DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2006 Páx. 2.714

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 28/2006, do 9 de febreiro, polo que se autoriza o cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo, que pasará a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 8.2º que a creación, modificación e supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas, así como a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola comunidade autónoma, ben por proposta do Consello Social ou ben por propia iniciativa co acordo do referido Consello, en todo caso logo de informe do Consello de Goberno da universidade.

Pola súa banda, a Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades establece no seu artigo 5 f) que lle corresponde ao Consello Galego de Universidades emitir informe sobre as propostas de creación, modificación ou supresión de facul

tades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas.

O Consello Social da Universidade de Vigo, en uso da competencia atribuída no artigo 5 d) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, presentou na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expediente para o cambio da denominación da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra polo de Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Xustifícase o dito cambio de denominación por razóns de identificación do centro cos estudos que se veñen impartindo nel. Polo que a nova denominación reflicte con máis exactitude o ámbito das titulacións que se imparten no centro.

Por todo isto, de conformidade co disposto no citado artigo 8.2º da Lei 6/2001, por instancia do Consello Social da Universidade de Vigo, co informe do Consello de Goberno da Universidade e do Consello Galego de Universidades, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de febreiro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Autorízase o cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo, creada polo Decreto 250/1999, do 9 de setembro (DOG do 17 de setembro de 1999), que pasará a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

2. Na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte impartiranse os estudos, conducentes aos títulos de mestre nas especialidades de educación infantil, educación primaria, educación musical e educación física e de licenciado en ciencias da actividade física e do deporte, que xa se viñan impartindo na Facultade de Ciencias da Educación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de febreiro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria