DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 26 de maio de 2006 Páx. 8.402

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 10 de maio de 2006 sobre selección e nomeamento de médicos forenses interinos.

A Lei orgánica do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, prevé que por razóns de urxencia ou necesidade se poderán nomear funcionarios interinos, que desenvolverán as funcións propias dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, mentres non sexa posible o seu desempeño por funcionarios de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento (artigo 472.2º).

O réxime estatutario dos funcionarios de carreira seralles aplicable a estes funcionarios interinos no que sexa adecuado á natureza da súa condición. En realidade, concédenselles aos nomeados interinos os mesmos dereitos e deberes dos funcionarios, agás a fixeza no posto de traballo; perciben as mesmas retribucións básicas e complementarias, salvo trienios, pero non lles será aplicable o réxime de clases pasivas e estarán integrados no réxime xeral da Seguridade Social (artigos 474.2º e 495.29º, 498.2º da LOPX).

En virtude da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e do decreto da Xunta de Galicia 438/1996, do 20 de decembro, os funcionarios do corpo de médicos forenses dependen organicamente da Comunidade Autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da consellería con competencia en materia de xustiza.

O decreto da Xunta de Galicia 119/2005, do 6 de maio, de creación do Instituto de Medicina Legal de Galicia, establece que as subdireccións territoriais do dito instituto son os centros de traballo e de destino dos médicos forenses.

Neste marco legal, correspóndelle á consellería con competencia en materia de xustiza regular con criterios obxectivos o nomeamento de funcionarios

interinos -que deberán posuír os requisitos e a titulación necesarios para o ingreso no corpo respectivo-, o prazo de toma de posesión, así como o seu cesamento (artigo 489 da LOPX).

Esgotada a vixencia das bolsas de interinos anteriores, procede efectuar unha nova convocatoria, adaptando a regulación ao novo réxime estatutario que resulta da Lei orgánica 19/2003.

Polo anteriormente exposto, e logo da negociación coas organizacións sindicais máis representativas no sector,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é a regulación do nomeamento de médicos forenses interinos para prover temporalmente postos vacantes ou desocupados no Instituto de Medicina Legal de Galicia.

2. Esta regulación comprende a selección dos candidatos, a formación e integración destes en bolsas de traballo, así como a ordenación do procedemento para o seu nomeamento e o seu cesamento como funcionarios interinos.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos do disposto nesta orde, entenderase por:

a) Bolsa de traballo: o conxunto de candidatos seleccionados para seren designados funcionarios interinos, ordenados nunha lista en función da puntuación obtida por méritos. Seguindo a orde da lista produciranse os nomeamentos. Durante a súa vixencia a lista retroalimentarase cos integrantes que sexan cesados como interinos.

b) Bolsa de reserva: a listaxe ordenada das persoas que poderán ser nomeadas funcionarios interinos de se esgotar a bolsa de traballo.

Artigo 3º.-Normas xerais.

1. Por razóns de urxencia ou de necesidade, a consellería con competencia en materia de xustiza, a través da dirección xeral competente, poderá nomear médicos forenses, mentres non sexa posible o seu desempeño por funcionarios de carreira.

2. Os nomeamentos de interinos produciranse, de acordo coas necesidades do servizo e coas dispoñibilidades orzamentarias, para ocuparen provisionalmente postos vacantes ou para supliren ausencias de titulares.

Capítulo II

Formación das bolsas de traballo

Artigo 4º.-Bolsas de traballo e bolsas de reserva.

1. A selección dos que desexen ser chamados para cubrir postos con carácter temporal realizarase mediante a inclusión das persoas que acrediten máis méritos en bolsas, integradas polos candidatos selec

cionados, ordenados nunha lista en función da puntuación que obtivesen de conformidade co previsto no artigo 8º desta orde.

2. Por cada subdirección territorial formarase unha bolsa de traballo e unha bolsa de reserva.

3. Se se esgotase a bolsa de traballo, ofreceráselles a posibilidade de aceptar voluntariamente a provisión de postos nunha subdirección territorial diferente aos integrantes da bolsa de traballo da subdirección territorial máis próxima.

De non aceptaren, serán chamados os integrantes da bolsa de reserva da subdirección territorial. No caso excepcional de esgotarse tamén a bolsa de reserva, mentres non se formen novas bolsas, ofreceráselles a posibilidade de aceptar voluntariamente aos integrantes da bolsa de reserva da subdirección territorial máis próxima. No seu defecto, ofreceráselles aos integrantes doutras bolsas de traballo ou reserva.

4. Só se poderá estar incluído nunha bolsa; se é o caso, o interesado deberá optar por unha bolsa de conformidade co previsto no artigo 10.3º desta orde.

Artigo 5º.-Composición e vixencia das bolsas de traballo.

1. O número de integrantes das respectivas bolsas determinarase aplicando as seguintes porcentaxes en relación cos postos de médico forense na respectiva subdirección territorial:

a) Bolsas de traballo: 30% dos postos.

b) Bolsas de reserva: 40% dos postos.

2. Reservarase o 5% dos postos de cada lista para persoas cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 33%, sempre que acrediten a compatibilidade funcional co desempeño das tarefas propias dos funcionarios dos corpos de médicos forenses.

3. As bolsas de traballo terán unha vixencia de dous anos, salvo que se esgote algunha das súas listaxes ou que, por modificacións lexislativas ou por circunstancias especiais, sexa necesario realizar unha nova convocatoria. Esta convocatoria anticipada requirirá a previa consulta á comisión paritaria mencionada no artigo 14º desta orde.

Artigo 6º.-Condicións dos candidatos.

1. Os candidatos para ser incluídos nas bolsas de traballo deberán reunir, na data en que remate o prazo de presentación de instancias, as condicións seguintes:

a) Ser español, maior de idade, menor de 65 anos e atoparse no pleno exercicio dos seus dereitos civís.

b) Posuír, ou estar en condicións de obter antes de finalizar o prazo de presentación de instancias, a licenciatura en medicina.

c) Figurar inscrito no servizo público competente como demandantes de emprego ou para mellora de emprego, agás os que se atopen traballando como interinos na Administración de xustiza.

d) Que non fosen condenados, nin estean procesados, nin inculpados por delito doloso, a menos que obtivesen a rehabilitación ou se ditase na causa auto de sobresemento.

e) Non estar inhabilitados para o exercicio das funcións públicas.

f) Que non fosen separados, mediante procedemento disciplinario, do servizo dunha Administración pública, nin suspendidos para o exercicio da función pública en vía disciplinaria ou xudicial, salvo que fosen debidamente rehabilitados.

g) Non ter causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública.

h) Que non fosen sancionados por falta moi grave, nin cesados como interinos por falta de capacidade ou rendemento nos últimos tres anos.

i) Non padecer defecto físico ou enfermidade psíquica ou física, ou calquera outra circunstancia que os incapacite para o posto de traballo.

j) Ter residencia na Comunidade Autónoma galega.

2. As condicións mencionadas nas dúas alíneas anteriores deben posuírse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes de inclusión nas bolsas e tamén no momento de tomar posesión no posto de traballo.

Artigo 7º.-Ordenación dos interesados na bolsa de traballo.

1. Os candidatos que reúnan as condicións establecidas nos artigos anteriores serán seleccionados en función dos seus méritos; aqueles que acrediten máis méritos integrarán as bolsas de traballo. A puntuación por méritos determinará a posición dos seleccionados na lista da respectiva bolsa de traballo.

2. No suposto de empate, desfarase pola maior puntuación obtida segundo a orde establecida no baremo de méritos. De continuar o empate, terase en conta, se é o caso, a puntuación obtida no primeiro exercicio de acordo coa alínea b), ou, no seu defecto, observarase a prioridade alfabética comezando pola letra correspondente á última oferta de emprego para os corpos da Administración de xustiza.

Artigo 8º.-Baremo de méritos.

1. A valoración dos méritos rexerase polo seguinte baremo:

I. Experiencia profesional.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto dos méritos previstos nesta epígrafe será de 18 puntos, en función dos:

a) Servizos como médico forense: 0,25 puntos por cada mes completo de servizo como médico forense; computarase a antigüidade desde o ano 1992.

b) Servizos como médico en institucións sanitarias públicas españolas: 0,12 puntos por mes completo de servizo.

II. Formación para ingreso no corpo de médicos forenses.

A puntuación máxima posible por esta epígrafe será de 10 puntos, en función da:

a) Superación do primeiro exercicio no último proceso selectivo concluso para o corpo de médicos forenses: 5 puntos.

b) Superación do segundo exercicio no último proceso selectivo concluso para o corpo de médicos forenses: 5 puntos.

c) Superación dun exercicio no penúltimo ou antepenúltimo proceso selectivo para o corpo de médicos forenses: 2,5 puntos.

III. Formación académica.

A puntuación máxima posible por esta epígrafe será de 7 puntos, a favor dos:

a) Aspirantes que estean en posesión do título de especialidade en medicina legal e forense expedido ou homologado polo Ministerio de Educación e Ciencia: 5 puntos.

b) Aspirantes que, para a obtención do título de médico especialista, teñan cumprido o período completo de formación como médico residente no programa MIR:

-MIR nas especialidades de psiquiatría, traumatoloxía e anatomía patolóxica: 3 puntos.

-MIR especialista en medicina interna: 2 puntos.

-MIR especialista noutras especialidades: 1 punto.

c) Aspirantes que acrediten:

-Estudos de postgrao: 0,50 puntos polo exame de grao; 0,30 puntos pola realización dos cursos monográficos de doutoramento ou do terceiro ciclo; 0,50 puntos por acreditar a suficiencia investigadora.

-Grao de doutor: 4 puntos cando a tese verse sobre materias relacionadas coa medicina legal e 2 puntos cando verse sobre outras áreas ou especialidades médicas.

IV. Coñecementos de lingua galega.

A puntuación máxima desta epígrafe será de 1,2 puntos a favor dos que, achegando documentación auténtica, acrediten formación en lingua galega segundo os niveis seguintes:

a) A superación do curso de perfeccionamento de lingua galega ou curso básico de linguaxe xurídica galega: 0,40 puntos.

b) A superación do curso medio de linguaxe xurídica galega: 0,70 puntos.

c) A superación do curso superior de linguaxe xurídica galega: 1,2 puntos.

Unicamente se valorará o maior nivel de dominio lingüístico acadado polo aspirante.

Só se lles concederá validez aos cursos ou titulacións homologados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

V. Formación continua.

Pola asistencia aos cursos de formación continua convocados e organizados pola Administración estatal, autonómica ou local, universidades, Real Academia de Medicina, colexios oficiais de médicos, así como os convocados polas organizacións sindicais ao abeiro dos acordos de formación continua nas administracións públicas, ata un máximo de 5 puntos, a razón de:

a) 0,02 puntos por cada hora de asistencia a cursos de formación continua sobre materias relacionadas coa medicina legal e forense.

b) 0,01 puntos por cada hora de asistencia a cursos de formación continuada sobre materias relacionadas con outras especialidades da medicina.

Non serán valorados os cursos realizados que estean incluídos no programa docente das titulacións académicas alegadas ao abeiro da epígrafe III deste artigo.

Artigo 9º.-Convocatoria das bolsas de traballo.

1. A dirección xeral competente en materia de xustiza da Xunta de Galicia é o órgano competente para a constitución das bolsas de traballo.

2. A convocatoria para a formación das bolsas de traballo publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes presentaranse nos lugares e no prazo que indicará a resolución da convocatoria.

Artigo 10º.-Formación das listaxes e aprobación das bolsas de traballo.

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a dirección xeral competente en materia de xustiza estudará a documentación achegada polos solicitantes, así como a que consta en poder da Administración, puntuará os aspirantes conforme o baremo establecido no artigo 8º desta orde e publicará as listas provisionais de puntuación dos aspirantes admitidos, con expresión dos seleccionados para integrar as bolsas e dos incluídos na cota de reserva respectiva. Nestas listaxes deberán figurar todos os aspirantes con nome, apelidos e número de documento nacional de identidade. Respecto dos admitidos, publicarase a puntuación detallada obtida na bolsa respectiva. Os seleccionados figurarán nunha listaxe ordenada segundo a puntuación obtida. En canto ás persoas non admitidas, indicarase a causa da exclusión.

2. As listas provisionais publicaranse nos taboleiros oficiais da dirección xeral competente e no sitio web da consellería con competencia en materia de xustiza.

3. Os interesados terán dez días desde a publicación das listas provisionais para reclamaren sobre calquera dos datos contidos na listaxe perante o órgano que realizou a convocatoria.

Os incluídos en máis dunha lista optarán, no mesmo prazo, a escoller a bolsa á cal queiran pertencer.

De non facelo, serán incluídas de oficio naquela en que ocupen a mellor posición.

4. Rematado o prazo previsto no punto anterior, a dirección xeral competente en materia de xustiza ditará resolución aprobando as listas definitivas de seleccionados, que se publicará nos lugares establecidos no punto 2 deste artigo.

Artigo 11º.-Selección e chamamento para un posto concreto.

1. Cando proceda o nomeamento dun interino para un posto concreto, a dirección xeral competente pola materia ou órgano en que delegue seleccionará o candidato que corresponda respectando a orde de prioridade establecida na respectiva bolsa.

2. Cando o chamamento corresponda a unha persoa que nese momento estea a desempeñar funcións como interina na Administración de xustiza, pasaralle a vez e quedará situada ao final da lista, excepto no suposto previsto no artigo 13º.2 desta orde.

3. A dirección xeral con competencia en xustiza ou órgano en que delegue publicará periodicamente as listas actualizadas das bolsas de interinos.

Artigo 12º.-Exclusión das bolsas de traballo.

1. Se a persoa a quen correspondese o chamamento para un posto concreto non acepta o seu nomeamento, non presenta en prazo a documentación prevista no artigo 17º desta orde ou non se presenta para tomar posesión, entenderase que renuncia ao nomeamento e quedará excluída da bolsa de traballo.

2. Non obstante, non se producirá o efecto de exclusión da bolsa de traballo cando a persoa seleccionada acredite:

a) Incapacidade temporal, mediante certificado médico expedido por un facultativo da Seguridade Social, sempre que esta situación teña unha duración igual ou superior a dez días desde a notificación.

b) Maternidade, se a renuncia se produce entre o sétimo mes de embarazo e a décimo oitava semana posterior ao parto.

c) Coidado de fillos menores dun ano de idade ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, enfermidade ou accidente non se poida valer por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída; sempre que se acredite a convivencia cos devanditos fillos ou familiar.

d) Adopción, se a renuncia se produce dentro das dezaseis semanas seguintes á chegada do adoptado ao novo fogar. Este prazo poderá iniciarse catro semanas antes da chegada do adoptado ao novo fogar no suposto de adopción internacional.

3. Excepcionalmente, por unha soa vez, non se producirá a exclusión da bolsa de traballo cando a persoa seleccionada solicite a súa inclusión ao final da lista.

4. Serán excluídos das listas os integrantes que o soliciten en calquera momento durante a súa vixencia, así como os que deixasen de reunir as condicións previstas no artigo 6º desta orde.

Artigo 13º.-Perda de posto na lista.

1. A persoa seleccionada para desempeñar un posto de traballo perderá o seu posto na lista e, cando sexa cesada como funcionaria interina, será situada ao final.

2. Non obstante, non se producirá o efecto previsto no punto anterior mentres a prestación de servizos sexa inferior aos 180 días desde a última perda de posto e sempre que o interino solicitase a reintegración ao posto que lle correspondía. Esta solicitude debe formularse no prazo improrrogable dos cinco días seguintes ao do cesamento.

Artigo 14º.-Participación e información.

1. Os sindicatos presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal ao Servizo da Administración de Xustiza en Galicia participarán en todo o proceso de elaboración e selección dos integrantes da bolsa de interinos a través dunha ou varias comisións paritarias integradas por un representante de cada sindicato e da consellería competente na materia, que velarán pola súa aplicación e desenvolvemento.

2. As xuntas de persoal, como órganos colexiados, poderán solicitar a información que consideren precisa sobre os criterios seguidos nos expedientes de proposta e nomeamento de funcionarios interinos, así como obter copias das bolsas de traballo.

Capítulo III

Nomeamentos de interinos

Artigo 15º.-Nomeamento de interinos para cubriren situacións de ausencia.

1. En caso de vacante, enfermidade, permiso ou licenza de longa duración ou outro motivo legal de ausencia que sexa preciso cubrir mediante o nomeamento dun funcionario interino, o subdirector territorial do Instituto de Medicina Legal formulará a solicitude de nomeamento de funcionario interino no modelo que figura como anexo I a esta orde, que deberá ser cuberto en todas as súas epígrafes.

2. A provisión temporal dunha vacante de conformidade co previsto nos puntos anteriores manterase só mentres non sexa posible completar os mecanismos para a provisión definitiva do posto por un funcionario titular.

Artigo 16º.-Resolución da solicitude.

1. De conformidade cos criterios establecidos no artigo 3º desta orde, a dirección xeral competente ou órgano en que delegue resolverá sobre a solicitude de dotación con interino.

2. A denegación ou concesión da solicitude seralle, en todo caso, comunicada ao órgano solicitante.

Artigo 17º.-Selección, chamamento ao candidato e entrega da documentación.

1. Aceptada a dotación con interino, a dirección xeral con competencias en materia de xustiza ou órgano en que delegue seleccionará o candidato segundo o establecido no artigo 11º desta orde.

2. Unha vez seleccionado, a dirección xeral competente ou órgano en que delegue ofreceralle a praza ao candidato para a súa aceptación ou manifestación de causa xustificada de renuncia no prazo de vinte e catro horas. Para este efecto emprazarase o candidato telefonicamente ou, de non contactar con el, mediante correo con xustificante de recepción.

3. Aceptada a oferta, o seleccionado deberá presentar ante a dirección xeral con competencia en materia de xustiza ou órgano en que delegue, no prazo de catro días naturais, os documentos que a seguir se detallan:

a) Declaración xurada de non estar condenado, procesado nin inculpado por delito doloso, incurso en causa de incompatibilidade, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

b) Certificado médico que acredite que non padece defecto físico ou enfermidade psíquica ou física que o incapacite para o desempeño do cargo.

c) Os aspirantes que teñan a condición legal de discapacitados con grao igual ou superior ao 33 por cento deberán presentar unha certificación dos órganos competentes do Ministerio de Traballo e Seguridade Social ou, se é o caso, da comunidade autónoma, que acredite a súa capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto que vai ocupar.

A falta de presentación da documentación indicada entenderase como renuncia tácita e suporá a baixa automática na bolsa de traballo.

Artigo 18º.-Toma de posesión.

No prazo máximo de dous días naturais desde a comunicación prevista no punto 2 do artigo anterior, o interesado deberá presentarse para tomar posesión no órgano correspondente. De non facelo, entenderase que renuncia ao nomeamento e quedará excluído da bolsa de traballo.

Por motivos excepcionais de urxencia para o servizo público poderá acordarse, de forma motivada, a incorporación inmediata do nomeado interino.

Artigo 19º.-Cesamentos e renuncias.

Os nomeamentos dos funcionarios interinos quedarán sen efecto cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Cando sexa cuberta por un funcionario titular unha praza desempeñada por interino. No caso de que, por circunstancias determinadas, o funcionario titular non ocupase efectivamente o posto de traballo, o cesamento terá efectos no momento da incorporación efectiva do funcionario titular. Se na Subdirección Territorial do Instituto de Medicina Legal

houbese máis dun funcionario interino, deberá cesar aquel que se nomease con data máis recente no órgano. No caso de empate aplicarase o establecido no artigo 7.2º desta orde.

2. Por falta ou falsidade inicial ou sobrevida dalgúns dos requisitos exixidos ou circunstancias alegadas para a súa inclusión na bolsa.

3. Por sanción de falta moi grave cometida polo funcionario interino.

4. Por manifesta falta de capacidade ou de rendemento de conformidade co establecido no artigo seguinte.

5. Por expiración do prazo ou finalización das necesidades do servizo ou urxencia que motivaron a cobertura mediante persoal interino.

6. Por supresión da praza desempeñada.

Artigo 20º.-Cesamento por falta de capacidade ou rendemento.

1. O director do Instituto de Medicina Legal poderá propoñerlle á dirección xeral con competencia en materia de xustiza o cesamento dun funcionario interino por falta de capacidade ou rendemento.

2. A proposta de cesamento será motivada, con descrición das circunstancias que a xustifican. Achegaranse con ela a xustificación documental de que se dispoña e o informe do subdirector territorial do Instituto de Medicina Legal en que o interesado estea prestando servizos. Previamente á súa remisión á dirección do instituto, daráselle traslado da proposta ao interesado polo prazo de tres días naturais para alegacións e porase á súa disposición a documentación durante o mesmo prazo. Neste prazo o interesado poderá achegar a documentación e propoñer proba sobre as circunstancias que motivan a proposta. Transcorrido o dito prazo, con ou sen alegacións do interesado, o director do instituto elevaralle a proposta á dirección xeral con competencia en materia de xustiza.

3. A dirección xeral competente incoará o expediente, acordando na mesma resolución darlles traslado da proposta de cesamento e das alegacións recibidas aos sindicatos mencionados no artigo 14º, que no prazo de dez días naturais poderán efectuar as consideracións e propoñer as probas que consideren procedentes.

4. Logo da proposta da subdirección xeral competente en materia de recursos humanos, o director xeral resolverá nun prazo de dez días naturais.

Artigo 21º.-Eficacia temporal dos nomeamentos.

1. A vinculación xurídica e económica coa consellería con competencias en materia de xustiza dos médicos forenses interinos comeza desde o momento do nomeamento e toma de posesión subseguinte.

2. A devandita vinculación extínguese na mesma data da posesión do titular que cubra a vacante, cando se incorpore o funcionario substituído ou cando por calquera

Artigo 22º.-Cursos de formación.

1. Sempre que as posibilidades orzamentarias o permitan, impartiránselle ao persoal seleccionado nas bolsas de traballo cursos dentro dos plans de formación permanente de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza.

2. O director ou subdirector territorial correspondente organizará un período de formación inicial obrigatoria para aqueles interinos que se incorporen ao Instituto de Medicina Legal por primeira vez.

Disposición adicional

Primeira.-Cambio de domicilio.

Cando un médico forense interino, pertencente a bolsas de traballo constituídas noutras comunidades autónomas, se traslade a un domicilio situado na Comunidade Autónoma galega, poderá solicitar a inclusión nunha bolsa de traballo, para o cal achegará certificación de méritos do órgano xestor de onde proceda. O interesado será baremado segundo a regulación do artigo 8º desta orde e será incluído na bolsa de traballo sempre que supere a puntuación do último integrante.

Disposición derrogatoria

Queda sen efecto a Orde do 25 de xaneiro de 2001 sobre selección, proposta e nomeamento de funcionarios interinos para cubriren prazas vacantes nos corpos de médicos forenses, oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma galega.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza