DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 22 de decembro de 2005 Páx. 20.034

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 6/2005, do 7 de decembro, pola que se modifica a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia.

Exposición de motivos:

A Lei 3/1993, do 16 de abril, regula o réxime xurídico das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia, entendendo por tales aqueles que se pactaron con anterioridade a agosto de 1942, sexa cal fose a súa procedencia xurídica inicial, compoñendo no seu conxunto unha institución histórica propia de Galicia.

A dita lei establecía a vixencia para estes contratos ata o 31 de decembro de 2005.

A presente lei ten por obxecto prorrogar por cinco anos máis estas parzarías e arrendamentos rústicos históricos, a fin de que os parceiros ou parceiras e arrendatarios ou arrendatarias poidan seguir favorecéndose das medidas de acceso á propiedade previstas na dita lei, pagando un prezo inferior ao do mercado, ao considerar que no actual valor dos predios contribuíron o arrendatario ou arrendataria e os seus descendentes mediante o seu cultivo durante varias xeracións.

A necesidade de proceder a esta prórroga deriva de que, pese a que as medidas previstas na Lei 3/1993, do 16 de abril, fixeron posible desde o ano 1993 ao 2004 o acceso á propiedade de 271 parceiros ou parceiras e arrendatarios ou arrendatarias rústicos históricos, na actualidade existe un número considerable deles que manifestaron ao longo destes anos a súa intención de acollerse a estas axudas, que, por diversas causas, como a lentitude en chegar ao acordo mutuo entre ambas as dúas partes ou por estar incursos na vía xudicial para o recoñecemento da preceptiva consideración como parzaría ou arrendamento rústico histórico, continúan pendentes de poder acceder á propiedade.

A base competencial aparece recoñecida no artigo 149.1.8.º da Constitución, que considera que lles corresponde ás comunidades autónomas a conservación, modificación e desenvolvemento dos dereitos civís forais ou especiais, alí onde existan, e tamén no artigo 27.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, que declara a competencia sobre a conservación, modificación e desenvolvemento das institucións do dereito civil galego.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei pola que se modifica a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia.

Artigo único.-Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 5.1 da Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías

e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«Os arrendamentos rústicos e as parzarías a que se refire o artigo 2 que estivesen vixentes á entrada en vigor desta lei quedarán prorrogados ata o 31 de decembro do ano 2010».

Disposición adicional

Única.-Seranlles aplicables ás institucións reguladas nesta lei as disposicións establecidas na Lei 3/1993, do 16 de abril, así como a súa normativa de desenvolvemento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o Consello da Xunta para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta lei.

Segunda.-Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente