DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 12 de marzo de 2007 Páx. 3.763

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Preámbulo

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula no capítulo IV do título V, a selección e nomeamento das direccións dos centros docentes

públicos que imparten as ensinanzas reguladas na propia lei.

Esta lei concibe a participación como un valor básico para a formación dos cidadáns e por iso posibilita e fomenta a participación democrática de todos os membros da comunidade educativa na organización, goberno, funcionamento e avaliación dos centros educativos a través dos órganos colexiados. Este marco xeral de participación e compromiso facilita o papel que desenvolven as direccións no proceso de dinamización da innovación e mellora da calidade educativa nos centros docentes.

A selección da dirección debe realizarse mediante un proceso en que participen tanto a comunidade educativa como a administración, debendo permitir a selección dos candidatos máis idóneos profesionalmente e que, ao mesmo tempo, obteñan o maior apoio da comunidade educativa.

A lei prevé que esta selección das direccións se realice mediante un concurso no cal se garantan os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

A lei establece que a selección deberá ser realizada no propio centro por unha comisión constituída por representantes da administración e do centro e que os aspirantes seleccionados deberán superar un programa de formación inicial. Asemade, a lei recolle os supostos en que resulta necesario o nomeamento con carácter extraordinario da dirección, as causas de cesamento e o recoñecemento da función directiva.

Este decreto ten como finalidade desenvolver o capítulo IV do título V da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regulando todo o relativo á selección, nomeamento e cesamento das direccións dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na propia lei.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no uso das atribucións conferidas polos artigos 28.1º e 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular o procedemento de selección, nomeamento e cesamento das direccións dos centros docentes públicos que imparten algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación a todo o persoal docente funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 3º.-Principios xerais.

1. A selección e nomeamento das direccións dos centros docentes públicos efectuarase mediante concurso de méritos entre profesoras e profesores que sexan funcionarios de carreira e que impartan algunha das ensinanzas encomendadas ao centro.

2. A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

3. O nomeamento da dirección dos centros integrados de formación profesional axustarase ao establecido no artigo 11.5º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

Artigo 4º.-Requisitos para ser candidata ou candidato á dirección.

1. Para participar no concurso de méritos para ser nomeada directora ou director dun centro docente público dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que imparta algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, deberán reunirse os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario ou funcionaria de carreira dun corpo docente a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Estar en situación de servizo activo.

c) Ter unha antigüidade de polo menos cinco anos como funcionaria ou funcionario de carreira na función pública docente.

d) Ter impartido docencia directa como funcionaria ou funcionario de carreira, durante un período de polo menos cinco anos, nalgunha das ensinanzas que ofrece o centro a que se opta. Para estes efectos, enténdense que as funcionarias e funcionarios responsables da orientación educativa e profesional imparten docencia directa.

e) Estar prestando servizos nun centro educativo dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

f) Estar prestando servizos en centros públicos, nalgunha das ensinanzas das que se ofrecen no centro a que se opta, cunha antigüidade de polo menos un curso completo ao publicarse a convocatoria. Para estes efectos considéranse as mesmas ensinanzas a educación infantil e a educación primaria.

g) Presentar un proxecto de dirección que inclúa, entre outros, os obxectivos, as liñas de actuación e a avaliación deste.

2. Para participar no concurso de méritos para ser nomeada directora ou director dun centro público específico de educación infantil, incompleto de educación primaria, nos de educación secundaria con menos de oito unidades, en que impartan ensinanzas artísticas profesionais, deportivas, de idiomas ou as dirixidas a persoas adultas con menos de oito profesores, non se exixirán os requisitos establecidos nas alíneas c) e d) do punto 1 deste artigo.

Artigo 5º.-Convocatoria do concurso de méritos.

O concurso de méritos para o nomeamento da dirección de centros docentes públicos será convocado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, antes do 1 de marzo de cada ano, especificando os centros en que está ou vai quedar vacante a dirección.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. A solicitude de participación no concurso de mérito dirixirase ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia correspondente, no modelo que estableza a propia consellería, achegando ademais:

a) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica como anexo a este decreto.

b) Se é o caso, certificación da dirección do centro que acredite que se ten destino definitivo no centro.

c) Proxecto de dirección que inclúa, polo menos, os obxectivos, as liñas de actuación e a avaliación deste. No proxecto de dirección deberá facerse referencia entre os seus obxectivos xerais e as liñas prioritarias de actuación as previstas nos artigos 9 e 10 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De solicitarse máis dun centro deberá presentarse un proxecto específico de dirección para cada centro.

2. Así mesmo, os participantes no concurso de méritos remitirán ao centro docente unha copia do seu proxecto de dirección, que estará á disposición dos membros do claustro de profesores e do consello escolar.

3. O delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirá ás comisións seleccionadoras toda a documentación presentada polos aspirantes á dirección do centro.

Artigo 7º.-Comisión de selección.

1. En cada centro educativo constituirase unha comisión de selección, nomeada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que terá a seguinte composición:

a) Unha inspectora ou un inspector de educación, designado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá como presidenta ou presidente.

b) Tres profesoras ou profesores do centro elixidos polo Claustro de profesores.

c) Tres membros do consello escolar, elixidos por e entre os membros do consello escolar que non son profesoras ou profesores.

2. Unha ou un dos representantes do claustro de profesores actuará como secretaria ou secretario da comisión.

3. En ningún caso as candidatas ou candidatos á dirección poderán formar parte da comisión de selección.

4. A representación do consello escolar do centro non poderá recaer en alumnado que estea matriculado nun curso inferior a terceiro de educación secundaria obrigatoria.

5. Aos membros da comisión de selección seranlles de aplicación as normas sobre abstención e recusación previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Designaranse suplentes dos membros da comisión de selección en cada un dos ámbitos de representación.

Artigo 8º.-Funcións da comisión de selección.

As comisións de selección terán as seguintes funcións:

a) Comprobar que os aspirantes reúnen os requisitos establecidos na correspondente convocatoria de concurso de méritos, procedendo a súa admisión ou, se é o caso, a súa exclusión.

b) Valorar os méritos académicos e profesionais de cada aspirante, de acordo co baremo que se publica como anexo a este decreto.

c) Valorar os proxectos de dirección, conforme co baremo que se publica como anexo a este decreto.

d) Establecer a puntuación final obtida polos aspirantes e seleccionar o candidato que proporán para o seu nomeamento como directora ou director, de acordo cos criterios establecidos no artigo 9º deste decreto.

e) A resolución das reclamacións presentadas polos participantes en relación co concurso de méritos.

f) Calquera outra relativa ao proceso de selección da dirección que lles sexa encomendada nas respectivas convocatorias.

Artigo 9º.-Selección de candidatos.

1. A selección da dirección do centro docente será realizada pola comisión de selección, aplicando o baremo que se publica como anexo a este decreto.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitará, se é o caso, ás comisións de selección a puntuación que corresponda aos candidatos pola avaliación voluntaria positiva da fun

ción docente, a que fai referencia o punto 6 do baremo que se publica como anexo a este decreto.

3. Para poder ser nomeada directora ou director é necesario obter polo menos seis puntos no proxecto de dirección.

4. A comisión de selección poderá ter unha entrevista co profesorado que presentou candidatura se considera necesario clarificar algúns aspectos do proxecto de dirección.

5. A selección realizarase considerando, primeiro, as candidaturas do profesorado do centro, que terán preferencia. En ausencia de candidaturas do centro ou cando estas non fosen seleccionadas, a comisión valorará as candidaturas do profesorado doutros centros.

Artigo 10º.-Reclamacións e recursos.

1. A comisión de selección efectuará unha publicación provisional das puntuacións outorgadas a cada candidatura á dirección, dando un prazo de dez días de reclamacións ante a propia comisión.

2. Transcorrido o prazo de reclamación e, se é o caso, resoltas estas, a comisión de selección resolverá definitivamente o concurso de méritos, e realizará proposta de nomeamento da dirección do centro ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Contra a decisión da comisión de selección, que resolva definitivamente o concurso de méritos de selección e nomeamento da dirección, cabe recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 11º.-Programa de formación inicial.

1. Os aspirantes seleccionados deberán superar un programa de formación inicial, organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Aqueles candidatas e candidatos que non superen este programa de formación inicial non poderán ser nomeados directores.

2. O programa de formación inicial consistirá nun curso teórico e na realización de supostos prácticos. O curso teórico deberá ter unha duración mínima de cen horas e incorporar no seu programa contidos sobre sistemas de xestión de calidade dos centros educativos, planificación e organización das actividades escolares, a organización e xestión dos recursos humanos, procedementos de xestión administrativa e orzamentaria, formación para a convivencia, igualdade de xénero, mediación e resolución pacífica de conflitos, normativa en materia de centros, da lingua galega, alumnado e profesorado, e demais atribuídos á función directiva.

3. O deseño destes cursos realizao o Servizo de Formación do Profesorado e serán organizados polos centros de formación e recursos.

Artigo 12º.-Exención do programa de formación inicial.

1. Estarán exentos de realizar este programa inicial de formación aqueles aspirantes que acrediten unha

experiencia de polo menos dous anos no exercicio da dirección. Computará, para estes efectos, como un ano o nomeamento polo período lectivo dun curso académico.

2. O profesorado que estivese acreditado para o exercicio da dirección dos centros docentes públicos estará exento da realización do curso teórico do programa de formación inicial.

Artigo 13º.-Avaliación do programa de formación inicial.

Para a avaliación do programa de formación inicial constituirase unha comisión de ámbito provincial, nomeada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e da que formarán parte a xefatura do Servizo da Inspección, un director ou directora dun centro de cada nivel educativo e as direccións dos centros de formación e recursos da provincia.

Artigo 14º.-Nomeamento da dirección.

1. O delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá a nomear directora ou director:

a) A aquelas candidatas e candidatos seleccionados que estean exentos da realización do programa de formación inicial.

b) A aquelas candidatas e candidatos seleccionados que superasen o programa de formación inicial.

2. Os nomeamentos das direccións realizaranse con efectividade do 1 de xullo do ano correspondente.

3. Cando o nomeamento recaia nunha funcionaria ou funcionario que non teña destino definitivo no centro, a dirección desempeñarase en réxime de comisión de servizos.

Artigo 15º.-Duración do mandato e prórrogas deste.

1. De acordo co establecido no punto 2º do artigo 136 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, os nomeamentos de directores e directoras de centros docentes públicos serán por un período de catro anos.

2. Os nomeamentos das direccións poderán ser renovados polo delegado provincial, por petición dos interesados, por períodos de igual duración, ata un máximo de tres mandatos, logo da avaliación positiva do traballo desenvolvido ao final destes, oídos o claustro de profesores e o consello escolar. A petición de prórroga do nomeamento deberá realizarse durante o mes de xaneiro do último ano de mandato.

3. Rematado o mandato e os períodos máximos de prórroga, será necesaria a participación nun novo concurso para desempeñar a función directiva, no mesmo ou noutro centro.

4. A directora ou director avaliados negativamente non poderá presentar solicitude para participar no concurso de méritos para acceder á dirección dun centro docente público durante un período de tres anos.

Artigo 16º.-Nomeamento con carácter extraordinario.

1. Nos supostos de ausencia de candidatos, ou cando a comisión correspondente non seleccione a ningún candidato, ou nos centros de nova creación, a dirección será nomeada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, oídos o claustro de profesores e o consello escolar, por un período de dous anos, entre profesorado que reúna os requisitos establecidos no artigo 4º deste decreto, e preferentemente que teña destino definitivo no centro.

2. A persoa seleccionada deberá realizar o programa de formación inicial agás que estivesen exentos da súa realización, conforme o previsto no artigo 12º deste decreto.

3. Rematado o mandato e con independencia de que o exercicio da dirección sexa avaliada positivamente, procederá incluír a vacante na correspondente convocatoria de concurso de méritos para a selección e nomeamentos de directoras e directores de centros docentes públicos.

Artigo 17º.-Nomeamento accidental da dirección.

1. No suposto de que a candidata ou candidato seleccionado non supere o programa de formación inicial, o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, oído o claustro de profesores e o consello escolar, procederá a efectuar nomeamento da dirección desde o 1 de xullo ata o 30 de xuño do ano seguinte, entre o profesorado que reúna os requisitos establecidos neste decreto.

2. Nos supostos de que se produza o cesamento da dirección durante o curso escolar o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, oído o claustro de profesores e o consello escolar, realizará nomeamento accidental da dirección, ata o 30 de xuño do ano que proceda, incluíndose a vacante no próximo concurso de méritos que se convoque.

Artigo 18º.-Cesamento da dirección.

1. O cesamento da dirección producirase nos seguintes supostos:

a) Finalización do período para o que foi nomeado e, se é o caso, das súas prórrogas.

b) Renuncia motivada aceptada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Incapacidade física ou psíquica sobrevida.

d) Revogación motivada, polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por iniciativa deste ou por proposta motivada do consello escolar, por incumprimento grave das

funcións inherentes ao cargo da dirección. En todo caso, a resolución de revogación emitirase tras a instrución dun expediente contraditorio, logo de audiencia ao interesado ou interesada e oído o consello escolar.

2. O delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá revogar o nomeamento da dirección, por proposta do consello escolar do centro, logo de acordo adoptado por maioría de dous terzos dos seus membros.

Artigo 19º.-Recoñecemento da función directiva.

1. O exercicio de cargos directivos, e en especial do cargo de directora ou director, será retribuído de forma diferenciada, en consideración á responsabilidade e dedicación exixida, de acordo coas contías que para os complementos establecidos para o efecto fixe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Así mesmo, o exercicio de cargos directivos, e, en todo caso, do cargo de directora ou director será especialmente valorado para os efectos de provisión de postos de traballo na función pública docente.

3. As direccións serán avaliadas ao final do seu mandato. Os que obtivesen avaliación positiva, obterán un recoñecemento persoal e profesional nos termos que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. As direccións dos centros públicos que exercesen o seu cargo con valoración positiva, manterán cando cesen e mentres permanezan en situación de servizo activo, a percepción dunha parte do complemento retributivo correspondente á dirección, nos termos previstos no Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos.

5. A avaliación do exercicio da dirección realizaraa unha comisión provincial formada por:

a) A xefatura do Servizo da Inspección de Educación, que será a súa presidenta ou presidente.

b) Dous inspectores ou inspectoras designados polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Dúas directoras ou directores de centros docentes, nomeadas ou nomeados polo delegado provincial, por proposta da xunta provincial de directores de centros que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

d) Un funcionario ou funcionaria da delegación provincial que actuará como secretario, con voz e sen voto.

e) En todo caso tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes na comisión, sendo mulleres polo menos o 50 por 100 dos seus membros.

6. Os dereitos económicos e administrativos establecidos neste artigo serán de aplicación aos directores dos centros de formación e recursos.

Disposicións adicionais

Primeira.-Consolidación das direccións nomeadas por un período de tres anos.

As direccións nomeadas por un período de tres anos, conforme a regulación establecida na Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, consolidarán a parte correspondente do complemento específico, computándose, para estes únicos efectos, como un mandato de catro anos.

Segunda.-Cómputo dos anos de servizo da dirección para efectos de consolidación.

Para os efectos da consolidación dunha parte do complemento retributivo correspondente á dirección dos centros docentes públicos, regulada polo Decreto 120/2002, do 22 de marzo, computarase como un ano no desempeño da dirección por un período de, polo menos, nove meses durante un mesmo curso académico.

Terceira.-Compatibilidade do complemento específico correspondente á consolidación do exercicio da dirección.

O artigo 1.3º do Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico os directores dos centros escolares públicos, queda redactado do seguinte xeito:

3. Este complemento específico será incompatible coa percepción da compoñente singular do complemento específico pola titularidade de órganos unipersoais de goberno e co desempeño dos seguintes postos de traballo docentes singulares: xefatura de residencias, membros dos equipos de orientación específicos, direccións e asesores dos centros de formación e recursos e asesor técnico docente.

Cuarta.-Composición da comisión de selección en determinados supostos.

Cando o número de profesores do centro sexa inferior a catro ou o número de candidaturas á dirección non permita ao claustro elixir tres membros de entre o profesorado, a composición da comisión de selección regulada no artigo 7º deste decreto será a seguinte:

a) Unha inspectora ou inspector de educación, designado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá como presidenta ou presidente.

b) Un profesor ou profesora do centro elixida polo claustro de profesorado, que actuará ademais como secretario.

c) Un membro do consello escolar, elixido por e entre os seus compoñentes que non sexan profesoras ou profesores.

Disposicións transitorias

Primeira.-Se o primeiro nomeamento das direccións que se realice, en aplicación deste decreto,

se producise sen que estea rematado o programa de formación inicial, a efectividade do nomeamento quedará supeditada á superación do programa. Neste suposto, non superar o programa de formación inicial implicará o cesamento na dirección con efectividade do 30 de xuño do 2008.

Segunda.-A duración do mandato da dirección e demais membros do equipo directivo dos centros públicos nomeados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto será a establecida na normativa vixente no momento do seu nomeamento.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados:

a) Os artigos 8 a 17, ambos os dous incluídos, do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria.

b) Os artigos 15 a 24, ambos os dous incluídos, do Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.

c) O artigo 6, letras a) ata o i), ambas as dúas incluídas, do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados.

d) O Decreto 176/1996, do 17 de maio, polo que se regula a acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos en que se impartan ensinanzas non universitarias.

e) A Orde do 21 de maio de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 176/1996, do 17 de maio, polo que se regula a acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos en que se impartan ensinanzas non universitarias.

f) Todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

ANEXO

1. Antigüidade: máximo catro puntos.

1.1. Por cada ano de servizos como funcionaria ou funcionario de carreira que superen os cinco exixidos como requisitos: 0,50 puntos.

1.2. Por cada ano de servizos como funcionaria ou funcionario de carreira noutros corpos ou escalas docentes que impartan algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación: 0,25 puntos.

2. Desempeño da dirección de centros públicos e outros cargos directivos e de postos na Administración educativa: máximo seis puntos.

2.1. Por cada ano como directora ou director nun centro que impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 1 punto.

2.2. Por cada ano como directora ou director nun centro que non impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 0,50 puntos.

2.3. Por cada ano como subdirector ou xefe de servizo en postos da Administración educativa: 0,50 puntos.

2.4. Por cada ano como vicedirector, subdirector, secretario ou xefe de estudos dun centro que impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 0,50 puntos.

2.5. Por cada ano como vicedirector, subdirector, secretario ou xefe de estudos dun centro que non impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 0,25 puntos.

2.6. Por cada ano como xefe de departamento, coordinador dos equipos de normalización lingüística, coordinador de ciclo e análogos, dun centro que impartise algunha das ensinanzas do centro a que se opta: 0,15 puntos.

3. Méritos académicos: máximo 1 punto.

3.1. Por cada título de doutor: 0,50 puntos.

3.2. Por cada título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, distinto do alegado para ingreso no corpo: 0,25 puntos.

3.3. Por cada título de diplomado universitario ou equivalente distinto do alegado para ingreso no corpo: 0,15 puntos.

4. Cursos de formación: máximo 3 puntos.

Por cursos de formación relacionados coa función directiva organizados polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologados ou recoñecidos polas administracións anteditas, así como os organizados polas universidades: 0,05 puntos por cada 10 horas.

4.1. Por actividades e cursos recibidos: ata 2 puntos.

4.2. Por cursos impartidos: ata 1 punto.

5. Corpo de catedráticos.

Por pertencer a un dos corpos de catedráticos regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación: 0,50 puntos.

6. Avaliación positiva no exercicio da función docente.

Pola avaliación voluntaria positiva do exercicio da función docente: 1 punto.

7. Proxecto de dirección.

Polo proxecto de dirección: ata 12 puntos.