O Decreto 266/1989, do 23 de novembro, desenvolve a Lei 5/1989, do 24 de abril, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
A disposición adicional segunda do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, faculta o conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas para ditar, no ámbito das súas competencias, todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da devandita norma.
O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a nova estrutura da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Vivenda e Solo, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, na súa disposición adicional sétima, establece que as referencias contidas na normativa reguladora do organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, en canto ao conselleiro e á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, deberán entenderse referidas á conselleira e á Consellería de Vivenda e Solo, e o Decreto 505/2005, do 22 de setembro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo, determinándoa como o órgano da Administración competente en materia de vivenda.
A conselleira de Vivenda e Solo actúa no exercicio das competencias que ten atribuídas en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto.
Esta disposición regula o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes, indica o importe máximo das subvencións e a partida orzamentaria na cal figuran os créditos que amparan esta orde, sinala a contía máxima das subvencións que se concederán para alugueres a que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro e, en uso da autorización do artigo único do Decreto 111/1991, do 4 de abril, modifica os límites porcentuais das subvencións, establecidos no Decreto 266/1989, do 23 de novembro.
Logo dos informes preceptivos, e en uso das referidas autorizacións,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que terán vixencia indefinida, e establecer o marco da colaboración entre a Consellería de Vivenda e Solo e os concellos de Galicia, incentivados mediante esta convocatoria de subvencións a fondo perdido que, en réxime de concorrencia non competitiva se abre para o ano 2006 en materia de erradicación do chabolismo, enunciadas no Decreto 266/1989, do 23 de novembro, polo que se desenvolve a Lei 5/1989, do 24 de abril, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Exclúense desta convocatoria as subvencións a alugueres que se rexen por estas bases, e serán obxecto dunha convocatoria específica.
Artigo 2º.-Actuacións xerais.
De acordo co artigo 3 da Lei 5/1989, do 24 de abril, de medidas para a erradicación do chabolismo
no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os concellos de Galicia, en colaboración coa Xunta, elaborarán un censo de chabolas con indicación da súa localización e da relación de familias ocupantes delas.
Para a eliminación das actuais chabolas realizaranse convenios entre a Xunta de Galicia e os concellos afectados.
De acordo co artigo 4 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, as actuacións amparadas pola seguinte orde de subvencións son:
a) Fomento da promoción e adquisición da propia vivenda.
b) Promoción de vivenda por promotores públicos.
c) Subvención de alugueres.
Artigo 3º.-Fomento á promoción da propia vivenda.
De acordo co establecido no artigo 5 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, a subvención poderá acadar ata o 50% do orzamento de execución da vivenda e poderá incluír a contratación directa das obras de urbanización e saneamento e/ou subvención dos gastos de proxectos e honorarios.
Tanto as edificacións proxectadas como o seu orzamento deberán cumprir as condicións establecidas polo citado artigo 5 do Decreto 266/1989.
Artigo 4º.-Subvencións para a adquisición da vivenda.
1. De acordo co artigo 6.1º do Decreto 266/1989, poderase subvencionar ata un 30% do custo de adquisición polo propio chabolista de vivenda nova ou usada, sendo preciso que estea acreditada a súa integración social.
2. De acordo co artigo 6.2º do Decreto 266/1989, tamén se poderá subvencionar a adquisición polas entidades locais de vivendas novas ou usadas coa finalidade de destinalas ao realoxamento dos habitantes das chabolas. As vivendas así adquiridas deberán ser cedidas en arrendamento polas entidades locais, ben que, transcorrido polo menos o prazo de dous anos, e acreditada a integración social dos seus habitantes, poderán ser transmitidas en propiedade a estes e deberá deducirse do prezo de venda o importe da subvención. En uso da autorización, do artigo único do Decreto 111/1991, do 4 de abril, o límite porcentual da citada subvención poderá acadar o 80% do custo de adquisición do orzamento das vivendas promovidas polos concellos, en municipios de poboación inferior aos 50.000 habitantes e ata o 65% nos restantes.
3. O prezo das vivendas novas non poderá superar o das vivendas de prezo xeral da mesma zona segundo o Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro. O prezo das vivendas usadas non poderá superar o previsto para as vivendas usadas no Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro.
Artigo 5º.-Promoción por outros promotores públicos de vivenda.
Poderán ser subvencionadas as actuacións por outros promotores públicos, de acordo coas condicións establecidas no artigo 8 do Decreto 266/1989.
En uso da autorización, do artigo único do Decreto 111/1991, do 4 de abril, o límite porcentual da citada subvención poderá acadar o 80% do custo de adquisición do orzamento das vivendas promovidas polos concellos, en municipios de poboación inferior aos 50.000 habitantes e ata o 65% nos restantes.
O prezo das vivendas será o disposto no Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, para as vivendas de réxime especial da mesma zona territorial.
Artigo 6º.-Subvención de alugueres.
De acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 266/1989, cando se opte polo realoxamento dos chabolistas poderanse subvencionar os alugueres. En uso da autorización, do artigo único do Decreto 111/1991, do 4 de abril, o límite porcentual da citada subvención poderá acadar o 80% do custo do importe dos respectivos contratos en municipios de poboación inferior aos 50.000 habitantes e ata o 65% nos restantes.
O límite máximo por vivenda queda establecido en 300 euros/mes.
De acordo co artigo 10 da Lei 5/1989, do 24 de abril, o período de subvención non superará, agás casos excepcionais, os tres anos.
Artigo 7º.-Procedemento.
1. Os concellos presentarán nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a solicitude das subvencións para as actuacións previstas no artigo 4º do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, xunto cos censos debidamente cubertos, así como a proposta das actuacións que van realizar para facilitar o acceso á vivenda dos chabolistas e o saneamento da área de actuación, e un esquema dos recursos que achegarán ambas as dúas administracións.
Para os efectos do disposto neste artigo, e de acordo co artigo 3.1º do Decreto 266/1989, o formulario para a elaboración dos censos de chabolas é o que figura no anexo desta orde.
2. Os concellos peticionarios das subvencións presentarán coa solicitude inicial unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.
3. A documentación achegada polos concellos será sometida ao informe da xefatura do Servizo de Fomento e Calidade da Vivenda, da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo sobre o cumprimento de todos os requisitos establecidos na
Lei 5/1989, do 24 de abril; no Decreto 266/1989, do 23 de novembro, e nesta orde, o orzamento da actuación, a proposta de financiamento e a contía da subvención, e demais información que se considere oportuna.
O citado informe, xunto coa documentación achegada, servirá de base á correspondente proposta de convenio, que redactará a Consellería de Vivenda e Solo por proposta da directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.
4. A cantidade conveniada, que achegará a Consellería de Vivenda e Solo, estará dentro dos límites porcentuais establecidos nesta orde e do importe máximo consignado para o conxunto destas actuacións polo artigo 16º desta orde. A proposta de convenio notificaráseslles aos concellos para que dean a súa conformidade.
5. A conformidade dos concellos xustificarase mediante certificación do acordo do órgano competente polo que se aproba a proposta de convenio e se faculta o alcalde para asinalo. O dito documento deberá ir xunto cunha certificación na cal se faga constar que o concello dispón dos fondos necesarios para facer fronte ás obrigas propias que resulten da sinatura do convenio.
6. Serán desestimadas as solicitudes de subvención que queden sen asignación de recursos por esgotamento dos previstos nesta orde. Os concellos aos cales lles fosen denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles, poderán presentalas de novo na seguinte convocatoria anual. Neste caso tomaranse como referencia os censos e demais circunstancias que no seu día motivaron a solicitude de subvención, sempre que o concello, con ocasión da nova solicitude, confirme a súa validez e permanencia.
Artigo 8º.-Procedemento para o pagamento.
Nos propios convenios establecerase o sistema polo que se xustifique a realización das actividades conveniadas, en función das características destas.
No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
Artigo 9º.-Perda da subvención.
No convenio quedará debidamente estipulado que o incumprimento das condicións establecidas nel determinará a perda da subvención e a obriga do reintegro por parte do concello dos recursos achegados pola Consellería de Vivenda e Solo.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou priva
dos, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 10º.-Inspección.
Desde o momento da presentación da solicitude, a Consellería de Vivenda e Solo poderá realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados, a execución das actuacións aprobadas ou o destino da subvención concedida.
Artigo 11º.-Obriga de información.
Os concellos beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Vivenda e Solo así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
Artigo 12º.-Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta disposición e rematará o 30 de setembro de 2006, coa excepción das subvencións a alugueres, que serán obxecto dunha convocatoria específica.
Artigo 13º.-Prazos de resolución.
De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, o prazo máximo establecido para resolver e propoñer a sinatura do correspondente convenio será de tres meses, contados desde a presentación da solicitude.
Así mesmo, segundo o disposto no artigo 44.1º da antedita lei, vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os concellos poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.
Artigo 14º.-Recursos.
As resolucións desestimatorias que se diten porán fin á vía administrativa, e notificaráselle ao interesado de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contra a resolución que se dite poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Vivenda e Solo nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante o órgano xurisdicional competente, nos termos previstos no artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 15º.-Publicidade.
As subvencións que se outorguen integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no
Rexistro de Axudas e Subvencións que será de acceso público.
Artigo 16º.-Consignación orzamentaria e importe máximo.
O importe máximo destas subvencións será de 500.000 euros con cargo ao exercicio orzamentario de 2006, sen prexuízo das anualidades que poidan corresponder no suposto das subvencións que, recollidas nos respectivos convenios, teñan carácter plurianual, dentro dos límites establecidos na Lei de réxime financeiro e orzamentario.
Estas subvencións instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.331A.760.0 do vixente orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo.
Para o suposto das subvencións a alugueres nas ordes de convocatoria específica sinalarase a correspondente aplicación orzamentaria e o seu importe máximo.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do 21 de marzo de 2005 (Diario Oficial de Galicia nº 60, do 30 de marzo), e tamén cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.
Disposición adicional
Os concellos poderán achegarlle á Consellería de Vivenda e Solo propostas de actuación, debidamente motivadas e acompañadas dos censos correspondentes para actuacións relacionadas co artigo 9.1º da Lei 5/1989, do 24 de abril.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2006.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo
ANEXO
O formulario para a elaboración dos censos de chabolas a que se refire o artigo 3.1º do Decreto 286/1989 axustarase ao seguinte modelo.
1. Características do asentamento.
1.0. Denominación do asentamento. Denominación da zona.
1.1. Situación, delimitación e descrición xeral do asentamento e dos accesos a este. Localización sobre plano 1/10.000 e en detalle sobre plano 1/2.000. Distribución das chabolas dentro do asentamento e numeración destas sobre plano.
1.2.Reportaxe fotográfica en cor do conxunto do asentamento e dos principais grupos de chabolas.
1.3. Titularidade dos terreos nos cales está situado o asentamento. Cualificación urbanística dos terreos.
1.4. Nivel de urbanización: pavimentación. Conexións coas redes de servizos de eliminación de residuos, abastecemento de augas e subministración de enerxía eléctrica. Accesos á rede de comunicacións.
1.5. Nivel de servizos públicos: iluminación. Recolla do lixo. Transporte público. Teléfono público.
1.6. Nivel de equipamentos. Dispensario ou centro de saúde. Centro escolar. Farmacia. Centro cívico, relixioso, etc.
1.7. Nivel de salubridade. Proximidade de vertedoiros urbanos ou industriais. Nivel de degradación ecolóxica do medio.
1.8. Nivel de perigosidade. Proximidade de vía férrea ou de vías de tráfico rápido sen semáforos con perigo de accidentes. Terreos en pendente. Inundacións estacionais, etc.
2. Características da poboación afectada.
2.0. Número de familias do asentamento. Número de habitantes do asentamento. Pirámide de idades.
2.1. Antigüidade e continuidade do asentamento. Estabilidade media das familias na zona.
2.2. Procedencia das familias: do medio rural de Galicia, doutras cidades de Galicia, de zonas doutras comunidades autónomas, de países estranxeiros, de comunidades xitanas nómades, etc.
2.3. Nivel de saúde por idades e comunidades diferenciadas, se as hai.
2.4. Nivel cultural e de formación por idades e comunidades diferenciadas, se as hai.
2.5. Nivel económico. Medios de vida e principais ocupacións. Integración no mercado de traballo. Principais fontes de ingresos. Salario social. Traballo infantil.
2.6. Nivel de integración social. Número de persoas sen censar. Escolarización. Número de persoas con Seguridade Social. Nivel de autocontrol social interno. Asociacións veciñais.
2.7. Nivel de conflitividade. Delincuencia. Tráfico e consumo de drogas. Conflitos interétnicos, loitas de clans. Ocupación de vivendas deshabitadas. Mendicidade, etc.
3. Características das chabolas.
3.0. Chabola nº. Reportaxe fotográfica en cor.
3.1. Tipoloxía. Alboios. Furgóns. Casetas. Edificacións en ruínas, contiguas, illadas, en aluguer, etc.
3.2. Materiais empregados na fabricación, sistema de construción e nivel de deterioración.
3.3. Superficie e distribución interior da chabola. Número de persoas que a utilizan. Nivel de ocupación.
3.4. Nivel de seguridade, estanquidade e illamento térmico. Pavimentación.
3.5. Nivel de salubridade; condicións hixiénico-sanitarias.
3.6. Nivel de servizos, auga corrente, electricidade.
4. Características das familias.
4.0. Nome da persoa cabeza da familia, fotocopia do DNI e número da chabola que ocupan.
4.1. Composición da unidade familiar. Habitantes da chabola por idades, sexo e parentesco. Fotocopia do DNI de cada un dos membros.
4.2. Ingresos brutos do conxunto da unidade familiar, dos cales se efectuará unha valoración tomando por bases as declaracións responsables dos afectados visadas polos concellos respectivos, no caso de non poder achegar a documentación oficial acreditativa dos ingresos. Relación entre os ingresos, o IPREM e o salario social. Pensións e subvencións recibidas.
4.3. Estado de saúde de cada un dos compoñentes da unidade familiar.
4.4. Nivel de coñecementos, formación e escolaridade de cada un dos compoñentes da unidade familiar. Características culturais da unidade familiar.
4.5. Medios de vida, ocupacións e profesións exercidas polos membros da unidade familiar e situación laboral.
4.6. Procedencia e tempo de permanencia que levan no asentamento.
4.7. Nivel de integración social. Relacións cos habitantes e veciños dos núcleos do contorno. Relación cos demais habitantes do asentamento. Actitudes, opinións e expectativas cara á integración noutros barrios e grupos sociais ou consolidación e mellora da propia comunidade, etc.

