DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 02 de novembro de 2005 Páx. 17.579

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 547/2005, do 20 de outubro, polo que se modifica o Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia.

Por Decreto 306/2004, do 2 de decembro, creouse o Consello Forestal de Galicia como órgano consultivo e asesor da Administración forestal co obxecto de facilitar unha axeitada xestión sustentable dos montes galegos e dar cumprimento ao principio de participación pública, establecendo unha canle de colaboración cos distintos estamentos interesados da sociedade galega e da comunidade científica.

O referido decreto establece unha distribución dos membros do antedito Consello Forestal de Galicia en función da repartición competencial por consellerías vixente no momento da súa adopción, atribuíndolle a súa presidencia ao conselleiro de Medio Ambiente ao estaren incardinadas nesa consellería as competencias en materia de montes.

A estrutura orgánica da Xunta de Galicia establécese na actualidade polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, e polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, que fixa a estrutura orgánica dos distintos departamentos que a integran, atribuíndo as competencias en materia de montes e industrias forestais á Consellería do Medio Rural.

Esta nova repartición de competencias fai necesario realizar determinadas modificacións no Decreto 306/2004, co obxecto de adaptar a composición do Consello Forestal de Galicia á nova distribución de competencias entre consellerías.

Na súa virtude, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa concordante, e por proposta da Consellería do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de outubro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos que se mencionan do Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia, que quedarán redactados do xeito seguinte:

1. Primeiro parágrafo e alíneas a), b) e c) do artigo 3, relativo á composición do Consello, permanecendo inalterable o contido das alíneas d) á s):

«O Consello Forestal de Galicia estará composto por:

-Un presidente: o conselleiro do Medio Rural.

-Un vicepresidente: o director xeral de Montes e Industrias Forestais.

-Un secretario: o subdirector xeral de Recursos Forestais.

-Os 45 vogais seguintes:

a) Seis vogais en representación da Administración galega, con categoría polo menos, de subdirector xeral, correspondendo un a cada unha das consellerías seguintes: Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Consellería de Economía e Facenda, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Consellería de Innovación e Industria, Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Consellería de Traballo.

b) Un vogal en representación da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

c) Catro vogais en representación das delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural».

2. Primeiro parágrafo do punto 1 do artigo 4º, relativo aos nomeamentos, que quedará redactado do seguinte xeito:

«1. Todos os membros do Consello Forestal de Galicia serán nomeados polo conselleiro do Medio Rural. Tamén serán nomeados os suplentes de cada un dos membros ordinarios do Consello. O nomeamento dos vogais será por proposta das organizacións, institucións e departamentos galegos que se relacionan deseguido...».

3. Artigo 7, relativo á adscrición, quedará redactado da seguinte maneira:

«O Consello Forestal de Galicia queda adscrito á Consellería do Medio Rural».

4. Disposición derradeira primeira, que queda redactada do seguinte xeito:

«Queda facultado o conselleiro do Medio Rural para ditar as disposicións necesarias para facilitar o correcto funcionamento do Consello Forestal de Galicia».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase o conselleiro do Medio Rural para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de outubro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural