DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 31 de outubro de 2005 Páx. 17.491

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 544/2005, do 20 de outubro , polo que se aproba o escudo do Concello de Carballo.

O Concello de Carballo considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a aprobación definitiva deste.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local;

Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de outubro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o escudo do Concello de Carballo, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

De ouro (amarelo) e sobre ondas de azur (azul), o carballo de sinople (verde).

Ao timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, vinte de outubro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza