DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 08 de marzo de 2007 Páx. 3.581

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio (BOE do 4 de maio), de educación, determina no artigo 39, punto 1º, que a formación profesional comprende un conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores e as traballadoras, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais. No punto 2 establece que a formación profesional, no sistema educativo, ten por finalidade preparar o alumnado para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que poidan producirse ao longo da súa vida, así como contribuír ao seu desenvolvemento persoal e ao exercicio dunha cidadanía democrática.

Igualmente, a devandita lei orgánica recolle, no punto 2º do artigo 42, que o currículo das ensinanzas de formación profesional incluirá unha fase de formación práctica en centros de traballo, da que poderá quedar exento quen acredite unha experiencia laboral que se corresponda cos estudos profesionais cursados. As administracións educativas regularán esta fase e a mencionada exención.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño (BOE do 20 de xuño), das cualificacións e da formación profesional, establece no seu título preliminar, artigo 6, que polas súas especiais características, a formación en centros de traballo require un esforzo coordinado dos axentes que interveñen na súa realización. Tanto a Administración educativa e os propios centros docentes como as confederacións, asociacións empresariais, empresas individuais, institucións públicas, organizacións sindicais, cámaras de comercio, etc., acordarán as condicións, mediante a subscrición de convenios de colaboración, que permitan a realización deste módulo profesional, imprescindible para que o alumnado obteña a titulación correspondente.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro (BOE do 3 de xaneiro de 2007), polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, no seu artigo 11, indica que todos os ciclos formativos de formación profesional incluirán un módulo de formación en centros de traballo.

Os reais decretos que regulan os títulos de formación profesional específica e as súas correspondentes ensinanzas mínimas, así como os decretos que establecen os currículos dos ciclos formativos de grao medio e de grao superior, definen para cada un deles o módulo de formación en centros de traballo, que consistirá na realización de prácticas en entidades de titularidade pública ou privada.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, é consciente de que a formación integral dos seus estudantes exixe complementar as actividades formativas do centro educativo con outro tipo de experiencias nun contorno e nun contexto real, que terían difícil cabida nas aulas e nos laboratorios. De aí a necesidade de colaboración cos centros de traballo, onde o alumnado vive unha situación real nun contorno produtivo similar ao que vai atopar nun futuro próximo, que lle serve á vez como adaptación e como etapa final da súa anterior formación.

En consecuencia, en uso das competencias que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o desenvolvemento, a organización e a ordenación do módulo de formación en centros de traballo (en adiante FCT) correspondente ao ensino da formación profesional inicial.

Segundo.-Módulo profesional de FCT.

O módulo profesional de FCT é un bloque coherente de formación profesional que se desenvolve en empresas ou institucións en situacións reais de traballo. Este módulo ten carácter obrigatorio en todos os ciclos formativos e desenvolverase procurando aplicar as competencias profesionais adquiridas no centros educativos, complementadas con aquelas previamente identificadas entre as actividades produtivas do centro de traballo.

Terceiro.-Finalidade.

O módulo de FCT, de acordo co establecido no Real decreto 1538/2006, ten as seguintes finalidades:

a) Completar a adquisición de competencias profesionais propias de cada título alcanzadas no centro educativo.

b) Adquirir unha identidade e unha madureza profesional motivadoras para a aprendizaxe ao longo da vida e para as adaptacións aos cambios das necesidades de cualificación.

c) Completar coñecementos relacionados coa produción, a comercialización, a xestión económica e os sistemas de relacións sociolaborais das empresas, co fin de facilitar a inserción laboral.

d) Avaliar os aspectos máis relevantes da profesionalidade alcanzada polo alumnado no centro educativo e acreditar os aspectos requiridos no emprego que non poidan verificarse por exixir situacións reais de traballo.

Cuarto.-Convenios específicos de colaboración.

1. Convenios asinados entre o centro de traballo e o centro educativo:

a) Os centros educativos que imparten ciclos formativos de formación profesional subscribirán convenios de colaboración con centros de traballo pertencentes a empresas, agrupacións ou asociacións de empresas, institucións públicas ou entidades privadas.

b) Os convenios de colaboración para a realización das actividades de formación en centros de traballo deberanse formalizar por escrito e estarán asinados polo director ou a directora do centro educativo e pola persoa que teña a representación legal do centro de traballo, da empresa ou institución colaboradora. Asinarase un convenio por cada tipo de ensino e por cada centro de traballo, onde se identificará o alumnado que será acollido pola entidade colaboradora asinante.

c) A duración destes convenios será a prevista para o período de desenvolvemento do módulo de FCT, que se considerará improrrogable.

d) Deberán indicar obrigatoriamente o tipo de horario no centro de traballo para o alumnado que teña un horario especial segundo o artigo 14º desta orde.

e) Por tratarse dun módulo obrigatorio para a obtención do título e para garantir a obxectividade na súa avaliación, non se asinarán convenios específicos de colaboración con centros de traballo cando o empresario ou a empresaria, a persoa responsable, o titor ou a titora teñan algunha relación de parentesco, ata o terceiro grao, co alumnado que se asigne a ese centro de traballo.

f) Os centros educativos non terán a consideración de empresa para a realización da FCT, agás casos excepcionais debidamente xustificados e autorizados expresamente pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, logo de informe da inspección.

g) A relación entre o alumnado e o centro de traballo derivada do convenio de colaboración non terá natureza xurídica para os efectos laborais. Xa que logo, o alumnado non poderá percibir retribución económica ningunha pola súa actividade formativa nin polos resultados que puidesen derivarse dela.

h) A empresa ou entidade colaboradora non poderá ocupar ningún posto de traballo, nin sequera con carácter de substitución ou interinidade, co alumnado que realice actividades formativas na empresa.

2. Rescisión dos convenios.

Os convenios específicos de colaboración poderán ser rescindidos por calquera das partes, por denuncia dalgunha delas, que se lle comunicará á outra cunha antelación mínima de cinco días, baseándose nalgunha das seguintes causas:

a) Cesamento de actividade dalgunha das partes asinantes do convenio.

b) Forza maior que imposibilite o desenvolvemento das actividades programadas.

c) Incumprimento das cláusulas establecidas no convenio específico de colaboración, inadecuación pedagóxica das prácticas formativas ou vulneración das normas que estean en cada caso vixentes, en relación coa realización das actividades programadas.

d) Mutuo acordo adoptado entre a dirección do centro docente e a do centro de traballo da empresa ou institución colaboradora.

3. Exclusión de alumnado dun convenio para a realización da FCT.

Poderá ser excluído dun convenio para a realización da FCT na correspondente convocatoria un alumno, unha alumna ou un grupo, nos seguintes casos:

a) Por faltas de asistencia. O proxecto curricular do ciclo concretará o número de faltas que implica esta exclusión do convenio. En todo caso, o número de faltas non poderá ser superior ao 10 % das horas da duración do módulo.

b) Por actitude incorrecta, atendendo ao código disciplinario da empresa, ou por falta de aproveitamento, logo de audiencia ao alumno ou á alumna.

4. Comunicación dos convenios aos servizos de inspección de traballo.

Dentro dos vinte días seguintes á realización da sesión de avaliación final dos módulos no centro educativo e previa á FCT ou, de ser o caso, dez días antes do inicio da FCT, os centros educativos enviarán unha copia dos convenios específicos de colaboración coas empresas aos servizos de inspección educativa das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para que desde aí se trasladen á Inspección de traballo. As modificacións e as baixas que se produzan nos convenios de colaboración tamén se comunicarán aos servizos de inspección educativa, a onde se enviará copia do novo convenio no caso de modificacións.

Quinto.-Programación da FCT. Plan individualizado.

1. O módulo de FCT exixe a elaboración dun plan individualizado, que consistirá no conxunto das actividades formativo-produtivas que o alumnado terá que realizar nos centros de traballo durante as horas e o período establecidos para tal fin. Esas actividades serán o complemento final para acadar a competencia profesional característica do título, e propor

cionarán as situacións de avaliación necesarias para acreditar tal competencia.

2. O plan individualizado deberá recoller os seguintes elementos:

a) Capacidades terminais elementais ou obxectivos mínimos, establecidos no currículo do ciclo formativo, ou, de ser o caso, capacidades terminais do módulo de FCT, definidas na normativa básica ou complementaria do título.

b) Actividades formativas, tomadas das de referencia que establece o currículo do ciclo formativo, que deben permitir executar ou completar a competencia profesional correspondente ao título.

3. Na elaboración do plan individualizado de FCT terán que estar identificadas todas as actividades formativo-produtivas relacionadas coas capacidades terminais elementais do módulo de FCT e coa competencia profesional do título.

4. No plan individualizado de FCT recollerase, ademais, a avaliación correspondente a cada capacidade terminal elemental descrita.

5. Centros de traballo diferentes requiren plans individualizados de FCT distintos, agás nos sectores produtivos ou de servizos altamente homoxéneos, como medio para garantir que o módulo profesional se poida cumprir e avaliar.

6. Cando se constate que, nalgunhas zonas ou nalgúns sectores, o posto formativo ofrecido por un centro de traballo sexa insuficiente para acadar todas as capacidades terminais necesarias para a consecución da competencia profesional característica para a obtención do título, o profesor ou a profesora, titor ou a titora, ou a persoa que coordine a FCT, segundo o caso, realizarán a selección doutros centros de traballo que poidan complementar o plan individualizado da FCT, como máximo dous. Nese caso, formalizarase un exemplar para cada empresa ou centro de traballo.

7. Se o horario produtivo dunha empresa ou centro de traballo fose insuficiente (caso dalgunhas familias profesionais) para completar o número total das horas correspondentes á FCT dun ciclo no período ordinario establecido, poderase asistir simultaneamente a máis dun centro de traballo, co fin de completar as actividades programadas, sen que a suma das horas que o alumnado deba realizar no conxunto de centros de traballo supoña aumento do número de horas, por xornada ou por semana, marcado para a xornada laboral legalmente establecida, nin aumento do número das horas establecidas para a FCT do ciclo que corresponda.

Sexto.-Acceso e duración do módulo de FCT.

1. O acceso a este módulo producirase cando o alumnado teña unha avaliación positiva en todos os módulos profesionais do ciclo formativo realizados no centro educativo.

2. A duración do módulo de FCT será a indicada nos decretos dos currículos correspondentes aos ciclos formativos na Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, na normativa básica ou complementaria. As xornadas reservadas para o seguimento, indicadas no artigo 7º, punto 2, computarán como xornada laboral.

3. Realizarase ao final de cada ciclo formativo, nun só período e de xeito ininterrompido, agás nos casos recollidos no artigo 13º, punto g).

4. Os períodos de realización da FCT segundo os distintos ciclos formativos serán os seguintes:

Horas do ciclo formativo

1300 (FCT 340)

1400 (FCT 440)

1100 (FCT 300)

1700 (FCT 740)

2000 (FCT 710)

2000 (FCT 380)

2000 (FCT 440)

1860 (FCT 400)

Período ordinariosetembro-decembrosetembro-marzoxaneiro-xuñoabril-xuño

Período extraordinarioxaneiro-marzo

abril-xuño

setembro-marzo*

xaneiro-xuño*

setembro-marzo*

xaneiro-xuño*

setembro-decembro*

xaneiro-marzo*

abril-xuño*

5. A matrícula para realizar a FCT en período extraordinario realizarase no mes inmediatamente anterior do comezo do dito período.

6. Durante o período de realización da FCT, o horario do alumnado adaptarase ao horario laboral do centro de traballo.

Sétimo.-Titoría e seguimento da formación en centros de traballo.

1. O titor ou a titora do centro educativo establecerán canles de comunicación coa persoa designada para realizar as tarefas de titoría do centro de traballo que garantan o seguimento e a avaliación do alumnado. Establecerán o calendario de visitas aos centros de traballo; en concreto, un mínimo de dúas visitas de seguimento, ademais das previas para a xestión, para observar directamente as actividades que o alumnado realice nel e rexistrar o seu propio seguimento. Este calendario poderase completar mediante a programación, por parte do titor ou da titora docentes, das visitas e os mecanismos de contacto que consideren oportunos para o correcto seguimento do alumnado que desenvolve a FCT.

2. Reservarase unha xornada cada quincena para a recepción do alumnado no centro educativo por parte do profesor-titor ou da profesora-titora, na que se realizarán actividades de seguimento, asesoramento e apoio.

3. A compensación dos gastos ocasionados ao profesorado encargado do seguimento da formación en centros de traballo realizarase ao abeiro do establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. O devandito decreto esta

blece que darán orixe a indemnización ou compensación, entre outras, as comisións de servizo para a realización dos cometidos especiais que se lle ordenen ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia e os desprazamentos dentro do termo municipal por razón do servizo.

4. Para poder ser compensado nos gastos que ocasione o seguimento, o profesorado encargado deberá contar con autorización expresa da dirección do seu centro educativo de destino.

5. A compensación dos gastos ocasionados polas actividades de seguimento do módulo de formación en centros de traballo correspondentes a cada ciclo formativo poderá ser financiada con cargo aos orzamentos de gastos de funcionamento deses ciclos.

6. A compensación de gastos derivados dos accidentes de tráfico de coordinadores ou coordinadoras, e de titores ou titoras da FCT será a establecida na normativa reguladora correspondente, pola que se convocan axudas económicas para compensar gastos derivados dos accidentes de tráfico de persoal en función docente ou inspectora.

Oitavo.-Avaliación da formación en centros de traballo.

1. A avaliación do módulo da FCT ten por obxecto determinar a competencia profesional.

2. O instrumento de seguimento e avaliación do módulo de FCT será a carpeta de seguimento e avaliación da FCT. É obrigatoria na xestión da formación en centros de traballo, ten carácter individual e deberá cubrirse ao longo do desenvolvemento da FCT. Incluirá os seguintes documentos: identificación da carpeta, plan individualizado, follas semanais para o seguimento das actividades e a validación do contido da carpeta pola secretaría do centro.

3. O alumnado reflectirá nas follas semanais de seguimento as tarefas que desenvolva na empresa, que serán supervisadas polo profesor-titor ou a profesora-titora durante a xornada quincenal destinada á acción titorial no centro educativo, á que asistirá o alumnado que estea durante ese período realizando a FCT.

4. Na avaliación deste módulo de FCT colaborará a persoa responsable designada por cada centro de traballo para o seguimento da formación do alumnado durante a estadía nel. Esta colaboración na avaliación expresarase indicando no plan individualizado as capacidades adquiridas ou non no centro de traballo. Se a FCT tivese lugar en varias empresas, solicitarase un plan individualizado por cada unha delas.

5. Unha vez rematado o período previsto para o desenvolvemento da FCT, a secretaría do centro formalizará a dilixencia de pechamento para validar a documentación de que consta a carpeta de seguimento e avaliación de FCT do alumno ou da alumna, a quen posteriormente lla entregará.

6. Correspóndelle ao Servizo de Inspección Educativa o seguimento e a avaliación dos plans individualizados de FCT coa folla semanal de seguimento, así como a análise dos resultados obtidos no desenvolvemento da FCT en cada un dos ciclos formativos de cada centro educativo.

7. Unha vez realizado o módulo de FCT celebrarase a avaliación final correspondente.

8. A cualificación do módulo de FCT expresarase nos termos de apto ou apta, ou non apto ou non apta. No caso de que o alumno ou a alumna obteñan a cualificación de non apto ou non apta, deberán matricularse e realizar o módulo de FCT de novo.

9. A superación de todos os módulos profesionais cursados no centro docente, incluído o de FCT, será requisito indispensable para a obtención do correspondente título académico.

Noveno.-Exención do módulo de FCT.

1. O módulo de FCT é susceptible de exención pola súa correspondencia coa experiencia laboral, segundo se establece no artigo 49, do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro (BOE do 3 de xaneiro), polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo.

2. A solicitude de exención formalizarase polo menos 20 días hábiles antes do inicio das actividades programadas para o módulo de FCT.

3. A exención poderá ser total ou parcial, dependendo da correspondencia que haxa entre a experiencia acreditada e os contidos do módulo formativo de FCT.

4. A exención requirirá, ademais de cumprir o requisito de experiencia laboral, a matrícula previa do alumno ou da alumna nun centro docente autorizado para impartir ensinanzas conducentes ao título do ciclo formativo correspondente.

5. Débese acreditar unha experiencia laboral correspondente ao traballo a tempo completo dun ano, relacionada cos estudos profesionais respectivos. No caso de contratos a tempo parcial, os días de cotización deberán ser equivalentes a un ano a tempo completo.

6. O alumno ou a alumna deberán presentar na secretaría do centro a seguinte documentación:

a) Solicitude á dirección do centro docente onde se estea matriculado. No caso de centros privados, a dirección trasladará as solicitudes ao centro público ao que estea adscrito.

b) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, ou da mutualidade laboral á que se estivese afiliado ou afiliada, na que conste a empresa, a categoría laboral, o grupo de cotización e o período de contratación ou, de ser o caso, o período de cotización en réxime especial de traballadores autónomos, ou calquera outro medio de proba admitido en dereito.

c) Certificación da empresa na que se indique especificamente a duración do contrato, as actividades desenvolvidas e o período en que se realizaron estas actividades. No caso de traballadores e traballadoras por conta propia, certificación de alta no censo de obrigados tributarios, cunha antigüidade dun ano, así como unha declaración da persoa interesada das actividades máis representativas.

7. O titor ou a titora do centro educativo, en colaboración co equipo docente, logo da análise da documentación achegada, deberán emitir un informe e unha proposta, que lle farán chegar á dirección do centro, sobre a concesión ou non da exención total ou parcial, de ser o caso.

8. Nos centros públicos resolve a dirección do centro e, no caso dos centros privados, a dirección do centro ao que estea adscrito.

9. O acordo da concesión ou non da exención total ou parcial comunicaráselle por escrito á persoa solicitante no prazo de 10 días.

Décimo.-Renuncia á FCT.

O alumnado poderá solicitar a renuncia ao módulo de FCT e, xa que logo, á súa avaliación, co fin de non esgotar as dúas posibilidades de matrícula previstas para o réxime ordinario, acreditando algunha das seguintes circunstancias:

a) Doenza prolongada de carácter físico ou psíquico.

b) Incorporación laboral acreditada mediante contrato de traballo.

c) Obrigas de tipo familiar xustificadas que impidan a normal dedicación aos estudos.

d) Outras de carácter análogo que a dirección do centro estime oportuno, por proposta do equipo docente.

As solicitudes deberán presentarse perante o director ou a directora do centro nun prazo de, cando menos, dous meses antes da avaliación final do módulo da FCT. No caso de centros públicos, a dirección resolverá no prazo máximo de dez días. No caso de centros privados, resolverá o director ou a directora do centro público ao que estean adscritos no mesmo prazo, a partir da data da recepción da solicitude no centro público.

O alumnado procedente de renuncia unicamente deberá solicitar a reincorporación no prazo indicado no artigo 6º, punto 5. Non se terán en conta as xornadas realizadas antes de solicitar a renuncia, é dicir, cumprirá iniciar o módulo de FCT de novo.

Décimo primeiro.-Funcións e tarefas na xestión da FCT.

1. O director ou a directora do centro educativo.

a) Acreditar ante a delegación provincial correspondente a existencia de convenios que garantan a realización da FCT do alumnado matriculado nos ciclos formativos.

b) Asinar os convenios específicos de colaboración coas empresas e asumir a responsabilidade da súa execución.

c) Certificar os documentos acreditativos da realización da FCT.

d) Promover as relacións cos centros de traballo para a formación do alumnado e a súa inserción profesional.

2. O coordinador ou a coordinadora da FCT.

a) Supervisar e dirixir o programa de FCT.

b) Encargarse, por delegación da dirección do centro, das relacións coas empresas ou institucións que poidan estar interesadas no programa.

c) Controlar, supervisar e valorar as actividades levadas a cabo polas persoas responsables da titoría dos ciclos formativos e programas de garantía social, para o que convocarán, polo menos, unha reunión mensual con eles.

d) Elaborar os convenios de colaboración.

e) Difundir o programa formativo a nivel interno e externo.

f) Procurar e seleccionar empresas co apoio do profesor titor ou a profesora titora, e tramitar toda a documentación relativa ás axudas económicas que proceda respecto á FCT, a través da dirección do centro.

g) Aqueloutras funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza na súa normativa específica.

3. O titor ou a titora responsables da FCT.

a) Elaborar o programa formativo do módulo, en colaboración coa persoa responsable do centro de traballo.

b) Avaliar e cualificar o módulo de FCT tendo en conta o informe presentado pola persoa responsable do centro de traballo sobre as actividades realizadas polo alumnado.

c) Manter contactos periódicos coa persoa responsable do centro de traballo, co fin de contribuír a que o programa de formación se axuste á cualificación que se pretenda para cada ciclo.

d) Atender no centro educativo aos problemas de aprendizaxe que presente o seu alumnado e valorar de xeito continuado as actividades correspondentes ao programa formativo.

e) Informar sobre as peticións de validacións e de exencións formuladas polo alumnado do ciclo formativo.

f) Informar o seu alumnado do programa formativo de FCT que vai realizar en cada empresa, e de todo o relacionado coas condicións e as características da súa realización, os aspectos, as condicións e os criterios de avaliación do citado módulo.

g) Extraer datos e conclusións que realimenten as actividades, con especial atención a aqueles que suxiran a modificación da programación docente ou do programa formativo, ou que afecten a continuidade do convenio coa empresa.

h) Proporcionar os datos máis significativos que se lle requiran para a avaliación global do programa da FCT.

Décimo segundo.-Funcións da Administración educativa.

En referencia ao módulo de FCT, a Administración educativa realizará as seguintes funcións:

a) Promover a celebración de convenios marco con empresas, institucións e entidades dispostas a colaborar tecnicamente na xestión da FCT (cámaras de comercio, organizacións empresariais, outras consellerías ou administracións, etc.).

b) Conformar, co apoio das entidades colaboradoras, un banco de datos sobre os centros de traballo dispostos a colaborar na FCT.

c) Desenvolver, coa asistencia das entidades de colaboración, un plan de información e explicación ás empresas sobre a importancia e o interese da súa colaboración na participación para un bo desenvolvemento da FCT.

d) Asesorar e apoiar os centros educativos nas súas relacións coas empresas e institucións, así como no proceso de elaboración dos convenios de colaboración entre ambos os dous.

e) Programar, co apoio das empresas, institucións ou entidades colaboradoras, cursos formativos para as persoas responsables da coordinación e da titoría do módulo de FCT.

Décimo terceiro.-Casos excepcionais na realización da FCT.

En certos sectores produtivos, ou por causas de forza maior, é preciso realizar a FCT fóra do horario laboral, do período ou do ámbito produtivo establecido con carácter xeral, tendo en conta as seguintes consideracións:

a) En ningún caso poderá iniciarse a FCT fóra do período establecido con carácter xeral sen contar coa autorización da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, ou do Servizo de Inspección Educativa, se é o caso.

b) A realización da FCT coincidindo en período de vacacións deberá contar co compromiso expreso do titor ou da titora do centro educativo, de realizar o seguimento das actividades do plan individualizado.

c) Enténdese por vacacións para a realización da FCT os meses de xullo e agosto.

d) A realización anticipada da FCT non implicará o adianto do calendario da avaliación, nin a entrega adiantada do título, previsto con carácter xeral para o ciclo, e deberá quedar reflectida no proxecto curricular do ciclo.

e) A resolución pola que se lle autorice ou rexeite a autorización, por parte da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, ou do Servizo de Inspección Educativa, comunicaráselle ao centro educativo antes do inicio do período previsto para a realización da FCT.

f) Non se considerarán casos excepcionais o desexo de matricularse noutros estudos, estar a realizar estudos simultáneos, facer unha viaxe particular, para substitución de traballadores na empresa, para realización de horario nocturno cando se poida realizar a mesma actividade en horario diúrno, nin ningún outro alleo ás necesidades da formación profesional.

g) A interrupción da FCT en casos de forza maior, accidente, doenza, embarazo ou similar polos que se necesite ampliar a duración do período ordinario non necesita autorización no caso de que o período que se amplíe sexa inferior a un mes. Nestes casos cumprirá asinar un novo convenio que inclúa o período ampliado. O alumnado implicado quedará pendente de avaliación e será avaliado ao rematar a FCT. Se o período de interrupción é superior a un mes o alumnado deberá solicitar renuncia ao módulo de FCT e volver a facelo de novo.

Décimo cuarto.-Autorizacións.

1. Deberase solicitar autorización para a realización da FCT á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, quen resolverá e o comunicará ao centro educativo, nos seguintes casos:

a) Inclusión no calendario de FCT de fins de semana e/ou festivos.

b) Horario nocturno, considerado entre as 22.00 horas e as 6.00 horas.

c) Realización da FCT nos meses de xullo e agosto.

d) Anticipación da FCT respecto ao período ordinario establecido con carácter xeral. Nestes casos deberá quedar reflectido no proxecto curricular do ciclo, e pode ser motivada pola dificultade para encontrar postos formativos, estacionalidade nas actividades que se realicen na FCT (caso das familias de actividades agrarias, de actividades físicas e deportivas, ou de hostalaría e turismo, entre outras), etc.

e) Anticipación da FCT e simultánea coa formación no centro educativo, por causas debidamente xustificadas no proxecto curricular do ciclo.

f) Adaptación do calendario para o alumnado matriculado no réxime de persoas adultas ou traballadores e traballadoras con matrícula no réxime ordinario, cunha duración mínima de catro horas por xornada ao longo de cinco xornadas semanais. Acreditarase coa copia de contrato de traballo vixente durante o período previsto para a estadía formativa e subscrito con empresa distinta da titular do centro de traballo de acollida para a FCT.

2. Deberase solicitar autorización ao Servizo de Inspección Educativa nos seguintes casos:

a) Realización da FCT fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Realización da FCT en máis de dous centros de traballo.

3. Casos especiais. Non terá que solicitar autorización o alumnado matriculado nas seguintes familias e nos seguintes ciclos formativos, para estes casos:

1.Inclusión no calendario de FCT de fins de semana e/ou festivos.

a) Hostalaría e turismo.

i. CM Servizos de restaurante e bar.

ii. CM Cociña.

iii. CM Pastelaría e panadería.

iv. CS Aloxamento.

v. CS Restauración.

b) Actividades físicas e deportivas.

i. CM Condución de actividades físico-deportivas no medio natural.

ii. CS Animación de actividade físicas e deportivas.

c) Industrias alimentarias.

i. CM Panificación e repostaría.

d) Sanidade.

i. CM Coidados auxiliares de enfermaría.

ii. CM Farmacia.

e) Imaxe persoal.

f) Comercio e márketing.

i. CM Comercio.

2. Horario nocturno, considerado entre as 22.00 horas e as 6.00 horas.

a) Hostalaría e turismo.

i. CM Servizos de restaurante e bar.

ii. CM Cociña.

iii. CM Pastelaría e panadaría.

iv. CS Aloxamento.

v. CS Restauración.

b) Industrias alimentarias.

i. CM Panificación e repostaría.

c) Sanidade.

i. CM Coidados auxiliares de enfermaría.

ii. CM Farmacia.

4. Actividades marítimo-pesqueiras. O alumnado matriculado nos ciclos correspondentes a esta familia profesional e que estea embarcado tampouco terá que solicitar autorización para fins de semana e horario nocturno, e adaptará o seu horario ao propio da actividade desenvolvida.

Décimo quinto.-Procedementos e documentación para solicitar autorizacións en casos excepcionais.

1. Autorizacións da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Documentación para enviar directamente á dirección xeral:

a) Solicitude individual motivada e xustificada, con todos os datos cubertos e asinada pola dirección do centro, por cada alumno ou alumna, na que se especificará a causa ou as causas polas que se solicita a autorización.

b) En caso de solicitar autorización para máis dun alumno ou alumna, ou para máis dun ciclo formativo, relación de alumnado por cada ciclo formativo.

2. Autorizacións do Servizo de Inspección Educativa. Documentación para enviar:

a) Realización da FCT en comunidades limítrofes con Galicia, ou dentro de Galicia con centros de traballo moi afastados do centro educativo que impidan realizar o seguimento por parte do titor ou da titora correspondentes.

i. Solicitude individual motivada e xustificada, con todos os datos cubertos e asinada polo director ou a directora do centro, e por cada alumno ou alumna, na que se especificará a causa ou as causas polas que se solicita a autorización.

ii. Acordo asinado entre o centro de educativo de procedencia e un centro educativo situado no territorio de destino que imparta a mesma ensinanza ou familia profesional.

iii. Copia do plan individualizado de FCT.

b) Realización da FCT en máis de dous centros de traballo.

i. Solicitude individual motivada e xustificada, con todos os datos cubertos e asinada polo director ou a directora do centro, por cada alumno ou alumna, na que se especificará a causa ou as causas polas que se solicita a autorización.

ii. Copia do plan individualizado de FCT.

Décimo sexto.-A FCT en programas de garantía social e programas de cualificación profesional inicial.

1. O alumnado matriculado nas diferentes modalidades de programas de garantía social ou programas de cualificación profesional inicial poderá realizar prácticas formativas en centros de traballo. A duración será a que se estableza na normativa reguladora destes programas.

2. En todo o referente á subscrición de convenios cos centros de traballo, aspectos da relación entre centros educativos, e centros de traballo e autorizacións excepcionais da realización da FCT, observarase o disposto nesta resolución, así como aquelas instrucións que se poidan ditar.

Décimo sétimo.-Xestión administrativa da FCT.

Todos os documentos necesarios para a realización da FCT estarán dispoñibles na aplicación informática da FCT, na páxina web http://www.edu.xunta.es/fct, para todos os centros educativos.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o artigo 20 da Orde do 16 de xullo de 2002 (DOG do 13 de setembro) pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional específica de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as normas de aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria