DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 18 de xullo de 2006 Páx. 11.505

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2006, da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, de delegación de competencias nas delegacións provinciais deste organismo.

No Decreto 257/2004, do 29 de outubro, sobre réxime xurídico das vivendas de promoción pública, regúlanse diversos procedementos administrativos que tramitará o Instituto Galego da Vivenda e Solo que, de acordo co Decreto 506/2005, do 22 de setembro, de estrutura orgánica do IGVS, son competencia desta dirección xeral. Por motivos de axilidade e na procura dun beneficio aos cidadáns, é necesaria a delegación de certas competencias que xa viñan sendo exercidas conforme a normativa anterior polas delegacións provinciais.

Consonte o anterior, e de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

RESOLVO:

Primeiro.-Deléganse nos delegados provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo as seguintes competencias:

1. Resolución dos expedientes polos que se acepta a renuncia dos adxudicatarios de vivendas de promoción pública.

2. Resolución dos expedientes sobre regularización da situación dos ocupantes de vivendas de promoción pública.

3. Resolución dos expedientes de cambio de réxime de vivendas de promoción pública.

4. Xestión dos expedientes de amortización anticipada das vivendas de promoción pública en facturación directa por parte do IGVS, así como a proposta de resolución deles.

5. Cualificación das vivendas de promoción pública.

6. Expedientes de desafiuzamento administrativo, así como calquera outro que supoña a resolución de contratos de vivendas de promoción pública.

7. O exercicio dos dereitos de tanteo e retracto sobre vivendas de promoción pública.

8. Xestión e tramitación de estudos económicos das vivendas de promoción pública, así como proposta de resolución deles.

9. Visados de contratos relativos ás vivendas de promoción pública, en segundas ou sucesivas transmisións.

10. Tramitación e resolución dos expedientes relativos a subrogacións en contratos de aluguer ou, de

ser o caso, de acceso diferido á propiedade e toma de razón dos cambios de titularidade nas vivendas de promoción pública.

Segundo.-O exercicio das competencias que se delegan axustarase ao disposto nos artigos 13 e 14 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

En calquera momento, o director xeral do IGVS poderá avocar para si o exercicio das competencias delegadas.

Terceiro.-Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao acordado nesta resolución.

Cuarto.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2006.

Daniel Pino Vicente

Director xeral do Instituto Galego da Vivenda

e Solo