DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 15 de xuño de 2006 Páx. 9.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 6 de xuño de 2006 pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción.

O Decreto 64/2006, do 6 de abril, regula e establece as bases do réxime de subvencións para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción.

A disposición derradeira primeira do citado Decreto 64/2006 que regula o réxime de subvencións para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción, outórgalle á conselleira de Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, a potestade de ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a súa aplicación.

Esta orde convoca as subvencións, detalla o procedemento, establece o prazo de presentación de solicitudes de subvencións, indica o seu importe máximo e a partida orzamentaria en que figuran os créditos que amparan esta orde.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e desenvolvida polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, e o Decreto 505/2005, do 22 de setembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde abre a convocatoria, no exercicio económico de 2006, nun procedemento de concorrencia non competitiva, para as subvencións reguladas no Decreto 64/2006, do 6 de abril, DOG nº 79, do 25 de abril de 2006, destinadas ás persoas físicas promotoras de vivendas unifamiliares rurais, con baixos ingresos, para que poidan rematar os exteriores das súas casas, quedando protexidas da humidade e o clima en condicións de salubridade e seguridade, adecuadas ao medio e á paisaxe e respectuosas coa tipoloxía tradicional da zona.

Artigo 2º.-Actuacións protexibles.

1. En relación co determinado nos artigos 4º e 12º do Decreto 64/2006, o catálogo de traballos que corresponde ás actuacións protexidas enunciadas no anexo I do devandito decreto é o que figura no anexo I desta orde. Así mesmo, establécense como prezos máximos os das distintas partidas das bases de datos da construción de Galicia publicadas polo Instituto Tecnolóxico de Galicia e que se poden consultar na súa páxina web, http://www.itg.es/. Para as partidas non definidas determinaranse os rendementos por asimilación a outras partidas.

2. Os criterios de calidade para as citadas actuacións protexibles son os seguintes:

a) Nas actuacións deberán empregarse as formas e materiais que menor impacto produzan, así como as cores tradicionais na zona ou, en todo caso, as

que favorezan en mellor medida a integración na contorna inmediata e a na paisaxe.

De conformidade co establecido nos artigos 29 b) e 104 c) e d) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia:

-As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do asentamento. En tal sentido, para o acabamento das edificacións, empregarase a pedra ou os materiais tradicionais e propios da zona. En casos xustificados pola calidade arquitectónica da edificación, poderán empregarse outros materiais que harmonicen cos valores naturais, a paisaxe rural e as edificacións tradicionais da contorna.

-A tipoloxía das construcións deberá ser congruente coas características da contorna e os materiais empregados para a renovación e acabamento de fachadas e cubertas das edificacións, e os cerramentos de parcelas, deberán harmonizar coa paisaxe na que se vaian levar a cabo.

-As construcións deberán presentar todos os seus paramentos exteriores e cubertas totalmente rematados, con emprego neles das formas e os materiais que menor impacto produzan así como das cores tradicionais na zona ou, en todo caso, as que favorezan en mellor medida a integración na contorna inmediato e na paisaxe.

b) Quedan excluídos e prohibidos, e poden ser razón de perda da subvención, o uso de materiais inadecuados como bloques de formigón visto, e uralita-fibrocemento de calquera tipo vistos, e argamasas monocapas.

Artigo 3º.-Beneficiarios. Ingresos familiares.

De acordo co artigo 5º do Decreto 64 /2006, do 6 de abril, poderán solicitar as subvencións convocadas por esta orde, as persoas físicas que, sendo promotores de vivendas unifamiliares rurais, obteñan uns ingresos familiares ponderados que non excedan 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do correspondente exercicio do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

Para os efectos do determinado no artigo 5º e 7º do Decreto 64/2006, do 6 de abril, enténdese:

1. Por ingresos familiares a contía, expresada en número de veces o IPREM, da parte xeral e especial da base impoñible reguladas nos artigos 39º, 40º e 51º, respectivamente, do texto refundido do imposto sobre a renda das persoas físicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada un dos membros da unidade familiar relativa ao período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude da subvención.

Se o interesado non presentase declaración por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base, sen prexuízo do achega

mento dos documentos acreditativos que se establecen para a súa comprobación no artigo 4º desta disposición.

2. Por ingresos familiares ponderados, os resultantes de lles aplicar aos ingresos familiares o seguinte coeficiente multiplicador de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias de 1 membro: 1.

Familias de 2 membros: 0,95.

Familias de 3-4 membros: 0,90.

Familias de 5-6 membros: 0,85.

Familias de máis de 6 membros: 0,80.

3. Por unidade familiar tal e como resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

4. No caso dos galegos e galegas residentes no estranxeiro, os ingresos na moeda propia do país no que se obteñan calcularanse en función do seu contravalor en euros, aplicando o primeiro cambio oficial fixado para o comprador no mercado de divisas no ano seguinte ao que se refiran os ingresos.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para estas axudas, segundo o determinado no artigo 8º do Decreto 64/2006, presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, axustándose aos modelos que figuran no anexo II desta orde.

2. Os documentos que se deben achegar á solicitude son os seguintes:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou do NIF do solicitante.

b) Certificado emitido por un técnico competente na materia, do estado de construción das obras realizadas ata o momento segundo o determinado no artigo 3 do Decreto 64/2006, e de que estas se adecuan á licenza municipal de obras. No mesmo escrito certificarase que as obras propostas para a subvención tamén se adecuan á devandita licenza de obras.

c) Memoria descritiva de todas as obras que se pretenden realizar de entre as incluídas no artigo 4 do Decreto 64/2006, e o artigo 2º.1 desta orde, de modo que os paramentos exteriores e cuberta queden totalmente terminados, o seu orzamento e xustificación de que estas se adaptan ao medio e á paisaxe e axustándose aos criterios do artigo 2º.2 desta orde. A memoria deberá ir asinada por un técnico competente na materia.

d) Licenza municipal de obras.

e) Plano de situación da vivenda no que figure o nome da parroquia, do lugar, da rúa e o número ou denominación da casa.

f) Fotografías actuais de todas as fachadas da vivenda.

g) No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF:

-Se ten presentado o modelo de solicitude de devolución 104-105, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

-Para os que non presentasen o citado modelo de devolución, declaración responsable de todos os ingresos obtidos, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas que estivese de alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións, ou prestacións periódicas, certificado do INEM, e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

No suposto dos emigrantes, a xustificación dos ingresos familiares efectuarase mediante copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas presentada en España, ou da similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada, se é o caso, pola agregadoría laboral correspondente ou delegación consular de España.

h) Certificado municipal de situación da vivenda segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 64/2006, do 6 de abril.

i) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

j) Acreditación da composición da unidade familiar e número de perceptores de ingresos, mediante copia cotexada da declaración do IRPF ou, no caso de non estar obrigado a presentala, declaración responsable, e copia cotexada do libro de familia.

3. As solicitudes asinadas polos galegos residentes no exterior da comunidade autónoma poderán presentarse nas entidades galegas dos lugares de residencia que teñan recoñecida a galeguidade ou estean consideradas como colaboradoras, as cales deberán remitilas, en todo caso, á Secretaría Xeral de Emigración.

Esta secretaría xeral remitirá as solicitudes á Delegación Provincial da Consellería da Vivenda e Solo que corresponda en función da localización da vivenda.

Será preceptivo o informe da Secretaría Xeral de Emigración para toda solicitude presentada polos galegos e galegas residentes no exterior.

Artigo 5º.-Procedemento de concesión das subvencións.

1. As solicitudes presentadas conforme o artigo anterior, serán revisadas de acordo co artigo 10 do Decreto 64/2006, do 6 de abril, polos delegados

provinciais da Consellería de Vivenda e Solo. Unha vez revisadas as solicitudes, os delegados provinciais elevarán as propostas de concesión ou denegación da subvención á conselleira de Vivenda e Solo, quen ditará resolución expresa sobre a procedencia do outorgamento da subvención ou, de ser o caso, sobre a súa denegación, debidamente motivada, sempre dentro dos límites previamente xustificados.

2. Serán obxecto de denegación as propostas de concesión que queden sen asignación de recursos por esgotamento dos previstos na orde de convocatoria.

Contra as ditas resolucións que poñen fin a vía administrativa, poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser impugnado directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses, consonte o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Os solicitantes de subvencións ao abeiro desta orde aos que lles foran denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles, poderán presentalas de novo na seguinte convocatoria anual. Neste caso tomaranse como referencia os ingresos e demais circunstancias que no seu día motivaron a proposta de concesión.

3. Consonte co establecido no artigo 43º da Lei 7/2005, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a solicitude de subvencións para remate exterior das vivendas unifamiliares rurais de nova construción, comportará a autorización para que a Consellería de Vivenda e Solo solicite as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de dar cumprimento aos requisitos establecidos para a concesión das axudas previstas neste decreto.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

Para os efectos do disposto no artigo 9 do Decreto 64/2006, o prazo de presentación de solicitudes comezará o día da entrada en vigor desta disposición e rematará o 31 de agosto de 2006.

Artigo 7º.-Prazo de resolución.

De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo para resolver fíxase en tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro correspondente. Así mesmo, segundo o disposto no artigo 44.1º da antedita lei, vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Publicidade das subvencións concedidas.

As subvencións concedidas integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no rexistro de axudas e subvencións que terá carácter público.

Artigo 9º.-Importe máximo e dotación orzamentaria.

Para os efectos do determinado no artigo 6 do Decreto 64/2006, o importe máximo destas axudas será de 1.000.000 de euros, e instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado na aplicación 17.02.331A.781.0 do vixente orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO I

Catálogo de traballos

Nº orde 01. Limpeza de pedra.

Limpeza de cerrume de pedra existente, consistente: a) na retirada de vexetación manchas e residuos; b) no picado, rascadura e cepilladura de rexuntados deteriorados; c) no chorreo con area, auga ou outros materiais similares.

Nº orde 02. Revestimento exterior de cachotaría.

Revestimento de pechamentos exteriores existentes con cachote de pedra, tomado con morteiro de cemento e area limpa, con preparación de pedras, fixación, rexuntado, limpeza final incluso chorreo con auga, e aplicación, se fose necesaria, dunha imprimación hidrófuga e medios auxiliares, medida deducindo ocos superiores a 1,5 m.

Nº orde 03. Rexuntado con argamasa de cemento.

Rexuntado de muro de cachotaría de granito ou de lousa, realizado con argamasa de cemento e area limpa cunha dosificación aproximada de 1/4, incluso retacado con laxas do mesmo material do muro. Con limpeza por cepilladura previa da xunta empapándose con auga limpa incluso as superficies adxacentes, antes de aplicar a argamasa. Incluso aditivo hidrófugo a engadir os compoñentes da argamasa, no caso necesario para conseguir a impermeabilización das xuntas. Aconséllase que a argamasa sexa de cor similar á da pedra ou lousa, imitando os aglomerados usados tradicionalmente, para o que á argamasa terá que engadiráselle pigmentos minerais naturais.

Nº orde 04. Revocadura de argamasa.

Revocadura de argamasa composta por masa de cemento e area limpa, incluso co engadido dalgunha parte de cal ou cemento branco, aplicado en capas sobre cerrumes, sendo a primeira unha salpicadura

con area grosa e sobre esta un recebo con area máis fina, non será recomendable unha espesura total de non máis de 25 mm, incluso regrado e remate de arestas e esquinas, medido deducindo ocos maiores de 1,5 m.

Nº orde 05. Picado de revocadura.

Picado de revocadura de espesura variable en muros, realizado por medios manuais ou mecánicos, incluso limpeza final.

Nº orde 06. Saneamento de pinturas exteriores.

Eliminación e saneamento superficial de pintura plástica ou similar existente sobre paredes exteriores, realizado por medios manuais ou mecánicos, así como o tratamento de soportes e limpeza final, deixando a superficie lista para pintar, medido deducindo ocos maiores de 1,5 m.

Nº orde 07. Pinturas exteriores.

Pintura mineral, ou similar, impermeable á auga, aplicada de acordo coas normas, en paredes exteriores en bo estado e secas, na cor que favoreza a integración no medio, primeira man de fixativo en función da absorción da parede e dúas mans de pintura mediante brocha, rolo ou cepillo deixando o tempo de secado axeitado entre man e man, incluso remate e limpeza final, medido con dedución de ocos maiores de 1,5 m.

Nº orde 08. Imprimación antióxido para metal.

Aplicación de imprimación anticorrosiva para metais, previa rascadura de óxido por medios manuais ou mecánicos, incluso limpeza da superficie, aplicada con brocha ou pistola.

Nº orde 09. Pintura para metal.

Pintura ao esmalte satinado, coas mans necesarias para un bo acabamento sobre elementos metálicos.

Nº orde 10. Decapado de pintura sobre madeira.

Eliminación de pinturas vellas sobre madeira en carpintarías empregando soprete de ar quente e espátula, ou decapante quita pinturas e raspillado. Incluso extracción de puntas, desmontaxe de vidros con reparación se fosen especiais e limpeza de enmasillados, incluso desmontaxe da porta ou ventá, lixado e limpeza final e reinstalación da peza, medios auxiliares incluídos, a medida sobre a superficie real executada.

Nº orde 11. Pintura ao aceite para madeira.

Pintura ao aceite, incluso lixado, coas mans necesarias para un bo acabamento. Medida en superficie real executada.

Nº orde 12. Cuberta de tella.

Cuberta de tella composta por tella cerámica curva tomada con argamasa de cemento e disposta sobre pranchas de fibrocemento gran onda, executada cos seus remates, limas e beirís, incluso medios auxiliares, medida a superficie real.

Nº orde 13. Cuberta de lousa.

Cuberta de lousa, ancorada con ganchos inoxidables e colocada sobre listóns de madeira tratada, colocada cos seus remates, incluso medios auxiliares, limas e beirís, medida en superficie real.

Nº orde 14. Canalón.

Canalón de chapa metálica pregada de primeira calidade, con soportes de platinas do mesmo material, coa superposición e xuntas de dilatación necesarias, incluso babeiro, pezas especiais, pequeno material e medios auxiliares, totalmente rematado para a súa posta en funcionamento.

Nº orde 15. Baixante.

Baixante de tubo metálico, cos empalmes e superposición necesarias, convenientemente apromada sobre muro, con abrazadeiras do mesmo material da consistencia necesaria, cos remates, complementos, medios auxiliares e limpeza final, totalmente rematada para a súa posta en funcionamento.

Nº orde 16. Varanda de madeira.

Varanda de madeira exterior de alto formada por pasamáns superior e zócolo inferior, pezas verticais torneadas ou cadradas, convenientemente ensambladas, rematada e coa consistencia necesaria para o seu uso, incluso medios auxiliares ou de limpeza final.

Nº orde 17. Varanda de aceiro.

Varanda exterior resolta con pés de tubo oco de aceiro, con platinas horizontais superior e inferior do mesmo material, rematada e coa consistencia necesaria para o seu uso, sen incluír pintura incluso medios auxiliares ou de limpeza final.

Nº orde 18. Varanda de ferro forxado.

Varanda exterior de ferro fundido, realizada con redondos macizos e nós reengrosados, con pasamáns e bastidor, pés dereitos tomados con garras de ancoraxe, rematada e coa consistencia necesaria para o seu uso, incluso medios auxiliares ou de limpeza final.

Auxiliares

Nº orde A1. Contedores de entullo.

Evacuación de entullo en contedor pechado de 5 m de capacidade nominal, incluso transporte a pé de obra e a vertedoiro, así como a súa descarga.

Nº orde A2. Estada.

Estada homologada cumprindo todas as normas de seguridade, con montaxe e desmontaxe, lonas exteriores de seguridade e ornato, plataformas e marquesiñas, cando sexa necesario, de forma que se garanta o paso con seguridade de peóns pola vía pública. Incluso instalación cara o exterior do cartel identificativo da obra. Medios auxiliares e de seguridade, coidando especialmente o aspecto na vía pública das obras.

* Estas partidas son complementarias das actuacións en acabamentos exteriores e só se poderán solicitar conxuntamente con elas.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA