DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 02 de xaneiro de 2007 Páx. 36

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 14 de decembro de 2006 pola que se regula a integración na categoría de facultativo especialista de área de determinado persoal estatutario, licenciado sanitario especialista, do Servizo Galego de Saúde.

O Servizo Galego de Saúde, ao longo dos últimos anos, fundamentalmente en execución do Decreto 447/1996, do 26 de decembro (DOG nº 3, do 7 de xaneiro de 1997), tramitou sucesivos procesos de integración no réxime estatutario de determinados colectivos de persoal funcionario e laboral.

No que se refire ao persoal con vínculo de fixeza, a medida consistiu nunha oferta de integración na categoría estatutaria correspondente ás características da praza de orixe. Nestes procesos, determinado persoal facultativo de atención especializada, que

aceptou mudar en estatutario o seu inicial vínculo laboral ou funcionarial, non puido acadar a condición de facultativo especialista de área por non acreditar nese momento o título de especialista, resultando por tal motivo integrado como facultativo xerarquizado de medicina xeral.

A Orde do 21 de abril de 2005 (DOG nº 91, do 12 de maio), pola que se realizou unha segunda oferta de integración, habilitou que determinados facultativos que rexeitaron anteriores ofertas de integración, e que tampouco acreditaban inicialmente o título de especialista, accederan á categoría de facultativo especialista de área por ter acadado o dito título, nos últimos anos, en virtude das vías excepcionais reguladas na normativa de especialidades sanitarias.

Así pois, neste momento constátase que determinados facultativos que aceptaron a primeira oferta

de integración, e en consecuencia non puideron acollerse á segunda, non teñen recoñecida a categoría de especialista de área a pesar de vir desempeñando as funcións propias dunha especialidade e ter igualmente obtido o título de especialista polas vías excepcionais.

A presente orde responde á finalidade de poñer fin a esta situación. En definitiva, trátase de ofertar a integración na categoría de facultativo especialista de área a un colectivo de persoal facultativo estatutario fixo -de orixe laboral ou funcionario- que veu desempeñando as funcións propias dunha especialidade no ámbito hospitalario, acreditando o título correspondente, e que por ter aceptado a primeira oferta de integración no réxime estatutario sitúase de feito en peor situación, desde a perspectiva dunha axeitada clasificación profesional, que o persoal que rexeitou inicialmente a dita oferta e que, precisamente polo dito rexeitamento, puido acadar recentemente a condición de facultativo especialista de área.

De acordo co que antecede, en exercicio das facultades que lle outorga a disposición derradeira primeira do Decreto 447/1996, do 26 de decembro (DOG nº 3, do 7 de xaneiro de 1997), esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto, ámbito de aplicación e requisitos.

1. Poderá solicitar a integración na categoría de facultativo especialista de área o persoal de institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter sido integrado, desde un vínculo orixinariamente laboral ou funcionarial, como persoal estatutario fixo, facultativo xerarquizado de medicina xeral, como consecuencia dos procesos de integración no réxime estatutario tramitados polo organismo.

b) Ter acadado o título de especialista, por un procedemento excepcional ao establecido no Real decreto 127/1984, do 11 de xaneiro, en atención ao desempeño das funcións propias e específicas da especialidade nas institucións hospitalarias actualmente adscritas ao Servizo Galego de Saúde.

2. A integración poderase solicitar desde calquera das seguintes situacións:

a) Servizo activo, ou situación asimilada pola reserva do posto de traballo, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, de 16 de decembro, do Estatuto marco.

b) Excedencia por prestar servizos no sector público ou excedencia voluntaria. Nestes casos, a solicitude de integración poderá formularse no intre de solicitar o reingreso ou no prazo previsto nesta norma para a presentación de solicitudes.

Artigo 2º.-Solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da entrada en vigor desta orde, no modelo que figura como anexo. Estas solicitudes, debidamente dilixenciadas pola dirección do centro, dirixiranse á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde, e poderán ser presentadas nas oficinas de rexistro dos respectivos centros hospitalarios ou nas direccións provinciais do organismo, sen prexuízo de que tamén poidan presentarse por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O persoal interesado achegará, xunto coa súa solicitude, a seguinte documentación:

a) Resolución de integración no réxime estatutario como facultativo xerarquizado de medicina xeral.

b) Certificado oficial acreditativo do centro onde se produciu a integración, categoría profesional, natureza do vínculo (fixo ou temporal) e período de servizos e funcións desempeñados no ámbito propio dunha especialidade.

c) Fotocopia compulsada do título da especialidade.

Artigo 3º.-Resolución e efectos.

As solicitudes serán resoltas pola División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional no prazo máximo de dous meses desde que remate o prazo de presentación de solicitudes. As resolucións expresarán os recursos que contra elas procedan, órgano ante o que haberán de presentarse e prazo para a súa interposición.

As resolucións estimatorias acordarán a integración na categoría de facultativo especialista de área e a simultánea extinción da integración como facultativo xerarquizado de medicina xeral.

Ao persoal integrado aplicaráselle para todos os efectos o réxime económico e xurídico da categoría de facultativo especialista de área do Servizo Galego de Saúde, coa obriga de prestar asistencia sanitaria á poboación adscrita á institución sanitaria correspondente nos termos que se establezan nas disposicións que regulen a organización do traballo e a programación funcional do correspondente centro ou unidade.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2006.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade