DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2007 Páx. 756

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 260/2006, do 28 de decembro, polo que se crea a sociedade pública Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. e se aproban os seus estatutos.

O artigo 27.10º do estatuto establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en montes, aproveitamentos forestais e naturais, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1º.23 da Constitución.

As actividades que, en desenvolvemento das devanditas competencias, exerce a Administración galega son múltiples e complexas e requiren de instrumentos de xestión que contribúan a mellorar a xestión dos poderes públicos no sector forestal.

A posibilidade da constitución de sociedades públicas como medio de execución das funcións que lle son propias, está prevista no artigo 55.2º do Estatuto de autonomía. Así mesmo, o artigo 45 da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio de Galicia regula a forma de constituír estas sociedades.

O presente decreto autoriza a creación, como medio propio da Administración dunha sociedade pública que terá por obxecto, principalmente, a realización de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestación de servizos en materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais en particular e, en xeral, intervencións de carácter urxente relacionadas cos lumes forestais.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente; así como nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de acordo igualmente co Real decreto lei 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de decembro de dous mil seis.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a creación, ao abeiro do artigo 55.2º do Estatuto de autonomía, e de conformidade co previsto no artigo 45.1º e 3º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, da sociedade pública Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.

Artigo 2º

O capital fundacional que será subscrito e desembolsado integramente pola Comunidade Autónoma de Galicia cífrase nun millón de euros (1.000.000 A).

Artigo 3º

Apróbanse os estatutos da sociedade pública Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Economía e Facenda para dictar as normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación do presente decreto e para a realización de todos os actos precisos para a constitución da sociedade pública Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

Estatutos

TÍTULO I

Denominación, obxecto, duración e domicilio

Artigo 1º.-Denominación e normativa.

1. Coa denominación Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), constitúese unha sociedade pública autonómica das previstas no artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, que se rexerá ademais pola Lei de sociedades anónimas, polos presentes estatutos e polas disposicións legais que en cada momento lle sexan aplicables.

2. Para o desenvolvemento da súa actividade, esta empresa pública está suxeita sempre ao disposto na sección terceira do capítulo segundo do título primeiro da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación e a calquera outra disposición que lle sexa aplicable polo seu propio carácter público. Na súa actuación contractual estará suxeita ao disposto na lexislación básica sobre contratación administrativa para as sociedades públicas.

3. Así mesmo, seranlle aplicables a normativa relativa á transparencia de relacións financeiras entre as administracións públicas e as empresas públicas dependentes delas.

Artigo 2º.-Obxecto social.

1. A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) ten por obxecto:

a) A realización de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestación de servizos en materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais en particular e, en xeral, aquelas actividades, obras e servizos que requiran as intervencións de carácter urxente, relacionadas coas devanditas materias.

b) A elaboración, por iniciativa propia ou por instancia de terceiros, de estudos, plans, proxectos e calquera tipo de consultoría e de asistencia técnica e formativa en materia forestal e de prevención de lumes forestais.

c) A promoción, desenvolvemento e adaptación de novas técnicas, equipamento e sistemas para a pre

vención e xestión de situacións derivadas dos incendios forestais.

d) A realización daquelas actuacións, obras, traballos e prestación de servizos en materias agrícolas, gandeiras e de desenvolvemento rural que de forma taxativa lle sexan encomendadas pola Xunta de Galicia.

Así mesmo, poderá comercializar os produtos derivados daquelas tarefas agrarias, gandeiras ou forestais, que con carácter determinado poida desenvolver por encomenda da Xunta de Galicia.

2. O obxecto social poderá ser realizado pola empresa pública, xa directamente, xa indirectamente, mesmo mediante a titularidade de accións ou participacións en sociedades con obxecto idéntico ou análogo.

Artigo 3º.-Duración.

A duración da empresa pública será ilimitada.

Artigo 4º.-Comezo de operacións.

A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) dará comezo as súas operacións o mesmo día do outorgamento da escritura fundacional.

Artigo 5º.-Domicilio e sucursais.

O domicilio social radicará necesariamente en territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e fíxase na cidade de Santiago de Compostela.

O Consello de Administración está facultado para variar o domicilio social dentro da mesma capital, así como para establecer, modificar ou suprimir oficinas, sucursais e axencias, representacións ou dependencias en calquera lugar, co cometido, facultades e modalidades de funcionamento que o propio consello determine.

TÍTULO II

Capital social e accións

Artigo 6º.-Capital social.

O capital social é de 1.000.000 de euros.

Artigo 7º.-Accións. Desembolso.

O capital social está representado por 1.000 accións nominativas, de mil euros de valor nominal cada unha, numeradas correlativamente da 1 á 1.000, ambas inclusive, totalmente subscritas e desembolsadas.

Artigo 8º.-Título da acción. Condición de socio.

As accións que se emitan como contravalor das achegas patrimoniais á empresa pública serán nominativas en todo caso, sen que se poida modificar a natureza dos devanditos títulos.

As accións estarán representadas por títulos que poderán ser unitarios ou múltiples. Tales títulos, así como, se é o caso, os comprobantes provisionais que se puidesen emitir, deberán reunir os requisitos exixidos pola Lei de sociedades anónimas e o Regulamento do Rexistro Mercantil. Uns e outros pro

cederán de libros- talonarios, e deberán estar autorizados coas sinaturas do presidente e dun conselleiro, as cales poderán ser estampadas mediante reprodución mecánica na forma prevista legalmente.

A acción confírelle ao seu titular lexítimo a condición de socio, e implica para este o pleno e total acatamento do disposto nos presentes estatutos e nos acordos validamente adoptados polos órganos reitores da empresa pública, ao mesmo tempo que o faculta para o exercicio dos dereitos inherentes á súa condición, conforme os estatutos e a lei.

Para todos os efectos, as accións considéranse domiciliadas no lugar onde a compañía teña o seu enderezo social.

Artigo 9º.-Libro rexistro de accións.

As accións figurarán nun libro rexistro que levará a empresa pública, debidamente legalizado polo Rexistro Mercantil, en que se incribirán as sucesivas transferencias das accións con expresión de nome, apelidos, razón ou denominación social, se é o caso, nacionalidade e domicilio dos sucesivos titulares, así como os dereitos reais e outros gravames sobre aquelas regularmente constituídos.

A empresa pública só reputará accionista a quen se atope inscrito no devandito libro.

Calquera accionista que o solicite poderá examinar o libro rexistro de accións nominativas e mentres non se impriman e entreguen os títulos das accións, ten dereito a obter certificación das inscritas ao seu nome.

A empresa pública sólo poderá rectificar as inscricións que repute falsas ou inexactas cando lles notifique aos interesados a súa intención de proceder en tal sentido e estes non manifestasen a súa oposición durante os trinta días seguintes ao da notificación.

Artigo 10º.-Usufruto de accións.

No caso de usufruto de accións, a cualidade de socio reside no nu propietario, pero o usufrutuario terá dereito en todo caso aos dividendos acordados pola empresa pública durante o usufruto. O exercicio dos demais dereitos de socio corresponde ao nu propietario.

O usufrutuario queda obrigado a facilitarlle ao nu propietario o exercicio destes dereitos.

Nas relacións entre o usufrutuario e o nu propietario rexerá o que determine o título constitutivo do usufruto; no seu defecto, o previsto na Lei de sociedades anónimas e, supletoriamente, o Código civil.

Artigo 11º.-Peñor ou embargo de accións.

No caso de peñor de accións, corresponderalle ao propietario destas o exercicio dos dereitos do accionista. O acredor pignoraticio queda obrigado a facilitar o exercicio destes dereitos. Se o propietario incumprise a obriga de desembolsar os dividendos

pasivos, o acredor pignoraticio poderá cumprir por si esta obriga ou proceder á realización do peñor.

No caso de embargo de accións observarase o disposto no parágrafo anterior, sempre que sexa compatible co réxime específico do embargo.

TÍTULO III

Órganos de Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga)

Artigo 12º.-Goberno e administración.

O Goberno e administración da empresa pública compételles á Xunta Xeral de Accionistas e ao Consello de Administración, de conformidade coas facultades que a unha e outro lles son asignadas nestes estatutos e na lei.

Capítulo I

Artigo 13º.-Concepto.

A Xunta Xeral, debidamente convocada e constituída, representa o supremo órgano de expresión da vontade social, sendo as súas decisións soberanas respecto ás cuestións da súa competencia.

Artigo 14º.-Clases de xuntas.

As xuntas xerais poderán ser ordinarias ou extraordinarias, e deberán ser convocadas polos administradores. Xunta Ordinaria é a que se debe reunir dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio, para censurar a xestión social, aprobar, se é o caso, as contas do exercicio anterior e resolver sobre a aplicación do resultado. Xunta Extraordinaria é calquera outra que non sexa a ordinaria anual.

Artigo 15º.-Constitución da xunta.

A Xunta Xeral, Ordinaria ou Extraordinaria, quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando os accionistas presentes ou representados, posúan cando menos a cuarta parte do capital subscrito con dereito a voto. En segunda convocatoria, será válida a reunión da xunta calquera que sexa o capital concorrente a ela.

Artigo 16º.-Constitución: supostos especiais.

Non obstante o disposto no artigo anterior, para que a xunta poida acordar validamente a emisión de obrigas, o aumento ou diminución do capital social, a transformación, fusión ou escisión da empresa pública ou calquera outra modificación estatutaria, deberá concorrer a ela, en primeira convocatoria, a metade do capital subscrito con dereito a voto. En segunda convocatoria, abondará a representación da cuarta parte do capital subscrito con dereito a voto.

No entanto, cando concorran accionistas que representen menos do cincuenta por cento do capital subscrito, con dereito a voto, os acordos sociais a que se refire este artigo só poderán adoptarse co voto favorable das dúas terceiras partes do capital presente ou representado na xunta.

Artigo 17º.-Requisitos de convocatoria e Xunta Universal.

O anuncio expresará a data da reunión en primeira convocatoria e a orde do día. Poderá, así mesmo, facerse constar a data en que, se procedese, se reunirá a xunta en segunda convocatoria. Entre a primeira e a segunda reunión deberá mediar, polo menos, un prazo de 24 horas. Farase mención do dereito de calquera accionista a obter da empresa pública, de forma inmediata e gratuíta os documentos que serán sometidos á súa aprobación e, se é o caso, o informe dos auditores de contas.

Non obstante, a xunta entenderase convocada e quedará validamente constituída para tratar calquera asunto, sempre que estea presente todo o capital desembolsado e os asistentes acepten por unanimidade a súa celebración.

Artigo 18º.-Lexitimación de asistencia ás xuntas.

Poderán asistir á xunta, en todo caso, os titulares de accións que as tivesen inscritas no libro rexistro de accións con cinco días de antelación a aquel en que se celebre a xunta, e os titulares de accións que coa mesma antelación acrediten mediante documento público a súa regular adquisición de quen no libro rexistro apareza como titular. Coa devandita acreditación entenderase solicitada aos administradores a inscrición no libro rexistro.

Os administradores deberán asistir ás xuntas xerais. Por instancia do Consello de Administración, poderán asistir ás xuntas, con voz e sen voto, os directores e técnicos da empresa pública.

Artigo 19º.-Representación.

Todo accionista que teña dereito de asistencia poderá facerse representar na xunta por outra persoa. A representación, nos termos e co alcance establecido na Lei de sociedades anónimas, deberá conferirse por escrito e con carácter especial para cada xunta.

Estes últimos requisitos non serán necesarios cando o representante posúa poder xeral conferido en escritura pública con facultades para administrar todo o patrimonio que o representado tivese en territorio do Estado.

A representación é sempre revogable. A asistencia persoal do representado á xunta terá o valor de revogación.

Artigo 20º.-Convocatorias extraordinarias.

Os administradores poderán convocar Xunta Extraordinaria sempre que o consideren conveniente para os intereses sociais. Deberán, así mesmo, convocala cando o soliciten accionistas que representen o cinco por cento do capital social, expresando na solicitude os asuntos que se tratarán nela. Neste caso, a xunta deberá ser convocada para celebrarse dentro dos trinta días seguintes á data do oportuno requirimento notarial aos administradores, os cales incluirán necesariamente na orde do día os asuntos que fosen obxecto da solicitude.

Artigo 21º.-Presidente e secretario.

Nas xuntas xerais actuarán de presidente e secretario os que o sexan do Consello de Administración. No seu defecto, o vicepresidente e vicesecretario, se existisen tales cargos, ou, no caso contrario, un conselleiro e un accionista, respectivamente, que designe a xunta.

Artigo 22º.-Adopción de acordos.

Os acordos da xunta adoptaranse por maioría simple, agás os supostos previstos nestes estatutos e na lei, nos cales se require maioría cualificada. Cada acción da dereito a un voto.

Artigo 23º.-Acta da xunta. certificacións.

A acta da xunta poderá ser aprobada pola propia xunta a continuación de celebrarse esta e, no seu defecto, dentro do prazo de quince días, polo presidente e dous interventores, un en representación da maioría e outro da minoría.

A acta aprobada en calquera destas dúas formas terá forza executiva a partir da data da súa aprobación.

A facultade de certificar as actas das xuntas e os acordos que se adopten corresponde ao secretario ou, se é o caso, ao vicesecretario do Consello de Administración. As certificacións emitiranse sempre co visto e prace do presidente, ou tamén, se é o caso, do vicepresidente do devandito órgano.

Capítulo II

Do Concello de Administración

Artigo 24º.-Concepto e facultades.

A administración e a representación da empresa pública en xuízo e fóra del corresponde aos administradores constituídos no Consello de Administración. A execución dos seus acordos corresponderá ao conselleiro ou conselleiros que o propio consello designe e, no seu defecto, ao presidente, ou ao apoderado con facultades para executar e elevar a públicos os acordos sociais.

O órgano de administración poderá facer e levar a termo canto estea comprendido dentro do obxecto social, así como exercer cantas facultades non estean expresamente reservadas pola lei ou por estes estatutos á Xunta Xeral. A xeito meramente enunciativo, correspóndenlle ao órgano de administración as seguintes facultades e todo canto con elas estea relacionado, amplamente e sen limitación ningunha:

a) Representar a empresa pública en toda clase de negocios, contratos, actos e operacións e ante toda clase de persoas ou entidades, compañías de ferrocarrís e de transporte en xeral, xuíces, maxistraturas, tribunais, corporacións do Estado, da provincia e do municipio, organismos sindicais de todas clases, comunidades autónomas e cidades autónomas, polo que estará, por tanto, facultado, para interpoñer e exercer todas as súas accións, dereitos e excepcións, na forma, asunto e polo procedemento que estime, iniciándoos e seguíndoos por todos os

seus trámites ata a súa terminación e interpoñer os recursos pertinentes, incluso de casación e revisión; absolver posicións na forma establecida nas leis e executar canto as leis consintan ás partes no procedemento de que se trate, así como desistir deste e dos recursos; practicar toda clase de requirimentos, con ou sen intervención notarial, podendo conferir poderes xerais para preitos, coas facultades especiais de cada caso, a favor de avogados, procuradores ou outras persoas.

b) Autorizar a correspondencia e demais documentación que precise tal requisito.

c) Comprar, vender, permutar e de calquera outro modo adquirir ou allear, bens mobles e inmobles, dereitos, títulos valores e participacións sociais, polo prezo, ás persoas e coas condicións que libremente estipule; facer segregacións, divisións e agrupacións de predios; e declaracións de obra nova.

d) Aclarar, rectificar ou emendar, calquera escritura outorgada ou que se outorgue, facendo as declaracións que procedan.

e) Dar e tomar cartos a préstamo, e constituír, recoñecer, modificar, pospoñer e cancelar hipotecas mobiliarias e inmobiliarias, peñores, fianzas e calquera outro gravame e dereito real; incluso servidumes.

f) Subscribir contratos de traballo colectivos e individuais, con empregados, técnicos e operarios; nomear persoal técnico, auxiliar e subalterno; acordar despedimentos, con ou sen indemnización; e cumprir todas as obrigas patronais da empresa.

g) Concertar, contratar, continuar e cancelar contas correntes e contas de crédito, en calquera banco, incluso no Banco de España e nas súas sucursais, caixas de aforro e montes de piedad; asinar cheques, talóns, recibos, transferencias e ordes de cargo e aboamento; asinar e seguir a correspondencia bancaria; asinar e librar obrigas de pagamento; dar conformidade a extractos de contas; librar, endosar, descontar, intervir, aceptar, avalar, negociar e protestar letras de cambio, obrigas de pagamento e calquera outro documento bancario; pagar, cobrar, reclamar e compensar contas de todas clases, incluso bancarias, tomar cartos a préstamo, con garantía de valores e garantía persoal; afianzar toda clase de operacións mercantís; subscribir, concertar e avalar pólizas de crédito; transferir créditos non endosables; dispoñer de cartillas de aforro; dispoñer de caixas de aluguer; facer e cancelar imposicións a prazo fixo e en calquera outra forma ou extraer e dispoñer do capital e dos xuros;

mercar, vender, pignorar e depositar valores e cancelar os seus depósitos; cobrar os xuros e dividendos e o capital dos títulos; subscribir valores e vender o dereito de subscrición; e, en xeral, realizar toda clase de operacións bancarias, sen limitación ningunha.

h) Pagar e cobrar cantas cantidades deba satisfacer, ou se lle deban á empresa pública, por calquera título; ben sexa do Estado, comunidades autó

nomas, provincia, municipio, delegacións de Facenda e demais organismos, e de particulares, dando e exixindo, se é o caso, os recibos e cartas de pagamento que procedan; e, así mesmo, liquidar contas, fixando e liquidando os oportunos saldos; contratar pólizas de seguros de todas clases; pagar contribucións e impostos e reclamar contra eles e, en suma, realizar canto sexa propio dunha boa e entendida administración.

i) Representar a empresa pública nas suspensións de pagamento, concurso e quebras dos seus debedores, asistindo ás xuntas, concedendo esperas, nomeando síndicos e administradores, aceptando ou rexeitando as proposicións do debedor, as contas dos administradores e a gradación de créditos; admitir en pagamento de débedas, cesións de bens de calquera clase; transixir dereitos e accións, sometendo a súa decisión, se así o estima, ao xuízo de árbitros ou de amigables compoñedores e, en xeral, practique respecto aos negocios mercantís da empresa pública cando fose preciso.

l) Constituír, modificar e retirar toda clase de fianzas e depósitos, xa sexan en metálico, valores ou efectos públicos, tando na Caixa Xeral de Depósitos, como no Banco de España, casas mercantís ou particulares ou calquera banco ou entidade; fixando ou aceptando as condicións e garantías de tales fianzas ou depósitos.

m) Transixir débedas e cuestións de calquera clase; someter os casos litixiosos a xuízo de arbitraxe de acordo coa lei; solicitar laudos, aprobalos e recorrelos.

n) Asistir a concursos e poxas de todas clases, ben sexan do Estado, comunidades autónomas, provincia, municipio ou de particulares e, para o efecto, presentar proposicións por escrito ou verbalmente; resolver os empates ou cuestións por calquera medio permitido pola lei; realizar os servizos adxudicados nas condicións que se outorguen; celebrar contratos e adquirir compromisos; percibir os prezos e exercer todo canto for preciso ata a súa terminación.

ñ) Conferir toda clase de poderes a favor da persoa ou persoas que lle pareza, coas facultades, de entre as expresadas, que crea conveniente; revogar os poderes conferidos e outorgar outros novos.

o) Outorgar e subscribir cantos documentos públicos e privados sexan precisos co fin de levar a cabo as facultades que se outorgan, cos pactos, cláusulas e condicións que considere que debe establecer.

p) En xeral, realizar calquera clase de actos de administración, exercendo as facultades que expresamente se lle confiren noutros artigos destes estatutos.

A relación de atribucións non é limitativa senón explícativa da función executiva.

Artigo 25º.-Nomeamento e separación de conselleiros.

O nomeamento e separación dos administradores correspóndelle á Xunta Xeral. Para ser nomeado

administrador non se require a calidade de accionista nin constituír ningún depósito en garantía.

Non poderán ser nomeados administradores os que estean incursos en causa legal de prohibición, incapacidade ou incompatibilidade.

Se se nomea administrador unha persoa xurídica, esta designará unha persoa física como representante seu para o exercicio das funcións propias do cargo.

Artigo 26º.-Duración do cargo.

Os administradores exercerán o seu cargo durante un período de catro anos. Poderán ser reelixidos unha ou máis veces por períodos de igual duración.

Os conselleiros nomeados para substituír a outros que cesasen antes de cumprir o período polo que foron designados serano polo tempo que lles quede no exercicio dos seus cargos aos substituídos.

Artigo 27º.-Número de conselleiros.

O Consello de Administración estará integrado por un mínimo de cinco e un máximo de nove membros.

Formarán parte do Consello de Administración, ademais do presidente, e se é o caso, o vicepresidente, dous conselleiros en representación da consellería competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural e dous conselleiros en representación da consellería competente en materia de economía e facenda.

Artigo 28º.-Convocatoria.

O Consello de Administración reunirase logo da convocatoria do seu presidente, ou do que faga as súas veces, pola súa iniciativa ou petición de polo menos tres conselleiros, tantas veces como sexa necesario para o bo funcionamento da empresa pública.

Non será necesaria convocatoria previa do consello para que este se reúna, se atopándose presentes todos os conselleiros decidisen, por unanimidade, celebrar a reunión.

A convocatoria do consello, agás en casos de urxencia apreciada polo seu presidente, cursaraa o secretario, polo menos, con setenta e dúas horas de antelación, fixando a orde dos asuntos que se tratarán.

Artigo 29º.-Adopción de acordos.

Os acordos adóptanse por maioría absoluta dos conselleiros concorrentes á sesión, agás nos supostos previstos no artigo 141.2º da Lei de sociedades anónimas, nos cales se requirirá o voto favorable das dúas terceiras partes dos compoñentes do consello.

A votación por escrito e sen sesión só será admitida cando ningún conselleiro se opoña a este procedemento.

No caso de empate, decidirá o voto do presidente ou de quen faga as súas veces.

Artigo 30º.-Libro de actas. Certificacións.

As discusións e acordos do consello levaranse a un libro de actas, que serán asinadas por todos os membros del que asistisen á sesión.

A facultade de certificar as actas das reunións do Consello de Administración e os acordos que se adopten correspóndelle ao secretario ou, se é o caso, ao vicesecretario. As certificacións emitiranse sempre co visto e prace do presidente, ou, tamén se é o caso, do vicepresidente.

Artigo 31º.-Presidente e secretario.

O presidente do Consello de Administración será designado pola xunta xeral por proposta da Consellería do Medio Rural.

O Consello de Administración nomeará un secretario, que poderá non ser conselleiro da empresa pública, que nese caso terá voz, pero non voto.

Artigo 32º.-Vicepresidente e vicesecretario.

O Consello de Administración poderá elixir un vicepresidente, por proposta da Consellería de Economía e Facenda e un vicesecretario, os cales substituirán o presidente e o secretario, respectivamente, nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou impedimento lexítimo. O nomeamento do vicesecretario poderá recaer en persoa que non teña a condición de conselleiro da empresa pública, que nese caso terá voz pero non voto.

No caso de ausencia do vicepresidente e vicesecretario, se houber, actuarán o conselleiro de maior e menor idade, respectivamente.

Artigo 33º.-Delegación de facultades.

O Consello de Administración, co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus compoñentes, poderá nomear de entre os seus membros una comisión executiva ou un ou máis conselleiros delegados, en que delegará, a salvo das limitacións establecidas na lei, todas ou aquela parte das súas facultades que crea convenientes para a mellor marcha dos asuntos sociais, sen prexuízo dos apoderamentos que, se é o caso, poida conferir ao director xerente.

En ambos os casos o consello determinará, de modo expreso, se o uso da firma social corresponde a todos os conselleiros elixidos ou a algún deles, e se é solidaria ou mancomunada esta facultade.

A remoción das facultades delegadas polo Consello levarase a efecto mediante o voto maioritario dos conselleiros asistentes á reunión en que tal cuestión se trate, aínda que carecerá de voto aquel a quen afecte o correspondente acordo.

Así mesmo, o Consello de Administración poderá conferir toda clase de poderes, incluso a favor de persoas estrañas á empresa pública, coas atribucións que coide convenientes.

Artigo 34º.-Director-xerente.

Para atender a mellor xestión dos negocios sociais, poderá nomearse un director-xerente co réxime de atribución, dereito, deberes, incompatibilidades, remuneracións e competencias que para o efecto establece o Consello de Administración.

O seu nomeamento e a súa remoción correspóndelle ao consello, por proposta do presidente.

O xerente poderá asistir con voz pero sen voto ás reunións das xuntas xerais, consellos de administración, ou outros comités ou comisións que se creen, cando así se acordase e fose especialmente convocado.

Artigo 35º.-Retribucións.

Os conselleiros poderán percibir unha axuda de custo pola súa asistencia a cada unha das reunións do órgano de administración, nunha contía que será determinada periodicamente pola Xunta Xeral.

TÍTULO IV

Exercicio social e contas anuais

Artigo 36º.-Exercicio social.

O exercicio social coincidirá co ano natural. Por excepción, o primeiro exercicio comezará na data da constitución da empresa pública e rematará o 31 de decembro do mesmo ano.

Artigo 37º.-Formulación.

Os administradores da empresa pública estarán obrigados a formular, no prazo máximo de tres meses contados a partir do peche do exercicio social, as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación de resultado.

As contas anuais e o informe de xestión deberán ser asinados por todos os administradores.

Artigo 38º.-Contas anuais.

As contas anuais comprenderán o balance, a conta de perdas e ganancias e a memoria.

Estes documentos, que forman unha unidade, deberán ser redactados con claridade e mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da empresa pública, de conformidade coa Lei de sociedades anónimas e co previsto no Código de comercio.

Artigo 39º.-Informe de xestión.

O informe de xestión deberá conter unha exposición fiel sobre a evolución dos negocios e a situación da empresa pública.

Informará igualmente sobre os acontecementos importantes para a empresa pública ocorridos despois do peche do exercicio, a evolución previsible desta, as actividades en materia de investigación e desenvolvemento e, nos termos establecidos na Lei de sociedades anónimas, as adquisicións de accións propias.

Artigo 40º.-Aprobación e aplicación do resultado.

As contas anuais aprobaranse pola Xunta Xeral de accionistas.

A Xunta Xeral resolverá sobre a aplicación do resultado do exercicio de acordo co balance aprobado.

Artigo 41º.-Reservas e distribución de dividendos.

A empresa pública, unha vez satisfeitos os gastos de conservación, explotación e administración, gastos financeiros, dotadas as contas de amortización e atendidas cantas obrigas fiscais e de calquera outro tipo impliquen unha redución do beneficio bruto, procederá co resto do seguinte xeito:

1. Dotarase a reserva legal, se a contía do beneficio o permitise, segundo o establecido no artigo 214 da Lei de sociedades anónimas.

2. Se o beneficio fose superior ao 10% do capital nominal, destinarase a reservas o 50% do exceso sobre a devandita porcentaxe.

A empresa pública poderá dispor das reservas a que se refire o parágrafo 2 precedente, para a súa repartición entre os socios, soamente cando o beneficio líquido repartible do exercicio non alcance a cubrir o 6% do xuro ao capital social desembolsado, e só pola cantidade precisa para completar o dividendo activo ata o devandito tope.

3. A Xunta Xeral poderá acordar a constitución dunha reserva voluntaria no caso, na contía e nas condicións que considere convenientes, así como a distribución do remanente entre os socios en proporción ás súas respectivas accións.

O Consello de Administración terá a facultade de distribuír anticipos a conta dos resultados do exercicio ou dividendos a conta de reservas expresas de libre disposición, sempre que o valor do activo non sexa inferior ao do capital social.

O pagamento de dividendos a conta suxeitarase ao disposto na lei.

TÍTULO V

Disolución e liquidación

Capítulo I

Disolución

Artigo 42º.-Causas de disolución.

A empresa pública disolverase por calquera das causas previstas legalmente.

Artigo 43º.-Publicidade.

O acordo de disolución adoptado de acordo coa lei ou coa resolución xudicial, se é o caso, inscribirase no Rexistro Mercantil, e publicarase, ademais, no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil e nun dos diarios de maior circulación na provincia do domicilio social.

Capítulo II

Liquidación

Artigo 44º.-Apertura da liquidación.

Unha vez disolta a empresa pública abrirase o período de liquidación, agás nos supostos de fusión ou escisión total ou calquera outro de cesión global do activo e o pasivo.

Artigo 45º.-Liquidadores, nomeamento e número.

Desde o momento en que a empresa pública se declare en liquidación, cesará a representación dos administradores para facer novos contratos e contraer novas obrigas, asumindo os liquidadores as funcións a que se refire o artigo 272 da Lei de sociedades anónimas.

O nomeamento de liquidadores corresponderá á Xunta Xeral. O seu número será sempre impar.

Artigo 46º.-Xuntas da empresa pública en liquidación.

Durante o período de liquidación observaranse as disposicións dos presentes estatutos en canto a convocatoria e reunión das xuntas ordinarias e extraordinarias, ás cales darán conta os liquidadores da marcha da liquidación para que acorden o que conveña ao interese común.

Artigo 47º.-Balance final. Aprobación.

Rematada a liquidación, os liquidadores formarán o balance final, que será censurado polos interventores, se fosen nomeados. Tamén determinarán a cota do activo social que se deberá repartir por cada acción.

O balance someterase, para a súa aprobación, á Xunta Xeral e publicarase no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil e nun dos periódicos de maior circulación no lugar do domicilio social.

Artigo 48º.-Repartición.

Transcorrido o termo para impugnar o balance sen que se formulasen reclamacións ou firme a sentenza que as resolvese, procederase á repartición entre os accionistas do haber social existente, aténdose ao que do balance resulte.

Artigo 49º.-División do haber social.

A división do haber social practicarase de acordo coas normas que sexan fixadas pola Xunta Xeral, tendo en conta para iso o establecido no artigo 277 da Lei de sociedades anónimas.

TÍTULO VI

Disposicións derradeiras

Artigo 50º.-Patrimonio e recursos económicos.

1. Constitúen o patrimonio da empresa pública, os bens que lle sexan adscritos para o cumprimento dos seus fins e os bens e dereitos de calquera natureza que produza ou adquira con cargo aos seus recursos propios.

2. Os bens da comunidade autónoma que poidan ser adscritos ou cedidos á empresa pública conservan a súa titularidade e cualificación xurídica orixinais,

correspondéndolle a ela administralos e explotalos consonte a normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os recursos económicos da empresa pública estarán constituídos por:

a) As asignacións orzamentarias da Xunta de Galicia e dos seus organismos autónomos e outros entes dependentes.

b) As subvencións, as achegas voluntarias ou as doazóns que lle conceda calquera persoa pública ou privada.

c) O rendemento do seu patrimonio.

d) Os ingresos obtidos por operacións de crédito.

e) As remuneracións derivadas da prestación de servizos ou pola realización de actuacións que lle sexan encomendadas, de conformidade co seu obxecto social pola Administración galega, os seus organismos autónomos ou entes dependentes, ou, se é o caso, calquera outra Administración pública.

f) Por calquera outro que lle corresponda de conformidade coas leis.

Artigo 51º.-Competencias da Consellería de Economía e Facenda.

Serán en todo caso competencia da Consellería de Economía e Facenda o exercicio das funcións relativas á tutela financeira e ao control patrimonial da empresa pública, de conformidade co disposto na Lei de réxime financeiro e orzamentario e na Lei do patrimonio e no seu regulamento.

Artigo 52º.-Xurisdición competente.

Os socios, para as cuestións que teñan coa empresa pública ou cos seus órganos, quedan sometidos á xurisdición dos xulgados e tribunais do domicilio social, entendendo que polo simple feito de seren accionistas renuncian á propia xurisdición, se fose distinta.

As cuestións que poidan ser resoltas por arbitraxe de equidade, serán sometidas á Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe, agás nos casos en que a lei estableza procedementos especiais con carácter imperativo, quedando obrigados os socios interesados nesas cuestións a realizar os actos precisos para realizar o compromiso.