O Decreto 180/2006, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas
inundacións acaecidas no mes de outubro de 2006 en Galicia, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos causados polas inundacións durante o citado período.
O artigo 6 do Decreto 180/2006 establece un réxime de axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico, e o artigo 12 establece que as citadas axudas financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.
As axudas reguladas no devandito decreto atéñense ao réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aínda que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8 do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.
Non entanto, por razóns de urxencia, estímase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas para sufragar os gastos causados polas inundacións acaecidas no mes de outubro en vivendas e enxoval doméstico.
Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento das perdas ocasionadas polos asolagamentos nas vivendas dos concellos afectados, cómpre establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.
Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión das axudas, en réxime de concesión directa, establecidas polo Decreto 180/2006, do 19 de outubro, DOG nº 205, do 24 de outubro, destinadas a sufragar os gastos causados polas inundacións acaecidas no mes de outubro de 2006 en vivendas e enxoval doméstico.
Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.
Poderán solicitar as devanditas axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias das vivendas e enxoval doméstico que sufrisen danos relacionados coas inundacións e que, cumprindo os requisitos establecidos nesta convocatoria, sufragasen os gastos necesarios de reparación, ou de reposición no
caso de que a persoa propietaria acredite a perda irrecuperable dalgún ben, de acordo co procedemento regulado nesta orde.
Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.
1. Danos causados na vivenda que constitúa a residencia habitual e permanente dos seus moradores: na parte non comprendida nas axudas que poidan aprobar outras administracións, e polo importe correspondente ata cubrir o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 100% do prezo máximo de venda dunha vivenda de protección autonómica de prezo xeral na mesma localidade.
2. Danos causados no resto das vivendas: a axuda poderá acadar o 40% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40% do prezo máximo de venda dunha vivenda de protección autonómica de prezo xeral na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, cando mínimo, a residencia ocasional, quedando excluídas destas axudas as edificacións ruinosas ou que se atopasen en manifesto abandono.
3. Para os efectos destas axudas entenderanse por vivenda as construcións anexas, instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios.
4. Serán igualmente subvencionables os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade. O importe da axuda será do 100% ou do 40% dos gastos de reparación ou reposición dependendo de que o enxoval estea vinculado á vivenda habitual e permanente ou á vivenda ocasional, respectivamente. En calquera caso o importe da subvención por este concepto non poderá ser superior aos 6.000 A.
Para a determinación do enxoval doméstico de primeira necesidade observarase o disposto no anexo I da desta orde.
Artigo 4º.-Concellos afectados.
Segundo o establecido no artigo 1 do Decreto 180/2006, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas no mes de outubro en Galicia, as vivendas deberán estar situadas no ámbito territorial dos concellos de Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Val do Dubra, Vimianzo, Zas, Baiona, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Gondomar, Marín, Moaña, O Rosal, Oia, Poio, Pontevedra, Tomiño, Tui e Vilaboa.
Artigo 5º.-Procedemento de concesión.
1. O procedemento iniciarase mediante solicitude do interesado na cal, ademais de xuntar a documentación que se indica no modelo normalizado, requirirá a inspección dun técnico designado pola Consellería de Vivenda e Solo co fin de que levante acta dos danos e demais circunstancias relevantes dos bens para os cales pretenda a axuda.
Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de quince días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
A solicitude de axuda implicará a autorización para que a administración da comunidade autónoma poida solicitar a información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente, no marco da colaboración que se estableza coa Axencia Estatal da Administración Tributaria ou con outras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de recoñecemento, seguimento e control da axuda.
2. Unha vez recibidas as solicitudes, as delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo, remitirán ao consorcio de compensación de seguros unha relación de persoas que solicitaron a subvención facendo constar o nome, apelidos e DNI, para os efectos de coñecer as posibles indemnizacións que as persoas interesadas puidesen recibir neste concepto.
3. Unha vez que o técnico competente faga a citada visita de inspección o solicitante deberá achegar todas as facturas acreditativas do aboamento dos importes investidos na reparación ou reposición dos danos sufridos, de conformidade co establecido no artigo 42.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Xunto coas facturas deberá presentar certificación de titularidade da conta bancaria na cal se ingresarán as axudas que correspondan e unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
A Consellería de Vivenda e Solo poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para resolver.
4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, examinadas estas e, en vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións oportunas, o delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo elevará a proposta de resolución de cada expediente á conselleira, quen, en vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 12º desta orde, resolverá o que segundo en dereito proceda.
O prazo máximo para resolver será ata o derradeiro día efectivo do exercicio orzamentario do ano 2006. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude.
Contra a resolución da conselleira, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de
conformidade co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser recorrido directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses, consonte o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 6º.-Pagamento.
Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as axudas aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria, unha vez comprobadas as facturas e demais documentación xustificativa do importe da subvención.
Artigo 7º.-Compatibilidade.
Esta subvención é compatible con outras formas de axuda que o beneficiario poida obter de calquera Administración, entidade pública ou privada, sen que, en ningún caso, a suma das axudas percibidas poida superar o custo da actuación que se protexe.
Artigo 8º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.
1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Vivenda e Solo así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.
2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, sen prexuízo do establecido no artigo 7º desta orde.
3. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.
Artigo 9º.-Rexistro de axudas e subvencións.
De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión, e publicidade, dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas de ser o caso.
Artigo 10º.-Prazo de solicitude.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no DOG.
Artigo 11º.-Solicitudes.
As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por localización da vivenda, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde. Presentaranse nas oficinas da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As citadas solicitudes deberán conter os datos da persoa solicitante adicional, entendendo por tal aquela persoa que sexa cotitular sobre os dereitos de propiedade, usufruto ou arrendamento, sen asignación concreta de cotas, como pode ser o caso de sociedades de gananciais ou comunidades de herdeiros en que concorran as citadas circuntancias.
Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:
a) Fotocopia compulsada do DNI ou NIF do/a solicitante.
b) Título que acredite a condición de propietario/a, usufrutuario/a ou arrendatario/a da vivenda.
c) Certificado de residencia, de empadroamento ou domicilio fiscal, así como calquera outro medio de proba que acredite o uso a que se destine a vivenda.
d) Fotografías que reflictan os danos.
e) Copia da póliza de seguro dos bens afectados, ou de non ter seguro, declaración xurada de que os bens para os cales solicita as axudas non estaban asegurados.
f) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
Artigo 12º.-Crédito orzamentario e contía.
Poderanse conceder axudas por un importe de 1.500.000 A con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.331A.781.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria. Non obstante, esta consellería, se así o estimase, poderá ampliar o crédito previsto en vista das solicitudes presentadas.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2006.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
E XUSTIZA

