DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 14 de xullo de 2006 Páx. 11.331

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Preámbulo

A participación da cidadanía nos asuntos públicos confórmase hoxe como un elemento fundamental no contexto dun novo modelo de goberno caracterizado pola transparencia, a información e a asunción de responsabilidades, e constitúe, ademais, unha expresa encomenda que o artigo 9.2 da Constitución realiza aos poderes públicos en xeral e que o artigo 4.2 do noso Estatuto de autonomía deposita sobre os poderes públicos de Galicia, aos cales lles encarga a tarefa de facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

A competencia do Parlamento para a aprobación desta lei provén do disposto no artigo 28.1 do EAG, que, dentro do marco fixado polo artigo 149.1.18 e 149.3 da CE, recolle as atribucións da nosa comunidade autónoma para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de réxime xurídico da Administración pública de Galicia e de réxime estatutario do seu funcionariado.

Partindo deste marco normativo cómpre reparar no feito de que a evolución experimentada na nosa sociedade, que cada vez demanda máis prestacións públicas e de maior calidade, determina unha transformación da actividade da Administración, co conseguinte incremento da complexidade na súa actuación. Así, neste contexto, xorde a necesidade de lle ofrecer á cidadanía mecanismos de control a través da transparencia administrativa, que se configura, entón, como un fundamento esencial do sistema democrático moderno.

Nas raíces da tradición democrática europea xa está implícita a necesidade de transparencia administrativa, toda vez que no artigo 15 da Declaración dos dereitos do home e do cidadán de 1789 se establece que a sociedade ten dereito a exixir a todo axente público que lle renda contas da súa administración.

A evolución histórica do sistema político-administrativo amósanos unha etapa en que o recoñecemento formal do segredo constituía un principio propio da actuación das administracións públicas. Superada esa etapa, aparece a transparencia como criterio orientador da actividade das administracións públicas para garantir o cumprimento da legalidade, a eficacia e a eficiencia na xestión dos recursos públicos.

No momento actual, cómpre reforzar e impulsar o proceso de racionalización e transparencia na actividade da Administración, coa finalidade de eliminar

a súa imaxe de opacidade e inaccesibilidade, que xera desconfianza na cidadanía.

A transparencia permite facer efectivo o dereito dos cidadáns e da sociedade civil a coñecer a actividade da Administración e favorece o control da legalidade e oportunidade das decisións administrativas, facilitando que a sociedade asuma un papel activo na vida administrativa.

Unha opinión pública informada contribúe a definir e realizar accións públicas respectuosas co interese xeral. En consecuencia, resulta necesario fortalecer o dereito subxectivo de acceso á información e fomentar a creación de servizos de información administrativa que aproveiten o desenvolvemento das novas tecnoloxías como canles de transmisión e difusión.

A información obtida pola cidadanía permite a vixilancia eficaz e efectiva sobre a acción dos poderes públicos, eliminando o risco da existencia de actuacións desviadas do interese xeral.

En definitiva, as medidas incluídas nesta lei contribuirán a facer máis efectivo o dereito a unha boa administración, como principio consagrado no noso acervo xurídico desde a aprobación da Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.

Ademais, os avances da sociedade da información teñen un valor engadido no ámbito da nosa comunidade autónoma, pois os importantes movementos migratorios sufridos no pasado polo noso pobo conformaron unha singular xeografía política das comunidades galegas espalladas polo mundo. As novas tecnoloxías tenden pontes de comunicación cos galegos residentes no exterior, e as medidas que esta lei introduce con base nese soporte contribuirán a facer efectivos os dereitos que a aqueles lles recoñece o artigo 3 do EAG.

Por outra parte, unha Administración eficiente na utilización dos recursos públicos e comprometida coa satisfacción das necesidades da cidadanía debe contar con profesionais respectuosos cos principios éticos e de conduta, que conforman un código de boas prácticas administrativas que se positiviza nesta lei. Estes principios están implícitos nos deberes do persoal ao servizo das administracións públicas e a súa vulneración xera unhas efectivas consecuencias xurídicas.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Capítulo I

Ámbito e principios xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

1. Esta lei será de aplicación:

a) Á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Aos organismos autónomos, ás sociedades públicas, ás fundacións do sector público autonómico e ás demais entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Aos órganos con dotación diferenciada nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia que, carecendo de personalidade xurídica, non estean formalmente integrados na Administración da Comunidade Autónoma.

d) Aos entes e ás empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia en materia de persoal e contratación ás que fai referencia a Lei 10/1996, do 5 de novembro.

2. Sen prexuízo do disposto na normativa de xeral aplicación, os concesionarios de servizos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia someterán a súa actuación ás disposicións que nesta lei regulan expresamente a súa actividade.

Artigo 2º.-Principios xerais.

As entidades comprendidas no ámbito de aplicación desta lei e o persoal ao seu servizo, ademais de cumpriren o disposto na Constitución, no Estatuto de autonomía e no resto do ordenamento xurídico, adecuarán as súas actividades aos seguintes principios xerais:

a) Procurar a satisfacción do interese xeral na toma de decisións.

b) Garantir a transparencia, a eficacia e a eficiencia na organización e na xestión pública.

c) Proporcionar e difundir información constante, veraz, obxectiva e clara sobre a actuación do sector público autonómico.

d) Potenciar a súa accesibilidade e receptividade co obxecto de facilitar o coñecemento por parte da cidadanía das informacións e xestións que resulten do seu interese.

e) Fomentar e favorecer a participación da cidadanía nos asuntos públicos e no deseño e mellora dos servizos públicos. En particular fomentarase a participación equilibrada das mulleres e dos homes nos asuntos públicos.

f) Manter un diálogo aberto, transparente e regular coas asociacións representativas e coa sociedade civil.

g) Garantir nas súas relacións coa cidadanía o principio de non-discriminación por razón de xénero, raza, relixión ou crenza, ideoloxía, capacidade física ou psicolóxica, ou calquera outra circunstancia de índole persoal ou social. Buscarase especialmente e nos termos recollidos na Lei 7/2004 a eliminación absoluta das discriminacións directas e indirectas.

h) Facer efectivos os principios de racionalidade, claridade e confianza lexítima na relación da Administración cos cidadáns.

i) Impulsar o emprego das técnicas informáticas e telemáticas para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias.

j) Promover o uso normal do galego, oralmente ou por escrito, nas relacións coa cidadanía, sen prexuízo do dereito de non-discriminación por razóns da lingua.

k) Prestarlles especial atención ás necesidades das persoas discapacitadas, adoptando as medidas necesarias para facilitar o seu acceso á información e as súas relacións coa Administración.

Capítulo II

Transparencia na actividade administrativa

Artigo 3º.-Dereitos das persoas nas súas relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sen prexuízo dos dereitos recoñecidos na Constitución española, na lexislación europea, no Estatuto de autonomía de Galicia e na lexislación básica do Estado, as persoas, nas súas relacións coas administracións públicas galegas comprendidas no ámbito desta lei, teñen os dereitos que nela se establecen.

Artigo 4º.-Dereito das persoas á información.

1. As persoas teñen dereito a solicitar e obter información sobre os aspectos da actividade administrativa das institucións e órganos mencionados no artigo 1 desta lei que afecten aos seus dereitos e intereses lexítimos. A devandita información poderá ser de carácter xeral ou particular e comprende así mesmo o acceso aos arquivos e rexistros a que se refire o artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A información solicitada facilitarase de maneira clara e comprensible, garantíndose a suficiente difusión da información sobre os dereitos e sobre os recursos que, se é o caso, sexan pertinentes.

2. Para facer efectivo este dereito, as administracións e organismos incluídos no campo de aplicación desta lei contarán cos instrumentos de información xeral sobre os servizos públicos que prestan, a súa estrutura orgánica e funcional e a localización das súas unidades administrativas.

3. A través destes instrumentos facilitarase a información que lles garanta ás persoas o seu efectivo coñecemento do procedemento que se deberá seguir para as solicitudes ou actuacións que se propoñan realizar ante aquelas.

4. Todas as persoas poderán obter as informacións indicadas nas oficinas de atención ao cidadán que se establezan, ben presencialmente, ben por escrito ou ben por calquera medio electrónico, informático ou telemático que permita a súa debida constancia.

Tamén poderán transmitirse as ditas informacións a través de calquera dos referidos medios.

5. Cada consellaría ou unidade administrativa con actuación de relevancia externa, así como todo organismo ou ente do sector público autonómico das mesmas características, disporá dunha páxina web, na que se poderá acceder á información xeral referida nesta lei e á necesaria sobre a tramitación dos distintos procedementos administrativos, de acordo co que se determine regulamentariamente.

6. Garantiráselles o máis completo acceso á información ás persoas con calquera tipo de discapacidade.

7. Regulamentariamente determinarase a articulación dos instrumentos de información a que se refire este artigo.

Artigo 5º.-Dereito á información adicional ás persoas interesadas no procedemento.

Na notificación das resolucións e dos acordos administrativos, mesmo referidos a actos de trámite, identificarase sempre a funcionaria ou funcionario público ou autoridade que os ditou, con indicación do seu nome e do cargo que desempeña. Así mesmo, farase constar o enderezo postal, o teléfono e o enderezo de correo electrónico a que a persoa interesada poderá dirixir as súas solicitudes de información adicional en relación co acto notificado, e que serán contestadas polo medio solicitado pola persoa interesada no procedemento.

Para tal fin, a Administración facilitará un contrasinal persoal que permita a identificación como interesado no procedemento.

As contestacións a que se refire o parágrafo anterior terán carácter meramente informativo para o solicitante, sen que poida ser invocada para efectos de interrupción ou suspensión de prazos, caducidade ou prescrición.

A Administración autonómica adoptará as medidas pertinentes para que nos procedementos que se tramiten en soporte informático os interesados poidan coñecer o estado de tramitación dos procedementos por conduto telemático ou informático.

Artigo 6º.-Cartas de servizos.

1. As cartas de servizos son documentos de acceso público a través dos cales os órganos da Administración autonómica galega e os seus organismos informan as persoas sobre os seus dereitos nas súas relacións coa respectiva entidade, as concretas obrigas e responsabilidades que estas asumen para garantir aqueles dereitos e os adecuados niveis de calidade na prestación dos servizos públicos que teñen encomendados, así como aqueles outros que se entendan relevantes, para estes efectos, e que se determinarán regulamentariamente.

2. As cartas de servizos son elaboradas polo órgano competente, segundo o seu ámbito, que pode ser o dunha consellaría ou o de unidades inferiores desta se se considera máis adecuado.

3. A aprobación das cartas de servizos, que lle corresponde á consellaría materialmente competente, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellaría ou órgano correspondente.

4. As entidades a que fai referencia este artigo divulgarán polos distintos medios ao seu alcance as cartas de servizos co obxecto de que as persoas interesadas coñezan os compromisos e poidan demandar, de ser o caso, o seu cumprimento.

Artigo 7º.-Publicidade da programación anual e plurianual.

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma establecerá programas anuais e plurianuais en que se definirán os obxectivos concretos e as actividades e os medios necesarios para executalos, así como o tempo estimado para a súa consecución. Estes programas definirán os obxectivos e os prazos fixados polo Consello da Xunta de Galicia e determinarán as persoas ou os órganos responsables da súa execución.

2. Promoveranse fórmulas para que as persoas, individualmente ou por medio das organizacións e asociacións recoñecidas pola lei que as agrupen ou representen, poidan participar no deseño e elaboración destes programas nos termos en que se determine regulamentariamente.

3. O grao de cumprimento dos obxectivos fixados nos programas a que se refiren os puntos anteriores será avaliado periodicamente polos órganos competentes no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

4. A páxina web correspondente conterá a información sobre os programas e os seus obxectivos, e as formas de participación previstas no punto 2 deste artigo.

Artigo 8º.-Medios electrónicos, informáticos e telemáticos.

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia impulsará o emprego e a aplicación das técnicas e medios electrónicos e telemáticos para a realización da súa actividade e o exercicio das súas competencias, coas limitacións que para a utilización destes medios establecen a Constitución e as leis.

2. A tramitación dos procedementos administrativos apoiarase na utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos, respectando as garantías e cumprindo os requisitos previstos para cada caso no ordenamento xurídico.

3. A introdución de medios informáticos e telemáticos na xestión administrativa estará presidida polos principios de eficiencia e racionalidade dos investimentos realizados e axustarase aos criterios establecidos, de ser o caso, pola consellaría competente en materia de tecnoloxías da información na Administración pública.

4. A Comunidade Autónoma de Galicia manterá un rexistro telemático no cal as persoas poderán

presentar as súas solicitudes, escritos e comunicacións dirixidos á Administración da Comunidade Autónoma, aos seus organismos autónomos e aos demais entes públicos autonómicos que tramiten procedementos administrativos.

Artigo 9º.-Participación na elaboración de disposicións de carácter xeral.

1. Cada consellaría da Administración autonómica publicará na súa páxina web a relación circunstanciada e motivada dos procedementos de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral que estean en curso, indicando o seu obxecto e estado de tramitación, así como a posibilidade que teñen as persoas de remitir suxestións e a forma de facelo.

En calquera momento anterior ao trámite de audiencia ou, de ser o caso, ao informe final da secretaría xeral, as persoas, individualmente ou por medio de asociacións que as agrupen ou representen, poderán remitir suxestións relativas a aqueles proxectos que as afecten. As proposicións, suxestións ou recomendacións recibidas serán tidas en conta polo órgano encargado da redacción do texto do proxecto, que poderá asumilas ou rexeitalas a través dun informe final no cal recibirán unha resposta razoada, agás as de recoñecida e notoria urxencia, que poderá ser común para todas aquelas suxestións que formulen cuestións substancialmente iguais.

2. A presentación de propostas non atribúe, por si mesma, a condición de persoa interesada no procedemento.

3. O previsto neste artigo non substitúe o trámite de audiencia pública, nos supostos en que sexa preceptivo de acordo coa normativa de aplicación.

Artigo 10º.-Contratos públicos.

1. Os órganos de contratación das entidades comprendidas no ámbito de aplicación desta lei daranlles aos operadores económicos un tratamento igualitario e non-discriminatorio e actuarán con transparencia.

2. Nos procedementos de contratación en que, de conformidade coa normativa de contratos públicos, sexa preceptiva a publicación de anuncios de licitación, o órgano de contratación publicará, con carácter complementario, un anuncio na súa páxina web no cal se indicará o obxecto do contrato, o seu prezo, a referencia do diario oficial en que se publicou o anuncio, a data de remate do prazo de recepción de ofertas ou solicitudes de participación e o lugar onde estas deberán ser presentadas, así como os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas.

Os órganos de contratación poderán publicar na súa páxina web anuncios relativos a contratos públicos que non estean sometidos a unha publicidade obrigatoria.

3. De conformidade co que regulamentariamente se determine, cada órgano de contratación publicará na súa páxina web, unha vez adxudicado o contrato público, información sobre:

a) Os licitadores.

b) Os criterios de selección e a súa valoración.

c) O cadro comparativo das ofertas económicas.

d) A puntuación obtida por cada oferta, detallando a outorgada para cada un dos criterios de valoración.

e) O resumo da motivación da valoración obtida.

f) O adxudicatario.

g) De ser o caso, as modificacións do contrato adxudicado que supoñan un incremento igual ou superior ao 20 % do prezo inicial do contrato, e este sexa superior a 1.000.000 A.

Non procederá a divulgación da información facilitada polos operadores económicos que estes designasen como confidencial. Esta información inclúe, en particular, os segredos técnicos ou comerciais e os aspectos confidenciais das ofertas.

Así mesmo, poderá non publicarse aquela información relativa á adxudicación do contrato no caso de que a súa divulgación constitúa un obstáculo para aplicar a lexislación, sexa contraria ao interese público ou prexudique os intereses comerciais lexítimos dos operadores económicos públicos ou privados, ou poida prexudicar a competencia leal entre eles, debendo motivarse a concorrencia destas circunstancias en cada caso.

4. Nos supostos en que se proceda á cesión de contrato ou á subcontratación, daráselles publicidade a estas circunstancias xunto coas razóns que xustifican tal decisión, identificando os cesionarios e subcontratistas e as condicións dos acordos acadados entre o contratista e aqueles, coas excepcións a que se refiren os dous últimos parágrafos do punto anterior.

5. Nos contratos adxudicados por concurso, e salvo as excepcións que poidan establecerse en resolución motivada do órgano de contratación cando a relación entre a calidade e o prezo así o exixa, a ponderación do prezo como criterio de adxudicación do contrato non será inferior ao 40 % da puntuación máxima que poida atribuírse ás ofertas.

Artigo 11º.-Convenios de colaboración.

1. Cada consellaría ou entidade remitirá ao Diario Oficial de Galicia, dentro dos primeiros vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro de cada ano, unha relación dos convenios de colaboración, previstos no artigo 3.1.c) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, subscritos no cuadrimestre anterior.

Para os efectos da súa difusión na internet, a consellaría ou entidade fará pública, na súa respectiva páxina web e dentro dos primeiros vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro de cada ano, unha relación dos convenios subscritos referida ao cuadrimestre anterior. A información manterase dispoñible na Internet durante todo o exercicio orzamentario. Igualmente, manterase dispoñible na

Internet a información referida ao exercicio inmediatamente anterior.

Cando os devanditos convenios impliquen obrigas económicas para a Facenda autonómica, sinalaranse con claridade o importe destas, o obxecto do convenio e a persoa ou entidade destinataria da prestación.

2. No expediente administrativo deberá motivarse a utilización da figura do convenio de colaboración previsto no artigo 3.1.d) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e as razóns que impidan a concorrencia da oferta e exclúan a formalización dun contrato administrativo. A motivación publicarase no xeito previsto no parágrafo anterior.

3. Os convenios de colaboración plurianuais e os que impliquen a asunción de obrigas económicas para a Facenda autonómica por importe superior a 150.000 A requirirán a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.

4. O órgano superior competente en materia de rexistro de convenios manterá un rexistro central no cal figuren todos os convenios de colaboración. O rexistro central poderá contar con seccións, en cada unha das consellarías competentes por razón da materia, para aqueles convenios que polas súas características especiais ou polos seus contidos así o aconsellen. O rexistro central estará vinculado coas súas seccións, que deberán comunicarlle a aquel calquera inscrición ou asentamento que realicen.

A creación das seccións deberá ser acordada polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 12º.-Concesións de servizos públicos.

1. Os concesionarios de servizos públicos deberán rexerse na súa actuación polo principio de transparencia na xestión.

2. Os pregos de cláusulas administrativas conterán as previsións necesarias para garantir, como mínimo, os seguintes dereitos das persoas usuarias:

1º) A presentar queixas sobre o funcionamento do servizo, que deberán ser contestadas de xeito motivado e individual.

2º) A obter copia selada de todos os documentos que presenten nas oficinas da concesionaria, en relación coa prestación do servizo.

3º) A utilizar, á súa elección, o galego ou o castelán nas súas relacións coa entidade concesionaria e cos seus representantes e traballadores.

4º) A acceder a toda a información que teña no seu poder a concesionaria e sexa precisa para formular queixas ou reclamacións sobre a prestación do servizo. Quedan excluídos os documentos que afecten a intimidade das persoas e os relativos a materias protexidas polo segredo comercial ou industrial, así como, en xeral, aqueles que estean protexidos pola lei.

5º) A exixir da Administración o exercicio das súas facultades de inspección, control e, de ser o caso, sanción para corrixir as irregularidades na prestación do servizo.

6º) A ser tratadas con respecto ao principio de igualdade no uso do servizo, sen que poida existir discriminación nin directa nin indirecta por razóns de sexo.

Artigo 13º.-Actividade de fomento.

1. Por medio dunha lei específica regularase o réxime aplicable ás subvencións establecidas ou xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e, en xeral, por todo o sector público galego.

2. A xestión de subvencións e axudas públicas axustarase aos seguintes principios:

-Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

-Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

-Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

3. O rexistro e a publicidade das axudas, subvencións e convenios outorgados pola Comunidade Autónoma someteranse ao disposto na lei orzamentaria correspondente e demais normativa de aplicación.

4. Cada consellaría, organismo ou entidade de dereito público vinculada ou dependente da Administración da comunidade autónoma que realice actividades de fomento mediante o outorgamento de fondos públicos deberá publicar na súa páxina web oficial:

1º) Unha relación actualizada das liñas de axudas ou subvencións que vaian convocarse durante o exercicio orzamentario, con indicación dos importes destinados a elas, o seu obxectivo ou finalidade e a descrición dos posibles beneficiarios.

2º) O texto íntegro da convocatoria das axudas ou subvencións.

3º) As concesións das devanditas axudas ou subvencións, dentro dos cinco días seguintes ao da súa notificación ou publicación, indicando unicamente a relación dos beneficiarios, o importe das axudas e a identificación da normativa reguladora.

5. Enténdense incluídas para os efectos do establecido no parágrafo anterior:

a) As concesións de créditos oficiais por parte da Administración da Comunidade Autónoma, cando se outorguen sen xuros ou con xuros inferiores aos de mercado.

b) As concesións de axudas en que a administración asuma a obriga de lle satisfacer á entidade prestamista todo ou parte dos xuros.

c) As condonacións de créditos.

d) Calquera outro acordo ou resolución dos cales resulte un efecto equivalente á obtención de axudas directas por parte do beneficiario.

e) As achegas en diñeiro realizadas pola Comunidade Autónoma a favor das entidades locais, sempre que non estean destinadas a financiar globalmente actividade de cada ente.

6. Exceptúanse do disposto no parágrafo 4 e poden ser excluídos da publicación:

a) Aqueles supostos en que a publicación dos datos do beneficiario, en razón do obxecto da axuda, sexa contraria ao respecto e á salvagarda da honra e da intimidade persoal e familiar das persoas físicas, en virtude do establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe.

b) Aqueles datos que estean protexidos polo segredo comercial ou industrial.

c) Con carácter xeral, aqueles supostos, ou aqueles datos, en que así o exixan ou aconsellen razóns prevalentes pola existencia dun interese público máis digno de protección, que, en todo caso, deberá motivarse expresamente.

Capítulo III

Membros do Goberno e altos cargos

da Administración

Artigo 14º.-Ámbito.

Este capítulo é de aplicación:

a) Aos membros do Goberno autonómico.

b) Ás secretarias e secretarios xerais, directoras e directores xerais e cargos asimilados.

c) Ás delegadas e delegados e representantes do Goberno galego nos entes con personalidade xurídica pública.

d) Ás presidentas e presidentes, directoras e directores xerais e asimilados dos organismos autónomos.

e) Ás delegadas e delegados provinciais e territoriais dos departamentos da Xunta de Galicia.

f) Ao persoal eventual que, en virtude de nomeamento legal, exerza funcións de carácter non-permanente, expresamente cualificadas de confianza e asesoramento especial, nos gabinetes do presidente e dos demais membros do Consello da Xunta de Galicia.

g) Ás presidentas e presidentes, directoras e directores xerais, directoras e directores executivos, directoras e directores técnicos e titulares doutros postos ou cargos asimilados, calquera que sexa a súa denominación, en entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Administración autonómica, cuxo nomeamento sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.

h) Ás presidentas e presidentes, directoras e directores xerais e asimilados das empresas públicas,

sociedades ou fundacións en que a Xunta de Galicia, directa ou indirectamente, participe ou achegue máis do 50% do capital ou do patrimonio, cando tales cargos sexan designados logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.

i) Ao persoal eventual que, en virtude de nomeamento legal, exerza funcións de carácter non-permanente, expresamente cualificadas de confianza e asesoramento especial das presidentas e presidentes e directoras e directores xerais das entidades relacionadas no artigo 1 desta lei.

j) Aos titulares de calquera outro posto de traballo da Administración autonómica, calquera que sexa a súa denominación, cuxo nomeamento se efectúe por decisión do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Principios de actuación

1. As persoas comprendidas no ámbito de aplicación establecido no artigo 14 desta lei observarán, no exercicio das súas funcións, o disposto na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia e no resto do ordenamento xurídico, e promoverán o respecto aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas.

2. Así mesmo, adecuarán a súa actividade aos seguintes principios éticos e de actuación:

1º) Actuarán con transparencia na xestión dos asuntos públicos, favorecendo a accesibilidade e receptividade da Administración a todos os cidadáns.

2º) Observarán un comportamento ético e dirixido á satisfacción do interese xeral.

3º) Respectarán o principio de imparcialidade, de modo que manteñan un criterio independente e alleo a todo interese particular.

4º) No exercicio das súas funcións tratarán de igual xeito a todas as persoas que se atopen en idénticas situacións, sen facer discriminacións.

5º) Promoverán a adopción de medidas de acción positiva para a consecución da igualdade entre mulleres e homes e para a protección dos colectivos desfavorecidos.

6º) Realizarán con lealdade e integridade as funcións ou tarefas que teñan asignadas.

7º) Usarán normalmente o galego, oralmente e por escrito, nas relacións coa cidadanía.

8º) Actuarán de boa fe e coa dilixencia debida no cumprimento das súas obrigas e fomentarán a calidade na prestación de servizos públicos.

9º) Exercerán os poderes que lles atribúe a normativa vixente coa finalidade exclusiva para a que lles foron outorgados e evitarán toda acción que poida pór en risco o interese público, o patrimonio das administracións ou a imaxe que debe ter a sociedade respecto dos seus servidores.

10º) Serán responsables das accións realizadas no desenvolvemento das súas funcións e garantirán a ausencia de arbitrariedade na adopción das súas decisións. Así mesmo, están obrigados a pór en coñecemento dos órganos competentes calquera actuación irregular da cal teñan coñecemento.

11º) Non se implicarán en situacións, actividades ou intereses incompatibles coas súas funcións e absteranse de intervir nos asuntos en que concorra algunha causa que poida afectar a súa obxectividade.

12º) Non aceptarán regalos que superen os usos habituais, sociais ou de cortesía, nin favores ou servizos en condicións vantaxosas que poidan condicionar o desenvolvemento das súas funcións.

13º) Protexerán e conservarán os recursos públicos e non os utilizarán para actividades que non sexan as autorizadas.

14º) Usarán as prerrogativas inherentes aos seus cargos unicamente para o cumprimento das súas funcións e deberes e non se valerán da súa posición na Administración para obteren vantaxes persoais ou materiais.

15º) Manterán unha conduta digna, tratando os cidadáns con esmerada corrección.

16º) Prestarán especial atención ás necesidades persoais e materiais das persoas discapacitadas, adoptando as medidas necesarias para facilitar o seu acceso á información e as súas relacións coa Administración.

17º) Sen prexuízo do disposto nas leis sobre difusión da información de interese público, gardarán a debida reserva respecto dos feitos ou informacións de que teñan coñecemento con motivo ou ocasión do exercicio das súas competencias.

18º) Observarán estritamente o réxime de incompatibilidades previstas na lei reguladora e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 16º.-Información previa ao Parlamento.

1. O Consello da Xunta de Galicia, con carácter previo ao nomeamento da directora ou director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, das presidentas ou presidentes do Tribunal Galego de Defensa da Competencia, do Consello Económico e Social, do Consello da Cultura Galega, ou doutros órganos que poidan establecerse por lei, e cuxo nomeamento sexa realizado polo Consello da Xunta por un período de tempo determinado, porá en coñecemento do Parlamento de Galicia o nome das persoas propostas para estes cargos co fin de que poida dispor a súa comparecencia ante a comisión correspondente da Cámara.

2. A Comisión Parlamentaria examinará, de ser o caso, as candidaturas propostas. Os seus membros formularán as preguntas ou solicitarán as aclaracións que crean convenientes.

Artigo 17º.-Información sobre retribucións.

A páxina web da Xunta de Galicia publicará nominalmente as retribucións públicas percibidas polas persoas a que se refire o artigo 14 desta lei, con expresa indicación dos diferentes conceptos retributivos.

Artigo 18º.-Tratamentos.

O tratamento oficial dos membros do Goberno e dos altos cargos será o de señor/señora, seguido da denominación do cargo, emprego ou rango correspondente.

Disposición adicionais

Primeira.-Modificación do artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidade de altos cargos.

O artigo 2 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidade de altos cargos, queda redactado como segue:

«Artigo 2.-Ámbito de aplicación.

O réxime de incompatibilidades establecido nesta lei será de aplicación aos seguintes cargos públicos:

a) Aos membros do Goberno autonómico.

b) Ás secretarias e secretarios xerais, directoras e directores xerais e cargos asimilados.

c) Ás delegadas e delegados e representantes do Goberno galego nos entes con personalidade xurídica pública.

d) Ás presidentas e presidentes, directoras e directores xerais e asimilados dos organismos autónomos.

e) Ás delegadas e delegados provinciais e territoriais dos departamentos da Xunta de Galicia.

f) Ao persoal eventual que, en virtude de nomeamento legal, exerza funcións de carácter non-permanente, expresamente cualificadas de confianza e asesoramento especial, nos gabinetes do presidente e dos demais membros do Consello da Xunta de Galicia.

g) Ás presidentas e presidentes, directoras e directores xerais, directoras e directores executivos, directoras e directores técnicos e titulares doutros postos ou cargos asimilados, calquera que sexa a súa denominación, en entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Administración autonómica, cuxo nomeamento sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.

h) Ás presidentas e presidentes, directoras e directores xerais e asimilados das empresas públicas, sociedades ou fundacións en que a Xunta de Galicia, directa ou indirectamente, participe ou achegue máis do 50% do capital ou do patrimonio, cando tales cargos sexan designados logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno.

i) Ao persoal eventual que, en virtude de nomeamento legal, exerza funcións de carácter non-permanente, expresamente cualificadas de confianza e asesoramento especial das presidentas e presidentes e directoras e directores xerais das entidades relacionadas no artigo 1 da Lei de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

j) Aos titulares de calquera outro posto de traballo da Administración autonómica, calquera que sexa a súa denominación, cuxo nomeamento se efectúe por decisión do Consello da Xunta de Galicia».

Segunda.-Modificación do artigo 10 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidade de altos cargos.

O artigo 10 da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidade de altos cargos, queda redactado como segue:

«Artigo 10.-Rexistros.

1. Constitúense o Rexistro de Actividades de Altos Cargos e o Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia, nos cales se inscribirán as correspondentes declaracións.

2. O Rexistro de Actividades de Altos Cargos será público. O contido das declaracións inscritas nel, pertencentes aos titulares daqueles postos cuxo nomeamento sexa efectuado por decisión do Consello da Xunta de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia e estará dispoñible na internet.

3. Do contido do Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia daráselle conta anualmente ao Parlamento de acordo co que se estableza no Regulamento da Cámara.

Así mesmo, terán acceso a el:

a) Os órganos xudiciais, para a instrución ou resolución de procesos que requiran o coñecemento dos datos que constan no rexistro, de conformidade co disposto nas leis procesuais.

b) O Ministerio Fiscal, cando realice actuacións de investigación no exercicio das súas funcións que requiran o coñecemento dos datos que constan no rexistro.

c) O Defensor del Pueblo e o Valedor do Pobo, nos termos previstos nas súas leis de creación.

4. Non serán obxecto da publicidade prevista no parágrafo precedente as copias da última declaración tributaria correspondente ao imposto sobre a renda das persoas físicas e, se é o caso, do imposto sobre o patrimonio neto recollidas no artigo 8.1.b) da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades de altos cargos.

5. O persoal que preste servizos nos rexistros ten o deber permanente de manter en segredo os datos e informacións que coñeza por razón do seu traballo».

Terceira.-As publicacións realizadas nas páxinas web a que se refire esta lei terán carácter meramente informativo e o seu sentido non vinculará a Administración actuante.

En calquera caso, os contidos publicados no Diario Oficial de Galicia terán prevalencia sobre os das referidas páxinas web.

Para os efectos de cómputo de prazos, terase en conta exclusivamente a data de publicación no Diario Oficial de Galicia ou, se é o caso, a data da notificación ou publicación a que se refiren os artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se desenvolva regulamentariamente esta lei, permanecerán en vigor, en todo o que non se opoñan a ela:

a) O Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

b) O Decreto 169/1995, do 16 xuño, polo que se regulan os rexistros de Actividades e Intereses e de Bens de Altos Cargos.

Segunda.-O número 1 do artigo 11 entrará en vigor aos seis meses da publicación desta lei no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Primeira.

1. Autorízase a Xunta de Galicia, no marco das súas competencias, para ditar cantas disposicións exixan a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

2. No prazo de seis meses, a partir da súa entrada en vigor, a Xunta de Galicia ditará as normas regulamentarias que exixan a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente