DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2006 Páx. 4.733

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 21 de marzo de 2006 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2006 ao abeiro do Decreto 234/2003, do 3 de abril, sobre subvencións a fondo perdido para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

O Decreto 234/2003, do 3 de abril, constitúe o marco normativo polo que se regula a concesión de subvencións para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

O seu artigo 4 dispón que estas axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que cuantificarán as dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico.

A súa disposición derradeira primeira faculta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Vivenda e Solo, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, na súa disposición adicional sétima establece que as referencias contidas na normativa reguladora do organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, en canto ao conselleiro e a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, deberán entenderse referidas á Consellería de Vivenda e Solo.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do disposto no artigo 4 do Decreto 234/2003, do 3 de abril, e para dar cobertura a todos os expedientes que acaden no presente exercicio a fase de concesión, determínase:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as axudas do Decreto 234/2003, é a 17.02.331A.783.1.

2. O importe máximo destas axudas que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2006 será de 2.000.000 de euros.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2006.

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo