestrada, onde o trazado discorre en

viaducto, será preciso autorización, en todo caso, para completar sobre eles a execución da vía prevista se se considerase a concorrencia do interese xeral a que se refire o artigo 21.3º da Lei estatal de estradas e 76 do seu regulamento. Finalmente lémbrase que a distancia de 50 metros da liña de edificación será inescusablemente respectada por calquera tipo de obra de construción, sen prexuízo de que no resto da parcela exterior á liña de edificación se poida materializar a edificación.

Quinto.-Comunicar a Tico, S.A. que deberán prestarse as garantías do exacto cumprimento dos deberes de execución do Plan parcial, por importe do 20% do custo estimado para a implantación dos servizos e a execución das obras de urbanización e de conexión cos sistemas xerais existentes, así como, se é o caso, as obras de ampliación e reforzo necesarias. Estas garantías constituiranse mediante calquera dos mecanismos previstos na lexislación de contratos das administracións públicas, deberán prestarse no prazo máximo de tres meses desde a aprobación definitiva do proxecto de urbanización e hanse cancelar, por petición dos interesados, unha vez recibida a urbanización nos termos establecidos polo artigo 110.5º da Lei 9/2002. Así mesmo, comunicase á promotora que consonte os informes do Servizo Municipal de Infraestruturas e empresas subministradoras de servizos o posterior Proxecto de Urbanización definirá con detalle a situación dos hidrantes contra incendios, de xeito que a distancia

entre eles non supere en ningún caso os 50 metros e todos os elementos da iluminación pública, tendo que recoller ese documento as condicións impostas nos informes emitidos, e que consonte os compromisos adquiridos por Tico, S.A. no proxecto de urbanización do polígono B-3-1 incluiríanse as obras de mellora da urbanización da vía existente entre este a rúa Rosalía de Castro, en zona exterior ao sector.

Sexto.-Remitir o expediente ao Servizo de Xestión Tributaria para a liquidación das taxas oportunas segundo a normativa e as ordenanzas fiscais de apli

cación, tendo ingresado a promotora o 24-2-1999, a cantidade de 35.000 pesetas pola tramitación do Plan parcial».

Faise constar expresamente que se remitiu a documentación a que se refire o artigo 92.3º da Lei 9/2002, á CPTOPV, tendo entrada nese organismo en data 20-6-2005.

O que se fai público para a súa executividade, significándose que contra este acto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer directamente por quen se consideran lexitimados o recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación do texto íntegro da disposición impugnada, consonte o establecido nos artigos 10.1º 6 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, regulamentadora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que os interesados consideren procedente de acordo co dereito, significándolle que o artigo 107.3º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, de modificación da anterior, non admite a interposición de recursos en vía administrativa contra as disposicións administrativas de carácter xeral.

Pontevedra, 20 de xuño de 2005.

P.D.

Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo

Tenente alcalde delegado da Área de Urbanismo

Julio Dapena Outomuro

Secretario xeral