DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 06 de febreiro de 2007 Páx. 1.591

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 9/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo.

En virtude da competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas que o artigo 27.27º do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe a esta comunidade autónoma, aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que é a norma legal autonómica reguladora da materia.

En exercicio da potestade regulamentaria prevista no artigo 22 c) da citada lei, a Xunta, por Decreto 181/2002, do 10 de maio, aprobou o Regulamento do xogo do bingo. O citado decreto buscaba dinamizar o xogo do bingo a través da modalidade de xogo denominada bingo acumulativo.

A experiencia do xogo do bingo co uso desta modalidade nos catro anos de funcionamento da norma non obtivo os resultados buscados por todos os sectores implicados na actividade: a suposta fidelización e a atracción de novos usuarios que gocen de maneira sa desta actividade e que permita a renovación xeracional dos usuarios deste tipo de ocio mediante a obtención duns premios relativamente altos. O continuo descenso e desmotivación dos usuarios desta actividade de ocio fixo difícil a oferta deste tipo de premios.

É competencia da Administración autonómica a planificación dos xogos e apostas de Galicia. Para manter o espírito da norma do 2002 que pretende ante todo dinamizar os xogos nas salas de bingo, e tendo en conta o evidente estancamento ou, nalgúns casos, unha clara recesión do sector, é polo que se procede a unha modificación que persegue adaptarse ás demandas dos usuarios, que claramente prefiren premios máis continuos no tempo aínda que iso implique a diminución das contías dos premios recibidos e do propio sector empresarial que pretende saír do estancamento ao que ve abocada a súa actividade.

A reforma fundaméntase en dous aspectos básicos: a cantidade para distribuír en premios redúcese do 65% ao 63% para poñelo en consonancia coas porcentaxes repartidas na maior parte das comunidades autónomas do noso contorno. Por outra banda, procédese á eliminación do bingo acumulativo e ao crecemento do premio da prima que se eleva do 1 ao 2% e que vai permitir dar premios de ata 1.000 euros cunha frecuencia visible para os visitantes da sala. O resto dos cambios débense á eliminación das referencias ao desaparecido bingo acumulativo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión do Xogo de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de xaneiro de dous mil sete,

DISPONGO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aprobou o regulamento do xogo do bingo.

O anexo do Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aprobou o regulamento do xogo do bingo queda redactado como segue:

Un.-O artigo 4º.-«Elementos do xogo» queda redactado do seguinte xeito:

«Para o desenvolvemento do xogo do bingo serán necesarios os seguintes elementos:

a) Cartóns.

O xogo do bingo só se poderá practicar cos cartóns autorizados que subministrará a Consellería de Economía e Facenda debendo estar fabricados nun material que permita que sexan marcados polos xogadores, o seu valor facial será de 1,50, 2, 3 e 6 euros respectivamente e indicarán no anverso o dito valor facial, serie á que pertence, número de orde e número de cartóns da serie, no dorso figurará un extracto coas principais regras do xogo e a distribución de cantidades entre os distintos premios.

Os cartóns entregaránselle ao representante da sala solicitante xunto cunha guía de adquisición que servirá de xustificante da súa posesión e destino, e só serán válidos para unha partida.

b) Aparello de extracción de bólas.

O aparello extractor de bólas, cos seus mecanismos accesorios, poderá ser de bombo ou pneumático e deberá estar previamente homologado.

c) Bólas de xogo.

O xogo de bólas estará composto por noventa unidades, tendo cada unha delas inscrito na súa superficie, de xeito indeleble, o correspondente número, que deberá ser perfectamente visible a través dos aparellos receptores de televisión. Só poderán empregarse bólas previamente homologadas e, no caso de aparellos de extracción pneumáticos, cada xogo de bólas deberá ser substituído coa menor deterioración en calquera das bólas que o compoñen e, en todo caso, cada dúas mil partidas como máximo.

d) Instalación de son e circuíto pechado de televisión.

A sala deberá estar dotada dunha instalación de son que garanta a perfecta audición en toda a sala por parte dos xogadores.

Será obrigatoria, así mesmo, a existencia dun circuíto pechado de televisión que garanta o coñecemento polos xogadores das bólas que vaian sendo extraídas durante a partida; para iso a cámara enfocará permanentemente o lugar de saída daquelas e a imaxe será emitida polos distintos monitores distribuídos na sala en número suficiente para asegurar a perfecta visibilidade por todos os xogadores.

e) Pantallas informativas.

Existirán igualmente unha ou varias pantallas ou paneis onde se irán recollendo os números a medida que vaian sendo extraídos e cantados e onde se indicarán o número de cartóns vendidos, a contía dos premios de liña, bingo ordinario, a prima que se obtén en cada partida e o número máximo de extraccións ata a que se pode obter o premio da prima».

Dous.-O artigo 5º.-«Premios» queda redactado do seguinte xeito:

«Premiaranse as seguintes combinacións formadas polos xogadores:

a) Liña: entenderase formada a liña cando durante a celebración dunha partida fosen extraídos todos os números que integran unha das tres liñas horizontais en que se distribúe o cartón, sempre e cando non resultase premiada outra liña cos números extraídos anteriormente.

b) Bingo ordinario: entenderase formado o bingo ordinario cando durante a celebración dunha partida fosen extraídos todos os números que integran un cartón.

c) Prima: atribuirase como premio adicional ao xogador ou xogadores que durante a celebración da partida formen o bingo ordinario, de acordo coas normas e nas condicións previstas no artigo 8º».

Tres.-O artigo 6º.-«Contía dos premios» queda redactado do seguinte xeito:

«A cantidade para distribuír en premios en cada partida consistirá no 63 por cento do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos nela, determinándose a contía dos premios na forma seguinte:

a) Liña: a contía do premio de liña será a que resulte de detraer o 6 por cento do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos en cada partida.

b) Bingo ordinario: a contía do premio do bingo ordinario será a que resulte de detraer o 55 por cento do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos en cada partida.

c) Prima: dotarase coa cantidade que resulte de detraer o 2 por cento do valor facial dos cartóns vendidos en cada partida; a detracción realizarase en todas as partidas e, unha vez conseguida a can

tidade correspondente ao premio, destinarase á dotación do seguinte premio desta modalidade».

Catro.-O artigo 7º.-«Obtención e aboamento dos premios» queda redactado do seguinte xeito:

«1. Para ter dereito a reclamar os premios de liña, bingo ordinario e prima durante a celebración dunha partida é preciso que todos os números do cartón premiado que forman a combinación gañadora fosen extraídos e cantados polo locutor no transcurso desa determinada partida e que o xogador cante a xogada de liña ou bingo en voz alta, independentemente do momento en que fose completada tal combinación, excepto, respecto disto último, para os premios de prima, nos cales será necesario para ter dereito a reclamalos que o xogador cante a xogada de bingo antes de que sexa extraída a bóla seguinte á de referencia prevista para tales premios.

Se outro xogador cantase no transcurso dunha mesma partida as xogadas de liña ou bingo e se cumprisen os requisitos sinalados no artigo 36.4º, perderase todo o dereito á reclamación sobre as ditas xogadas unha vez dada polo xefe de mesa-caixeiro a correspondente orde de reiniciar a partida ou de tela por finalizada.

No caso de erro por parte do locutor ao anunciar un número que non se corresponda co realmente extraído, prevalecerá o que figure na bóla extraída.

O dito erro será corrixido polo xefe de mesa, facéndoo constar por dilixencia no libro de actas. De igual maneira procederase no caso de erro ou omisión ao mostrar na pantalla os números extraídos.

2. Os premios pagaranse ao remate de cada partida, logo da comprobación e contra entrega dos cartóns premiados, que se deberán presentar íntegros e sen manipulacións que poidan inducir a erro. Os cartóns premiados incorporaranse á acta e conservaranse polo período indicado no artigo 36º deste regulamento.

3. Os premios de liña, bingo ordinario e prima de ata 3.000 euros seranlles aboados aos xogadores en efectivo metálico, quedando prohibida a súa substitución total ou parcial por premios en especie. Non obstante, o dito pagamento en metálico poderá ser substituído, por petición do xogador ou coa súa conformidade, pola entrega dun cheque librado ao seu favor contra unha conta corrente da empresa titular da sala.

Os premios de liña, bingo ordinario e prima superiores a 3.000 euros pagaranse, en todo caso, mediante cheque nominativo.

4. Se en calquera dos premios houbese máis dunha combinación gañadora, procederase á repartición do importe do premio entre os xogadores que a obtivesen».

Cinco.-O artigo 8º .-«Premio da prima» queda redactado do seguinte xeito:

«1. O premio de prima será outorgado ao xogador ou xogadores que completen e canten o bingo co número de extraccións menor ou igual ao fixado pola sala, na partida inmediata posterior a aquela en que se alcanzase a contía necesaria para o mencionado premio, entre 30 e 1.000 euros, fixada tamén pola mesma sala.

2. No suposto de que o premio de prima non fose adxudicado por ter superado o número de extraccións fixado, este incrementarase nunha unidade de extracción en cada unha das partidas posteriores ata que se produza a adxudicación.

3. O número de extraccións necesarias para cada partida será anunciado ao comezo de cada unha das partidas sucesivas».

Seis.-O artigo 24º.-«Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación» queda redactado do seguinte xeito:

«1. Expedida a autorización de instalación, e en prazo non superior a un ano desde a notificación da correspondente resolución, deberán executarse as obras de adaptación dos locais conforme os proxectos achegados e solicitar en igual prazo, e antes de proceder á apertura da sala de bingo, o permiso de apertura e a inscrición da autorización de instalación na Sección de Salas do Rexistro do Xogo do Bingo.

2. Coa solicitude anterior achegarase a seguinte documentación:

a) Licenza municipal de apertura ou actividade, ou xustificante de tela solicitada.

b) Certificación de obra rematada e de que as obras e instalacións realizadas se corresponden co proxecto básico polo que se concedeu a autorización de instalación.

c) Certificado subscrito por técnico competente sobre a idoneidade de funcionamento das instalacións e aparellos relacionados co desenvolvemento do xogo.

d) Relación do persoal que vai prestar servizos na sala, xunto coas fotocopias compulsadas dos preceptivos contratos de traballos e copias dos seus respectivos documentos nacionais de identidade.

e) Documento acreditativo de ter formalizada a fianza a que se refire o artigo 30º deste regulamento.

3. A dirección xeral competente en materia de xogo poderá ordenar visita de inspección ao local co fin de comprobar a súa correspondencia coa documentación achegada.

4. Se o exame da documentación achegado e, de ser o caso, o resultado da inspección fosen satisfactorios, a dirección xeral competente en materia de xogo outorgará o correspondente permiso de aper

tura da sala de bingo e procederase á inscrición da autorización de instalación na Sección de Salas do Rexistro do Xogo do Bingo.

5. En todo caso, o permiso de apertura outorgarase sen prexuízo da correspondente concesión de licenza municipal de apertura ou de actividade».

Sete.-O artigo 34º.-«Venda de cartóns» queda redactado do seguinte xeito:

«1. Realizadas as actuacións referidas no artigo anterior, anunciarase a serie ou series de cartóns postos á venda, o número de cartóns desta e o valor facial de cada cartón.

2. A continuación iniciarase a venda dos cartóns, os cales se venderán correlativamente segundo o número de orde destes dentro de cada serie, comezando en cada partida co número un de cada serie, se se inicia esta, ou co número seguinte ao último vendido en calquera partida anterior, se efectuase esta o mesmo día ou outro anterior. Os cartóns defectuosos retiraranse ben por series completas ou illadamente, reflectíndose neste último caso no libro de actas como cartón non vendido.

3. Se o número de cartóns da serie posta á venda, comece esta ou non polo número un da dita serie, fose insuficiente para atender a demanda dos xogadores, poderán poñerse á venda para a mesma partida cartóns dunha nova serie, sempre que se cumpran estes requisitos:

a) A segunda serie que se vai empregar con carácter complementario terá que ser do mesmo valor facial que a primeira.

b) A venda da segunda serie terá que comezar ou polo número un desta ou polo seguinte ao número vendido da serie anterior.

c) Os cartóns da segunda serie poderán venderse ata o límite máximo do cartón da primeira serie coa cal se iniciou a venda, de tal xeito que en ningún caso se poderán vender dous cartóns iguais na mesma partida.

4. A venda de cartóns só se poderá realizar dentro da sala onde se desenvolva o xogo, non podendo ningún xogador reter os cartóns correspondentes á partida anterior, que deberán quedar á disposición dos empregados da sala.

5. Os cartóns deben ser pagados en efectivo polos xogadores, quedando prohibida a súa entrega á conta ou o seu pagamento mediante cheque ou calquera outro medio de pagamento, así como a práctica de operacións de concesión de préstamo ou crédito aos xogadores.

6. Pola compra e tenza dos cartóns os xogadores adquiren o dereito a que se desenvolva a partida de acordo coas normas contidas no presente regulamento e normas concordantes e, se for o caso, ao pagamento dos premios establecidos ou, cando proceda, á devolución dos importes pagados polos cartóns.

7. O diñeiro obtido pola venda de cartóns e destinado a premios quedará en poder e baixo a custodia do xefe de mesa-caixeiro e afecto ao pagamento destes dentro da propia sala, da cal non poderá ser retirado».

Oito.-O artigo 35º.-«Comezo da partida» queda redactado do seguinte xeito:

«1. Finalizada a venda dos cartóns, o xefe de mesa-caixeiro procederá á recollida dos cartóns sobrantes e, unha vez realizados os cálculos pertinentes, anunciará :

-O total de cartóns vendidos da serie ou series correspondentes, utilizando a seguinte fórmula:

«cartóns vendidos ... da serie... do número ... ao ... e da serie ... ( de ser o caso ), do número ... ao ...».

-O importe dos premios de liña bingo ordinario e prima.

-O número máximo de extraccións para obter o premio da prima segundo o disposto no artigo 8º deste regulamento.

Así mesmo, expoñerase nos paneis ou pantallas informativas o número de cartóns vendidos, premios de liña, bingo ordinario e prima, e o número máximo de extraccións ata a que pode obterse o premio da prima.

2. Verificado o anterior, o xefe de mesa-caixeiro, anunciará o comezo da partida, e desde ese momento ata a súa finalización non se permitirá a entrada de novos xogadores ou visitantes á sala onde se realice o xogo».

Nove.-O artigo 38º.-«Actas das partidas» queda redactado do seguinte xeito:

«1. O desenvolvemento de cada sesión irase reflectindo nunha acta axustada ao modelo normalizado e que se redactará, partida por partida, simultaneamente á realización de cada unha destas, non podendo comezar a extracción de bólas ata que non se consignen nas actas os datos respectivos.

2. As actas estenderanse en libros encadernados e foliados, que serán dilixenciados previamente pola delegación da consellería competente en materia de xogo da provincia respectiva.

As actas poderán cubrirse a través de tratamento informatizado, neste caso estenderase en follas numeradas correlativamente e previamente dilixenciadas e encadernaranse posteriormente.

3. As actas encabezaranse coa dilixencia de apertura da sesión, na cal se farán constar os datos identificativos da sala, a data e a hora de apertura, sendo asinada polo xefe de mesa-caixeiro. A continuación inseriranse por cada partida os seguintes datos: data, hora e número de orde da partida, serie ou series de cartóns vendidos, valor facial do cartón, cantidade total de cartóns vendidos, importe total da venda,

contía detraída para os premios de liña, bingo ordinario e prima, cantidade acumulada para o premio de prima e contía do premio de prima en xogo, número de bólas máximo para a obtención do premio da prima. A secuencia de números extraídos en cada partida constará impresa en documento independente que se imprimirá automaticamente polo sistema de control do xogo, por cada unha das partidas. Tamén se fará constar na acta a substitución do xogo de bólas se esta circunstancia se producise durante o desenvolvemento da sesión. Ao rematar a sesión estenderase a dilixencia de peche, na que se expresará a data e a hora del e será asinada polo xefe de mesa-caixeiro.

Das actas farase polo menos unha copia, que poderá ser reclamada polos servizos de Inspección do Xogo».

Dez.-O artigo 44º.-«Peche temporal» queda redactado do seguinte xeito:

«No caso de peche temporal da sala de bingo por máis de trinta días consecutivos, autorizado o disposto pola Administración, as cantidades acumuladas para o pagamento do premio de prima serán depositadas na correspondente delegación da Consellería de Economía e Facenda, á disposición da consellería competente en materia de xogo, no prazo máximo de 48 horas a partir do peche.

Se no prazo dun ano desde a data de peche non se reiniciase a actividade da sala e se revogase por tal causa, de acordo co previsto no artigo 29º deste regulamento, a autorización de apertura, as cantidades depositadas quedarán en beneficio da comunidade autónoma para a súa aplicación para fins e obras sociais.

De reiniciarse a actividade da sala antes de transcorrido o dito prazo, as dotacións iniciais do premio da prima serán as existentes ao tempo do peche».

Once.-O artigo 45º.-«Peche definitivo» queda redactado do seguinte xeito:

«No caso de peche definitivo da sala de bingo, empresa titular da autorización de instalación procederá, no prazo e de acordo coas instrucións sinaladas no artigo anterior, ao depósito das cantidades acumuladas para o pagamento do premio de prima que quedarán en beneficio da comunidade autónoma para a súa aplicación para fins e obras sociais».

Disposición adicional

Única.-Desde o día de entrada en vigor deste decreto a cantidade que constitúe a dotación do bingo acumulativo, incluída a reserva, e o saldo da prima e da súa reserva, formarán un único premio que será outorgado ao xogador ou xogadores que obteñan premio de bingo ordinario nun número máximo de extraccións de bólas non superior a 45 na primeira partida que se celebre a partir da dita data.

No caso de non obterse o dito premio na dita partida inicial, procederase a incrementar o número de extraccións de bólas, de unha en unha, en cada partida consecutiva, ata a súa obtención. Deberanse realizar sesións ata que se entregue o referido bingo acumulativo extraordinario.

Disposición transitoria

Única.-Os bingos que á entrada en vigor desta norma estean en situación de peche temporal e que retomen a súa actividade nos termos previstos no artigo 44 do Regulamento do bingo, formarán un único premio coas contías que constitúen a dotación do bingo acumulativo, incluída a reserva, o saldo da prima e da súa reserva.

Este premio será outorgado ao xogador ou xogadores que obteñan o primeiro premio de bingo ordinario nun número máximo de extraccións de bólas non superior a 45 que se celebrará o mesmo día da apertura, sen que o devandito premio poida ser publicitado.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Todas as referencias que no Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo se fagan á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil deben de entenderse realizadas no sucesivo e, respectivamente, á consellería e á dirección xeral con competencia en materia de xogo.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos 15 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xaneiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza