Os institutos de medicina legal son órganos técnicos da Administración de xustiza previstos no artigo 479.4º da Lei orgánica do poder xudicial, cuxas normas xerais de organización e funcionamento están contidas no Real decreto 386/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos institutos de medicina legal.
Dentro deste marco lexislativo e en exercicio das competencias transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios ao servizo da Administración de Xustiza a través dos reais decretos 2166/1994, 2397/1996 e 233/1998, o Instituto de Medicina Legal de Galicia foi creado e regulado a través do Decreto 119/2005, do 6 de maio (Diario Oficial de Galicia do 18 de maio). Antes o Real decreto 1704/2004, do 16 de xullo, determinou a súa sede.
De conformidade coa normativa vixente, a relación de postos de traballo de médicos forenses e persoal funcionario do Instituto de Medicina Legal foi aprobado provisionalmente por acordo da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de xustiza, do Ministerio de Xustiza, do 1 de marzo de 2005.
As circunstancias nas que se está a desenvolver a medicina legal na nosa comunidade autónoma aconsellan, en aplicación da disposición derradeira
primeira do Decreto 119/2005, aprobar a orde de posta en marcha do Instituto de Medicina Legal de Galicia para incorporar unha organización dos medios máis racional e eficiente.
Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente
DISPOÑO:
Artigo único.-Entrada en funcionamento do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
O Instituto de Medicina Legal de Galicia, con sede en Santiago de Compostela e centros de traballo situados nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, entrará en funcionamento o próximo día 31 de marzo de 2006.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2006.
José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza

