DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 19 de decembro de 2006 Páx. 18.426

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2006, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se somete a información pública o proxecto do parque eólico singular de Nogueira de Ramuín, que se desenvolverá no concello de Nogueira de Ramuín (Ourense). (Expediente IN661A 05/01-3 A.T.).

1. Alcance da información pública; lexislación.

Sométese a información pública a solicitude presentada polo Concello de Nogueira de Ramuín de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución do parque eólico singular de Nogueira de Ramuín, que se situará no lugar de Rebordondo, Concello de Nogueira de Ramuín.

A lexislación que basicamente é aplicable para os efectos anteriores é a seguinte: Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia; Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e Real decreto 436/2004, que establece o réxime especial de produción eléctrica; así como o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, coas súas modificacións posteriores e Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

2. Características básicas do proxecto.

a) Peticionario: Concello de Nogueira de Ramuín.

b) Enderezo: Luíntra nº 3; casa do concello; 32160 Luíntra (Ourense).

c) Denominación: parque eólico singular de Nogueira de Ramuín.

d) Situación: contorna do lugar de Rebordondo, en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Cruz de Rubiacós; concello de Nogueira de Ramuín.

Coordenadas poligonais en unidades UTM da situación dos aeroxeradores:

Aerox. nº 1 (607.676, 4.694.445).

Aerox. nº 2 (607.544, 4.694.542).

Superficie de afección aproximada: 6,127 ha.

e) Finalidade: produción de enerxía eléctrica a partir da enerxía eólica.

f) Datos técnicos:

-Potencia que se vai instalar: 2,55 MW.

-Aeroxeradores: 1 de 2 MW de potencia (G-80); e 1 de 850 MW (G-52), este último con limitación de potencia a 550 kW.

-Produción neta prevista (2.516 h. eq. anuais): 6,416 GWh/ano.

-C.T. que se vai instalar en cada aeroxerador de: 2.100 kVA, para o aex. G-80 e de 900 kVA para o G-52; R/T 0,690/20 kV, cos elementos de protección e auxiliares necesarios.

-Conexión dos aeroxeradores cun circuíto eléctrico (NR) soterrado que conecta ata o aeroxerador nº 15 do parque eólico ampliación de Sil, e desde este ata a subestación transformadora de Sil da empresa Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A.

-Equipamento dunha nova cela de liña, a 20 kV, na citada subestación, para evacuación ao transformador T-2.

-Sistemas de medida, control e supervisión e dispositivos de protección e seguridade.

g) Orzamento: 2.269.958,25 A.

3. Estudo ambiental: a Dirección de Calidade e Avaliación Ambiental considera que non procede someter este parque eólico ao trámite de avaliación de impacto nin efectos ambientais, non obstante, tanto na tramitación substantiva, como na tramitación do proxecto polo RAMINP, Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, será de aplicación o condicionado que, para as posicións dos aeroxeradores, derive do cumprimento da DIA do parque eólico ampliación de Sil, en especial o punto 3.2.1.

4. Alegacións: os interesados e os seus representantes poden examinar o expediente nas oficinas desta delegación provincial, rúa Curros Enríquez nº 1-3º de Ourense, e presentar, de ser o caso, as alegacións que crean oportunas no prazo de trinta días, contados a partir da última publicación deste anuncio.

Ourense, 28 de novembro de 2006.

Xosé Antón Jardón Dacal

Delegado provincial de Ourense