DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 03 de agosto de 2006 Páx. 12.266

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia, a través dos seus órganos competentes, pode celebrar convenios de colaboración, coordinación, execución ou asimilables con outras administracións e entidades públicas e privadas, no ámbito das súas respectivas competencias.

En virtude do Decreto 229/2002, do 4 de xullo, regulouse o funcionamento do Rexistro de Convenios que celebre a Xunta de Galicia, organismos autónomos e entes de dereito públicos dependentes dela como arquivo público adscrito ao departamento da Xunta de Galicia competente en materia de relacións institucionais. Configúrase así o rexistro como un instrumento administrativo no que figurarán os convenios que a Administración autonómica, os seus organismos autónomos e entes de dereito público asinen con outras administracións ou outras entidades de dereito público.

A través do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, estableceuse a nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Posteriormente, o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, modificado polos decretos 332/2005, do 18 de agosto e 454/2005, do 1 de setembro, fixa a estrutura orgánica dos seus departamentos.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro (DOG nº 195, do 10 de outubro), polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar atribúelle á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais a competencia para xestionar o rexistro dos convenios que sexan autorizados polo Consello da Xunta de Galicia e os que outorguen os departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos e entes de dereito público da Administración autonómica (artigo 4.1º f).

A modificación da estrutura orgánica da Xunta de Galicia, así como a necesidade de dotar dunha maior sistematicidade e transparencia á actividade convencional da Xunta de Galicia e os seus organismos dependentes, leva consigo abordar a revisión da normativa vixente. Esta norma ten como obxectivos básicos ampliar e delimitar o ámbito subxectivo e obxectivo do rexistro, regulamentar os procedementos de organización e xestión deste e establecer mecanismos áxiles de publicidade e acceso ao dito instrumento empregando para este fin as novas tecnoloxías e, en particular, o acceso a través da Internet. Así, o rexistro de convenios constitúe un elemento fundamental no proceso global de mellora dos mecanismos de actuación e transparencia da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo, o rexistro ten vocación

de converterse nunha útil ferramenta de xestión ao servizo de todos os departamentos e órganos da Administración autonómica.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, co informe previo da Asesoría Xurídica e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xullo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por obxecto a regulación do Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia con outras administracións ou outros entes de dereito público e privado, o seu funcionamento, organización e procedemento de acceso.

2. Serán obxecto de inscrición no rexistro os convenios que asine a Administración autonómica e concretamente:

a) A Xunta de Galicia a través dos seus departamentos.

b) Os seus organismos autónomos.

c) As entidades de dereito público con personalidade xurídica propia vinculados ou dependentes da Administración autonómica.

d) As sociedades mercantís con capital público maioritario da Administración autonómica, dos seus organismos autónomos e das demais entidades de dereito público.

e) As fundacións ás que se refire o punto primeiro da Lei 10/1996, do 5 de novembro.

f) Os consorcios cuxos órganos de decisión estean integrados maioritariamente por representantes designados pola Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Actos inscribibles.

1. Serán obxecto de inscrición todos os convenios asinados polos órganos enunciados no artigo anterior con entidades ou persoas públicas ou privadas. Así mesmo, serán obxecto de inscrición as prórrogas, modificacións, addendas e os acordos de resolución dos convenios, se é o caso.

2. Para os efectos do previsto neste decreto entenderase por convenio o acordo de vontades adoptado por escrito entre as partes asinantes que o subscriben nun plano de igualdade, para a consecución de fins de interese común en competencias que lle son propias, calquera que sexa a denominación.

3. De conformidade co establecido no punto anterior e a título enunciativo, asimílanse a convenios ou instrumentos de colaboración ou cooperación os que a continuación se relacionan:

a) Convenios marco de colaboración: instrumentos que conteñan acordos susceptibles de xerar obrigas

xurídicas entre as partes que os subscriben, que de forma expresa exixan para a súa efectividade o seu desenvolvemento mediante a formalización de convenios específicos nos que se concretarán as ditas obrigas, e que deberán respectar o contido e os límites fixados por aqueles.

b) Convenios específicos de colaboración: instrumentos nos que se establecen obrigas concretas, perfectamente delimitadas polas partes, directa e inmediatamente exixibles.

c) Convenios de conferencia sectorial: aqueles instrumentos adoptados en conferencia sectorial, órgano de composición multilateral e ámbito sectorial entre a Administración do Estado e as comunidades autónomas.

d) Protocolos de colaboración: intrumentos que conteñen acordos de vontades de carácter programático ou declarativo e sen eficacia obrigacional, cuxo cumprimento non é susceptible de ser exixido xuridicamente.

Artigo 3º.-Competencia.

Corresponde ao departamento da Xunta de Galicia competente en materia de relacións institucionais a organización, dirección e xestión do Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Actuacións previas á inscrición.

1. Unha vez elaborado o proxecto de convenio e acordado o seu texto coa outra parte ou partes asinantes, o departamento da Xunta de Galicia, organismo ou entidade pública correspondente, poderá remitir o dito proxecto ao Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia para os efectos da emisión dun informe que terá como obxecto verificar a existencia de convenios inscritos no rexistro cuxo contido poida coincidir co que se pretende subscribir, evitando a concorrencia de duplicidades.

2. O informe emitirase no prazo de 10 días hábiles dende a súa recepción polo órgano competente, entendéndose favorable no caso de non tramitarse no referido prazo.

Artigo 5º.-Procedemento de inscrición.

1. Os departamentos da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos e as entidades asinantes dos convenios ou instrumentos de colaboración ou cooperación obrigadas de conformidade co disposto no artigo 1º deste decreto, remitirán un orixinal ou copia compulsada destes no prazo de quince días hábiles seguintes á súa sinatura ao Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia para a súa inscrición e arquivo. Os suxeitos obrigados serán responsables da veracidade e da actualización dos datos que faciliten.

2. As modificacións, addendas, prórrogas ou resolucións de convenios e instrumentos de colaboración faranse constar no dito rexistro mediante anotacións marxinais, debendo remitir os departamentos, organismos e entidades ao rexistro un orixinal ou copia

compulsada dos textos que se subscriban no prazo de quince días hábiles desde que se producisen.

3. Os convenios ou instrumentos e as súas modificacións que se remitan ao Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia deberán acompañarse dunha certificación emitida pola persoa que exerza a secretaría xeral ou sexa titular do centro directivo competente do departamento correspondente ou pola persoa responsable do organismo público ou entidade pública asinante, na que farán constar expresamente os informes aos que foi sometido o convenio e, se é o caso, se foi autorizado previamente polo Consello da Xunta de Galicia.

4. Para os efectos de manter o rexistro debidamente actualizado, o seu responsable poderá solicitar información sobre a vixencia dos convenios en calquera momento.

Artigo 6º.-Organización do rexistro.

O Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia comprenderá cinco seccións:

a) Sección primeira: órganos constitucionais, Administración xeral do Estado e organismos dependentes.

b) Sección segunda: Administración autonómica e organismos dependentes.

c) Sección terceira: Administración local e organismos dependentes.

d) Sección cuarta: medios de comunicación.

e) Sección quinta: outros convenios.

Artigo 7º.-Publicidade do rexistro.

A relación dos convenios inscritos no rexistro e os datos relativos ás partes asinantes, o seu obxecto, o seu financiamento e o prazo de vixencia poderán ser consultados telematicamente no dito Rexistro de Convenios a través da páxina web da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei de transparencia e boas prácticas na Administración pública de Galicia e na normativa de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 8º.-Certificacións e acceso ao rexistro.

1. Os datos do rexistro serán públicos e o acceso a eles polos cidadáns exercerase nos termos e condicións establecidas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e sometido ás previsións que contén a normativa en materia de protección de datos.

2. O responsable do Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia poderá emitir certificacións sobre os datos contidos neste e expedir copia simple dos convenios para aquelas persoas físicas ou xurídicas que o soliciten na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As peticións deberán ser individualizadas sen que caiba, agás para a súa consideración con

carácter potestativo, formular solicitudes xenéricas ou en masa do conxunto dos convenios inscritos no rexistro.

Disposición adicional

Única.-A actividade e funcionamento do Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia realizarase sen prexuízo da que lle corresponda ao rexistro regulado no artigo 44 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os convenios de colaboración e demais instrumentos que se estean tramitando á entrada en vigor axustaranse ás disposicións desta norma.

Segunda.-Os convenios de colaboración e demais instrumentos inscritos con anterioridade á entrada en vigor desta norma manterán a súa numeración e organización.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 229/2002, do 4 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios que celebre a Xunta de Galicia, organismos autónomos e entes de dereito público dependentes dela con outras administracións ou outros entes de dereito público, e aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o vicepresidente da Igualdade e do Benestar para ditar, no exercicio das súas competencias, as disposicións que se requiran para o desenvolvemento do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar