A Lei 2/2004, do 21 de abril, creou o Servizo de Gardacostas de Galicia como un servizo público encomendado á consellería competente en materia de pesca. A integración do persoal do Servizo de Protección de Recursos, extinguido pola propia lei, nas correspondentes escalas creadas dentro do novo servizo regúlase na súa disposición transitoria primeira, que establece que a opción individual á dita integración deberá efectuarse no prazo que regulamentariamente se determine.
En cumprimento da Lei 2/2004, foi aprobado o Decreto 157/2005, do 26 de maio, sobre ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia que, entre outros aspectos, desenvolveu o procedemento de integración e fixou, con carácter xeral, o referido prazo en tres meses desde a súa entrada en vigor.
Tendo en conta o inminente vencemento do dito prazo e considerando que para o exercicio da súa opción o persoal do extinguido Servizo de Protección de Recursos debe coñecer o réxime de prestación de servizos ao que estará suxeito, que será establecido mediante orde da consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos, faise necesario a ampliación do prazo establecido no Decreto 157/2005, do 26 de maio, para a integración do citado persoal no Servizo de Gardacostas de Galicia.
Por todo o exposto, por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de setembro de dous mil cinco,
DISPOÑO:
Artigo único.
O prazo establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 157/2005, do 26 de maio, para que o persoal adscrito ao extinguido Servizo de Protección de Recursos poida optar por integrarse nas escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia, amplíase ata o 31 de xaneiro de 2006.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e nove de setembro de dous mil cinco.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
Mª Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos