DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2006 Páx. 3.029

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se aproban os documentos oficiais memoria técnica e certificado de adecuación á ITC MI IP03 e memoria técnica e certificado de adecuación á ITC MI IP04.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 26-6-1998, a Consellería de Industria e Comercio resolveu establecer as condicións téc

nicas de aplicación ás instalacións fixas para distribución ao retallo de carburantes e combustibles petrolíferos en instalacións de venda ao público e instalacións petrolíferas de uso propio, resolución que se publicou o día 20-7-1998 no Diario Oficial de Galicia e que levaba anexo o modelo de certificado que os titulares das instalacións petrolíferas de uso propio que non requiren proxecto para a súa execución deben presentar ante a Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria para a inscrición destas instalacións no rexistro correspondente.

Segundo.-O 22-11-1999 entrou en vigor o Real decreto 1523/1999, do 1 de outubro, polo que se modifica o Regulamento de instalacións petrolíferas, aprobado polo Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, e as instrucións técnicas complementarias MI-IP03, aprobada polo Real decreto 1427/1997, e MI-IP04, aprobada polo Real decreto 2201/1995, co que modificaba o marco no que se baseaba a normativa autonómica nomeada no antecedente de feito primeiro.

Terceiro.-Tras a entrada en vigor das referidas instrucións técnicas complementarias, cómpre actualizar as novas exixencias o modelo de certificado publicado pola dita resolución.

Por tanto, considerando os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-Que esta dirección xeral é competente para resolver en base ao establecido no Decreto 552/2005, do 20 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos.

Por todo o que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Aprobar o documento memoria técnica e certificado de adecuación á ITC MI IP03 que figura como anexo primeiro a esta resolución, que substitúe o modelo de certificado aprobado pola Resolución do 26 de xuño de 1998, da Consellería de Industria e Comercio, como documento oficial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para os efectos da tramitación previstos no artigo 33 da instrución técnica ITC MI IP03.

Aprobar o documento memoria técnica e certificado de adecuación á ITC MI IP04, que figura como anexo segundo a esta resolución, como documento oficial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para os efectos da tramitación previstos no artigo 35 da instrución técnica ITC MI IP04.

Esta resolución será de aplicación desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2006.

Anxo Ramón Calvo Silvosa

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas