DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2006 Páx. 7.311

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 25 de abril de 2006 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Down Compostela.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Down Compostela.

Supostos de feito.

Primeiro.-A fundación solicitou a clasificación e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, por medio do escrito presentado por Juan Jesús Martínez López, en calidade de presidente do padroado da fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 3 de febreiro de 2006 en Santiago de Compostela, ante o notario Carlos de la Torre Deza co número 324 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por todos os secretarios xerais na reunión celebrada o día 6 de marzo de 2006 elevou ao Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación Down Compostela.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola orde da Consellería de Presidencia, Admnistracións Públicas e Xustiza do 8 de marzo de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 59 do 24 de marzo), clasificouse como de interese social a Fundación Down Compostela.

Tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego, e dado o seu obxecto, adscribiuse á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, modificado polos decretos 332/2005, do 18 de agosto e 454/2005, do 1 de setembro, e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, que establece a estrutura orgánica do antedito departamento.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos estatutos da fundación, o seu obxecto é a promoción e realización de todas cantas actividades contribúan á mellora das condicións e da calidade de vida das persoas con síndrome de Down, procurando a súa plena integración familiar, escolar, social e laboral; e o desenvolvemento dunha vida normal, nun marco de solidariedade respecto doutras discapacidades.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos en que consta a denominación (Fundación Down Compostela), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación estará integrado por Juan Jesús Martínez López como presidente, Delmiro Prieto González como vicepresidente, Jaime Luis López Martínez como secretario, Elías Ledo Fernández como vicesecretario, Juan Jesús Villar Feáns como tesoureiro, e Francisco Fianza Castro, Juan José Ballesteros Díaz, María Soledad Ferro García,

Agustín Miras Palacios, Adelaida Negreira Riveiro, María del Mar Lorenzo Moledo e Jesús Asorey Carril como vogais.

Sétimo.-A Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, unha vez revisados os seus estatutos, solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu favorablemente con data 12 de abril de 2006.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das fundacións de interese galego, e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, é competencia deste departamento a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións da Fundación Down Compostela, dado o seu obxecto coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ao abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, á realización da finalidade fundacional débese destinar, polo menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ao artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presentar o orzamento de ingresos e gastos ao protectorado con anterioridade ao inicio do exercicio económico e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ao protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Así, en virtude do artigo 34 da Constitución española de 1978, o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, a Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que

se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer a declaración de interese galego á Fundación Down Compostela.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Terceiro.-Aprobar os seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral de aplicación citada, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a dar contas anualmente ao protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentar o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o cal se formula, debendo solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer potestativamente o recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo de un mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. En todo caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar