DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 18 de decembro de 2006 Páx. 18.318

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 11/2006, do 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia.

Exposición de motivos.

A profesión de hixienista dental foi creada pola Lei 10/1986, do 17 de marzo, e desenvolvida polo Real decreto 1594/1994, do 15 de xullo. Defínense como profesionais aquelas persoas que, co correspondente título de formación profesional de segundo grao, teñen atribuídas, no campo da promoción da saúde e da educación sanitaria bucodental, a recollida de datos, a realización de exames de saúde e o consello de medidas hixiénicas e preventivas, individuais e colectivas. Colaborarán tamén en estudos epidemiolóxicos. Poderán, así mesmo, realizar determinadas funcións técnico-asistenciais de axuda e colaboración do persoal facultativo da medicina e da odontoloxía.

Trátase dunha profesión titulada, e o seu exercicio atópase condicionado á posesión do título oficial de técnico ou técnica superior en hixiene bucodental, regulado polo Real decreto 537/1995, do 7 de abril, polo que se establece o devandito título e as correspondentes ensinanzas mínimas. O Real decreto 549/1995, do 7 de abril, determinou o currículo formativo de grao superior correspondente á titulación de técnico ou técnica superior en hixiene bucodental.

A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, establece no seu artigo 2.3 que a profesión de hixienista dental é unha profesión sanitaria.

A Asociación Galega de Hixienistas Dentais presentou a solicitude para a creación do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, co que se complementa así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da devandita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 11, a creación de colexios profesionais, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, farase por lei do Parlamento galego, e considérase

oportuna e necesaria a creación dun colexio profesional, logo da apreciación por parte do Goberno autonómico do interese público respecto das actividades profesionais que engloba a profesión de hixienista dental, nas que o seu exercicio está condicionado á posesión do título oficial de técnico ou técnica superior en hixiene bucodental, que acredita a cualificación e habilita legalmente para o seu exercicio.

Coa creación do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia garantirase que o exercicio da profesión de hixienista dental se axuste ás normas e ás regras que aseguren tanto a eficacia coma a eventual responsabilidade en tal exercicio, e polo tanto queda así garantida a finalidade última que é a protección dos dereitos dos cidadáns e das cidadás.

A lei divídese nunha exposición de motivos; tres artigos, titulados respectivamente obxecto, ámbito territorial e ámbito persoal; unha disposición adicional; dúas disposicións transitorias, e unha disposición derradeira.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia.

Artigo 1.-Obxecto.

Créase o Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia como corporación de dereito público, con personalidade propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que lle son propios, e o exercicio das súas funcións desde o momento no que se constitúan os seus órganos de goberno.

Artigo 2.-Ámbito territorial.

O ámbito de actuación do colexio é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3.-Ámbito persoal.

1. Poderanse integrar no Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia todas aquelas persoas que, de conformidade coa Lei 10/1986, do 17 de marzo, sobre odontólogos e outros profesionais relacionados coa saúde dental, estean en posesión do título de formación profesional de segundo grao de hixienista dental, así como aquelas que para seguir exercendo a profesión antes da entrada en vigor da Lei 10/1986, do 17 de marzo, estean habilitadas para seguir exercéndoa de acordo co establecido no Real decreto 1594/1994, do 15 de xullo, e, así mesmo, aqueloutras que estean en posesión do título de técnico ou técnica superior en hixiene bucodental regulado polo Real decreto 537/1995, do 7 de abril.

2 . Será requisito para exercer a profesión de hixienista dental de Galicia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación ao Colexio Pro

fesional de Hixienistas Dentais de Galicia cando o domicilio profesional único ou principal radique nesta Comunidade Autónoma.

Artigo 4.-Do uso do galego nas comunicacións.

O colexio procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións externas e internas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e a regulación de normalización lingüística.

Disposición adicional

Sobre a colexiación obrigatoria

Quedan exceptuadas da incorporación obrigatoria ao Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia aquelas persoas profesionais tituladas vinculadas coa administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, para o exercicio de funcións puramente administrativas e para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da administración á que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa administración.

Disposición transitoria primeira

Designación da comisión xestora e aprobación duns estatutos provisionais

As asociacións de hixienistas dentais de Galicia designarán unha comisión xestora equilibrada de mulleres e homes que, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, aprobará uns estatutos provisionais do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia. Nos citados estatutos deberase regular a convocatoria e o funcionamento da asemblea colexial constituínte, da que formarán parte todas as persoas profesionais que, consonte o disposto nesta lei, poidan adquirir a condición de colexiadas.

A convocatoria da asemblea constituínte deberase anunciar, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión de Galicia.

Disposición transitoria segunda

Aprobación definitiva dos estatutos

1. A asemblea constituínte, no prazo de seis meses desde a aprobación dos estatutos provisionais, elaborará e aprobará os estatutos definitivos do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia, e elixirá os membros dos órganos colexiais de goberno.

2. Os devanditos estatutos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación da súa legalidade, aprobación que será competencia do Consello da Xunta de Galicia, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia o decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos.

Disposición derradeira

Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente