DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2006 Páx. 1.269

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 19 de decembro de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Baralla (Lugo) en Vilartelín. (Expediente LU-03008).

1. O municipio de Baralla (Lugo) posúe como instrumento de planeamento vixente unhas normas subsidiarias de planeamento municipal (desde agora NNSS) aprobadas definitivamente o 18 de xuño de 1986.

2. O Concello de Baralla no seu día formulou unha modificación das ditas NNSS co obxecto de proceder á reclasificación como solo urbanizable, con prescrición de uso global industrial que se desenvolverá mediante un único plan de sectorización, duns terreos situados na zona de Vilartelín e clasificados polas referidas NNSS como solo non urbanizable común, agora rústico de protección ordinaria, segundo a redacción da vixente Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (DOG nº 252 e 254, do 31 de diciembre de 2002 e de 2004. Desde agora Louga).

Así mesmo, tamén cabe subliñar que o expediente supón o cambio de cualificación, a rústico de protección de infraestruturas, dos terreos correspondentes aos primeiros 50 metros medidos desde a autovía A-6, así como aos dos primeiros 25 metros medidos desde a aresta exterior da estrada que vai desde a N-VI a Vilartelín.

A modificación ten como finalidade dotar o municipio dun parque empresarial, para dar axeitada resposta á premente necesidade de que conte cun parque desas características, paliando así a total carencia de solo industrial nese termo.

3. Ao longo do expediente vénse acreditar que os terreos correspondentes ao ámbito da modifica

ción, en que aínda que existen pequenas zonas arborizadas de piñeiros estas son descontinuas e parte delas de repoboación espontánea, mesturadas con parcelas de pradería illadas, sufriron unha forte presión que os desnaturaliza como propios para a súa protección, tanto pola floración de áreas descontinuas de roca, como por estaren atravesados por diversas infraestruturas eléctricas e pola grande influencia das infraestruturas viarias que lindan con eles, ao tempo de terse producido tamén unha alta devaluación do valor paisaxístico derivada da existencia da estrada nacional N-VI, da cal vai da referida nacional a Vilartelín, e da autovía A-6, segundo se recolle no estudo de sustentabilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico, en que se valora como compatible a incidencia da actuación sobre o medio afectado.

4. De conformidade co disposto na dita disposición transitoria primeira 1 g) da Louga, as modificacións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela, polo que, consonte o sinalado no seu artigo 93.4º, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación, sen prexuízo de que tamén deban cumprir as demais condicións e trámites que para o efecto prevé a citada lei baseándose pretensións que conteñan. Nese aspecto, cómpre ter en conta que no expediente queda constancia, entre outros, dos seguintes particulares:

a) Terminada a fase de elaboración da modificación, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello someteu o expediente a informe preceptivo (artigo 85.1º da Louga) da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda (CPTOPV) que emitiu o 16 de outubro de 2003, con observacións ao proxecto daquela presentado.

b) De seguido, o Pleno da Corporación, en sesión do 28 do novembro de 2003, acordou a aprobación inicial da modificación, que posteriormente foi sometida a información pública e a informe dos organismos con competencias sectoriais.

c) Tras iso, o Pleno do concello, en sesión do 28 de maio de 2004, acordou a introdución de modificacións, algunhas delas derivadas dos informes sectoriais, e unha nova exposición pública, por considerar que estas eran substanciais, que se levou a cabo mediante anuncios publicados nos xornais La Voz de Galicia, os días 2 e 6 de xuño do mesmo ano, e El Progreso, os días 3 e 6 dos mesmos mes e ano, así como no número 111 do Diario Oficial de Galicia correspondente ao día 10 dos ditos mes e ano, sen que fosen formuladas alegacións. Posteriormente, o Pleno do concello aprobou provisionalmente o proxecto modificado o 30 de xullo de 2004.

d) No expediente constan os informes favorables do arquitecto e da secretaria municipais emitidos o 12 de maio e o 26 de xullo de 2004, respec

tivamente, e tamén os informes sectoriais emitidos, en sentido favorable, pola Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia (por delegación do director xeral do Patrimonio Cultural), e polo enxeñeiro xefe da Unidade de Estradas en Lugo da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do 26 de decembro de 2003 e do 13 de decembro de 2004, respectivamente. Igualmente, consta que foi solicitado o informe da Confederación Hidrográfica do Norte, que non foi emitido.

e) A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en sesión do 18 de marzo de 2005, emitiu informe favorable do expediente para os efectos do disposto no artigo 95.4º da Louga, co sinalamento dunhas precisións.

5. A orde do titular da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 15 de maio de 2005, dispuxo tanto a aprobación definitiva da modificación tramitada co sinalamento das condicións advertidas pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, como a obriga de remitir a este departamento, por triplicado exemplar, o documento en que estivesen incorporados os cumprimentos das citadas condicións.

6. Tras iso, o concello de razón, unha vez incorporadas as condicións sinaladas pola citada Orde do 15 de maio de 2005, na súa sesión plenaria do 28 de xuño de 2005 acordou aprobar provisionalmente o novo documento relativo á dita modificación denominado proxecto definitivo refundido da modificación puntual das NSP en Vilartelín (Baralla). Por medio do escrito da Alcaldía, do 30 de xuño do mesmo ano, remitíronse a esta consellería tres exemplares dilixenciados do dito documento.

7. Unha vez analizado o contido do referido documento aprobado polo concello o 28 de xuño de 2005, obsérvase que lles dá axeitado cumprimento ás condicións impostas na xa citada Orde do 15 de maio de 2005, procedendo, polo tanto, o outorgamento da aprobación definitiva da modificación.

8. A competencia para adoptar esta decisión correspóndelle á conselleira competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio consonte o disposto no artigo 85.5º da Louga.

En mérito do antedito, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por porposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobar definitivamente a modificación puntual da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Baralla (Lugo) en Vilartelín recollida no documento denominado Proxecto definitivo refundido da modificación puntual das NSP en Vilartelín (Baralla), que aprobou o concello na súa sesión plenaria do 28 de xuño de 2005.

Artigo 2º.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP de Lugo.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da citada Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de diciembre de 2005.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes