DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 29 de decembro de 2006 Páx. 19.073

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 26 de decembro de 2006 pola que se estende aos produtores membros e non membros da Organización de Productores de Pesca de Palangre (OPP-46) determinadas normas do Acordo do 25 de agosto de 2006 da devandita OPP, orientadas á mellora da sustentabilidade da castañeta.

O artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a Organización Común de Mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, dispón que en caso de que unha organización de produtores sexa considerada representativa da produción e comercialización nun ou varios lugares de desembarque e de que llelo solicite ás autoridades competentes do Estado membro, este podería decidir facer obrigatorias para os non membros da dita organización as normas de produción e comercialización decididas pola organización sempre que estas respondan aos obxectivos de garantir o exercicio racional da pesca e mellorar as condicións de venda da súa produción.

Pola súa banda, o Regulamento (CE) nº 1886/2000, da Comisión, do 5 de setembro, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 104/2000, do 17 de decembro de 1999, do Consello, no relativo aos non membros de determinadas normas adoptadas polas organizacións de produtores do sector da pesca, afonda nos requisitos e procedemento polo que a extensión de normas das OPP aos non membros debe ser realizada. No devandito procedemento destácase a obriga dos estados membros de notificar as normas que decidiron facer obrigatorias.

O Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura e as súas asociacións, establece no seu artigo 1 os requisitos para o recoñecemento das organizacións de produtores da pesca (OPP) e no seu artigo 10 a posibilidade de estensión das súas normas conforme o artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000.

A Organización de Productores de Pesca de Palangre (Orpal), OPP-46, recoñecida pola Resolución do 4 de maio de 1995, da Dirección Xeral de Mercados Pesqueiros (BOE nº 126, do 27 de maio), solicitou a extensión daquelas normas que adoptou que están orientadas á mellora da sustentabilidade da castañeta (Brama brama) no seu Acordo do 25 de agosto de 2006.

Tendo en conta que a materia cuxa extensión se acorda é das relacionadas no artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000, e ademais que a OPP-46 é unha organización representativa da produción nos termos previstos no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 1886/2000, recoñecida polo Ministerio de Pesca, Agricultura e Alimentación, e que a comunidade autónoma é competente para realizar a dita extensión dado que a norma que se vai estender ten unha incidencia na sustentabilidade do recurso ao limitar as descargas e comercialización da castañeta en portos da nosa comunidade,

RESOLVO:

Primeiro.-Por esta orde fanse obrigatorias para os membros e non membros da OPP-46 as seguintes normas orientadas á mellora da sustentabilidade da castañeta, adoptada polo devandita OPP no seu Acordo do 25 de agosto de 2006.

a) Limitaranse os desembarcos de castañeta a 20.000 kg/buque/quincena.

b) A devandita limitación aplicarase aos desembarcos das capturas nos portos de Ribeira, A Coruña e Vigo.

c) A limitación de desembarcos só se aplicará aos produtores a que se fai extensiva a norma desde a data en que esta resolución produza efectos.

Segunda.-A duración da aplicación da norma de extensión será dun ano dende a entrada en vigor desta orde.

Terceira.-Conforme o establecido no punto 3 do artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000 comunicaráselle á Comisión Europea a extensión das normas previstas nesta orde.

Cuarto.-As infraccións serán sancionadas de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Quinto.-Esta orde pon fin á vía administrativa e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-Esta orde será eficaz, conforme o disposto no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1886/2000, no prazo de 8 días desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos