DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 12 de decembro de 2006 Páx. 18.091

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 229/2006, do 30 de novembro, polo que se aproba o cambio de capitalidade do Concello do Páramo.

O Pleno do Concello do Páramo acordou aprobar o cambio de capitalidade do seu municipio de modo que a súa capital, situada en Trebolle, quedase fixada nun novo núcleo de poboación denominado O Páramo.

O cambio de capitalidade fundaméntase na importancia económica e nos beneficios que este cambio lles reporta aos residentes no termo municipal, toda vez que no núcleo do Páramo están situados ou proxectados a maior parte dos servizos e dotacións públicas e tamén dos servizos privados. Esta motivación está prevista no artigo 51 e) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O expediente de cambio de capitalidade foi tramitado de conformidade co disposto nos artigos 48 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e demais normativa aplicable. Recibiu o informe favorable da Deputación Provincial de Lugo, a Comisión de Toponimia e a Comisión Galega de Delimitación Territorial.

A competencia para alterar a capitalidade dos municipios correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia mediante decreto por proposta do conselleiro competente en materia de réxime local, segundo establece o artigo 48 da Lei 5/1997, do 22 de xullo.

Así, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta de novembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o cambio de capitalidade do Concello do Páramo, fixando a súa capital no núcleo de poboación denominado O Páramo.

Disposición derradeira

Única.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra o presente decreto, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o Consello

da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación; ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, sen prexuízo de que poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen oportuno en defensa dos seus intereses.

Santiago de Compostela, trinta de novembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luís Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza