Visto o texto do convenio colectivo da empresa Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa), para o persoal adscrito ao servizo de limpeza dos colexios públicos de Vigo, con nº de código 3604022 que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 7-7-2005, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, o 4-7-2005. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,
ACORDA:
Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.
Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.
Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Vigo, 2 de agosto de 2005.
Joaquín Macías Sánchez
Delegado provincial de Pontevedra
Convenio colectivo para o persoal de limpeza dos colexios e escolas públicas municipais do Concello de Vigo
Capítulo I
Ámbito de aplicación e duración
Artigo lº.-Ámbito de aplicación.
Este convenio aplicarase a todos os traballadores/as adscritos ao servizo de limpeza dos colexios públicos do Concello de Vigo, que a empresa Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa), actual adxudicataria, ou a empresa que a poida substituír, ten concertado co Concello de Vigo.
Artigo 2º.-Ámbito persoal.
Atópanse incluídos neste convenio, en canto ao ámbito de aplicación todos/as os/as traballadores/as contratados/as para traballar nos colexios públicos, quedando excluídos/as todos/as aqueles/as traballadores/as que prestando servizo na mesma empresa adxudicataria non sexan persoal dos colexios e escolas públicas do Concello de Vigo.
Artigo 3º.-Ámbito funcional.
Este convenio regulará as condicións de traballo en todas as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que desenvolvan a actividade de limpeza e hixienización dos colexios e escolas públicas, así como todos os elementos estruturais e mobiliarios que os compoñen, así como calquera outra actividade que fundamentalmente consista na súa limpeza.
Artigo 4º.-Duración e vixencia.
Este convenio terá unha duración tres anos, contados desde o 1 de xaneiro de 2005 ao 31 de decembro do ano 2007. Entrará en vigor aos 10 días da súa sinatura, ben que os seus efectos económicos pactados terán efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2005 en todos os conceptos.
Entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais sempre que calquera das partes non o denuncie cando menos con tres meses de antelación ao seu vencemento ou de calquera de súas prorrogas. No caso de non chegar a unha negociación despois de realizada a denuncia, o texto do convenio quedará prorrogado, non así os conceptos salariais que aumentarán de acordo coa subida do IPC real.
Capítulo II
Xornada, vacacións, horas extras, licenzas
Artigo 5º.-Xornada laboral.
A xornada laboral será para o ano 2005 de 39 horas á semana, para o ano 2006 de 36 horas e media e para o ano 2007 de 35 horas semanais de traballo efectivo no suposto de que os/as traballadores/as tivesen xornada laboral completa desenvolta de maneira continuada. Establécese un descanso de 20 minutos que se computarán como tempo traballado efectivo.
Os/as traballadores/as disporán de tres días de descanso ao ano, o 24 e o 31 de decembro e o Sábado Santo, tendo en conta que estes días nos colexios non son laborables terán dereito ao seu aproveitamento noutra época do ano estando de acordo a empresa e os traballadores.
Cando se amplíe a xornada nun centro de traballo, ou se xubile calquera traballador/a, terán preferencia para o incremento da xornada laboral, os/as traballadores/as que presten servizos no dito centro, sempre que non existan razóns produtivas ou organizativas que o impidan.
O dito incremento afectará na mesma proporción ao persoal fixo ou eventual; o único requisito será ter catro meses de antigüidade no centro de traballo e non ter xornada completa, computando como tal a xornada que puidese desenvolver con diferentes empresas en distintos centros de traballo.
O incremento salarial que supoña o aumento de xornada, non afectará ao importe do complemento de antigüidade que o/a traballador/a viñese percibindo.
Artigo 6º.-Vacacións.
O persoal afectado por este convenio terá dereito a 2,5 días de vacacións retribuídas por mes traballado de prestación de servizo, que aproveitará ao longo do curso escolar. O inicio das vacacións terá lugar en día laborable. En calquera caso os traballadores afectados por este convenio gozarán as vacacións, preferentemente, en períodos non lectivos, negociadas para cada curso coa representación dos/as traballadores/as.
Así mesmo, o traballador/a pluriempregado/a coordinará as súas vacacións nas ditas empresas para gozalas de forma conxunta, tomando como dato base a empresa onde traballa maior número de horas semanais.
O seu aboamento farase en función do salario base do convenio, antigüidade, complemento de asistencia, complemento de transporte e complemento de nocturnidade e calquera outro complemento consolidado que o traballador estivese cobrando.
Os traballadores/as que non poidan gozar das vacacións por atoparse xa con anterioridade ao período de vacacións en situación de IT, terán dereito ao seu aproveitamento sempre que causen alta antes de rematar o ano natural en curso.
O empresario saínte dunha contrata adxudicada a outra empresa estará obrigado a liquidar a parte proporcional que lles corresponda aos/ás traballadores/as no concepto de vacacións.
Artigo 7º.-Horas extraordinarias.
Durante a vixencia deste convenio non se farán horas extraordinarias, non obstante poderán facerse horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estrutural.
O persoal de limpeza dos colexios non traballará os domingos e festivos, salvo causas excepcionais de forza maior (eleccións, desastres naturais, etc).
O aboamento das horas pagarase nas seguintes contías.
Ano 2005:
Hora extra: 5,89 euros.
Hora o domingo e festivo: 6,91 euros.
Ano 2006:
Hora extra: 6,90 euros.
Hora o domingo e festivo: 8,10 euros.
Ano 2007:
Incremento igual ao do salario, incluíndo o incremento que supoña a redución de xornada.
Artigo 8º.-Licenzas.
Logo da solicitude dos traballadores/as afectados considerarase licenza retribuída polo tempo e nos casos seguintes:
a) Matrimonio ou unión de feito do traballador/a: 15 días naturais.
b) Matrimonio de pais, pais políticos, fillos así como parentes que convivan co traballador/a: 1 día natural.
c) Parto de esposa: 5 días laborables.
d) Parto de filla ou filla política: 1 día natural.
e) Pasamento ou enfermidade grave, accidente e hospitalización:
-Do cónxuxe ou compañeiro/a: 5 días naturais.
-Pais ou pais políticos: 3 días naturais.
-Fillos/as: 5 días naturais.
-Irmáns, netos e parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais.
Se entre o traballador/a e os parentes anteriormente detallados houbese convivencia, a licenza sería de 5 días naturais. O mesmo ocorrería se o pasamento, accidente e hospitalización ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producise fóra da localidade.
Para os supostos de pasamento, o traballador ou traballadora poderá optar entre o inicio da licenza, ben na data do enterro, ben na data do falecemento.
f) Pasamento de tío/a: l día natural.
Para os supostos de pasamento, o traballador ou traballadora poderá optar entre o inicio da licenza ben na data do enterro ben na data do falecemento.
g) Pasamento dun sobriño/a: 1 día natural, podendo gozalo o día do pasamento.
Se entre o traballador/a e os parentes anteriormente detallados houbese convivencia, a licenza sería de 2 días naturais.
h) Traslado de domicilio: 2 días laborables.
i) Divorcio: 2 días naturais.
k) Os/as traballadores/as que cursen con regularidade estudos para a obtención dun título oficial académico ou profesional, terán dereito a un permiso retribuído de ata seis días ao ano para concorrer a exames, logo da comunicación do traballador/a á dirección da empresa con quince días de antelación e xustificación correspondente.
l) As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha redución da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá gozalo indistintamente a nai ou o pai no caso de que ambos traballen. A concreción horaria e a determinación do período de aproveitamento do permiso da lactación e da redución de xornada corresponderalle ao traballador/a, dentro da súa xornada ordinaria. O/a traballador/a deberá avisar ao empresario con 15 días de antelación a data en que se reincorporará a súa xornada ordinaria.
As discrepancias xurdidas entre o empresario e o/a traballador/a sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos de aproveitamento previstos serán resoltos pola xurisdición competente a través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.
Quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de 6 anos ou minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desenvolva unha actividade retribuída, terá dereito a unha redución da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos un terzo e un máximo da metade da duración daquela.
Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e non desenvolva actividade retribuída.
A redución de xornada prevista neste punto constitúe un dereito individual dos/as traballadores/as, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.
As traballadoras e traballadores, por lactación dun fillo menor de nove meses, poderán optar por acollerse ao réxime anteriormente descrito ou polo dereito a acumular o permiso de maternidade, ao seu remate, nun período de dúas semanas que, en caso de acollerse a esta posibilidade, se gozarán inmediatamente despois da baixa maternal na súa totalidade.
m) Igualmente o/a traballador/a, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispoñer desde 1
ata 7 días de licenza, non retribuídos pola empresa, para aproveitar durante o ano natural.
n) Todo traballador/a que despois de iniciada a súa xornada de traballo, e que no seu transcurso se sentise enfermo, ou recibise notificación de accidente ou enfermidade grave dalgún familiar ata segundo grao, e tivese que abandonar o seu posto de traballo, con posterior xustificación médica, percibirá o importe total da dita xornada, sempre que traballase media. No casos de licenza, esta comezará a cumprirse a partir do día seguinte.
ñ) Se por motivos de hospitalización de familiares, debido a enfermidade grave ou por necesidades de operacións, se establecesen quendas de estancia no hospital co fin de atender o enfermo, o traballador/a poderá gozar da súa licenza por este concepto iniciándoa en data posterior á do feito causante, sempre e cando o solicite nos termos a continuación establecidos e a consuma mentres perdure o mesmo período de hospitalización do familiar do que se derivou a licenza.
Nestes supostos o/a traballador/a terá dereito ao mesmo número de días laborables de licenza que gozase no caso do inicio normal desta. Para iso, realizarase o cálculo do número de días laborables que supoñería a licenza de comezar o seu goce o día en que se produciu o feito causante. O traballador/a, deberá comunicar e acreditar á empresa a concorrencia do feito causante, a súa intención de gozar a licenza en data posterior e sinalar os días laborables que lle correspondan segundo o cálculo anterior, nos cales o faría. Ao remate do período deberá acreditar que durante os días efectivamente gozados como licenza concorría hospitalización do familiar.
As referencias que nos puntos anteriores se fai ao cónxuxe, entenderanse feitas, así mesmo, para o/a compañeiro/a que de xeito estable e en situación de feito asimilable ao matrimonio, conviva co traballador/a, e logo de certificación de convivencia que acredite a dita situación emitida por un rexistro público.
Artigo 9º.-Excedencias.
Todo/a traballador/a fixo/a cunha antigüidade polo menos dun ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non maior a cinco anos.
O/a traballador/a excedente, cando a súa categoría se atope entre as pertencentes aos grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de dous anos. A reincorporación á empresa solicitarase cun aviso previo de tres meses.
Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo máximo de dous anos, o traballador terá dereito a reintegrarse na empresa durante o prazo dos seis primeiros meses da dita excedencia, dispoñendo o empresario dese mesmo prazo dos seis meses para proceder á súa reincor
poración. En todo caso, o/a traballador/a terá que poñer en coñecemento do empresario a súa intención de volver á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasados os seis primeiros meses de exercicio da excedencia sen que o/a traballador/a fixese uso do seu dereito xa non poderá volver á empresa ata esgotar o período de excedencia solicitado.
As traballadoras e traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender o coidado de cada fillo/a tanto que o sexa por natureza ou por adopción nos supostos de acollemento tanto permanente como preadoptivo, contados desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.
Tamén terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a un ano, agás que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os/as traballadores/as para atender o coidado dun familiar, ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e non desenvolva actividade retribuída.
A excedencia prevista neste punto constitúe un dereito individual dos/as traballadores/as, homes ou mulleres, non obstante, se dous ou máis traballadores/as da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.
Cando un novo suxeito causante dese dereito a un novo período de excedencia, o seu inicio dará fin ao que, se é o caso, se viñese gozando.
O período en que o/a traballador/a permaneza en situación de excedencia, conforme o establecido neste artigo, será computable para os efectos de antigüidade e o/a traballador/a terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional á cuxa participación deberá convocalo o empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terán dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.
Artigo 10º.-Asistencia a consultorios médicos.
Todos/as os/as traballadores/as terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que asistir á consulta do médico de cabeceira. Cando o médico de cabeceira que lle corresponda ao traballador/a tivese o seu consultorio en localidade distinta daquela en que prestan os seus servizos os/as traballadores/as, estes/estas disporán do tempo necesario.
O/a traballador/a que teña que acudir a un consultorio médico estará obrigado a avisar anticipadamente á empresa, a cal porá á disposición do/a traballador/a o xustificante correspondente, que lle deberá devolver á empresa unha vez cuberto polo médico.
Para a súa asistencia á consulta do especialista, os/as traballadores/as terán dereito a todo o tempo necesario logo da presentación do volante do médico de cabeceira. Ademais terán dereito a un día de asistencia ao especialista fóra da localidade.
Así mesmo, terán dereito a un máximo de 9 horas retribuídas ao mes para asistir ao consultorio médico con fillos menores de 14 anos ou parentes discapacitados físicos ou psíquicos, calquera que sexa a súa idade, cun máximo de tres horas no mesmo día, sempre que a súa xornada laboral sexa coincidente co horario de consulta médica e co horario de traballo do seu cónxuxe ou compañeiro ou compañeira. Os procesos de rehabilitación non terán a consideración de consulta médica para efectos do dereito regulado anteriormente.
Capítulo III
Mellora nas condicións de traballo
Artigo 11º.-Cambio de postos de traballo por embarazo.
Suspensión con reserva do posto de traballo.
No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas, que se gozarán de maneira ininterrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo/a a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase á opción da interesada sempre que 6 semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. No caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do período de suspensión.
Malia o anterior, e sen prexuízo das 6 semanas inmediatamente posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e nai traballen, esta, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto ben de forma simultánea ou sucesiva ao da nai, agás que no momento da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.
Nos supostos de adopción e acollemento tanto preadoptivo como permanente, de menores de ata 6 anos a suspensión terá unha duración de 16 semanas ininterrompidas, ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á elección do traballador/a, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de 16 semanas nos supostos de adopción e acollemento de menores maiores de 6 anos de idade cando se trate de menores discapacitados ou minusválidos ou que polas súas circunstancias e experiencias persoais ou que por vir do estranxeiro teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servizos sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o período
de suspensión distribuirase segundo opción dos interesados, que poderán gozalo de xeito simultáneo ou sucesivo, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.
Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá excederse das 16 semanas previstas nos puntos anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.
Os períodos a que se refire este artigo poderán gozarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo do acordo entre os empresarios e os/as traballadores/as afectados/as, nos termos que regulamentariamente se determinen.
Nos supostos de adopción internacional cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ao país de orixe do adoptado, o período de suspensión previsto para cada caso neste artigo poderá iniciarse ata 4 semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción.
Protección á maternidade.
1. A avaliación dos riscos a que se refire o artigo 16 da Lei deberá comprender a determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evitar a exposición ao dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. As ditas medidas incluirán, cando sexa necesario, a non realización de traballo nocturno ou de traballo por quendas.
2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non fose posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifiquen os servizos médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social ou das mutuas, co informe do médico do Servizo Nacional da Saúde que asista facultativamente á traballadora, esta deberá desenvolver un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo da consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.
O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade cos regulamentos e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento en que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ao anterior posto.
No suposto de que, aínda aplicando os regulamentos sinalados no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ao seu grupo ou categoría equivalente, ben que conservará o dereito ao conxunto de retribucións do seu posto de orixe.
3. Se o dito cambio de posto non resultase técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente exixirse por motivos xustificados, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo, prevista no artigo 45.1º d) do Estatuto dos traballadores, durante o período necesario para a protección da súa seguridade ou da súa saúde e mentres persista a imposibilidade de reincorporarse ao seu posto anterior ou a outro posto compatible co seu estado.
4. O disposto nos números 1 e 2 deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puidesen influír negativamente na saúde da muller ou do/a fillo/a e así o certifica o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asiste facultativamente a traballadora.
5. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito á remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación para o parto, logo do aviso ao empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.
Situación protexida.
Para os efectos da prestación económica por risco durante o embarazo.
As mulleres embarazadas terán dereito a cambiaren de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeñar as súas funcións en lugares radioactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.
Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos ao Decreto lei do 3 de marzo de 1989. Durante o período citado a traballadora terá dereito ao aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementada ata o 100% do salario como para o caso de baixas por enfermidade ou accidente.
Artigo 12º.-Control médico obrigatorio.
Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito a unha revisión médica ao ano por conta da empresa.
Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades do sector, efectuándose dentro da xornada laboral do/a traballador/a e facéndolles entrega a estes do resultado do recoñecemento.
Artigo 13º.-Roupas de traballo.
Naqueles casos que teñan problemas de adaptación á roupa facilitada pola empresa, esta procurará unha que se adapte ás necesidades do/a traballador/a.
As empresas subministrarán dous uniformes aos traballadores e traballadoras ben ao inicio do contrato do traballador/a, ben ao inicio do servizo da empresa, sen que neste caso sexa exixible ningunha uniformidade a maiores durante un ano.
Concederáselle a todo o persoal a adecuada e regulamentaria roupa de traballo, fundas para o persoal masculino e batas ou chaquetiña e pantalón para o persoal feminino cada seis meses, zapatillas cada tres meses ou ben zocos cada seis meses e luvas cada dez días.
Aos cristaleiros proveráselles roupa de auga.
Artigo 14º.-Vestiarios.
A empresa solicitaralle á Administración pública que facilite un cuarto apropiado para as necesidades do persoal.
Artigo 15º.-Seguro de accidentes.
As empresas afectadas por este convenio colectivo subscribirán pólizas de seguro colectivo de accidentes de traballo en favor de todos/as traballadores/as que teñan máis de media xornada e daqueles/as que, calquera que sexa a súa xornada, realicen tarefas dun certo risco ou se dediquen de xeito habitual á limpeza de cristais a alturas superiores a 1,80 m.
O resto dos/as traballadores/as, aqueles/as que non alcancen a media xornada, tamén estarán incluídos na mencionada póliza, ben que, neste caso os capitais asegurados que se indican, reduciranse á metade. Para os casos de traballadores e traballadoras que non alcancen a media xornada nunha soa empresa e que se atopen pluriempregados por empresas do sector, terán dereito ao pagamento das indemnizacións a que puidese haber lugar, por parte de cada unha, segundo o disposto neste artigo, con independencia de que o accidente se producise durante o servizo a ela ou a outra das empregadoras.
O dito seguro cubrirá, con carácter xeral, as seguintes garantías mínimas:
-Morte ou invalidez total: 14.534,92 A.
-Invalidez absoluta ou grande invalidez: 17.764,89 A.
As ditas continxencias deberán derivarse en calquera caso de accidente laboral incluído o accidente in itinere e as indemnizacións fixadas serán totalmente independentes daquelas que lles correspondan aos/ás traballadores/as en virtude da lexislación laboral vixente.
Capítulo IV
Adscrición do persoal
Artigo 16º.-Adscrición do persoal.
Primeiro.-Cando remate a concesión dunha contrata de limpeza, os traballadores da empresa con
tratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen subrogará en todos os dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:
a) Traballadores/as en activo que presten os seus servizos no dito centro cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses, sexa cal fose a modalidade do seu contrato de traballo.
b) Traballadores/as que no momento do cambio de titularidade da contrata se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, así como traballadores/as acollidos á xubilación parcial e traballadores/as con contrato de revezamento u outra situación análoga, sempre e cando teñan prestado os seus servizos no centro obxecto de subrogación con anterioridade á suspensión do seu contrato de traballo e que reúnan a antigüidade mínima establecida na alínea a).
c) Traballadores/as que con contrato de interinidade, substitúan a algún dos traballadores/as nomeados no punto anterior.
d) Traballadores/as de novo ingreso que por exixencias do cliente se incorporaran ao centro como consecuencia de ampliación de contrata, dentro dos catro últimos meses.
e) O persoal incorporado pola anterior titular a este centro de traballo dentro dos catro meses seguirá pertencendo á dita empresa e non se producirá a subrogación citada, agás que se acredite a súa nova incorporación ao centro e á empresa.
Segundo.-Todos os supostos anteriormente previstos deberá acreditalos verídica e documentalmente a empresa saínte á entrante no prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ao final deste artigo.
O indicado prazo contarase desde o momento en que a empresa entrante comunique veridicamente á saínte ser a nova adxudicataria do servizo. De non cumprir este requisito a empresa entrante, automaticamente e sen máis formalidades, subrogarase en todo o persoal que presta os seus servizos no centro de traballo.
En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os/as traballadores/as so se extingue no momento en que se produza o dereito á subrogación deste á nova adxudicataria.
Terceiro.-Non operará a subrogación no caso dun contratista que realice a primeira limpeza e que non teña subscrito contrato de mantemento.
Cuarto.-Se a subrogación dunha nova titular da contrata implicase que un traballador/a realizase a súa xornada en dous centros distintos, afectando a un so deles o cambio de titularidade da contrata, os titulares destas xestionarán o pluriemprego legal do/da traballador/a, así como o aproveitamento conxunto do período de vacacións, aboándolle a empresa saínte a liquidación por partes proporcio
nais das pagas correspondentes. Esta liquidación non implicará o saldo se continúa traballando para a empresa.
Quinto.-A aplicación deste artigo, será de obrigado cumprimento para as partes que vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador/a.
Non desaparece o carácter vinculante deste artigo no caso de que a empresa adxudicataria do servizo o suspendese por un período inferior a dous meses; o dito persoal con todos os seus dereitos adscribirase á nova empresa.
Documentos que lle facilitará a empresa saínte á empresa entrante:
-Certificado do organismo competente de estar ao corrente no pagamento á Seguridade Social.
-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.
-Fotocopia dos TC-l e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.
-Relación de persoal en que se especifique o nome e os apelidos, o domicilio, o número de afiliación á Seguridade Social, a antigüidade, a xornada, o horario, a modalidade da súa contratación e a data de aproveitamento das súas vacacións.
-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador/a afectado en que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da subrogación, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data do inicio do servizo como nova titular.
Artigo 17º.-Traslados a centros de traballo.
Co fin de evitar posibles actuacións unilaterais por parte das empresas, cando un traballador/a leve dous meses ininterrompidos prestando os seus servizos nun centro de traballo da mesma empresa quedará fixo, agás que por parte da dirección do centro en que presta os seus servizos existan queixas razoadas e xustificadas con respecto ao cumprimento do traballo do/da traballador/a, ou por necesidade evidente da empresa de ocupalo noutro centro de traballo por enfermidade, vacacións e demais licenzas do persoal do cadro de persoal. O dito traslado non poderá ser superior a trinta días dentro do mesmo ano. O posto de traballo do trasladado non poderá ser ocupado. No momento de proceder ao traslado, a empresa estará obrigada a comunicárllelo aos representantes legais dos/das traballadores/as co fin de buscar a solución menos gravosa para o persoal. O empresario estará obrigado, por outra parte, a respectar a quenda que teña establecido o/a traballador/a, sempre que éste realizase xornada
completa nun único centro de traballo e existise outro centro de traballo coa mesma quenda.
Artigo 18º.-Mobilidade xeográfica.
Os/as traballadores/as, fixos dos colexios, non poderán ser trasladados a outro centro de traballo
da mesma empresa adxudicataria que non sexan os colexios ou escolas públicas de Vigo.
Artigo 19º.-Peche do centro de traballo.
No caso de que un colexio peche ou se traslade dentro da mesma provincia a outro local, os traballadores/as indefinidos, a tempo parcial ou completo, fixos do centro pechado, terán un dereito preferente a ser adscritos ao novo centro ata cubrir as necesidades contratadas para este. No caso de que existan máis traballadores/as interesados/as en exercer este dereito preferente ca postos de traballo no novo centro, a súa selección farase seguindo un criterio de antigüidade, tendo prioridade aquel/as traballadores/as que teñan maior antigüidade no centro de traballo pechado.
Artigo 20º.-Altas na Seguridade Social.
A empresa estará obrigada a entregarlles aos/ás traballadores/as fotocopia da alta na Seguridade Social, para o que disporá dun prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ao traballo.
Igualmente, a empresa estará obrigada a colocar fotocopia dos boletíns de cotización nun taboleiro de anuncios nas súas oficinas.
Igualmente, a empresa esta obrigada a facilitarlle ao comité de empresa ou delegados/as de persoal fotocopia dos boletíns de cotización.
Artigo 21º.-Liquidacións.
As liquidacións carecerán de efectos liberatorios se, logo da petición escrita do/da interesado/a á empresa, non estivese visado polo comité de empresa, delegado/a de persoal ou, no seu defecto, polo sindicato a que estea afiliado o/a traballador/a.
Artigo 22º.-Condicións máis beneficiosas.
Todas as condicións económicas e de calquera índole contidas neste convenio teñen carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas para os/as traballadores/as verbo deste convenio, subsistirán para aqueles que as veñen gozando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas teña que computarse o melloramento económico que supón este convenio, salvo aqueles/as que se lles viñesen recoñecendo anteriormente á sinatura do convenio.
Artigo 23º.-Absorción.
As melloras económicas contidas no seu conxunto neste convenio, non poderán ser compensadas nin absorbidas por melloras voluntarias anteriores e futuras.
Capítulo V
Retribucións
Artigo 24º.-Salarios.
As retribucións para o ano 2005 correspondentes ás distintas categorías do persoal afectado por este convenio fíxanse na táboa salarial anexa.
O incremento salarial para o ano 2006 será do 4,75% en todos os conceptos, para o ano 2007 será o IPC real do ano anterior máis 1 punto.
O aboamento dos salarios deberá efectuarase nos días 30 ou 31 do mes en que se perciba, e como máximo o día 3 do mes seguinte.
Artigo 25º.-Antigüidade.
Os/as traballadores/as fixos/as comprendidos/as no ámbito de aplicación deste convenio, gozarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico por cada tres anos de servizo prestados, na contía do cinco por cento para cada trienio sobre o salario base.
Os dous meses en que o persoal fixo descontinuo debe de ir ao paro serán computados como tempo efectivo de traballo, para os efectos de antigüidade.
Artigo 26º.-Pagas extraordinarias.
O persoal afectado por este convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes a xullo e Nadal, na contía, cada unha delas, dunha mensualidade de salario base do convenio máis antigüidade, se é o caso. As ditas pagas extraordinarias de xullo e nadal percibiranse na súa integridade, independentemente de que o traballador estivese en situación de IT durante o período de percepción de cada unha delas, e serán aboadas entre os días 10 e 20 dos respectivos meses.
Igualmente percibirán entre os días 10 e 20 do mes de marzo unha paga de beneficios, na contía dunha mensualidade de salario base do convenio, máis a antigüidade, se é o caso. A dita paga referirase ao ano natural anterior, aboándose a prorrogada dos días traballados. Non obstante, esta paga percibirase na súa integridade, independentemente de que o traballador/a estivese en situación de IT durante o período de percepción da dita paga.
Artigo 27º.-Complemento de transporte e locomoción.
Os/as traballadores/as afectados/as por este convenio percibirán en concepto de complemento de transporte no ano 2005 a cantidade de 74,54 euros mensuais, efectuándose en 12 pagas. Para o ano 2006, 78,08 euros mensuais e para o ano 2007 o incremento económico será de IPC real de 2006 máis 1 punto, efectuándose a súa percepción en 12 pagas. Por cada día de ausencia ao traballo descontarase a cantidade de 3,35 A no 2005, 3,51 A en 2006, para 2007 incrementarase no IPC real máis 1 punto.
Dadas as especiais características do sector o complemento de transporte aboarase a prorrata da xornada de traballo, non tendo este concepto a consideración de salario para ningún efecto, polo cal non se computará para o cálculo de antigüidade, gratificacións extraordinarias, paga de beneficios, etc. e tampouco se percibirá cando se atope en situa
ción de incapacidade temporal, queda mesmamente exento de cotización á Seguridade Social.
Artigo 28º.-Complemento de asistencia.
Para o ano 2005 establécese a cantidade de 53,06 euros mensuais, para o ano 2006 será de 55,58 euros para o ano 2007 o incremento económico será de IPC real de 2006 máis 1 punto, efectuándose a súa precepción en 12 pagas. Por cada día de ausencia ao traballo descontarase a cantidade de 2,38 A no ano 2005, e 2,49 A no ano 2006, para o 2007 incrementarase no IPC real de 2006 máis 1 punto, non considerándose como ausencia, para estes efectos, o descanso semanal a que teña dereito o/a traballador/a.
Este complemento de asistencia aboarase a prorrata da xornada de traballo.
Artigo 29º.-Complemento de toxicidade, perigosidade e nocturnidade.
O complemento fixado na alínea a) do artigo 53 da ordenanza sobre labores tóxicos ou perigosos queda establecido na contía do 30% do salario base de cada categoría.
O complemento de nocturnidade previsto na alínea b) do mesmo corpo legal, percibirase na contía do 35% sobre o salario base de cada categoría. Os/as traballadores/as de nova contratación percibirano igualmente.
Os/as traballadores/as que teñan dereito a percibir o complemento de nocturnidade percibirano na contía establecida no texto do convenio e sobre o salario base mensual de trinta días, aboándose a prorrogada do tempo traballado.
O complemento de perigosidade pagarase aos/ás traballadores/as que habitualmente presten os seus servizos sobre andamio ou cos pes sobre escaleira situados a unha altura superior a 1 m 80 cm. Este complemento aboarase por tempo efectivo de traballo.
Artigo 30º.-Incapacidade temporal.
No caso de IT derivada de accidente laboral, tanto o acaecido no centro de traballo como o accidente in itinere, a empresa estará obrigada a completar a prestación económica da Seguridade Social, ata o importe íntegro do seu salario base do convenio máis a antigüidade máis o complemento de asistencia, desde o primeiro día da baixa.
Por outra banda, nos supostos de IT, calquera que fose a súa causa, que motiven a hospitalización do/da traballador/a, as empresas completarán durante a hospitalización a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do seu salario convenio máis a antigüidade e complemento de asistencia, se é o caso.
Se o/a traballador/a sufrise intervención cirúrxica, a obriga das empresas de complementar a prestación
á Seguridade Social estenderíase ao período de convalecencia e cunha duración máxima de noventa días naturais.
As ausencias por IT serán cubertas pola empresa transcorridas como máximo 48 horas.
Artigo 31º.-Anticipos.
As traballadoras e traballadores terán dereito a percibir, sen que chegue o día sinalado para o cobramento dos salarios, anticipos por conta do traballo xa realizado, non podendo ser superior ao 80 por 100 do realmente traballado.
Capítulo VI
Acción social
Artigo 32º.-Xubilación.
Os/as traballadores/as que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos exixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto e Real decreto 1194/1985, estando as empresas obrigadas a contratar simultaneamente no lugar do/da xubilado/a outro traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou mozo demandante de primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.
Co fin de contribuír á realización dunha política de promoción de emprego, que facilite o seu sostemento e a contratación de novos/as traballadores/as, a xubilación, para o persoal fixo da empresa, terá carácter de forzosa ao cumprir o traballador/a a idade ordinaria de xubilación fixada pola normativa da Seguridade Social, que á data da sinatura deste convenio está fixada nos 65 anos.
Aqueles/as traballadores/as que, ao chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causaren dereito á referida prestación, ou non cumpran calquera outro requisito exixido pola lexislación vixente, en materia de pensión de xubilación na súa modalidade contributiva, poderán continuar prestando servizos ata cumprir todos os requisitos legais, para ter dereito á citada prestación, momento en que se causará baixa de xeito inmediato.
A empresa cubrirá o posto de traballo segundo as necesidades do servizo, non tendo que ser coincidente a xornada efectiva de traballo do que se xubila coa do/da traballador/a entrante.
Artigo 33º.-Medidas de fomento de emprego.
As empresas poderán subscribir contratos de interinidade para substituír os/as traballadores/as que se acollan a opción de acumular dúas semanas ao permiso por maternidade en lugar da redución de xornada por lactancia.
Nos casos nos que os/as traballadores/as asinen baixas voluntarias, non terán validez se non van acompañadas da sinatura dun delegado/a de persoal ou membro do comité de empresa, os cales non poderán negar a súa sinatura no caso de que o traballador/a llela requira.
Artigo 34º.-Promoción da renovación de cadro de persoal.
Co obxectivo de incentivar os traballadores e traballadoras na súa participación na creación de emprego para a xuventude a través da renovación de cadros de persoal, aquel que solicite a baixa voluntaria na empresa percibirá, de mutuo acordo entre ambas partes:
Se a solicitase aos 60 anos: 6 mensualidades de salario real.
Se a solicitase aos 61 anos: 4 mensualidades de salario real.
Se a solicitase aos 62 anos: 2 mensualidades de salario real.
En todo caso e de xeito inmediato, os/as traballadores/as que soliciten a baixa voluntaria aos 63 e aos 64 anos terán dereito a percibir dúas mensualidades de salario real, percibindo unha mensualidade de salario real aqueles/as que o fagan ao cumprir os 65 anos.
Artigo 35º.-Xubilación parcial e contrato por revezamento.
1. Ao abeiro do artigo 166.2º da Lei de seguridade social e do artigo 12.6º do Estatuto dos traballadores, recoñéceselles aos traballadores e traballadoras o dereito suxestivo de solicitar da empresa a xubilación parcial e a redución de xornada no límite máximo legalmente previsto do 85% cando se xunten os requisitos legalmente establecidos e, en especial, o da idade, que non poderá ser inferior aos 60 años.
2. A solicitude deberase remitir á empresa ou empresas cunha antelación mínima de tres meses á data prevista de xubilación parcial. A empresa estudará a solicitude coa vista posta nun acordo coa parte solicitante e, en todo caso, responderá nun prazo máximo de trinta días. Nos casos de discrepancia entre as partes, remitirase a cuestión á comisión paritaria, que resolverá no ámbito das súas funcións e no prazo máximo de trinta días.
3. Dada a particularidade da actividade da empresa e as súas prestacións de servizos a entidades públicas ou que implica que poidan existir cambios de titularidade na adxudicación do servizo que se contrata, e tendo en conta que opera a subrogación empresarial, a empresa entrante ten a obriga de manter as condicións persoais e laborais que no seu día se pactasen coa empresa saínte, tales como xornada para reducir, distribución de xornada o pagamento de salario.
Así mesmo, a empresa saínte comprométese a facilitar toda a documentación referente a estes/as traballadores/as, especificando caso por caso as condicións de cada traballador/a.
4. O 15% da xornada que corresponda do traballo efectivo acumularase nos meses inmediatamente seguintes á xubilación parcial e a xornada completa, aínda cando a empresa poida optar por retribuír sen exixir a cambio a prestación efectiva dos servizos
e sen prexuízo da aplicación da seguinte escala de bonificacións:
* Con trinta anos ou máis de antigüidade no sector, recoñécese unha dispensa absoluta no traballo.
* Con vinte anos de antigüidade no sector e ata trinta, recoñécese unha dispensa do 75% do traballo.
* Con dez anos de antigüidade no sector e ata vinte, recoñécese unha dispensa do 50% do traballo.
* Todo isto sen prexuízo do acordo o que poidan chegar os/as traballadores/as e a empresa.
* Ata que o traballador xubilado parcialmente chegue á idade ordinaria de xubilación, a empresa deberá manter un contrato de revezamento nos termos previstos no artigo 12.6º do Estatuto dos traballadores.
Nos supostos de pluriemprego do/da traballador/a xubilado/a, as porcentaxes de redución de xornada vincularanse ao contrato sobre o que a empresa e o/a traballador/a conveñan a súa modificación, sen que poida considerarse que se refira ao total da xornada que fai o/a traballador/a nos seus distintos empregos. Nos ditos supostos de pluriemprego a compatibilidade entre o goce da xubilación parcial e os outros traballos do pluriempregado rexeranse polo disposto no artigo 14.1º a) do Real decreto 1131/2002, do 31 de outubro.
Artigo 36º.-Período de proba.
O período de proba quedará nun máximo de:
-15 días para o persoal non titulado.
-3 meses para o persoal titulado.
Capítulo VII
Acción sindical
Artigo 37º.-Acción sindical e garantías de cargos sindicais.
En todo o relacionado con este tema rexerá o disposto nos artigos 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que cando un representante legal deba saír da empresa para exercer funcións de representación deberá comunicarllo a esta o día anterior, agás situacións excepcionais que se terán que xustificar posteriormente. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.
Os/as delegados/as sindicais e de persoal terán 20 horas mensuais retribuídas para realizar o seu cometido de representación na empresa.
Os sindicatos máis representativos poderán formar seccións sindicais, na empresa, como se estipula na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical. Os/as delegados/as sindicais poderán ter crédito mensual, sempre que teñan representación dun mínimo do 40% de delegados/as no comité de empresa.
Será obrigatorio colocar un taboleiro de anuncios para a información sindical, nas empresas que teñan centros de traballo con máis de 6 traballadores/as, que se axustará ao disposto no Estatuto dos traballadores.
De acordo co establecido no artigo 68 e) do ET, poderase establecer a acumulación do crédito horario dos representantes legais dos traballadores (delegados/as de persoal ou membros do comité de empresa) nun ou varios dos seus membros dunha mesma organización sindical, sen exceder o máximo total de noventa horas.
Tanto o cedente como o cesionario do crédito horario deberanlle comunicar por escrito á dirección da empresa a cesión e acumulación de horas, cunha antelación de 5 días, en que figurará o seguinte:
-Nome do cedente e do cesionario.
-Número de horas cedidas e período polo que se efectúa a cesión, que terá que ser por meses completos, ata un máximo dun ano.
Artigo 38º.-Asembleas.
Os/as traballadores/as dos colexios públicos terán dereito a reunirse en asemblea unha vez ao mes e por tempo máximo de dúas horas, debendo comunicarlle á empresa a súa celebración cunha antelación de 48 horas, agás situacións excepcionais de conflito ou folga nos que bastaría con avisar con 24 horas de antelación.
Debido á imposibilidade de celebrar as ditas asembleas no centro de traballo por estaren espallados por toda a cidade, non permitindo a reagrupación dos/as traballadores/as, as asembleas faranse de acordo coa maioría do comité de empresa en calquera local que non sexan os colexios.
Artigo 39º.-Formación.
A empresa de limpeza colaborará coas organizacións empresariais e sindicatos para a realización de cursos de formación para os/as traballadores/as, segundo o acordo de formación continua, sendo as organizacións empresariais e sindicatos os órganos autorizados e con competencias para desenvolver o dito labor.
Aos/ás traballadores/as que participen en cursos de formación continua teránselles en conta estes para os efectos de promoción interna e o acceso ás categorías superiores.
Artigo 40º.-Partes asinantes.
As partes asinantes deste convenio son en representación dos traballadores, o comité de empresa e as centrais sindicais CIG e CC.OO. e a representación empresarial Limpiezas del Noroeste S.A.
Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral, para atender cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria que estará integrada por un máximo de 2 representantes empresariais e 2 representantes dos traballadores, todos eles de entre os integrantes da comisión do convenio.
Independentemente da interpretación e seguimento do convenio, a dita comisión reunirase polo menos unha vez cada tres meses, durante a vixencia deste convenio, co obxecto de analizar e estudar os problemas do sector no seu sentido máis amplo.
Artigo 41º.-Comisión paritaria.
Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ambas as dúas partes neste convenio, créase unha comisión paritaria que estará formada polos mesmos membros da mesa negociadora en proporción á representatividade de cada central sindical.
Ante a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflitos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre os procedementos extraxudiciais de conflitos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.
Artigo 42º.-Empresas de traballo temporal.
A empresa adxudicataria da limpeza nos colexios públicos non poderá contratar os/as seus/súas traballadoras/es a través de ETT en ningún caso.
Artigo 43º.-Lexislación subsidiaria.
En todo aquilo que non quede determinado especificamente neste convenio observarase o disposto pola ordenanza de traballo para as empresas dedicadas a limpeza de edificios e locais, aprobada o 15 de febreiro de 1975, e no que nela non estea previsto ou regulado serán de aplicación as normas establecidas na lexislación laboral xeral.
No suposto de derrogación da ordenanza laboral de limpeza de edificios e locais, os aspectos non regulados neste convenio de empresa e que se recollan na ordenanza laboral derrogada, pasarán a formar parte provisionalmente do convenio provincial, mentres non se negocie un convenio colectivo de ámbito superior que a substitúa.
Artigo 44º.-Dereitos lingüísticos e normalización do galego.
Os/as traballadores/as teñen dereito a desenvolver a súa actividade laboral e profesional en lingua galega, como lingua propia de Galicia (artigo 5.1º do Estatuto de autonomía), e a recibir formación lingüística para mellorar o servizo ao público no seu posto de traballo.
No seo da empresa a dirección e os representantes dos/das traballadores/as fomentarán o uso da lingua galega nas actividades internas e nas súas relacións.
Artigo 45º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.
Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade dos/as traballadores/as, condutas de acoso sexual verbal ou físico, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito. Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa posición xerárquica coa persoa e/ou con persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.
O comité de empresa, os/as delegados/as de persoal, sección sindical e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do/da traballador/a afectado/a, procurando silenciar a súa identidade, cando así sexa preciso.
Artigo 46º.-Emprego fixo.
As partes asinantes deste convenio, para unha maior estabilidade no emprego, acordan fomentar a contratación indefinida, establecendo como cadro de persoal fixo mínimo das empresas o 70% do cadro de persoal total, entendendo por esta a media dos últimos 12 meses.
Disposición adicional
Única.-As diferenzas ou atrasos salariais producidos como consecuencia da aplicación retroactiva dos efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2005 serán aboados pola empresa no prazo máximo de 45 días naturais contados desde a data da resolución do delegado provincial de traballo, acordando a súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos e a súa publicación no BOP.
Disposición derradeira
A validez deste convenio queda supeditada en toda a súa extensión normativa e obrigacional á inclusión da referencia, por parte do Concello de Vigo nos pregos de condicións dos concursos que se convoquen para a adxudicación do servizo de limpeza dos colexios e escolas públicas do Concello de Vigo, a que a regulación das condicións laborais do cadro de persoal que afecta ao dito servizo son as recollidas neste convenio colectivo.
Categorías Ano 2005 Ano 2006
* Grupo I. Persoal directivo e técnico -Subgrupo I. Persoal directivo Director 1.664,77 A 1.743,84 A Director comercial 1.511,64 A 1.583,44 A Director administrativo 1.511,64 A 1.583,44 A Xefe de persoal 1.511,64 A 1.583,44 A Xefe de compras 1.511,64 A 1.583,44 A Xefe de servizos 1.511,64 A 1.583,44 A
-Subgrupo II. Persoal titulado Titulado grao superior 1.198,65 A 1.255,59 A Titulado grao medio 1.064,83 A 1.115,41 A Titulado laboral ou profesional 905,59 A 948,61 A
* Grupo II. Persoal administrativo Xefe administrativo de primeira 1.132,04 A 1.185,81 A Xefe administrativo de segunda 1.058,80 A 1.109,09 A Caixeiro 958,91 A 1.004,46 A Oficial de primeira 905,60 A 948,62 A Oficial de segunda 805,77 A 844,04 A Auxiliar 705,83 A 739,36 A Telefonista 698,81 A 732,00 A
* Grupo III. Mandos intermedios Encargado xeral 1.058,99 A 1.109,29 A Supervisor ou encargado de zona 958,92 A 1.004,46 A Supervisor ou encargado de sector 879,08 A 920,83 A Encargado de grupo ou edificio 760,50 A 796,63 A Responsable de equipo 729,97 A 764,65 A
* Grupo IV. Persoal subalterno Ordenanza 698,82 A 732,01 A Almaceneiro 698,82 A 732,01 A Listeiro 698,82 A 732,01 A
* Grupo V. Persoal obreiro Especialistas, carretilleiros, e oficial de oficios varios 770,50 A 807,10 A Peón especializado e axudante de oficios varios 706,08 A 739,62 A Limpador ou limpadora e peón de oficios varios 698,66 A 731,85 A Condutor-limpador/a 829,95 A 869,38 A
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
E XUSTIZA

