DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2007 Páx. 1.173

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, establece como un dos seus obxectivos básicos o fomento e posta en valor dos produtos alimentarios cunha calidade diferenciada, para o que recolle diversas medidas, entre as cales destacan as conducentes á potenciación das denominacións xeográficas de calidade, isto é, as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, os viños de mesa con indicación xeográfica (tamén denominados viños da terra) e os distintos tipos de viños de calidade producidos en rexións determinadas (VCPRD), así como as denominacións xeográficas de bebidas espirituosas.

En materia de denominacións xeográficas, o artigo 10 desa lei refírese ao seu procedemento de recoñecemento, sinalando que a súa solicitude se efectuará perante a consellería competente segundo a natureza de produto do que se trate, na forma que regulamentariamente se estableza.

Por outra parte, a citada lei establece, no seu artigo 12, que os consellos reguladores das denominacións xeográficas do sector alimentario existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega se constitúen como corporacións de dereito público, ás cales se atribúe a xestión da respectiva denominación coas funcións que determina esa lei e as normas regulamentarias que a desenvolvan, así como os seus respectivos regulamentos.

A lexislación anterior, constituída basicamente pola Lei 25/1970, do 10 de decembro, do estatuto da viña, do viño e dos alcohois, configurou os consellos reguladores como órganos desconcentrados da Administración, sen personalidade xurídica propia. A realidade dos feitos demostrou as deficiencias deste sistema, por supor un importante obstáculo á súa capacidade de actuación e funcionamento, limitándolles a posibilidade de realizaren diversas actuacións, como a sinatura de convenios, a subscrición de préstamos, a capacidade contractual, etc., necesarias para o correcto exercicio das súas misións.

Por iso, a Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, dotou os consellos reguladores de personalidade xurídica propia, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, exercendo a consellería competente segundo a natureza do produto de que se trate -agrario ou pesqueiro-, a tutela administrativa sobre eles.

Así mesmo, esta lei establece que serán obxecto de desenvolvemento regulamentario cuestións inter

nas destes órganos, tales como a súa constitución, estrutura e réxime de funcionamento.

Por outra parte, o decreto da Xunta de Galicia, 63/2002, do 28 de febreiro, regulou os procesos electorais para a renovación de membros dos consellos reguladores das denominacións de calidade en materia agroalimentaria. Porén, a nova natureza xurídica con que a Lei 2/2005 dota estes órganos, e a conseguinte asunción por parte deles de novas funcións, entre elas a organización dos seus procesos electorais, fai necesaria tamén a modificación do seu réxime electoral, e con isto, da norma citada. Para iso o capítulo VI establece na súa sección 1ª as normas básicas ás que deben someterse con carácter xeral estes procesos, recollendo a sección 2ª unha serie de normas complementarias para aplicar naquelas denominacións que voluntariamente as decidan asumir, para deste xeito facilitarlles a realización destes procesos a aqueles consellos reguladores que teñan unha menor capacidade organizativa. Ademais, a disposición transitoria primeira recolle as condicións particulares que se aplicarán

aos primeiros procesos electorais que se celebren despois da aprobación deste decreto nos consellos reguladores existentes con anterioridade á súa entrada en vigor, tendo en conta que nese momento aínda carecerán de personalidade xurídica propio, ao non estaren constituídos como corporacións de dereito público ata a aprobación do seu novo regulamento particular en que se recolla esta condición.

Por iso, o presente decreto tenta dar resposta ao mandato contido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, de desenvolver cantos aspectos sexan necesarios para a tramitación das solicitudes de recoñecemento das denominacións xeográficas de calidade, así como para a adecuación dos seus consellos reguladores á nova situación real e normativa creada.

Por iso, por iniciativa do conselleiro do Medio Rural e da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e en virtude das competencias que á Comunidade Autónoma se lle atribúen no artigo 30. I. 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 26 e 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, oído o Consello Consultivo de Galicia, despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xaneiro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto regula as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e o réxime xurídico e de funcionamento dos seus órganos de xestión.

Artigo 2º.-Ámbito material e territorial de aplicación.

1. Este decreto é de aplicación aos produtos orixinarios da comunidade autónoma de Galicia acollidos ou que pretendan acollerse a unha denominación xeográfica de calidade, e aos seus consellos reguladores, sen prexuízo do establecido nas disposicións adicionais primeira e segunda.

2. Conforme dispón o artigo 7 da Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, enténdense por denominacións xeográficas de calidade as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas reguladas actualmente no R (CE) 510/2006, do 20 de marzo; as denominacións xeográficas de bebidas espirituosas a que se refire o R (CEE) 1576/1989, do 29 de maio; e os viños de mesa con indicación xeográfica (tamén denominados viños da terra) e as distintas categorías de viños de calidade producidos en rexións determinadas (v.c.p.r.d) que se inclúen no R (CEE) 1493/1999, do 17 de maio, e normativa concordante.

Capítulo II

Recoñecemento das denominacións xeográficas de calidade e dos seus consellos reguladores

Artigo 3º.-Solicitude de recoñecemento dunha denominación xeográfica dun produto do sector alimentario incluído no ámbito do Regulamento (CE) 510/2006, do Consello.

1. Poderá solicitar unha denominación xeográfica dun produto do sector alimentario incluído no ámbito do R (CEE) 510/2006 toda organización, calquera que sexa a súa forma xurídica ou a súa composición, de produtores ou transformadores interesados no mesmo produto agrario ou alimentario ou, en casos excepcionais, de acordo co que establezan as normas comunitarias, unha persoa física ou xurídica.

2. Os solicitantes deberán acreditar a súa vinculación profesional, económica e territorial cos produtos para os cales se solicita a inscrición, pola súa condición de produtores ou transformadores que exerzan a súa actividade no ámbito xeográfico da denominación.

3. A solicitude efectuarase perante a consellería competente segundo a natureza do produto e deberá ir acompañada dun proxecto de regulamento, redactado conforme as prescricións contidas na Lei 2/2005 e neste decreto; e dun prego de condicións que se axustará aos requisitos exixidos no R (CE) 510/2006, sen prexuízo doutra documentación que poida ser requirida por disposicións estatais ou europeas.

Artigo 4º.-Tramitación e recoñecemento dunha denominación xeográfica dun produto alimentario incluído no ámbito do R (CE) 510/2006 e do seu consello regulador.

1. Após o estudo da documentación e, de ser o caso, completado o expediente, a dirección xeral competente elaborará o documento único a que se refire o artigo 5 alínea 3.c) do R (CE) 510/2006 e someterao a información pública no DOG e no

BOE por un prazo de dous meses e, unha vez analizadas as alegacións que se presenten, ditarase, se procede, resolución favorable que se publicará no DOG e no BOE, e enviarase á administración competente para a súa remisión á Comisión Europea.

Unha vez remitido á Comisión Europea, por orde do conselleiro competente segundo a natureza do produto, aprobarase o regulamento da denominación e do seu consello regulador, que será publicado no DOG e no BOE, co que se acadará a protección transitoria da DOP ou IXP no territorio do Estado, mentres non se produza o seu rexistro definitivo, e o recoñecemento do seu consello regulador.

2. Igualmente, a orde que se publique no Diario Oficial de Galicia recollerá tamén o nomeamento, de acordo coas propostas do sector, dos membros do pleno do consello regulador, que terá carácter provisorio e estará encargado da posta en marcha da denominación ata a celebración do proceso electoral por que se constitúa un novo órgano de xestión, de acordo co procedemento establecido neste decreto.

Na primeira sesión plenaria que celebre o consello regulador provisorio quedará formalmente constituído como corporación de dereito público, sendo necesario para isto un quórum de dous terzos.

3. Cando da instrución do expediente se desprenda a desestimación da solicitude formulada, ditarase resolución denegatoria do conselleiro competente segundo a natureza do produto. Contra esta resolución os interesados poderán presentar os recursos administrativos e contenciosos administrativos correspondentes.

4. Para as posteriores modificacións dos regulamentos e, de ser o caso, dos pregos de condicións, deberá presentarse perante a consellería competente segundo a natureza do produto a proposta de modificación sometida a debate e aprobada polo pleno. Esta proposta seguirá os trámites establecidos neste artigo para a solicitude de recoñecemento.

5. Cando a modificación afecte o prego de condicións do produto, e salvo o establecido na alínea 6 seguinte, a publicación no Diario Oficial de Galicia do regulamento modificado deberá realizarse cando fose transmitida a solicitude de modificación á Comisión, de acordo coa normativa vixente.

6. Cando as modificacións no regulamento non afecten ao prego de condicións ou, afectándoo, non afecten o documento único, ou cando consistan nun cambio temporal no prego de condicións que obedeza a medidas sanitarias ou fitosanitarias obrigatorias impostas polas autoridades públicas, non será de aplicación o recollido na alínea 5 anterior.

Artigo 5º.-Solicitude de recoñecemento dun viño de mesa con indicación xeográfica ou dun viño de calidade producido en rexión determinada (VCPRD)

1. Poderá solicitar o recoñecemento dun viño de mesa con indicación xeográfica (tamén denominado

viño da terra) ou dun VCPRD toda organización, calquera que sexa a súa forma xurídica ou a súa composición, de produtores ou elaboradores vinculados ao sector vitivinícola desa zona xeográfica.

2. Os solicitantes deberán acreditar a súa vinculación profesional, económica e territorial coa vitivinicultura da zona pola súa condición de viticultores ou titulares de adegas que exerzan a súa actividade no ámbito xeográfico da denominación.

3. A solicitude presentarase perante a consellería competente en materia de agricultura e deberá ir acompañada dun proxecto de regulamento e dun estudo que comprenderá, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Xustificación de que o nome xeográfico é suficientemente preciso e está relacionado coa zona xeográfica delimitada.

b) Delimitación da zona xeográfica fundamentada nos factores naturais e humanos, de ser o caso e, en especial, nas características edáficas e climáticas.

c) Indicación das variedades de vide autorizadas e, de ser o caso, das técnicas de cultivo para a produción da uva.

d) Características e condicións de elaboración dos viños.

e) Métodos de elaboración.

f) Descrición dos viños.

g) Modos de presentación e comercialización, así como os principais mercados ou outros elementos que xustifiquen a notoriedade dos viños.

Artigo 6º.-Tramitación e recoñecemento dun viño de mesa con indicación xeográfica ou dun VCPRD e do seu consello regulador.

1. Após a presentación da solicitude a que se refire o artigo anterior, a documentación presentada será estudada polos servizos técnicos da consellería competente en materia de agricultura e darase audiencia aos sectores implicados.

2. De estimarse adecuada a solicitude, procederase ao recoñecemento do viño da terra ou do VCPRD coa publicación do seu regulamento no Diario Oficial de Galicia, mediante orde da consellería competente en materia de agricultura.

3. No caso dos VCPRD, a citada orde recollerá tamén o recoñecemento e o nomeamento, de acordo coas propostas do sector, dun órgano de xestión -consello regulador, no caso das denominacións de orixe ou denominacións de orixe cualificadas-con carácter provisorio, encargado da posta en marcha do VCPRD ata a celebración, de acordo co procedemento establecido no capítulo VI deste decreto, do proceso electoral por que se constitúa un novo órgano de xestión.

Na primeira sesión plenaria que celebre o consello regulador provisorio quedará formalmente constituí

do como corporación de dereito público, sendo necesario para isto un quórum de dous terzos.

4. Unha vez recoñecido o viño da terra ou o VCPRD, a comunidade autónoma remitirá ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de acordo coa normativa estatal de aplicación, unha certificación da disposición pola que se produciu o recoñecemento, para a súa publicación no BOE para os efectos da súa protección estatal, comunitaria e internacional.

Artigo 7º.-Recoñecemento de denominacións xeográficas para bebidas espirituosas e outros produtos vitivinícolas e dos seus consellos reguladores.

Para o recoñecemento de denominacións xeográficas de bebidas espirituosas e doutros produtos vitivinícolas non incluídos no ámbito de aplicación do Regulamento (CE) 510/2006, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios, aplicarase o procedemento establecido nos dous artigos anteriores, coas adaptacións que resulten necesarias polas súas particularidades.

Capítulo III

Dereitos e obrigas dos inscritos nos rexistros dos consellos reguladores

Artigo 8º.-Rexistros dos consellos reguladores.

1. Os consellos reguladores de cada denominación xeográfica xestionarán os correspondentes rexistros de produtores, elaboradores e, de ser o caso, comercializadores, nos cales deberán inscribirse os interesados en pertencer a esa denominación.

2. Os consellos reguladores, no correspondente regulamento, poderán establecer divisións dentro dos rexistros, se así se considerar oportuno para unha mellor xestión deles e, en particular, para a formación de censos electorais que permitan unha adecuada representación dos intereses económicos dos distintos sectores que integran a denominación.

3. As peticións de inscrición dirixiranse ao consello regulador cos datos, documentos e comprobantes que en cada caso se requiran en relación co produto de que se trate, a materia prima, os datos da explotación ou instalación, os procesos de elaboración ou transformación, ademais dos datos persoais do solicitante da inscrición. No regulamento de cada denominación, así como no Manual de Calidade, Procedementos Operativos e Instrucións Técnicas, especificaranse os datos que se requiran para cada inscrición.

4. As solicitudes de inscrición transmitiranse ao órgano de control e certificación, co obxecto de comprobar a través dunha auditoría o cumprimento de todos os requisitos establecidos no correspondente regulamento e demais normas concordantes.

5. O órgano de control e certificación denegaralle de forma motivada, as inscricións cando, en virtude dos datos presentados, se comprobe que non se axustan a esas normas. A denegación será comunicada ao interesado polo consello regulador.

6. No caso contrario, o consello regulador entregará ao titular un certificado acreditativo da inscrición, indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

7. As empresas que realicen máis dunha fase do proceso deberán ter inscritas as distintas instalacións nos rexistros correspondentes.

8. Quen se dea de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co consello e co órgano de control e certificación.

9. A inscrición nestes rexistros non exime as persoas interesadas da obriga de inscribírense naqueloutros que estean establecidos legalmente, debendo acreditalo, se así se considera nas normas da denominación, no momento de solicitaren a súa alta nos rexistros da denominación.

10. A inscrición nos rexistros é voluntaria, o mesmo que a correspondente baixa. Unha vez producida esta, a normativa de cada denominación poderá establecer un período de ata dous anos para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

11. As declaracións que figuren nos rexistros non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual, cando estean protexidas pola lexislación sobre protección de datos.

Artigo 9º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros, será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos impostos polas normas da denominación e demais normativa de aplicación, debendo comunicarse calquera variación que afecte aos datos fornecidos coa inscrición. O consello regulador poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

2. No regulamento de cada denominación e no seu Manual de Calidade, Procedementos Operativos e Instrucións Técnicas, determinarase o prazo e forma de renovación das inscricións e a comprobación da vixencia dos requisitos exixidos.

3. O órgano de control e certificación efectuará auditorías e inspeccións para comprobar a efectividade de canto se dispón neste artigo

Artigo 10º.-Dereito ao uso da denominación.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas inscritas no correspondente rexistro do consello regulador poderán producir, elaborar ou comercializar, segundo corresponda, os produtos que opten a ser amparados pola correspondente denominación xeográfica.

2. Só se poderá aplicar a correspondente denominación xeográfica aos produtos que fosen producidos, elaborados e comercializados conforme as normas exixidas polos correspondentes regulamentos e demais normativa propia da denominación.

3. O dereito ao uso da correspondente denominación e dos seus símbolos, anagramas e logotipo na propaganda, publicidade, documentación, precintos e etiquetas, é exclusivo das firmas inscritas nos diferentes rexistros do consello regulador, sen prexuízo do establecido no artigo 14.3º.

Artigo 11º.-Obrigas xerais das persoas inscritas.

1. Polo mero feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto no regulamento da denominación, así como no seu Manual de Calidade, Procedementos Operativos e Instrucións Técnicas, documento en que se recollerán normas complementarias de aplicación e que deberá ser aprobado pola consellería competente segundo a natureza do produto. Tamén estarán sometidas aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería, o órgano de control e certificación e o consello regulador.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o consello regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións. Así mesmo, deberán estar ao día no pagamento das cotas ao órgano de control e certificación, se este non for o propio consello regulador

Para iso, o consello regulador e o órgano de control deberán manter actualizados os rexistros dos inscritos.

3. Ademais, as persoas físicas e quen represente as persoas xurídicas inscritas nos rexistros do consello regulador están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeadas.

Artigo 12º.-Uso de marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. As marcas, nomes comerciais ou razóns sociais que fagan referencia aos nomes xeográficos protexidos polas denominacións, unicamente poderán utilizarse en produtos con dereito á denominación de que se trate, sen prexuízo do previsto na normativa comunitaria nesta materia.

2. No caso de que unha mesma marca, nome comercial ou razón social sexa utilizada para a comercialización dun produto con denominación xeográfica de calidade e outro ou outros de similar especie que carezan desa denominación de calidade, deberá introducirse na etiquetaxe, presentación e publicidade destes produtos elementos suficientes que permitan diferenciar de xeito claro e sinxelo o produto con denominación do que non a ten, para evitar, en todo caso, a confusión nos consumidores.

3. Sen prexuízo do que dispón o parágrafo anterior, o regulamento de cada denominación xeográfica de calidade poderá exixir que as marcas comerciais que

se utilicen nos produtos por ela amparados non sexan utilizadas noutros de similar especie que non estean acollidos á súa protección.

Artigo 13º.-Etiquetaxe

1. As etiquetas comerciais de cada produto, antes da súa posta en circulación, deberán ser autorizadas polo correspondente consello regulador, que comprobará os aspectos relativos á denominación xeográfica e á súa normativa específica.

2. No poderán autorizarse as etiquetas incorrectas ou que por calquera causa poidan inducir a confusión ao consumidor e prohibiranse as que resulten contrarias aos dereitos constitucionais da infancia, a muller e a xuventude. Tamén poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente, cando variasen as circunstancias da firma propietaria dela, instruíndose o oportuno expediente conforme as normas recollidas no Manual de Calidade, Procedementos Operativos e Instrucións Técnicas.

3. En todo caso, respectaranse as competencias que correspondan a outras institucións en materia de supervisión do cumprimento das normas xerais de etiquetaxe.

4. Ademais, nas etiquetas comerciais do produto deberá figurar obrigatoriamente e de forma destacada a mención correspondente á denominación xeográfica de que se trate, así como os datos que, con carácter xeral, se determinan na lexislación vixente.

Artigo 14º.-Logotipo da denominación.

1. Cada consello regulador adoptará un emblema ou logotipo como símbolo da respectiva denominación.

2. O consello regulador poderá obrigar, de acordo coa normativa propia da denominación, a que no exterior dos locais das empresas inscritas, nun lugar destacado, figure unha placa onde se reproduza o logotipo da denominación xeográfica.

3. Os establecementos de venda polo miúdo que expendan produto amparado por unha denominación xeográfica, poderán utilizar o distintivo dela, colocado de forma visible e de xeito que permita una correcta identificación do produto protexido, de acordo co que se estableza na normativa propia da denominación.

Capítulo IV

Órganos de goberno dos consellos reguladores

Composición e membros. Funcións

Artigo 15º.-Órganos de goberno.

Os órganos de goberno dos consellos reguladores son a presidencia, a vicepresidencia ou vicepresidencias, o pleno e calquera outro que se estableza no seu regulamento.

Artigo 16.-Pleno do consello regulador: composición.

1. O pleno do consello regulador é o órgano superior de goberno da denominación xeográfica, elixido por un período de catro anos.

2. Estará constituído por vogais representantes dos distintos sectores integrantes de cada denominación, de acordo coa composición que se estableza no seu regulamento particular, con base en criterios de representatividade dos intereses económicos e sociais deses sectores. Actuará baixo a dirección da persoa que exerza a presidencia do consello regulador, que tamén formará parte do pleno, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do seu secretario.

3. As persoas que ocupen o cargo de vogal deberán estar inscritas no rexistro correspondente ao sector que representan. Cando o vogal sexa persoa xurídica, estará representado no pleno do consello regulador pola persoa física que os seus órganos de goberno designen en cada momento. Non obstante, unha mesma persoa física ou xurídica inscrita en varios rexistros dun consello regulador non poderá ter neste dobre representación, nin directamente nin a través de firmas filiais ou socios dela.

4. A consellería competente segundo a natureza do produto poderá designar ata dous delegados, que asistirán ás reunións do pleno con voz pero sen voto.

Artigo 17º.-Dereitos e deberes dos membros do pleno.

1. A condición de membro do pleno non ten carácter retribuído.

2. Os membros do pleno teñen o dereito e a obriga de asistir, con voz e voto, ás sesións que este celebre.

3. Ademais, os membros do pleno teñen dereito a recibir a información necesaria para o correcto exercicio das súas funcións.

4. Os membros do pleno están obrigados a observar a máis absoluta confidencialidade respecto das informacións e datos recollidos ou coñecidos no exercicio das súas funcións.

5. Non se admitirán as delegacións de voto.

Artigo 18º.-Perda da condición de vogal.

1. Ademais de pola terminación do mandato, a condición de vogal perderase por algunha das seguintes causas:

a) Cando desapareza calquera dos requisitos de elixibilidade que concorreron na súa elección.

b) Por resolución administrativa ou xudicial firme que anule a súa elección ou proclamación como candidato.

c) Por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou a tres alternas no período dun ano, despois de incoación de expediente. A resolución deste expediente será impugnable en vía administrativa.

d) Por ser sancionado con resolución firme en vía administrativa por infracción grave ou moi grave contra as disposicións normativas relacionadas coa denominación. A persoa física ou xurídica en que se der esta circunstancia non poderá ter a condición

de elixible nunha posterior convocatoria electoral, ata que transcorresen dous anos desde que adquiriu firmeza a sanción, no caso de que esta fose grave, e cinco no caso das moi graves.

e) Por causar baixa nos rexistros do consello ou por perder a súa vinculación co sector que o elixiu.

f) Por dimisión, renuncia ou calquera causa que incapacite para o desempeño do cargo.

g) Por finamento dos que teñan a consideración de persoas físicas ou pola extinción da personalidade xurídica no caso dos membros do pleno con forma societaria.

2. No caso de cesamento dun vogal por calquera das causas recollidas na alínea 1 anterior, a súa vacante será cuberta polo seu substituto legal, designado segundo o establecido no capítulo VI deste decreto, relativo ao réxime electoral.O mandato do novo vogal só durará ata que se celebre a seguinte renovación do pleno do consello regulador.

Artigo 19º.-Funcións do pleno do consello regulador.

Corresponde ao pleno do consello regulador:

a) Aplicar as disposicións normativas da correspondente denominación, así como velar polo seu cumprimento e, en xeral, xestionar a denominación xeográfica.

b) Aprobar os orzamentos de cada exercicio, a memoria de actividades e a liquidación orzamentaria do exercicio anterior, así como a súa remisión á consellería competente segundo a natureza do produto.

c) Autorizar os gastos por importe superior a 3.000 euros, ou ao 2% do orzamento anual, segundo cal sexa a cifra máis elevada, se no regulamento propio da denominación non se establece un límite menor.

d) Aprobar as cotas do consello regulador e determinar os recursos da corporación, conforme os criterios establecidos neste decreto e no regulamento particular.

e) Elaborar as propostas de modificación dos regulamentos para a súa aprobación pola consellería competente segundo a natureza do produto.

f) Elaborar o Manual de Calidade, Procedementos Operativos e Instrucións Técnicas para a súa aprobación pola consellería competente segundo a natureza do produto.

g) Aprobar os cadros do persoal propio e as súas bases de contratación, sen prexuízo do establecido na Lei 2/2005 e este decreto para o persoal adscrito ao órgano de control e certificación.

h) O control e fiscalización dos departamentos e órganos do consello regulador, coas particularidades establecidas para o órgano de control e certificación.

i) A aprobación dos convenios de colaboración e cooperación coas administracións públicas e con calquera outra entidade.

j) A adopción de acordos relativos á creación ou participación do consello en asociacións, fundacións e sociedades civís ou mercantís, así como dos acordos para a súa supresión ou finalización da participación.

k) O nomeamento e cesamento do secretario ou secretaria e persoal de dirección.

l) A aprobación dos informes que deban remitirse ás administracións públicas e relativos a materias da súa competencia.

m) A adopción de acordos sobre o exercicio de accións e a interposición de recursos ante calquera xurisdición.

n) O alleamento de patrimonio e a concertación de operacións de crédito.

o) A aprobación dos plans anuais de actuación e xestión do consello regulador.

p) A constitución no seu seo de comisións específicas.

q) O nomeamento de representantes noutras entidades.

r) Cantas outras funcións se lle atribúan neste decreto e no correspondente regulamento da denominación, e aqueloutras propias do consello regulador non atribuídas especificamente á presidencia.

Artigo 20º.-A presidencia do consello regulador.

1. A presidencia do consello regulador será exercida pola persoa que elixa o pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros, sen que necesariamente teña a condición de vogal. O seu nomeamento farase mediante orde do titular da consellería competente segundo a natureza do produto.

2. A presidencia do consello regulador non se poderá exercer por máis de dous mandatos consecutivos, salvo nos casos en que a ausencia de candidatos alternativos o xustifique.

3. Non poderá exercer a presidencia quen ocupe calquera cargo electivo dos regulados na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, e na lexislación autonómica sobre a materia.

Artigo 21º.-Cesamento do presidente.

1. O presidente ou presidenta do consello regulador cesará, ademais de cando remate o mandato do pleno que o elixiu, e sen prexuízo do establecido no artigo 33, nos seguintes casos:

a) Polo seu finamento.

b) Por petición propia, unha vez aceptada polo pleno a súa dimisión.

c) Após a aprobación por maioría absoluta do pleno, dunha moción de censura, que deberá ser proposta, polo menos, por un terzo dos seus membros, en sesión celebrada para o efecto, e que incluirá necesariamente a proposta dun candidato á presidencia do consello regulador.

d) Após sentenza firme que implique a súa inhabilitación para o cargo.

e) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

2. No caso de dimisión, cesamento, abandono ou finamento do presidente ou presidenta, os vogais do consello regulador elixirán a persoa que o substitúa no prazo dun mes, agás a situación prevista na letra c) da alínea anterior, o que será comunicado á consellería competente segundo a natureza do produto para o seu nomeamento. O mandato do novo presidente ou presidenta será só polo tempo que lle restase ao anterior.

Cando concorra calquera destes supostos, e mentres non se designe un novo presidente ou presidenta, este será substituído polo vicepresidente ou vicepresidenta ou, de haber varios, polo primeiro na orde de prelación.

Artigo 22º.-Funcións da presidencia.

1. Son funcións da presidencia do consello regulador:

a) Representar legalmente o consello regulador e dirixir o seu goberno e administración.

b) Cumprir e facer cumprir as disposicións legais e regulamentarias.

c) Sinalar a orde do día, convocar, presidir, suspender e levantar as sesións do pleno e dirixir as súas deliberacións, decidindo nos empates co voto de calidade.

d) Dirixir e inspeccionar os servizos, administrar os ingresos e fondos do consello, ordenar os pagamentos e render as contas, de acordo coas decisións tomadas polo pleno e sen prexuízo das funcións atribuídas a este no artigo 19 deste decreto. Esta competencia poderá ser delegada no secretario ou secretaria, logo da súa aprobación polo pleno.

e) Organizar o réxime interior do consello regulador.

f) Propor ao consello regulador a contratación, suspensión ou renovación do seu persoal, sen prexuízo do establecido na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e neste decreto para o persoal integrado no órgano de control e certificación.

g) Informar á consellería competente segundo a natureza do produto das incidencias que ocorran na produción, elaboración, transformación e mercado.

h) Remitir á consellería competente segundo a natureza do produto aqueles acordos que adopte o consello regulador que deban ser coñecidos por esta, conforme o disposto neste decreto e demais normativa aplicable, así como aqueloutros que pola súa importancia considere que deben ser coñecidos pola Administración.

i) Executar os acordos adoptados polo pleno.

j) Presidir os organismos e institucións que dependan ou poidan depender no sucesivo do consello regulador.

k) Asinar a correspondencia oficial do consello.

l) Visar as actas e as certificacións dos acordos que deban expedirse

m) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera de natureza oficial, sen prexuízo das legalizacións establecidas pola lei.

n) Adoptar as medidas disciplinarias que procedan.

o) Representar o consello en todos os actos xurídicos e exercer os dereitos e accións que a ela correspondan.

p) Sen prexuízo das funcións atribuídas ao pleno, ditar cantas resolucións coide necesarias ou vantaxosas para a boa marcha do consello regulador e respecto dos asuntos non sometidos a estudo das comisións específicas que cree o pleno, así como nos de extrema urxencia, dando conta ao pleno na primeira sesión que este celebre.

q) Dispor a repartición de asuntos, temas ou cuestións ás comisións específicas que cree o pleno cando, ao seu xuízo, deban ser obxecto de estudo ou exame previo á consideración do pleno.

r) Exercer as demais funcións que se establezan no regulamento da denominación, así como aquelas que o pleno acorde ou que lle confíe a consellería competente segundo a natureza do produto.

s) Exercer cantas outras funcións lle encomende a normativa vixente.

2. A presidencia poderá delegar o exercicio das súas atribucións na vicepresidencia ou vicepresidencias. O regulamento da denominación poderá prever a posibilidade de delegacións especiais a favor de calquera membro do pleno para a dirección e xestión de asuntos determinados.

Artigo 23º.-A vicepresidencia.

1. Cada consello regulador contará con unha ou varias vicepresidencias, que serán exercidas por persoas elixidas por e entre os vogais electos e nomeadas polo conselleiro competente segundo a natureza do produto. O seu nomeamento non lle fará perder a súa condición de vogal.

2. O número de vicepresidencias do consello regulador determinarase no seu regulamento específico. Este regulamento poderá prever a existencia dunha vicepresidencia elixida por cada subsector que interveña na denominación. No caso de existir máis dunha vicepresidencia, o regulamento establecerá a súa orde de prelación, que poderá ser rotatoria no tempo do mandato do pleno.

3. Os/as vicepresidentes/as substituirán, pola súa orde, o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

4. As vicepresidencias exercerán, ademais, aquelas funcións que lle sexan delegadas pola presidencia.

Artigo 24º.-Réxime de convocatorias.

1. O pleno do consello regulador reunirase cando o convoque a presidencia, ben por iniciativa propia ben a petición da metade dos vogais, sendo obrigatorio celebrar sesión, polo menos, unha vez cada trimestre.

2. As sesións convocaranse por comunicación persoal aos membros deste, mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia da súa recepción, e cando menos oito días de anticipación. A citación deberá ir acompañada da orde do día da reunión, na cal non se poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados, agás que estean presentes todos os membros do pleno e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

3. Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado non incorporado pola presidencia, será necesario que o soliciten cando menos a terceira parte dos seus membros, con catro días de antelación como mínimo.

4. No caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto, a xuízo da presidencia, citarase os vogais polos medios axeitados, con vinte e catro horas de anticipación como mínimo.

5. Na falta de convocatoria e con carácter excepcional, o pleno do consello regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.

6. Cando un membro non poida asistir a unha sesión notificarao ao consello regulador, expresando a causa da súa ausencia.

Artigo 25º.-Réxime de acordos.

1. Os acordos do pleno do consello regulador adoptaranse por maioría dos membros presentes e para que sexan válidos será necesario que concorran, en primeira convocatoria, máis da metade dos seus membros, sendo en segunda convocatoria suficiente con que concorra máis dun terzo. A presidencia terá voto de calidade.

2. Os acordos do consello regulador que non teñan carácter particular e afecten a unha pluralidade de suxeitos notificaranse mediante o envío de circulares aos seus inscritos e expoñéndoos nas oficinas do consello regulador.

Artigo 26º.-Comisións do pleno.

Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos en que se coide necesario, o pleno do consello regulador poderá establecer comisións para tratar ou resolver asuntos concretos. As súas resolucións serán comunicadas ao pleno na primeira reunión que este celebre, para a súa validación.

Artigo 27º.-Persoal.

1. Para o cumprimento dos seus fins, cada consello regulador poderá contar co persoal necesario, contratado en réxime laboral, de conformidade co cadro de persoal aprobado polo pleno de acordo coa súa

capacidade orzamentaria. Este persoal rexerase polo convenio colectivo específico que se aprobe ou ao que de común acordo decidan someterse.

2. Na contratación de persoal, os consellos reguladores axustarán a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

3. Para a contratación e cesamento do persoal do órgano propio de control e certificación, de existir, observarase ademais o disposto na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e neste decreto, sobre as garantías na contratación e remoción do persoal dos órganos de control e certificación integrados nos consellos reguladores.

Artigo 28º.-A secretaría do consello regulador.

1. Cada consello regulador contará cun secretario ou secretaria, nomeado polo pleno, que poderá pertencer ao cadro de persoal do consello ou estar adscrito ao Ingacal, no caso de que o instituto prestase este servizo ao consello.

2. Os cometidos específicos da secretaría son os seguintes:

a) Preparar os traballos do consello e tramitar a execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións do pleno con voz pero sen voto, enviar as convocatorias, redactar as actas e custodiar os libros e documentos do consello regulador.

c) Os asuntos relativos ao réxime interior do consello regulador, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Recibir os actos de comunicación dos vogais do consello regulador e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

e) Expedir certificacións de consulta, ditames e acordos aprobados, co visto e prace do presidente.

f) As demais funcións que lle encomende a presidencia, relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do consello regulador.

Capítulo V

Réxime económico e contable e control da actividade dos consellos reguladores

Artigo 29º.-Recursos económicos.

Para o cumprimento dos seus fins, os consellos reguladores poderán contar cos seguintes recursos:

a) As cotas que deberán aboar os seus inscritos polos conceptos que se recollan nos seus regulamentos e cos importes que fixe en cada momento o pleno do consello regulador. Estas cotas poderán ser de dous tipos:

1. Unha cota de inscrición e outra de renovación rexistral anual ou coa periodicidade que se indique

no regulamento correspondente, que será aplicable a todos os inscritos nos diferentes rexistros da denominación. Estas cotas serán de ata 100 euros, podendo establecerse no regulamento da denominación criterios de modulación para que o seu importe sexa proporcional ao volume de actividade do inscrito en relación coa denominación xeográfica.

2. Unha cota variable en función da actividade do inscrito no seo da denominación, que será proporcional ao valor da súa produción. Esta cota será como máximo do 2% do valor do produto, calculado de acordo co establecido no regulamento particular de cada denominación -que poderá basearse en datos obxectivos como o número de UGM ou a superficie cultivada, e rendementos medios- e en función do prezo medio da unidade de produto estimado por acordo do pleno do consello regulador.

b) As subvencións que poidan establecerse anualmente nos orzamentos xerais das administracións públicas.

c) As rendas e produtos do seu patrimonio.

d) As doazóns, legados e demais axudas que poidan percibir.

e) Os rendementos pola prestación de servizos, incluídos, se é o caso, os relativos ao control e a certificación do produto, de acordo coas tarifas que estableza o pleno do consello regulador.

f) Calquera outros que lles corresponda percibir.

Artigo 30º.-Orzamento e memoria de actividades.

1. Os consellos reguladores elaborarán e aprobarán, dentro do último trimestre de cada exercicio, o orzamento do exercicio seguinte. Se finalizado ese trimestre non se chegase a aprobar o orzamento, entenderase prorrogado por períodos mensuais o do exercicio económico anterior, ata a aprobación do novo orzamento.

2. Ademais, os consellos reguladores elaborarán anualmente, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, unha memoria das actividades realizadas durante o ano inmediatamente anterior e a liquidación orzamentaria do exercicio pasado.

3. Os documentos mencionados no parágrafo anterior seranlle remitidos á consellería competente segundo a natureza do produto no prazo dun mes, contado desde a data da súa aprobación polo pleno, a fin de que sexan ratificados de conformidade coa súa adecuación ás disposicións normativas de aplicación.

Artigo 31º.-Réxime contable.

1. Os consellos reguladores levarán un plan contable, que será aprobado pola Consellaría de Economía e Facenda, sendo de aplicación, coas súas peculiaridades propias, o disposto no título V, capítulo II do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nas súas posteriores modificacións.

No plan contable reflectirase o movemento de ingresos e gastos de xeito separado, así como todas aquelas modificacións que se produzan na súa situación patrimonial.

Anualmente confeccionarase o correspondente balance, no cal se reflectirá a súa situación patrimonial, económica e financeira.

2. A Xunta de Galicia, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, poderá exercer o control financeiro necesario sobre os gastos efectuados para a xestión das súas funcións.

3. En todo caso, a xestión económica e financeira e mais as contas dos consellos reguladores estarán sometidas ao control do Consello de Contas, nos termos previstos na Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do devandito órgano, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 32º.-Control da actividade dos consellos reguladores.

1. Os consellos reguladores están sometidos a auditorías técnicas, económicas, financeiras ou de xestión, que serán efectuadas polo Ingacal ou outros órganos da Xunta de Galicia ou por entidades privadas designadas especificamente para o efecto.

2. Antes da súa adquisición, os compromisos de gasto que afecten máis de unha anualidade e cuxo importe sexa superior ao 10% do orzamento anual, deberán ser autorizados pola consellería competente segundo a natureza do produto.

3. Os consellos reguladores comunicarán á consellería competente segundo a natureza do produto, no prazo máis breve posible, a composición dos seus órganos de goberno e as modificacións posteriores que nestes poidan producirse. Deberanlle comunicar, igualmente, o nomeamento e cesamento, de ser o caso, do secretario ou secretaria.

4. A consellería competente segundo a natureza do produto e o Ingacal velarán porque se cumpran as normas establecidas na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, neste decreto e demais normativa de aplicación, para o axeitado funcionamento dos consellos reguladores.

5. As decisións que adopten os órganos de goberno das denominacións cando exerzan potestades administrativas poderán ser impugnadas ante o conselleiro ou conselleira competente segundo a natureza do produto, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para estes efectos, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións dos consellos reguladores en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral, o réxime disciplinario, así como a responsabilidade

patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas ao dereito administrativo, ademais do establecido no artigo 70.1º en relación co órgano de control e certificación.

6. Son nulos de pleno dereito ou anulables os actos dos consellos reguladores en que se dea algún dos supostos establecidos nos artigos 62 e 63, respectivamente, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, arriba mencionada.

Artigo 33.-Incumprimento das obrigas dos consellos reguladores.

1. O incumprimento por parte dalgún ou de todos os membros do pleno dun consello regulador das obrigas propias, poderá dar lugar á apertura dun procedemento para determinar a súa responsabilidade.

A incoación e instrución do procedemento corresponderá á dirección xeral competente da consellería que corresponda segundo a natureza do produto. Os membros do pleno do consello regulador afectados polo procedemento poderán efectuar as alegacións que consideren oportunas nun prazo máximo de 15 días, e propor probas cando for o caso, debéndose dar trámite de audiencia por un prazo non superior a 15 días.

De se constatar o incumprimento, a dirección xeral competente ditará resolución de apercibimento aos interesados para que corrixan a súa actuación no prazo dun mes.

De non corrixirse a actuación, o conselleiro competente segundo a natureza do produto amparado, despois do trámite de audiencia por un prazo non superior a 15 días, poderá suspender temporalmente, por un tempo máximo de tres meses, os membros do consello regulador afectados polo procedemento. Se a suspensión afectase máis de dous terzos dos membros do pleno do consello regulador, nomearase unha comisión xestora que exercerá as funcións do pleno do consello en canto dure a suspensión.

A comisión xestora nomeada polo conselleiro por proposta da dirección xeral compoñerase, como mínimo, de tres membros, sendo un deles presidente.

2. O incumprimento das obrigas dos membros dos plenos dos consellos reguladores ten carácter grave cando, do expediente administrativo instruído nos termos sinalados na alínea 1. anterior, quede patente que concorreu reincidencia ou reiteración, mala fe, incumprimento deliberado ou perturbación manifesta do interese público. O incumprimento grave implica a suspensión temporal dos cargos do consello regulador por un período entre tres e seis meses, ou a suspensión definitiva, segundo o que estableza a resolución do conselleiro que poña fin ao procedemento.

A comisión xestora designada conforme o disposto na alínea 1. anterior permanecerá mentres dure a suspensión temporal ou mentres non sexan elixidos os novos órganos de goberno. Neste último caso de

suspensión definitiva, a consellería competente deberá convocar eleccións no prazo máximo de sesenta días.

Capítulo VI

Réxime electoral dos consellos reguladores

Artigo 34º.-Características do réxime electoral.

1. De acordo co disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, correspóndelle aos consellos reguladores a organización dos procesos de elección dos seus órganos de goberno de acordo con principios democráticos.

2. Para garantir estes principios e os contidos na citada lei, estes procesos axustaranse ás normas comúns que se conteñen na sección 1ª deste capítulo.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior e do contido na disposición transitoria primeira, o regulamento de cada denominación xeográfica poderá conter as normas específicas aplicables aos seus procesos electorais.

Ás denominacións en que os seus regulamentos particulares non prevexan un réxime electoral específico seranlle de aplicación, ademais das normas comúns da sección 1ª deste capítulo, as normas complementarias contidas na sección 2ª.

Sección 1ª

Normas comúns

Artigo 35º.-Duración do mandato electoral.

1. A duración do mandato dos vogais dos consellos reguladores será de catro anos, e poderán ser reelixidos.

2. O prazo anterior empezará a contarse desde o día seguinte ao da súa toma de posesión, que deberá efectuarse segundo o calendario que se estableza na correspondente convocatoria.

3. Finalizado o mandato, e en todo caso durante o proceso electoral, os membros dos consellos reguladores estarán en funcións, podendo realizar unicamente actos de trámite e os necesarios para a axeitada marcha da denominación, entre eles os relacionados co proceso electoral. O seu cometido rematará coa toma de posesión dos novos vogais.

Artigo 36º.-Convocatoria.

1. Nos dous meses anteriores á finalización do mandato dos vogais dos consellos reguladores, a consellería competente segundo a natureza do produto convocará as eleccións, despois da consulta cos órganos de goberno dos consellos implicados no proceso.

Na dita convocatoria, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, determinarase o calendario a que deberá axustarse o proceso electoral, así como as regras aplicables a este, de conformidade co establecido neste decreto, nos regulamentos particulares de cada denominación, e cos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería e os órganos de goberno dos consellos reguladores.

2. Cada consello regulador dará publicidade da convocatoria expoñéndoa na súa sede, así como naqueles lugares e polos medios que considere máis oportunos para acadar a máxima difusión no seu ámbito sectorial e territorial.

Artigo 37º.-Electorado.

1. Poderán ser electores as persoas físicas ou xurídicas que, con anterioridade á data de entrada en vigor da correspondente orde de convocatoria, estean debidamente inscritas e con actividade nalgún dos censos do consello regulador; que non carezan do dereito de sufraxio activo en virtude do disposto na normativa de réxime electoral xeral; e que non fosen sancionados firmes coa suspensión da súa inscrición no rexistro correspondente.

As normas específicas de cada denominación, así como a correspondente orde de convocatoria electoral, poderán fixar requisitos particulares para determinar quen ten a condición de elector en función da actividade económica dentro da denominación, podendo recoller situacións especiais polas cales poida ser elector quen non teña esa actividade por estar sometida a súa explotación a un proceso de reconversión ou reestruturación, ou outras causas que xustifiquen a súa consideración como tal.

2. As persoas xurídicas exercerán o seu dereito ao voto a través do seu representante legal.

3. O dereito de sufraxio exercerase, con carácter xeral, unha soa vez, é dicir, cada elector ten dereito a un único voto por cada censo en que se encontre inscrito. Non obstante o anterior, o regulamento propio dun consello regulador e as normas da correspondente convocatoria electoral poderán establecer que para o sector transformador, e en atención ao volume da actividade económica do elector respecto da denominación, se lle poidan asignar un número de votos suplementarios proporcional a esa actividade, ata un máximo total de cinco votos.

4. Sen prexuízo do disposto na alínea anterior, no caso de que un mesmo titular figure inscrito en máis dun censo electoral, poderá ser elector en cada un deles.

Artigo 38º.-Elixibles.

1. Serán elixibles como vogais do consello regulador aquelas persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos para ser elector e que non estean incursas nas causas de inelixibilidade previstas na normativa de réxime electoral xeral.

2. No caso de que un mesmo titular figure inscrito en máis dun censo, só poderá ser elixible por un, debendo optar polo que máis lle interese. Unha mesma persoa física ou xurídica, aínda que estea inscrita en varios rexistros dun consello regulador, non poderá ter neste dobre representación, sen prexuízo do establecido na disposición adicional quinta.

3. No caso de persoas xurídicas inscritas, o candidato a vogal será a propia persoa xurídica, que estará representada no consello regulador, de resul

tar elixida, pola persoa física que en cada momento designe o seu órgano de goberno, sen prexuízo do disposto na disposición adicional quinta.

Artigo 39º.-Sistema electoral.

1. O sistema electoral aplicable será de carácter proporcional directo, considerándose todas as candidaturas sen que sexa necesario reunir unha porcentaxe mínima de votos válidos emitidos.

2. Na respectiva orde de convocatoria de cada proceso electoral fixarase a representación por sectores, así como o número de vogais correspondentes a cada censo e subcenso, se o houber, de acordo -e sen prexuízo do establecido na disposición transitoria terceira- co establecido nos correspondentes regulamentos dos consellos reguladores das denominacións xeográficas convocadas a eleccións, que deberán ter en conta criterios de representatividade económica e social, garantindo ademais unha axeitada representación das minorías.

Artigo 40º.-Xunta Electoral.

1. A Xunta Electoral é o órgano supremo de supervisión do proceso electoral e nela estarán representados os diversos sectores que concorren ao proceso electoral e persoal técnico da consellería competente segundo a natureza do produto e dos seus entes e organismos dependentes.

2. A Xunta Electoral terá as seguintes funcións:

a) Garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral.

b) Vixiar o cumprimento por parte dos consellos reguladores das funcións que se lle encomendan en relación co proceso electoral e prestarlle o apoio que precise no seu exercicio.

c) Cursar instrucións de obrigado cumprimento aos órganos de goberno dos consellos reguladores en relación co proceso electoral e exercer a supervisión deste.

d) Resolver, con carácter vinculante, as consultas que lle eleven os órganos de goberno dos consellos reguladores.

e) Revogar, de oficio ou por instancia de parte, as decisións dos órganos de goberno dos consellos reguladores relacionadas co proceso electoral.

f) Resolver as queixas e reclamacións que se lle dirixan en relación co proceso electoral, sempre que non sexan competencia dos plenos dos consellos reguladores.

g) Resolver os recursos que se interpoñan contra os acordos dos plenos dos consellos reguladores relacionados co proceso electoral, de acordo cos prazos que se establezan no calendario electoral.

h) Unificar criterios interpretativos dos órganos de goberno dos consellos reguladores en relación co proceso electoral.

i) Corrixir as infraccións que se produzan no proceso electoral, sempre que non sexan constitutivas de delito.

j) Realizar a vixilancia das votacións.

k) Resolver as consultas que lles presenten os electores, candidaturas e membros das mesas ou, de ser o caso, outros órganos electorais.

l) Desenvolver calquera outra función e competencia relacionada co proceso electoral non atribuída aos órganos de goberno dos consellos reguladores nin ás mesas ou, se é caso, outros órganos electorais.

Artigo 41º.-Composición da Xunta Electoral.

1. A Xunta Electoral terá a composición que se determine na orde da convocatoria e estará integrada por representantes das organizacións profesionais agrarias, das asociacións empresariais e das cooperativas relacionadas coa actividade da correspondente denominación xeográfica, ademais de persoal técnico da consellería competente e dos seus entes e organismos dependentes.

2. No suposto de que se convoquen simultaneamente varios procesos electorais, poderá constituírse unha Xunta Electoral común para todos ou varios deles.

3. Ningún membro, titular ou suplente, da Xunta Electoral poderá presentarse como candidato a vogal nin ser membro do pleno do consello regulador.

Artigo 42º.-Presentación de candidatos a vogais da Xunta Electoral.

1. A presentación de candidatos á Xunta Electoral en representación de organizacións profesionais agrarias, asociacións empresariais e cooperativas farase mediante solicitude acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade propoñente.

b) Acordo do órgano de goberno, consello reitor ou, no caso das unións, dos respectivos consellos reitores ou órganos de goberno, polo cal se propoña o representante e o seu suplente.

c) Curriculum vitae dos candidatos titular e suplente.

d) Número de fax e/ou enderezo de correo electrónico autorizados pola organización para os efectos de recepción das convocatorias e comunicacións relacionadas co proceso electoral.

2. No suposto de organizacións profesionais agrarias, asociacións empresariais ou cooperativas integradas noutras de ámbito superior, aquelas unicamente poderán presentar candidatos se estas non o fixeren.

3. As candidaturas á Xunta presentaranse, segundo o calendario electoral, ante a consellería competente segundo a natureza do produto, debendo conter cada unha un titular e un suplente.

Artigo 43º.-Designación dos membros da Xunta Electoral.

1. A designación de todos os membros da Xunta Electoral, titulares e suplentes, será realizada mediante resolución do director xeral con competencias en materia de denominacións de calidade da consellería que corresponda segundo a natureza do produto, de acordo co calendario electoral.

2. Na dita designación teranse en conta a formación académica e a experiencia dos candidatos así como, no caso dos representantes de organizacións profesionais agrarias, asociacións empresariais e cooperativas, o seu grao de implantación no sector da actividade da correspondente denominación xeográfica.

3. Contra a dita resolución poderase interpor recurso ante o conselleiro competente no prazo que se determine na orde de convocatoria.

4. O mandato dos membros da Xunta Electoral concluirá 100 días despois da celebración das eleccións.

5. Os membros da Xunta Electoral que asistan ás súas reunións terán dereito a percibir as indemnizacións que se establezan na orde de convocatoria.

Artigo 44º.-Elaboración do censo electoral.

O censo electoral será elaborado por cada consello regulador e estará constituído por todos e cada un dos titulares inscritos e con actividade nos rexistros correspondentes do consello regulador, de acordo co que se estableza no regulamento e na orde de convocatoria. Cada censo poderase dividir en subcensos en atención á distribución de vogais que figure no citado regulamento.

Artigo 45º.-Constitución do pleno do consello regulador.

1. O pleno resultante do proceso electoral constituirase o día que se estableza na orde de convocatoria, tomando posesión os novos vogais electos en sesión presidida por un representante da Administración, designado para o efecto polo titular da consellería competente segundo a natureza do produto. Para a celebración desta sesión precisarase un quórum de dous terzos.

2. A seguir, na mesma sesión, o consello en pleno elixirá por maioría a quen vai exercer os cargos de presidente e vicepresidente ou vicepresidentes, de acordo co establecido no seu regulamento. No caso de empate na elección dalgún dos cargos, procederase no terceiro día hábil seguinte a unha nova votación. De persistir o empate, procederíase de novo de igual xeito e, en caso de non se desfacer, decidiríase por sorteo que realizará a Xunta Electoral entre os candidatos que tivesen o mesmo número de apoios na última votación.

3. As persoas elixidas para os cargos de presidente e vicepresidente ou vicepresidentes serán nomeadas posteriormente polo titular da consellería competente.

4. Unha vez constituído o consello regulador, as vacantes que se producisen por finamento, abandono, dimisión, cesamento na actividade ou calquera outra causa, dalgún dos seus vogais, serán cubertas a partir da lista a que pertencía o dito vogal e pola orde nela establecida.

Sección 2ª

Disposicións complementarias

Artigo 46º.-Mesas electorais.

1. Son os órganos encargados de presidir as eleccións, realizar o escrutinio, publicar os resultados e velar pola pureza do sufraxio.

2. Estarán integradas por un presidente ou presidenta e dous vogais, elixidos polo consello regulador por sorteo entre os electores que saiban ler e escribir, sen prexuízo do que se dispón no parágrafo seguinte. Do mesmo xeito, designaranse dous suplentes por cada un deles.

3. No suposto de que se celebren varias eleccións no mesmo día, as mesas electorais poderán ser comúns para todas ou varias delas.

4. Os cargos de presidente ou presidenta e vogal das mesas electorais son obrigatorios. Unha vez realizada a súa designación, deberá ser notificada aos interesados, que poderán alegar ante o consello regulador causa xustificada e documentada que lles impida aceptar o cargo. O pleno do consello regulador resolverá sobre a dita alegación sen ulterior recurso. Os prazos para alegar e para resolver determinaranse no calendario que fixe a orde de convocatoria das eleccións.

A incomparecencia inxustificada de calquera dos membros das mesas electorais poderá supor a suspensión ata por dous anos nos dereitos que lle correspondan como inscrito na denominación.

5. As candidaturas que concorran ás urnas poderán nomear ata dous interventores por mesa.

6. A Xunta Electoral, por proposta da consellería competente segundo a natureza do produto, poderá nomear para cada mesa electoral un empregado público que terá como funcións as de prestar auxilio e asesoramento á mesa e levar a efecto todas as actividades necesarias para garantir o correcto desenvolvemento do proceso electoral.

7. O número e localización das mesas serán determinados polo pleno do consello regulador, atendendo a facilitar ao electorado o exercicio do sufraxio, así como a garantir o dereito ao segredo do voto, sen prexuízo de que sexan consideradas as dispoñibilidades orzamentarias do consello regulador.

8. En cada mesa electoral instalarase unha urna para cada un dos censos ou subcensos existentes, salvo que o pleno do consello regulador, polo escaso número de electores dalgún censo ou subcenso nunha determinada mesa, e co fin de garantir o segredo do voto, determine a agrupación dos ditos censos ou subcensos nunha mesa electoral principal.

Artigo 47º.-Funcións do consello regulador no proceso electoral.

1. Durante o proceso electoral, os órganos de goberno do consello regulador actuarán coa dilixencia precisa para executar o calendario aprobado, realizando as funcións que se lle encomenden con obxectividade e transparencia e someténdose ás instrucións da Xunta Electoral e da consellería competente segundo a natureza do produto.

2. No proceso electoral, son funcións do pleno do consello regulador:

a) Propor á consellería competente as normas específicas que, de acordo co seu regulamento, deban conterse na orde de convocatoria electoral.

b) Aprobar e ordenar a publicación das listas de electores inscritos nos seus rexistros na sede do consello e naqueloutros lugares que o pleno determine.

c) Resolver, en primeira instancia, as reclamacións sobre a inclusión ou exclusión nos censos electorais.

d) Realizar a recepción das candidaturas a vogais do consello regulador.

e) Efectuar a proclamación provisoria de candidatos.

f) Determinar o número e localización das mesas electorais.

g) Designar os compoñentes das mesas electorais e realizar a comunicación aos interesados.

h) Garantir a existencia en cada mesa electoral durante a votación dos medios necesarios para o correcto exercicio do dereito a sufraxio.

i) Aqueloutras que lle fosen expresamente delegadas pola Xunta Electoral.

Artigo 48º.-Publicidade do censo electoral.

1. Aberto o proceso electoral e dentro dos prazos que se establezan na orde de convocatoria das eleccións, cada consello regulador deberá expor os seus censos ao público, no domicilio corporativo, nas delegacións provinciais da consellería competente segundo a natureza do produto, do ámbito xeográfico da denominación, e naqueloutros lugares que coide oportuno. Os censos irán dilixenciados coa sinatura do secretario e a conformidade do presidente do consello regulador.

2. Nestas listas de exposición pública figurarán o nome, apelidos, enderezo e número de DNI ou NIF dos censados, agrupados por concello e por orde alfabética.

3. As reclamacións sobre a inclusión ou exclusión dos censados poderán presentarse desde o momento en que se inicie a exposición dos censos ao público ata o remate do prazo que se estableza na orde de convocatoria.

4. Corresponde ao pleno do consello regulador resolver as reclamacións a que se fai referencia no parágrafo anterior, nos prazos que se determinen na orde de convocatoria.

5. Contra os acordos do pleno os interesados poderán interpor recurso administrativo ante a Xunta Electoral dentro dos prazos sinalados no calendario aprobado.

6. Transcorrido o prazo anterior, e unha vez resoltas as reclamacións e recursos presentados, procederase á exposición dos censos definitivos nos mesmos lugares que no caso dos provisorias.

Artigo 49º.-Presentación de candidaturas.

1. Poderán propor candidaturas ás eleccións as organizacións profesionais agrarias, as asociacións profesionais, as cooperativas, así como os independentes que sexan avalados, cando menos, polo 10% do total de electores do censo ou subcenso de que se trate.

2. As candidaturas presentaranse ante a secretaría do consello regulador mediante lista pechada, incluíndo tantos candidatos como vogalías para elixir no respectivo censo ou subcenso, así como un número de suplentes que sexa equivalente á metade do número de titulares e, no caso de que este fose impar, arrondondando ao número enteiro superior, con expresión da orde de colocación de todos eles. Como excepción do anterior, naqueles supostos en que o escaso número de inscritos nun censo ou subcenso impedise a presentación de máis dunha candidatura ou non se puidese formar ningunha completa, poderanse admitir listas que conteñan menos titulares e/ou suplentes.

3. No caso de que se presente unha única candidatura ou lista para un censo ou subcenso, ou o número total de candidatos das listas presentadas non fose superior ao de vogais por elixir, esta lista ou listas serán proclamadas pola Xunta Electoral sen necesidade de que continúe o proceso electoral para ese censo ou subcenso.

4. Ningunha cooperativa, organización profesional agraria ou asociación profesional poderá presentar máis dunha lista de candidatos para o mesmo censo ou subcenso.

5. Ningún inscrito poderá presentarse en máis dunha lista de candidatos, considerándose, se se der o caso, unicamente válida a primeira candidatura presentada.

6. Ningunha organización profesional agraria, asociación profesional ou cooperativa integrada noutra superior poderá presentar lista propia de candidatos se o fai a de maior ámbito.

7. Na presentación das candidaturas non poderán empregarse símbolos ou identificacións propios de partidos políticos.

8. Coa lista de candidatos xuntarase declaración xurada de cada un deles conforme non incorren en ningunha causa de inelixibilidade.

9. As listas que presenten as organizacións profesionais agrarias, asociacións profesionais ou cooperativas deberán ir subscritas por aqueles que exer

zan a súa representación, de acordo cos seus estatutos.

As candidaturas independentes serán presentadas polos seus promotores. Neste suposto, a identidade dos asinantes acreditarase ante o pleno do consello regulador, que comprobará se os propostos e adheridos figuran no censo correspondente.

10. As listas presentaranse expresando claramente os datos seguintes:

a) A denominación da organización propoñente. No caso de candidaturas independentes farase constar esta condición.

b) O nome e apelidos dos candidatos, tanto titulares como suplentes.

c) A orde de colocación dos candidatos dentro de cada lista.

11. As listas deberán presentarse acompañadas de declaracións de aceptación das candidaturas, subscritas polos candidatos, que deberán reunir as condicións de elixibilidade. No caso de que os candidatos fosen persoas xurídicas, xuntarase acordo de aceptación polo órgano de goberno ou reitor.

12. A secretaría do consello regulador expedirá dilixencia en que faga constar a data e a hora de presentación de cada lista, e expedirá recibo desta. A cada unha asignaráselle un número correlativo coa orde de presentación.

13. Será requisito indispensable para a admisión de candidaturas por parte do consello regulador o nomeamento para cada lista dun representante, que será o encargado de realizar todas as xestións da respectiva candidatura ante o consello regulador, así como o chamado a recibir as notificacións que esta poida realizar. O enderezo do representante, que poderá ser ou non candidato, farase constar ante a secretaría do consello regulador no momento de presentación da candidatura.

Artigo 50º.-Proclamación de candidaturas.

1. Rematado o prazo de presentación, as candidaturas quedarán proclamadas provisoriamente, salvo causa de inelixibilidade ou non inclusión no censo dalgún candidato, circunstancia que, denunciada ou apreciada polo pleno do consello regulador, suporá a súa exclusión.

2. Unha vez proclamadas provisoriamente as distintas candidaturas, o pleno do consello regulador acordará a súa exposición na súa sede.

3. Expostas as distintas candidaturas, abrirase un prazo, de acordo co calendario electoral, en que poderán corrixirse erros e presentarse reclamacións ante o pleno do consello regulador. A resolución destas poderá ser impugnada ante a Xunta Electoral.

4. Os prazos para presentar estas reclamacións e recursos, así como para a súa resolución polo pleno do consello regulador ou a Xunta Electoral, respectivamente, serán os que se determinen na orde de convocatoria de eleccións.

5. Unha vez que a Xunta Electoral proclame as candidaturas, no caso de finamento ou renuncia dun candidato, a súa vacante será cuberta polo seguinte na lista, modificándose correlativamente esta a partir dese posto.

6. Unha vez proclamadas as candidaturas pola Xunta Electoral, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo no reparto das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso, sendo os candidatos propostos proclamados vogais pola Xunta Electoral. O dito acordo deberá ser presentado perante a Xunta Electoral no prazo que se sinale no calendario electoral aprobado na orde de convocatoria e virá subscrito polos representantes de cada candidatura.

Artigo 51º.-Campaña electoral.

1. A campaña electoral comezará a partir do día sinalado na orde de convocatoria e finalizará ás cero horas do día inmediatamente anterior ao da votación, non podendo realizarse desde ese momento propaganda de ningún xénero a favor de ningunha candidatura.

2. Os consellos reguladores poderán realizar durante o período electoral unha campaña de carácter institucional destinada ao fomento do voto, así como a informar os electores sobre a data de votación, o procedemento para votar e os requisitos, sen influír en ningún caso na orientación do voto.

Artigo 52º.-Sobres e papeletas.

1. A Xunta Electoral aprobará os modelos oficiais de papeletas e sobres, que serán confeccionados polos consellos reguladores.

2. Os órganos de goberno dos consellos reguladores asegurarán a dispoñibilidade de papeletas e sobres, facilitándoos en número suficiente ás mesas electorais.

3. Cada papeleta conterá unha única candidatura.

Artigo 53º.-Voto por correo.

Os electores, sen necesidade de xustificación de causa, poden emitir o seu voto por correo, despois da súa solicitude ao consello regulador, e cumprindo os requisitos seguintes:

a) A solicitude poderá presentarse a partir da data de exposición dos censos definitivos e ata o décimo día anterior ao da votación.

b) A solicitude deberá formularse persoalmente ante a secretaría do consello regulador, que exixirá ao solicitante a exhibición do documento nacional de identidade. No caso de persoas xurídicas inscritas, a solicitude será efectuada polo seu representante legal que acreditará persoalmente ante a secretaría a súa representación.

c) Nos supostos de enfermidade ou incapacidade debidamente xustificadas que impidan a formulación persoal da solicitude, esta poderá ser realizada por persoa debidamente autorizada polo elector, acre

ditando aquela a súa identidade e representación mediante documento autenticado ante notario.

d) Recibida a solicitude, a secretaría do consello regulador comprobará a inscrición do solicitante no censo e practicará a anotación correspondente nel, co fin de que o día das eleccións non se realice o voto persoalmente, expedindo certificado conforme o voto se realizará por correo.

e) Dispoñibles os sobres electorais e as papeletas de todas as candidaturas, a secretaría do consello regulador remitiraos ao enderezo do elector, xunto co certificado citado no parágrafo anterior e un sobre en que figure o enderezo da mesa en que lle corresponde votar.

f) Unha vez que o elector escolla a papeleta de voto, introduciraa no sobre de votación. Pola súa vez, este sobre, xunto co certificado ao que fai referencia a letra d), introducirase no sobre en que figura o enderezo da mesa, que se remitirá por correo certificado á secretaría do consello regulador, conservando esta ata o día da votación toda a correspondencia dirixida ás mesas electorais.

Artigo 54º.-Interventores.

1. O representante de cada candidatura poderá nomear dous interventores por cada mesa electoral, ata o terceiro día anterior ao da votación. A súa designación formalizarase ante a secretaría do consello regulador mediante a expedición da correspondente credencial.

2. Para ser designado interventor é preciso estar inscrito no censo electoral da correspondente mesa, exercendo o seu dereito de sufraxio nela.

3. Un interventor dos dous designados poderá asistir á mesa electoral e participar nas súas deliberacións, con voz pero sen voto, e exercer os demais dereitos previstos na lexislación electoral xeral.

4. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, os interventores dunha mesma candidatura acreditados ante a mesa poderán substituírse libremente entre si.

Artigo 55º.-Apoderados.

1. O representante de cada candidatura poderá apoderar calquera cidadán, maior de idade e que se atope en pleno exercicio dos seus dereitos civís e políticos, co obxecto de que exerza a representación da candidatura correspondente para todos os efectos electorais.

2. O apoderamento formalizarase ata tres días antes da data das eleccións ante a secretaría do consello regulador, que expedirá a correspondente credencial.

3. Os apoderados estarán obrigados a mostrar as súas credenciais e o seu DNI aos membros das mesas electorais, como requisito indispensable para poderen exercer os dereitos previstos na lexislación electoral xeral.

Artigo 56º.-Constitución das mesas.

1. O presidente ou presidenta e os vogais de cada mesa electoral, así como os seus suplentes, están obrigados a reunirse o día das eleccións no local designado para a votación, á hora que se determine na orde de convocatoria.

2. Se quen fose designado para o cargo de presidente non acudise, substituirao o primeiro suplente; no caso de faltar este, substituirao o segundo suplente; e se este tampouco acudise, tomará posesión como presidente o primeiro vogal ou o segundo por esta orde. Os vogais que non acudisen ou que tomasen posesión como presidente, serán substituídos polos seus suplentes.

3. En ningún caso poderá constituírse a mesa sen a presenza dun presidente e dous vogais. No caso de que non se poida cumprir este requisito, os membros da mesa presentes e os suplentes que acudisen redactarán e subscribirán unha declaración dos feitos acontecidos, que se enviará de inmediato á Xunta Electoral, que nomeará ás persoas máis idóneas para constituír a mesa electoral.

4. Reunidas as persoas que vaian exercer de presidente e vogais, recibirán durante a primeira media hora da xornada electoral as credenciais dos interventores que se presenten. Se se presentaren despois, o presidente non lles dará posesión do seu cargo.

5. Transcorrida a dita primeira media hora, quen actúe de presidente expedirá a acta de constitución da mesa, asinada por el, os vogais e os interventores, se os houber, entregando unha copia dela ao representante, apoderado ou interventor que a solicitar.

Na acta expresarase necesariamente con que persoas queda constituída a mesa e a relación nominal dos interventores, se os houber, con indicación da candidatura que representen.

6. O presidente ou presidenta da mesa terá, dentro do local, autoridade plena para conservar a orde, asegurar a liberdade dos electores e manter a observancia da legalidade vixente.

Artigo 57º.-Votación.

1. Expedida a acta de constitución da mesa, iniciarase a votación e continuará sen interrupción ata a hora fixada de finalización, que estará determinada na orde específica de convocatoria das eleccións.

2. Só por causa de forza maior poderá non iniciarse ou suspenderse, unha vez comezado, o acto de votación, sempre baixo a responsabilidade de quen preside a mesa, quen resolverá ao respecto en escrito razoado, enviándoo o mesmo día da votación inmediatamente despois de redactado, á Xunta Electoral, para que esta poida comprobar a certeza dos motivos e declare ou exixa as responsabilidades a que houber lugar. En poder de quen actúe como presidente quedará copia do escrito.

No caso de suspensión da votación non se terán en conta os votos emitidos, nin se procederá ao seu escrutinio. A presidencia ordenará a destrución das

papeletas depositadas nas urnas, consignando este extremo no escrito a que se refire o parágrafo anterior.

3. O dereito a votar acreditarase pola inscrición do elector nas listas dilixenciadas do censo, e no caso de persoas físicas, pola demostración da súa identidade mediante DNI, pasaporte ou permiso de conducir nos cales apareza a fotografía do titular, e no das xurídicas, mediante a acreditación do votante como o seu representante legal.

4. A votación será persoal e secreta. Os electores aproximaranse un a un á mesa, identificándose segundo o establecido no parágrafo anterior. Despois de examinar as listas do censo electoral, comprobar que nelas figura o nome do elector, así como a súa identidade, e anotar que se presentou a votar, o votante entregaralle pola súa man á persoa que preside a mesa a papeleta introducida no sobre correspondente ao censo de que se trate.

5. Os electores que non saiban ler ou que, por defecto físico, estean impedidos para escolleren a papeleta ou colocala dentro do sobre e para entregala a quen preside a mesa, poderán servirse para estas operacións dunha persoa da súa confianza.

6. Á hora que sinale a orde de convocatoria, a persoa que preside a mesa anunciará a finalización da votación e non permitirá a entrada no local a ninguén. Preguntará se algún dos electores presentes non votou aínda e, de ser o caso, admitirá os votos dos que se atopen dentro do local. Acto seguido procederá a introducir nas urnas as papeletas de voto remitidas por correo facilitadas pola secretaría do consello regulador, verificando que os electores estean inscritos nas listas do censo. A seguir votarán os interventores e os membros da mesa, primeiro os vogais e finalmente quen a preside.

Artigo 58º.-Escrutinio.

1. Finalizada a votación, a persoa que preside a mesa declarará pechada esta e comezará o escrutinio, extraendo as papeletas das urnas e lendo en voz alta o nome das candidaturas votadas.

2. A presidencia porá de manifesto cada papeleta, unha vez lida, aos vogais e interventores e, ao final, confrontarase o número de papeletas co de votantes anotados.

3. Son votos nulos:

a) Os votos emitidos en papeleta ou sobre non oficiais.

b) Os votos en que, por calquera causa, non se puidese determinar inequivocamente a candidatura elixida ou conteñan máis dunha candidatura. No caso de conter máis dunha papeleta da mesma candidatura, computarase como un só voto válido.

Son votos en branco os sobres que non conteñan ningunha papeleta.

4. Feita a contaxe de votos segundo as operacións anteriores, quen exerza o cargo de presidente pre

guntará se hai algunha protesta que facer contra o escrutinio. Se non se fixer, ou despois de resoltas pola maioría da mesa as presentadas, anunciará en voz alta o resultado, especificando o número de votantes, o de votos válidos, nulos, de votos en branco e de votos obtidos por cada candidatura.

5. Concluídas as operacións, os tres membros da mesa e os interventores, se os houber, asinarán a acta da sesión, na cal expresarán detalladamente o número de electores segundo as listas do censo electoral, o dos electores que votaron, o dos votos válidos, o de votos nulos, de votos en branco e de votos obtidos por cada candidatura, consignando sumariamente as reclamacións ou protestas formuladas, as resolucións dadas pola mesa e as incidencias, se as houber, con indicación dos nomes e apelidos dos que as produciron.

6. As papeletas extraídas das urnas destruiranse en presenza dos asistentes, con excepción daquelas a que se negou validez ou foron obxecto de reclamación, que serán unidas á acta unha vez rubricadas polos membros da mesa.

7. Acto seguido colocarase unha copia da acta de escrutinio nun lugar visible do local de votación.

Artigo 59º.-Documentación electoral.

1. A seguir, cada mesa preparará a documentación electoral, que se distribuirá en dous sobres:

a) O primeiro sobre conterá o expediente electoral, composto polos seguintes documentos:

*Orixinal da acta de constitución da mesa.

*Orixinal da acta da sesión ou acta de escrutinio.

*Relación de interventores.

*Lista do censo electoral utilizada.

*Lista numerada dos votantes e papeletas a que se lles negou validez ou que fosen obxecto dalgunha reclamación.

*Certificacións censuais achegadas.

b) O segundo sobre conterá copia das actas de constitución e da sesión.

2. Unha vez pechados os sobres, os tres membros da mesa e os interventores asinaranos por enriba dos pregos que os cerran.

3. Unha vez preparada a correspondente documentación, quen exerza o cargo de presidente fará chegar no prazo de 24 horas, por si ou a través dun empregado da consellería ou dos seus órganos ou entes dependentes, o primeiro sobre á Xunta Electoral, e o segundo á secretaría do consello regulador.

Artigo 60º.-Atribución de postos.

1. Recibidas as actas de escrutinio de todas e cada unha das mesas electorais, a Xunta Electoral procederá á asignación de postos de elección tendo en conta a orde de colocación dos candidatos dentro de cada lista e de acordo co sistema proporcional directo, considerándose todas as candidaturas, sen

necesidade de reunir unha porcentaxe mínima de votos válidos emitidos.

2. Os supostos de empate decidiranse por sorteo que efectuará a Xunta Electoral.

Artigo 61º.-Proclamación de vogais electos.

1. De acordo cos resultados electorais, a Xunta Electoral proclamará, a través de quen a presida, os vogais electos do consello regulador, na data que se determine na orde de convocatoria.

2. A secretaría da Xunta Electoral remitirá aos vogais electos as oportunas credenciais asinadas polo seu secretario, co visto e prace do presidente.

Artigo 62º.-Procedemento especial de voto por correo.

1. Para os consellos reguladores en que a dispersión dos seus inscritos así o recomende, a convocatoria electoral, por petición do pleno do consello regulador, poderá conter un procedemento especial de voto por correo, que se recolle nos seguintes números.

2. No prazo que se determine na orde de convocatoria de cada proceso, a Xunta Electoral, sen necesidade de solicitude previa do elector, enviará por correo certificado a todos os inscritos:

a) Os sobres de votación e as papeletas das distintas candidaturas a que se pode votar, segundo o censo en que figure inscrito.

b) Un sobre debidamente franqueado, dirixido á Xunta Electoral, en que figure o enderezo da mesa en que lle corresponde votar.

c) Unha ficha asinada polo secretario da Xunta Electoral cos datos de inscrición no censo correspondente, que terá que asinar o interesado.

3. Unha vez que o elector escolla a papeleta de voto, introduciraa no sobre de votación. Pola súa vez, este sobre, xunto coa fotocopia do seu DNI e a ficha indicada na letra c) anterior asinada polo interesado, introduciranse no sobre en que figure o enderezo da Xunta Electoral remitirao a esta por correo certificado. A Xunta Electoral anotará no censo correspondente e expedirá certificado conforme o voto se realizará por correo. Despois, conservará o sobre electoral ata o día da votación, no cal o remitirá á mesa electoral correspondente xunto co certificado expedido. O presidente da mesa introducirá o sobre na urna correspondente, para o seu posterior escrutinio.

Capítulo VII

Formas de control e certificación das denominacións xeográficas

Artigo 63º.-Control e certificación.

1. De conformidade co disposto na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o control e certificación dos produtos amparados por una denominación xeográfica poderán ser efectuados:

a) Mediante entidades independentes de control que axusten o seu funcionamento aos requisitos esta

blecidos na norma internacional de calidade para entidades de certificación de produto (norma UNE-EN 45011 ou norma que a substitúa) e autorizadas pola consellería competente segundo a natureza do produto para realizar o control e certificación do produto en cuestión, conforme ao seu regulamento e normas concordantes.

b) Por un órgano integrado no propio consello regulador, sempre que se cumpran os requisitos establecidos na mencionada lei e neste decreto.

c) Polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria, mediante o departamento correspondente integrado na súa estrutura.

2. No proxecto de regulamento de cada denominación deberá optarse por algún dos sistemas de control mencionados nas letras a), b), ou c) anteriores.

3. Sen prexuízo dos controis mencionados nas letras a) e b) da alínea 1 anterior, a consellería competente segundo a natureza do produto, ben directamente ben a través do Ingacal, poderá efectuar aqueles controis complementarios que considere convenientes, tanto aos operadores como ás entidades independentes de control e aos órganos de control integrados nos consellos reguladores.

Artigo 64º.-Entidades independentes de control e certificación.

1. Cando no regulamento da denominación se opte polo control e certificación a través de entidades privadas que axusten o seu funcionamento á norma UNE-EN 45011 (ou norma que a substitúa) a escolla da entidade de entre as autorizadas pola consellería competente segundo a natureza do produto, corresponderá ao operador que deba ser obxecto de control, que deberá comunicar o nome da dita entidade ao consello regulador e á consellería.

2. Estas entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter establecido un procedemento de certificación do produto segundo o establecido no regulamento e normativa concordante, incluíndo a supervisión da produción da materia prima, da elaboración do produto e do produto terminado.

b) Ter fixadas as tarifas aplicables a cada un dos produtos obxecto de control e certificación, polos conceptos que se determinen.

c) Conservar para a súa posible consulta pola Administración durante un prazo de seis anos, se na normativa particular da denominación xeográfica non se establece outro superior, os expedientes, documentación e datos dos controis realizados e certificacións emitidas.

d) Comunicar á consellería competente segundo a natureza do produto e ao consello regulador correspondente, no prazo máximo de 5 días, a existencia das irregularidades relevantes detectadas no exer

cicio das funcións de control, así como a suspensión ou retirada da certificación.

e) Subscribir unha póliza de seguro de responsabilidade civil por unha contía mínima que determinará en cada caso a consellería competente verbo da natureza do produto en función do tipo e volume de actividade da denominación, para cubrir as continxencias derivadas das actividades de control e certificación.

3. A entidade independente de control e certificación terá que acreditarse no cumprimento da norma sobre Requisitos xerais para entidades que certifican produto (Norma UNE-EN 45011 ou norma que a substitúa) polas entidades de acreditación reguladas na sección 2ª do capítulo II do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguranza industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, cun alcance que cubra o produto obxecto da certificación. Esta acreditación deberá de obterse no prazo de dous anos desde que se lle outorgou a autorización. De non obterse nese prazo a acreditación, a consellería competente segundo a natureza do produto poderá revogar a autorización ou conceder unha prórroga de ata dous anos, cando se xustifiquen axeitadamente as causas por que non se acadou a acreditación.

Artigo 65º.-Órganos de certificación integrados nos consellos reguladores.

1. O control e certificación dun produto poderá ser realizado polo propio consello regulador da denominación, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se encontren axeitadamente separados os órganos de xestión dos de control e certificación.

b) Que a actuación dos órganos de control e certificación se realice sen dependencia xerárquica nin administrativa respecto dos órganos de dirección do consello regulador e baixo a tutela da consellería competente segundo a natureza do produto.

c) Que se garanta a independencia do persoal que realiza as funcións de control e certificación, que deberá ser habilitado pola consellería competente segundo a natureza do produto e cuxa remoción deberá ser motivada e ter recibido informe favorable desta.

2. Para o cumprimento destes requisitos, o consello regulador poderá subcontratar todas ou algunhas das actuacións relacionadas coa certificación, co fin de asegurar a independencia e imparcialidade desta.

3. O consello regulador deberá presentar perante a consellería competente segundo a natureza do produto para a súa aprobación, xunto coa proposta de regulamento, unha memoria explicativa do funcionamento do órgano de control e certificación e un organigrama en que se recolla a súa estruturación, que deberán axustarse en todo momento aos preceptos da Lei 2/2005 e deste decreto, e ser conformes coa norma UNE-EN-45011 ou norma que a substitúa.

4. No caso de que o órgano de certificación non cumprise todos os requisitos, non será autorizado pola consellería, e o consello regulador deberá modificar a súa proposta ou optar pola certificación do Ingacal ou de entidades privadas.

5. No caso de denominacións xeográficas do ámbito de aplicación do R (CE) 510/2006, de autorizarse un órgano de control e certificación integrado no consello regulador, este deberá solicitar a súa acreditación conforme a norma sobre Requisitos xerais para entidades que realizan a certificación de produto, de acordo co disposto nese regulamento. Esta acreditación deberá acadarse nun prazo de dous anos, prorrogable ata o mes de maio de 2010, límite máximo establecido no citado regulamento, cando se xustifique axeitadamente ante a consellería competente segundo a natureza do produto o atraso na obtención da acreditación.

6. Os requisitos establecidos na alínea 2 do artigo 64º relativos ás entidades independentes de control e certificación serán tamén de aplicación aos órganos integrados nos consellos reguladores encargados destes labores.

Artigo 66º.-Certificación realizada polo Ingacal.

1. O Instituto Galego da Calidade Alimentaria realizará o control e certificación dos produtos alimentarios, mediante o departamento correspondente integrado na súa estrutura.

2. Así mesmo, o Ingacal poderá realizar todo tipo de actividades relativas á certificación que lle sexan contratadas polos consellos reguladores, tales como inspeccións, toma de mostras de produtos ou análises fisicoquímicas ou organolépticas.

Artigo 67º.-Controis.

1. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros dunha denominación, as explotacións, instalacións, empresas e os produtos estarán sometidos ás actuacións que realice o órgano de control, para verificar que os produtos que exhiben unha denominación cumpren os requisitos exixidos pola Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, este decreto, o regulamento propio da denominación e demais normativa aplicable.

2. Para a comprobación do cumprimento dos preceptos de cada regulamento e demais normativa concordante, o órgano de control e certificación disporá dos datos contidos nos rexistros de cada denominación que sexan precisos para o correcto exercicio da súa actividade.

3. O órgano de control realizará as inspecciones necesarias das explotacións, instalacións, documentación, produtos e materias primas, e cantas outras sexan necesarias.

4. En atención ao produto de que se trate, na normativa propia de cada denominación se especificarán os controis e inspeccións que realizará o órgano de control.

5. Para facilitar o control dos procesos de produción e elaboración, os inscritos na denominación terán que levar os rexistros e facer as declaracións que na súa normativa propia se establezan.

Artigo 68º.-Circulación do produto.

Cando así se prevexa nas normas propias da denominación, toda expedición de produto con dereito a protección que se realice entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada por un volante de circulación expedido polo órgano de control e certificación, na forma que se determine nesas normas, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

Artigo 69º.-O comité de cualificación.

1. Cando así se recolla no regulamento da denominación, existirá un comité de cualificación formado por persoas expertas no produto de que se trate, que terá como misión emitir informe de calidade sobre os produtos que opten a ser amparados pola denominación. Este comité, que poderá contar cos asesoramentos técnicos que coide necesarios, dependerá, de ser o caso, do órgano interno de control e certificación do consello regulador.

2. Para a revisión das decisións do comité de cualificación poderá crearse un comité de apelación, formado tamén por expertos no produto e cuxo ditame non poderá ser obxecto de revisión.

3. No regulamento de cada denominación e no seu correspondente Manual de Calidade, Procedementos Operativos e Instrucións Técnicas estableceranse as normas para a constitución e funcionamento do comité de cualificación e, de ser o caso, do de apelación.

Artigo 70º.-Certificación do produto.

1. O órgano de control e certificación, á vista dos informes do comité de cualificación e, de ser o caso, do de apelación, e de todos os controis e análises realizadas, resolverá, no prazo máis breve posible, e nunca superior ao máximo recollido no Manual de Calidade, Procedementos Operativos e Instrucións Técnicas, o que proceda sobre a certificación ou non do produto, sen que esta decisión sexa impugnable en vía administrativa, agás que o recurso se fundamente no incumprimento das normas de funcionamento que lle son aplicables ao dito órgano.

2. Cando se comprobe que un produto non se produciu, elaborou ou transformou de acordo cos requisitos do seu regulamento e demais normas propias da denominación, ou presente defectos ou alteracións, non poderá comercializarse baixo o seu amparo, sen prexuízo, de ser o caso, da súa comunicación á consellería competente segundo a natureza do produto para a incoación, se proceder, do correspondente procedemento sancionador.

3. Todos os produtos, nas súas distintas presentacións, levarán un precinto de garantía, etiqueta ou contraetiqueta, que será controlada, subministrada e expedida polo órgano de control e certifi

cación, de acordo coas normas propias da denominación. Este distintivo será colocado antes da expedición e de forma que facilite a identificación do produto certificado e, na medida do posible, que protexa a denominación da súa utilización fraudulenta. Non obstante o anterior, cando así se recolla nas normas específicas da denominación e se establezan axeitados mecanismos de control da rastrexabilidade, o distintivo poderá ser aplicado fóra das instalacións industriais inscritas no consello regulador.

Disposicións adicionais

Primeira.-As disposicións deste decreto serán de aplicación ao consello regulador da agricultura ecolóxica, no que sexa compatible coa natureza dela, como denominación de calidade de carácter non xeográfico.

Segunda.-Aos órganos de xestión dos viños de calidade con indicación xeográfica seralles de aplicación o contido deste decreto referido aos consellos reguladores.

Terceira.-Cantas dúbidas xurdan na aplicación do réxime electoral contido neste decreto e nas normas que o desenvolvan serán resoltas polas xuntas electorais, tendo en conta os principios establecidos na lexislación electoral xeral.

Cuarta.-As ordes de convocatoria electoral para a renovación dos vogais dos consellos reguladores poderán concretar os lugares e as horas de finalización dos prazos de presentación de escritos, reclamacións e recursos, co fin de adaptar o proceso ao calendario electoral.

Quinta.-Os consellos reguladores das denominacións de orixe do sector vitivinícola terán o mesmo número de vogais do sector produtor e do sector elaborador.

Ademais, cando as adegas de base cooperativa acheguen máis do 10% do volume da produción comercializada baixo o amparo da denominación, o sector cooperativo terá unha representación específica, independente da do sector vitícola e o vinícola, proporcional a esa porcentaxe de participación, ata un máximo dun terzo dos vogais do pleno. Neste caso, as cooperativas ou as súas agrupacións poderán presentar candidaturas só a ese censo específico e os vogais elixidos terán a consideración de representantes do sector cooperativo, polo que non lles será de aplicación o establecido no artigo 38º.2.

Así mesmo, nas denominacións de orixe en que exista un censo específico que recolla a figura do colleiteiro como pequeno produtor que transforma a súa produción, estes poderán ter unha representación propia e independente da dos sectores determinados nos parágrafos anteriores sen que iso supoña rotura da paridade, dada a súa dobre condición de viticultores e elaboradores. Neste caso, os colleiteiros non votarán no censo de viticultores nin no de adegas.

Sexta.-Facúltase o titular da consellería competente segundo a natureza do produto para modificar as distintas clases de cotas que aplicarán os consellos reguladores, así como para actualizar anualmente os seus importes máximos.

Disposicións transitorias

Primeira

1. A Consellaría do Medio Rural convocará, dentro do prazo de seis meses desde a aprobación deste decreto e de acordo co establecido no artigo 36º, eleccións para a renovación dos plenos dos consellos reguladores do seu ámbito constituídos na data de aprobación deste decreto.

2. Nos procesos electorais a que se refire o parágrafo anterior, as funcións que este decreto atribúe para a supervisión e execución do proceso aos consellos reguladores serán realizadas por un órgano que, baixo o nome de xunta electoral da denominación, estará composto por persoal da Consellaría do Medio Rural e dos seus organismos e entes dependentes, así como por membros das organizacións profesionais agrarias, cooperativas e asociacións sectoriais representativas, de acordo co que se estableza na correspondente orde de convocatoria.

3. Os órganos de goberno resultantes do devandito proceso electoral serán os encargados de elaborar, para a súa aprobación pola consellería, a proposta de modificación do respectivo regulamento, para adaptalos ao contido da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e deste decreto.

4. A entrada en vigor do novo regulamento de cada denominación determinará a constitución do seu consello regulador como corporación de dereito público.

Segunda.-Mentres non se produza a modificación dos regulamentos, os consellos reguladores seguirán percibindo como cotas dos inscritos as que na actualidade teñan establecidas.

Terceira.-As ordes de convocatoria de eleccións a que se refire o parágrafo primeiro da disposición transitoria primeira poderán conter especificacións diferentes ás recollidas nos actuais regulamentos das denominacións xeográficas en cuestión, canto a número e repartición de vogais e outros aspectos do sistema de elección, para adecualos ao previsto neste decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o decreto da Xunta de Galicia, 63/2002, do 28 de febreiro, polo que se regulaban os procesos electorais para a renovación de membros dos consellos reguladores das denominacións de calidade en materia agroalimentaria; que pasan a rexerse polas disposicións contidas neste decreto.

Queda derrogada tamén a Orde do 3 de maio de 1995, pola que se establecen os medios de control dos consellos reguladores das denominacións de orixe e dos órganos reitores das denominacións de calidade, e as disposicións contidas nas normas de igual ou inferior rango no que se opoñan ao disposto neste decreto, en particular as contidas nas ordes polas cales se aprobaron os regulamentos actuais das denominacións xeográficas de calidade e dos seus consellos reguladores existentes na nosa comunidade, e na orde do 7 de maio de 1997 pola que se regula a produción agrícola ecolóxica e a súa indicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se crea o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro do Medio Rural e a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xaneiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza