DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2006 Páx. 6.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 18 de abril de 2006 pola que se regulan os plans de explotación específicos para poliquetos e se aproban os plans para a explotación de poliquetos no litoral de Galicia para o ano 2006.

En Galicia os vermes mariños constitúen un recurso que fundamentalmente se utiliza para cebo na pesca deportiva, pero que nos últimos anos se está a converter nun produto comercial de alto valor.

A orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, do 6 de febreiro de 1998, pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia, outórgalles a consideración de recurso específico, e determina o acceso ás modalidades de extracción, as condicións para a súa explotación, os días e horarios permitidos para a actividade, as cotas máximas e outras normas reguladoras.

A partir da súa aprobación a Administración vén regulando a explotación dos poliquetos mediante

plans experimentais consensuados co sector, que permitiron realizar un seguimento exhaustivo do recurso de forma que se puido definir e delimitar os bancos de poliquetos susceptibles de seren explotados de forma comercial, a partir das cartografías realizadas polas entidades interesadas na explotación deste recurso.

Por outra parte, coa colaboración do Centro de Investigacións Mariñas procedeuse á identificación taxonómica de todas as especies de poliquetos comercializables completada cunha revisión bibliográfica sobre a bioloxía e ecoloxía de cada especie, da que resulta que as especies que se explotan actualmente son as seguintes:

-Hediste diversicolor (miñoca).

-Diopatra neapolitana (miñoca de tubo, casulo).

-Lumbrineris impatiens (gavilán).

-Arenícola marina (mangón, miñoca de area).

Unha vez acadada esta información, é xa posible regular a explotación deste recurso dun xeito ordinario, mediante a aprobación dos plans específicos de explotación.

Ademais cómpre regular o xeito de que as entidades asociativas do sector interesadas na explotación deste recurso poidan deseñar os seus propios plans de explotación, nos que deberán considerar unha avaliación dos stocks en tempo real por praias e especies antes do inicio da campaña, de xeito que permita adecuar o esforzo extractivo ás características das poboacións existentes co obxectivo de acadar unha actividade rendible, e compatible cunha extracción sustentable e conservativa do recurso.

Segundo a Orde do 6 de febreiro de 1998, pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia, no seu artigo 3º, a explotación de poliquetos requirirá a presentación dun plan de explotación segundo o establecido no Decreto 425/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 1994), polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os plans de explotación específicos de poliquetos serán aprobados por orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos unha vez elaborados conforme os artigos seguintes.

Artigo 2º

Os plans de explotación de poliquetos serán elaborados polas agrupacións sectoriais correspondentes e presentados polas entidades asociativas do sector nas delegacións territoriais antes do 31 de decembro de cada ano, (segundo a solicitude do anexo I). Axustaranse como mínimo ao seguinte esquema:

1. Obxectivos de explotación:

1.1. Obxectivos de produción en quilos por especie de poliqueto ao longo do ano.

1.2. Obxectivos económicos.

1.3. Número de participantes do plan.

2. Avaliación do recurso.

3. Plan de extracción e comercialización:

3.1. Datas previstas para a extracción das distintas especies.

3.2. Número de días máximos de actividade.

3.3. Tope de captura por mariscador para cada especie e día.

3.4. Formas de comercialización.

3.5. Normas de comercialización.

4. Plan financeiro.

Artigo 3º

Aprobado o Plan de explotación e cunha antelación mínima de 10 días ao inicio da actividade extractiva

mensual, as entidades titulares deberán solicitar a apertura da actividade, mediante escrito segundo o modelo que se adxunta como anexo II.

Os delegados territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo co previsto no Plan de explotación, ditarán resolución autorizando ou denegando a extracción, expresando as datas concretas da actividade e demais normas necesarias para o desenvolvemento do plan de explotación.

A falta de resolución expresa determinará a autorización presunta da actividade sempre que a solicitude se presentase dentro do prazo sinalado, doutra forma considerarase desestimada.

Artigo 4º

Apróbanse os seguintes plans de explotación para poliquetos para o ano 2006, que se desenvolverán conforme o indicado no artigo 3º e as instrucións que se poidan ditar ao respecto.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores de Foz.

Especies: Arenicola marina.

Días máximos de extracción: 156.

Puntos de control: en Foz, saída Mañente; en Barreiros, Esteiro, saída a Barreira.

Épocas probables de extracción: de marzo ata outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: bancos de Fondás e O Taro (ría de Foz).

Arte ou técnica de extracción: a pé.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores de Espasante.

Especies: Arenicola marina.

Días máximos de extracción: 35.

Puntos de control: peirao de Ortigueira e peirao de Ladrido.

Épocas probables de extracción: de xuño a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: Ladrido (peirao de Ladrido ata parque de cultivo, Laxas) Ortigueira (praia Cabalar, peirao de Ortigueira ata punta Cabalar), peirao Ortigueira (zona sur) e Senra (zona norte).

Arte ou técnica de extracción: a pé.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores de Ferrol.

Días máximos de extracción: 106.

Puntos de control: peirao e lonxa de Ferrol, ría de Ferrol (embarcacións de vixilancia).

Épocas probables de extracción: de xuño a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: desde Illa Redonda ata Illa Castelo.

Arte ou técnica de extracción: a mergullo con subministración de aire desde a superficie.

-Plan poliquetos da confraría de pescadores de Miño.

Especies: Hediste diversicolor, Arenicola marina, Diopatra neapolitana.

Días máximos de extracción: 70.

Puntos de control: porto de Miño (praia pequena do porto).

Épocas probables de extracción: de marzo a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: Castelo, Souto-Láncara Castelo Pedrido, Lombo de Espiñeira. Praia pequena do porto, Ponte do Porco e río Bañobre.

Arte ou técnica de extracción: a pé.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores da Coruña.

Especies: Lumbrineris impatiens e Arenicola marina.

Días máximos de extracción: 155.

Puntos de control: zonas de extracción.

Épocas probables de extracción: de marzo a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: entre Pedra do Sal ata praia de Bastiagueiro.

Arte ou técnica de extracción: a pé e a mergullo con subministración de aire desde a superficie.

-Plan de poliquetos da Asociación de Mariscadores Fonte Sta. Helena de Baldaio.

Especies: Arenicola marina.

Días máximos de extracción: 24.

Puntos de control: Fonte Santa Helena.

Épocas probables de extracción: de maio a setembro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: lagoa externa.

Arte ou técnica de extracción: a pé.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores de Corme-Camelle.

Especies: Lumbrineris impatiens.

Días máximos de extracción: 120.

Puntos de control: lonxas de Corme e Camelle.

Épocas probables de extracción: de marzo a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: desde Punta Gallada a Punta Morelo, desde Enseada de Anllóns a Punta Queimada e de Cabo Vilán a Punta Forcados.

Arte ou técnica de extracción: a pé e a mergullo con subministración de aire desde a superficie.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores do Pindo.

Especies: Lumbrineris impatiens e Arenicola marina.

Días máximos de extracción: 150.

Puntos de control: zonas de produción.

Épocas probables de extracción: de marzo a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: entre Punta Boxeco e Punta Curra.

Arte ou técnica de extracción: a pé.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores de Lira.

Especies: Hediste diversicolor, Arenicola marina, Lumbrineris impatiens.

Días máximos de extracción: 102.

Puntos de control: zona A (na praia da Lagoa boca do río), zona B (en Maceiras), zona C (praia de Arca).

Épocas probables de extracción: de marzo a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: zona A (praia de Lagoa e Lagoa de Carrofeito), zona B (praia de Carnota), e zona C (comprendida entre praia de Ximpón e praia de Arca).

Arte ou técnica de extracción: a pé.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores Portosín.

Especies: Hediste diversicolor, Diopatra neapolitana, Lumbrineris impatiens.

Días máximos de extracción: 53.

Puntos de control: peirao de Portosín.

Épocas probables de extracción: de marzo a maio, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: desde Punta Aguieira a Punta Cabalo.

Arte ou técnica de extracción: a mergullo con subministración de aire desde a superficie.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores de Vilanova de Arousa.

Especies: Hediste diversicolor e Arenicola marina.

Días máximos de extracción: 75.

Puntos de control: a pé de praia e na lonxa.

Épocas probables de extracción: de abril a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: Esteiro de Vilamaior intermareal (Vilanova).

Arte ou técnica de extracción: a pé.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores do Grove.

Especies: Hediste diversicolor, Arenicola marina, Diopatra neapolitana.

Días máximos de extracción: 88.

Puntos de control: zonas de extracción e lonxa do Grove.

Épocas probables de extracción: de marzo ata outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: de Punta Faxilda a Ponte da Illa da Toxa e de Punta Cabreirón a Ponte da Illa da Toxa.

Arte ou técnica de extracción: a pé.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores de Redondela.

Especies: Hediste diversicolor, Diopatra neapolitana, Arenicola marina.

Días máximos de extracción: 150.

Puntos de control: en Redondela (A Portela e a lonxa de Cesantes), en Vilaboa (peirao de Santa Cristina).

Épocas probables de extracción: de marzo a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: banco da Portela (entre a Punta do Monte Gordo e a Punta Socorro), praia da Barra, A Loxe (praia de Río Maior), zona sur da praia de Deilán.

Arte ou técnica de extracción: a pé.

-Plan de poliquetos da confraría de pescadores de Baiona.

Especies: Hediste diversicolor, Arenicola marina.

Días máximos de extracción: 60.

Puntos de control: praia de Santa Marta e rampla de Ruiz.

Épocas probables de extracción: de abril a outubro, ambos os dous inclusive.

Zona de traballo: Foz de Río Miñor e praia de Santa Marta.

Arte ou técnica de extracción: a pé.

Artigo 5º

Os armadores de embarcacións con permiso de explotación que inclúan artes de anzol e que estean utilizando poliquetos como cebo, deberán solicitarlles ás delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos autorización para a captura de poliquetos (segundo anexo II) indicando datas e zonas. Non poderán realizarse extraccións naquelas zonas nas que existan plans de explotación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Todas aquelas persoas que queiran dedicarse á extracción de poliquetos deberán figurar nun plan de explotación e estar en posesión dun permiso de explotación segundo o regulado no Decreto 425/1993, do 17 de decembro. Para a extracción a pé será suficiente o permiso de explotación para marisqueo a pé ou o permiso de explotación específico para poliquetos que só o habilitará para a extracción destas especies. Para a extracción desde embarcación, esta deberá contar no seu permiso de explotación coa modalidade de poliquetos, que contará como unha arte para os efectos de alternancia.

Segunda.-Segundo a Orde do 23 de abril de 1999 modificada pola do 13 de xuño de 2001, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional, a aprobación dos plans de explotación con arte ou modalidade de mergullo implica a autorización para realizar o mergullo nas zonas e período de vixencia daqueles, segundo as resolucións de apertura que sexan ditadas pola delegación territorial, sen prexuízo da correspondente aprobación para efectos de seguridade, outorgada pola Capitanía Marítima correspondente, de acordo co establecido na Orde do 14 de outubro de 1997, do Ministerio de Fomento, que establece as normas de seguridade para o exercicio de actividades subacuáticas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os plans de explotación presentados polas entidades que se recollen no artigo 4º desta orde estarán dispoñibles nos servizos centrais e delegacións territoriais correspondentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, así como na sede das entidades responsables destes. Nos mesmos lugares atópase á disposición dos interesados un modelo, en soporte informático, cos contidos mínimos que deben aparecer nun plan de explotación, para a súa presentación de acordo co artigo 2º.

Segunda.-Autorízase o director xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento desta orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos