DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2006 Páx. 7.519

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 2 de maio de 2006 pola que se regula o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia.

Esta orde parte da consideración de que a violencia contra as mulleres non é un problema que afecte o ámbito privado senón que constitúe a manifestación máis brutal da desigualdade de que é testemuña a nosa sociedade.

Esta violencia dirixida ás mulleres polo mero feito de selo, despóxaas dos seus dereitos máis elementais, dos dereitos humanos que toda persoa debe poder exercer para desenvolver a súa vida nun contorno de libertade, capacidade de decisión sobre si e dignidade.

A Organización de Nacións Unidas na súa IV Conferencia Mundial sobre as Mulleres, celebrada en Beijing en 1995, recoñeceu que a violencia contra as mulleres é un obstáculo para a igualdade, o desenvolvemento e a paz xa que viola e menoscaba o desfrute dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais.

A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero impulsa a implicación dos poderes públicos na erradicación deste fenómeno que constitúe un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas.

A Consellería de Traballo do Goberno da Xunta de Galicia, segundo este criterio e de conformidade coa convicción da necesidade de erradicar a violencia e a desigualdade entre homes e mulleres na nosa comunidade, asume o compromiso de establecer medidas de acción positiva para facer reais e efectivos os dereitos das mulleres vítimas de violencia a través da incorporación ao mercado laboral.

As dificultades que se presentan no acceso ao emprego na nosa sociedade constitúese como unha das principais causas da desigualdade. Esta situación afecta moi especialmente as mulleres que nos últimos anos veñen reivindicando a súa presenza paritaria no terreo profesional e laboral, considerando esta como un dos dereitos básicos das persoas.

Seguindo esta liña vese necesario establecer accións positivas dirixidas a mulleres con especiais dificultades de inserción como son as mulleres vítimas de violencia toda vez que un gran número destas mulleres carecen dun traballo remunerado e en ocasións contan con escasas posibilidades de obtelo. Esta falta de autonomía económica dificulta a posibilidade, en moitos casos, de romper a situación de violencia que viven no fogar.

Con este obxectivo regúlase o Programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia, incardinado dentro das políticas activas de emprego; un programa baseado na solidariedade e dirixido a este colectivo de mulleres, facilitando a súa inserción sociolaboral a través das distintas medidas de mellora da empregabilidade e de fomento do emprego: orientación profesional, cursos de formación ocupacional, programas mixtos de formación-emprego, programas experienciais, incentivos á contratación por conta allea e fomento do autoemprego, que pretenden impulsar a mellora das condicións do noso mercado de traballo, contribuíndo á redución dos niveis de desemprego en Galicia.

Como queira que estamos ante un programa especial, polo colectivo ao que vai dirixido, a experiencia acumulada desde a súa entrada en vigor aconsellan proceder a unha nova regulación, desde a perspectiva de simplificar o procedemento de incorporación, facilitando deste xeito que as mulleres que acrediten a condición de vítima de violencia, a través da presentación dunha certificación expedida polo Punto de Coordinación das Ordes de Protección, poidan acceder ás diversas medidas de políticas activas de emprego postas en marcha, o que lles permitirá, en definitiva, ao integrarse de forma efectiva no mercado laboral, romper o círculo de violencia no que se atopan.

Con base no exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e contido.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia que, residindo na Comunidade Autónoma de Galicia, estean desempregadas, a través

da súa participación nas diversas medidas activas de emprego implementadas ou que poidan implementar a Consellería de Traballo.

2. As mulleres que se incorporen e, consecuentemente, sexan beneficiarias do programa desfrutarán de:

a) Preferencia no acceso aos programas:

-De mellora da empregabilidade, en concreto, aos servizos de orientación profesional e aos cursos de formación ocupacional.

-Aos mixtos de formación-emprego, a través da súa participación en escolas obradoiro, casas de oficios ou obradoiros de emprego.

-Aos de cooperación ou experienciais, a través dun contrato temporal de 12 meses de duración.

b) Incentivos adicionais:

-Para a súa contratación por conta allea.

-Nas distintas fórmulas de autoemprego.

Artigo 2º.-Solicitude de incorporación ao programa.

1. As mulleres que desexen incorporarse ao programa deberán presentar a correspondente solicitude no modelo que se publica como anexo a esta orde, dirixida á correspondente delegación provincial da Consellería de Traballo e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, acompañadas dos seguintes documentos:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade, tarxeta de identidade, pasaporte en vigor ou número de identidade de estranxeiros.

b) Certificación acreditativa da condición de vítima, expedida polo Punto de Coordinación das Ordes de Protección, dependente do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.

c) Certificado de empadroamento ou documentación similar.

2. Na solicitude as interesadas deberán facer constar, necesariamente, os seguintes extremos:

a) As medidas, por orde de preferencia numérica, previstas no artigo 1.2º a) desta orde, ás que desexan acollerse.

b) Concello no que desexarían desenvolver a súa actividade laboral.

c) Nivel de estudos que posúen (estudos primairos, bacharelato, formación profesional...).

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso exixidos ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, poderá requirirse da solicitante que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42º da mesma lei.

Cando a solicitante non achegue a certificación prevista na letra b) do parágrafo primeiro deste artigo, o órgano instrutor poderá solicitala directamente ao Punto de Coordinación das Ordes de Protección.

Artigo 3º.-Incorporación das beneficiarias.

1. Unha vez instruído o expediente polas respectivas delegacións provinciais remitirase xunto coa correspondente proposta de resolución ao director xeral de Promoción do Emprego que ditará a correspondente resolución que deberá ser notificada á interesada. Transcorrido o prazo de 6 meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver sen que se ditase resolución expresa, as solicitudes entenderanse estimadas.

2. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para a solicitante e outras posibles persoas interesadas, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto administrativo impugnado no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto fose expreso; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase, para a solicitante e outras posibles persoas interesadas, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto. Neste caso, non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto o recurso de reposición.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses da solicitante e outras posibles persoas interesadas.

3. A Dirección Xeral de Promoción do Emprego remitirá copia das resolucións dos expedientes ás respectivas delegacións provinciais da Consellería de Traballo.

Artigo 4º.-Programas de mellora da empregabilidade.

1. As beneficiarias do programa, terán preferencia absoluta para participar en accións de formación, orientación e busca de emprego, sempre e cando manifesten a súa intención de integrarse nas citadas accións, e cumpran os requisitos de acceso que se establezan na normativa reguladora.

2. As mulleres que manifestasen a súa intención de integrarse en accións de formación profesional ocupacional consensuarán co/a orientador/a laboral correspondente a tipoloxía da acción formativa na que se considere conveniente a súa inclusión.

Artigo 5º.-Programas mixtos de formación-emprego.

Nos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego seguiranse os procedementos de selección establecidos na súa normativa reguladora;

non obstante, cando as beneficiarias deste Programa decidan acollerse a eles, terán preferencia absoluta para incorporarse aos respectivos proxectos, sempre e cando cumpran os requisitos mínimos de participación.

Artigo 6º.-Programas de cooperación.

1. Ás beneficiarias que se incorporen a través dos programas de cooperación ofertaráselles, previa inscrición como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, un contrato de traballo nunha categoría profesional adecuada á súa titulación académica, por un período de 12 meses, que se poderá desenvolver en calquera concello da Comunidade Autónoma de Galicia, á elección das propias interesadas.

2. A selección das beneficiarias será realizada polas entidades ás que se subvencionará a súa contratación, mediante a presentación de oferta especial ante o Servizo Público de Emprego.

3. As beneficiarias do Programa poderán ser contratadas por entidades locais, por órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, ao abeiro do disposto nas respectivas ordes de convocatoria, coas seguintes especificidades:

a) As subvencións para a contratación das beneficiarias do Programa deberanas solicitar as propias entidades contratantes, por iniciativa propia, por instancia da propia beneficiaria ou da Consellería de Traballo.

b) A presentación das solicitudes de subvención non estará suxeita ao prazo previsto nas respectivas ordes reguladoras.

c) Na resolución de concesión da subvención farase constar, expresamente, a súa finalidade, esto é, a contratación de beneficiarias do Programa.

4. As beneficiarias percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica de 180 euros mensuais, se o centro de traballo estivese situado nun concello distinto ao do seu domicilio, agás que estes disten menos de 10 quilómetros entre as súas cabeceiras.

Artigo 7º.-Incentivos á contratación por conta allea.

1. As empresas que contraten ou incorporen a mulleres beneficiarias do programa, terán dereito a un incentivo adicional de ata 600 A, nas axudas establecidas nos programas de incentivos ao fomento da contratación por conta allea, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos para cada programa nas respectivas ordes reguladoras, e non estean contempladas como colectivo beneficiario específico nestas.

2. Estes incentivos quedarán sometidos ao réxime de axudas de minimis e, polo tanto, non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 A nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001 da Comisión Europea, do 2 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Artigo 8º.-Programa de fomento do autoemprego, economía social e iniciativas de emprego.

1. As mulleres desempregadas beneficiarias do programa que creen o seu propio posto de traballo poderán

acollerse aos incentivos previstos nos programas de apoio ao autoemprego, á economía social e ás iniciativas de emprego, convocadas pola Consellería de Traballo, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos na súas bases reguladoras. Naquelas axudas ou incentivos nos que este colectivo non estea recollido especificamente como beneficiario delas, recibirán un incentivo adicional de 600 A.

2. O disposto no parágrafo anterior aplicarase aos seguintes programas:

a) Programa de promoción do emprego autónomo.

b) Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

c) Programa de apoio á creación e ampliación de centros especiais de emprego.

d) Programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade.

e) Programa de apoio ás iniciativas de emprego para o desenvolvemento local e rural (ILES-IER).

e) Programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica.

f) Aqueloutros que, no ámbito do autoemprego, da economía social e do emprendimento se poidan establecer.

Disposición adicional

Para facilitar o desenvolvemento do programa, a Consellería de Traballo poderá asinar convenios ou protocolos de colaboración con entidades que se dediquen a apoiar as mulleres vítimas de violencia.

Disposición transitoria

As solicitudes de incorporación ao programa presentadas antes da entrada en vigor desta orde, sempre que non acadasen a fase de proposta de resolución, poderanse resolver de conformidade, ben co disposto na normativa vixente no momento da súa solicitude, ben segundo as estipulacións contidas nesta orde, atendendo, en todo caso, á situación que máis favoreza as mulleres que desexen acollerese ao programa.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 5 de xuño de 2003 pola que se establece el Programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia doméstica, así como cantas disposicións normativas de igual ou inferior rango se ditasen ao seu abeiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego a ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo