DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 16 de abril de 2007 Páx. 6.089

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

AVISO do 2 de marzo de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Val do Carrio-Bermés e Sello (Lalín-Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Val do Carrio-Bermés e Sello, municipio de Lalín (Pontevedra) e que se transcribe no anexo do presente aviso.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2007.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas

e Infraestruturas Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, con data do 15 de xaneiro de 2007, relativa á concentración parcelaria da zona de Val do Carrio-Bermés-Sello, no concello de Lalín (Pontevedra), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. (Clave: 2005/0134).

Antecedentes.

Por solicitude dos veciños das parroquias de Val do Carrio, Bermés e Sello (Lalín, Pontevedra), a Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (actualmente Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias) iniciou o procedemento de concentración parcelaria nas devanditas parroquias, que en total abranguen unha superficie dunhas 2.117 ha.

A devandita concentración parcelaria, que se atopa entre os proxectos recollidos no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de

avaliación de impacto ambiental, cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

No anexo I resúmense as características da zona de concentración parcelaria e no anexo II as medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental presentado.

Mediante Resolución do 20 de setembro de 2006, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (DOG nº 194, do 6 de outubro), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria da referida zona, non constan a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data do 28 de novembro de 2006 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias como órgano substantivo por razón da materia, no cal se inclúen os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza e do organismo autónomo Augas de Galicia. Non consta emisión de informe por parte do Concello de Lalín, segundo indica o órgano substantivo no oficio de remisión do expediente.

Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) da concentración parcelaria da zona de Val do Carrio-Bermés-Sello, no concello de Lalín (Pontevedra), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da zona de Val do Carrio-Bermés-Sello é ambientalmente viable sempre que:

-Co fin de asegurar que se protexen os valores naturais de interese local -se for o caso-, se conte coa conformidade do Concello de Lalín relativa á compatibilidade do proceso de concentración coas zonas clasificadas como solo rústico de protección de espazos naturais no Plan Xeral de Ordenación Municipal ou, na súa ausencia, nas normas subsidiarias de planeamento.

-Se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que no caso de que exista contradicción entre o indicado nesta documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

-Ademais do obrigado cumprimento das ditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

-As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración; as obras non poden comenzar antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese ao proceso de concentración parcelaria das parroquias de Val do Carrio, Bermés e Sello (Lalín, Pontevedra), que se vai desenvolver na zona delimitada no plano titulado Plano de localización. Plano nº 1 do estudo de impacto ambiental, cuxo perímetro abrangue unha superficie dunhas 2.117 ha.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. Co fin de darlle cumprimento ao estipulado no punto 8º do artigo 4 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, o proxecto definitivo da concentración parcelaria deberá contar co correspondente estudo acreditativo do seu impacto acústico.

No dito estudo, que se realizará con base no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, definiranse as medidas protectoras e/ou correctoras para adoptar naqueles puntos en que se puidesen para superar os límites establecidos no anexo da citada Lei 7/1997, así como, no caso de dispor dela, na ordenanza municipal do Concello de Lalín.

2. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións de obra, casetas, parque de maquinaria, amoreamento de materiais, almacenamento de residuos, etc., cos criterios sinalados no estudo de impacto ambiental, pero tendo en conta que non se sitúen excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

3. No caso de que existan sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o depósito destes. A selección destas zonas realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

4. Tal como se indica no estudo ambiental, no deseño da rede viaria aproveitarase o máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a exe

cución de novos accesos ás parcelas de achega. De ser necesarios novos accesos, na definición do seu trazado teranse en conta as seguintes medidas, ademais das sinaladas no estudo ambiental:

-Evitaranse longos tramos de trazado rectilíneo, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura.

-Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Á saída destes pasos colocaranse dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.

-No caso de ser imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando que os piares non se coloquen no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cadanseu lado) ou, no seu defecto, obras de paso tipo pórtico, evitando pasos tipo marco ou tubo co fin de manter os leitos no seu estado natural. En calquera caso, o deseño que se adopte deberá permitir o paso da ictiofauna en datas de escaso caudal.

5. No caso de que nos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo con un ou dous laterais abertos.

6. No deseño das novas parcelas favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindeiros arborados, muros de pedra, sebes, etc. Para iso, procurarase axustar a maior lonxitude posible de estremas das parcelas de achega aos citados elementos.

Neste sentido, promoverase a conservación e posterior traslado dos muros de pedra que vaian quedar sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador doutras novas parcelas.

7. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proxecto definitivo da concentración parcelaria, en que se desenvolverán e orzarán detalladamente os labores de restauración e integración paisaxística descritos xenericamente no estudo ambiental. Neste proxecto recollerase asemade, sempre que sexa posible, a formación de sebes nos límites das novas parcelas como un elemento máis de integración paisaxística, empregando para iso especies arbustivas autóctonas presentes na zona.

8. Redactarase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, incorporando aqueles aspectos para controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como os derivados do cumprimento do condicionado desta DIA.

O dito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo ambiental ou condicionado establecido nesta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:

-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

-Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

-Fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os límites (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fases de execución e explotación.

1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a fase de obras, ademais da rega de superficies prevista no estudo ambiental, os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. Asemade, procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Lalín ao respecto.

3. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na zona afectada pola concentración parcelaria.

4. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación e/ou vertedura de ser o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. En todo momento as obras axustaranse ás directrices da planificación hidrolóxica de Galicia-Costa.

5. Tendo en conta que no estudo ambiental non se prevé a fabricación in situ de formigón, este será

provisto desde planta ou plantas debidamente autorizadas.

6. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias na zona de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferirán na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregamento superficial, chuvias ou enchentes do caudal.

7. Cando se leven a cabo movementos de terras en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiesaramento ou calquera outra medida apropiada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.

8. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e/ou incorporación de sólidos ás augas, a medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou do terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras.

9. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que despois das obras a súa clasificación non diminúa respecto da existente antes do inicio destas.

10. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas, zonas hidromorfas ou húmidas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación ademais das recollidas no estudo ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

11. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites da zona de concentración parcelaria e da localización e dimensións de todas as parcelas e infraestruturas previstas, queda prohibido ocupar terreos fóra dos recollidos no proxecto.

12. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.), sexan reciclados co fin de reutilizalos na propia obra. No caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.

13. No caso de que se precise material de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de explotacións autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se utilizarán na construción de novos camiños (para as bases ou subbases ou para a pavimentación), proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

14. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao remate da obra.

15. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra -se os houber- nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.3 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.

16. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira estarase ao disposto na lexislación vixente de aplicación. Asemade, previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación da corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

17. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, triturarase e espallarase homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

18. Se na zona de concentración existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.

19. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B.1.7 desta DIA, paralelamente ao avance da obra sempre que sexa posible, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr o máis axiña posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras. Vixiarase a evolución da revexetación efectuada, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas.

20. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que existan na actualidade. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

21. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.

22. Todos os residuos que se xeren, tanto na fase de execución como na de explotación, deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a súa reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Neste sentido, adoptaranse as medidas oportunas para que os distintos residuos producidos se almacenen en condicións adecuadas de hixiene, seguridade e segregación, garantindo en todo caso que non se produzan afeccións ao ambiente.

23. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refire o punto B.1.8 desta DIA se detectan impactos imprevistos ou alteracións que superen os límites establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comu

nicarallo a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase de formulación.

1. Tal e como se reflicte no plano nº 7 «Propostas de exclusión» do estudo de impacto ambiental, excluiranse do proceso de concentración os seguintes terreos:

-Áreas clasificadas no PXOM do Concello de Lalín como solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable.

-Sectores clasificados como solo rústico de especial protección: canles e ribeiras, SR-P3. (ribeiras e dominio público hidráulico, que corresponden maiormente coas unidades ambientais 3 e 6 ).

-Sector clasificado como solo rústico de especial protección: montes mancomunados, SR-P8.

-Unidade ambiental 1, un sector de elevada pendente ao NO da zona de concentración, non apto para concentración.

2. Ademais do anterior e con carácter xeral, para efectos ambientais consideraranse elementos e áreas sensibles para conservar no proceso de concentración parcelaria as formacións de arboredo autóctono (unidades 2 e 4), cursos fluviais secundarios e a súa vexetación de ribeira (presentes, sobre todo, nas unidades ambientais 5, 6 e 7), áreas de braña ou asolagamento e a súa vexetación característica (unidades 6 e 7), mouteiras ou pés illados de frondosas autóctonas, lindeiros arborados e arbustivos de límite entre parcelas (máis notorias nas unidades 6 e 7), especies vexetais e/ou faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas, e os elementos do patrimonio cultural, tanto arqueolóxico como arquitectónico e etnográfico.

Ao longo de todo o proceso de concentración parcelaria, pero especialmente no deseño da rede viaria e das parcelas de achega, adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das propostas no estudo de impacto ambiental e as establecidas nesta DIA, co fin de evitar ou minimizar posibles afeccións aos citados elementos. Tamén se terá en conta a presenza, se é o caso, de rutas de sendeirismo, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer.

3. En relación coa protección das unidades ambientais de alto valor identificadas no estudo de impacto ambiental como unidades ambientais 2 e 4, que engloban as carballeiras e os soutos de castiñeiro mellor conservados da zona, de entre as medidas protectoras propostas no estudo ambiental priorizarase a exclusión do proceso de concentración fronte á adxudicación a masa común ou a un mesmo propietario.

4. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase o seguinte:

-Non se poderán executar pistas de novo trazado nos ámbitos definidos como áreas de protección integral e áreas de protección no PXOM de Lalín (BOP nº 46, do 9 de marzo de 1999) e que se corresponden coas reflectidas no plano nº I.1 Localización de elementos patrimoniais da memoria da prospección arqueolóxica incluída no estudo de impacto ambiental.

-Unha vez se definan as accións que se levarán a cabo na zona de concentración parcelaria (no relativo ao proxecto de camiños e ao proxecto de concentración parcelaria), e previamente ao inicio das obras, o promotor remitiralle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha avaliación do impacto das accións destes proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona, para a emisión do correspondente informe.

-Unha vez emitido informe pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dos documentos sinalados no parágrafo anterior, terase en conta que en todo o ámbito da concentración parcelaria deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de trazado de planta, de execución de obra e de restitución dos terreos.

Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ao proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no cal figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

-Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das citadas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de trazado se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

-Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

5. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser a aparición de edificacións, o abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos e as cortas indiscriminadas de vexetación ante a incerteza dos actuais propietarios pola titularidade futura das parcelas.

Neste sentido, lembraráselles aos propietarios a necesidade de obter autorización ou permiso para as cortas de especies arbóreas e procurarase en todo momento mantelos informados da marcha do proceso de concentración, establecendo canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso.

6. Ademais de cumprir o sinalado no punto B.1.8 da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos:

-Plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras, deben constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade dos controis e límites que impoñer, elixindo como puntos de control as vivendas ou edificacións habitadas máis proximas ás zonas onde estea previsto executar obras. Este plan de seguimento acústico basearase

no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

-Plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais afectados polas obras, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Consideraranse como mínimo os seguintes parámetros: pH, temperatura, materias en suspensión, oxíxeno disolto, condutividade e presenza de hidrocarburos.

-Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación.

Terase en conta que previamente ao inicio das obras deberán levarse a cabo as campañas preoperacionais dos plans de seguimento do nivel de ruído e de control da calidade das augas. Os resultados das ditas campañas incorporaranse aos informes de seguimento ambiental (tanto os da fase de obra como os de explotación) para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.

7. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitiralle a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración no cal se incluirá, ademais do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia, un informe sobre a adecuada inclusión no dito proxecto tanto das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental como do condicionado desta DIA. Terase en conta que non se poderá proceder ao inicio das obras antes de contar co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C.2. Fase de execución.

1. Serán obxecto de especial atención canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, e polo tanto obxecto dun intenso seguimento, os elementos e áreas sensibles sinalados nos puntos C.1.2 ao C.1.4 da DIA.

2. Tal como se sinala no estudo de impacto ambiental, o período de obras non deberá coincidir coas épocas de cría e/ou nidificación da fauna de interese presente na zona de concentración, reflectida no punto 5.3.4 do dito estudo.

3. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refiren os puntos B.1.8, B.2.23 e C.1.6 desta DIA e, como órgano substantivo, terá en conta o disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.

Durante esta fase elaboraranse os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan a seguir:

a) Semestralmente:

-Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compo

ñentes do proxecto, acompañado de plano en planta no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do sinalado nesta DIA, incluíndo os resultados dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, as incidencias e/ou os imprevistos acontecidos, as variacións respecto do proxectado, os labores de restauración efectuados, a xestión de residuos de obra, os sobrantes de terra, etc. O informe reflectirá o cumprimento da presente declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas aos elementos e áreas sensibles sinalados nos puntos C.1.1 ao C.1.4 da DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e deben ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

-Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, na cal quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo de acordo co sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA. Descrición detallada do estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Describiranse, asemade, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona, hábitats naturais e demais formacións e áreas de interese ambiental sinaladas nos puntos C.1.1 ao C.1.4 desta DIA, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración parcelaria e das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e das áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e deben ir acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante a adopción de criterios de sustentabilidade ambiental no uso das parcelas asignadas a cada propietario, que se comprometerá a manter o uso que se lle teña atribuído a cada parcela ao longo do proceso de concentración.

Neste sentido, considérase de especial importancia o adecuado desenvolvemento do programa de formación proposto no estudo ambiental, dirixido aos propietarios das parcelas de cara á mellora ambiental das explotacións e ao seu aproveitamente respectuoso co ambiente.

2. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

3. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que como mínimo inclúa:

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías da concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.

-Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

-De ser o caso, incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase revisar, de ser o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento. Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2007. Joaquín Lucas Buergo del Río, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Resumo das características da zona de concentración parcelaria.

Preténdese levar a cabo o proceso de concentración parcelaria nas parroquias de Val do Carrio, Bermés e Sello, no concello de Lalín (Pontevedra), co obxecto de establecer unha nova ordenación das explotacións agrícolas coas dimensións suficientes e estruturas adecuadas para a elevada aptitude agronómica dos terreos. Asemade, preténdense tres obxectivos concretos:

-Elevar o tamaño medio das explotacións, a expasión da maquinaria e a mellora global do nivel de vida das súas poboacións.

-A ampliación e modernización das explotacións de vacún existentes na zona, un dos piares básicos do sector primario na comarca.

-O fomento de técnicas agrícolas máis respectuosas co medio, como a agricultura ecolóxica.

A superficie das tres parroquias obxecto da concentración é de 2.117,81 ha. Tendo en conta que o conxunto de terreos que se prevé excluír do proceso de concentración totalizan unhas 580 ha, a superficie que vai ser obxecto de concentración achégase ás 1.537 ha.

O proceso desenvolverase en tres fases (formulación, execución e explotación). As actuacións que implican un maior número de operacións de maquinaria e risco de deterioración de elementos ambientais son o acondicionamento das parcelas de achega e a execución dos camiños de servizo ás ditas parcelas.

As bacías hidrográficas da zona de concentración correspóndense cos ríos Deza e Arnego, ambos os dous tributarios do río Ulla. Non hai coutos de pesca nin vedados nas parroquias implicadas no proceso. No tocante ás unidades de vexetación, no estudo identificáronse as seguintes: matogueira de toxo e breixos húmidos, cultivos (que ocupan a maior parte da superficie), repoboacións e carballeiras.

ANEXO II

Resumo das medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental.

Zonas e elementos para conservar.

Aínda que nas parroquias implicadas no proceso de concentración non existen espazos naturais protexidos, no estudo ambiental destácase o valor ambiental de determinadas unidades ambientais que deben ser obxecto de especial atención en canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias. Estas unidades incluirían basicamente as seguintes:

-Hábitats incluídos na Directiva 92/43/CEE.

-Cursos fluviais.

-Zonas de braña con arboredo característico (bidueiros e ameneiros).

-Carballeiras.

-Sebes, formacións arboradas/arbustivas entre parcelas.

-Construcións con interese etnográfico e arquitectónico (pazos, muíños, cruceiros...)

-Xacigos arqueolóxicos.

Fase de formulación.

1. Definición do perímetro da ZCP.

Co fin de promover unha ordenación racional do territorio consonte os ditames do PXOM de Lalín, recoméndase a exclusión do proceso de concentración parcelaria dos seguintes terreos:

-Áreas clasificadas no PXOM como solo urbano, solo de núcleo rural e solo de expansión de núcleo rural.

-Ribeiras e dominio público hidráulico en xeral (unhas 168,25 ha).

-Unidade ambiental 1 (unhas 266 ha), dado que existen varios montes de propiedade comunal, un parque eólico e un graveira que non teñen que ver co aproveitamento agrícola, así como a elevada pendente dos terreos e alto risco de procesos erosivos.

2. Localización dos enclaves sensibles e aqueles nos cales se propoñen medidas correctoras nos planos de bases definitivas do proxecto de concentración.

3. Alternativas para a conservación dos enclaves de interese ambiental dentro da ZCP.

No estudo identifícanse unha serie de unidades ambientais de escasa aptitude agrícola pero notable interese ambiental, para as que se propoñen as seguintes medidas:

* Ambientes de ribeira fluvial (unidade ambiental R).

Ademais da proposta de exclusión do dominio público hidráulico dos cursos fluviais que drenan a zona de concentración (para evitar a degradación do leito e da vexetación de ribeira), para os pequenos regatos (sobre todo nas unidades 5, 6 e 7), recoméndase como norma xeral que se englobe dentro do largo de ocupación de cursos fluviais a superficie ocupada pola vexetación de ribeira, de xeito que non quede incluída nos planos de masas do proxecto de concentración. Asemade, cando existan cursos de auga con vexetación asociada dentro das parcelas actuais, estes manteranse como estrema no deseño das novas parcelas de achega.

* Masas de arborado autóctono.

As unidades ambientais 2 e 4 engloban as masas puras de frondosas autóctonas (carballeiras e soutos de castiñeiro), propoñendo tres alternativas para a súa conservación:

-Asignación dos terreos a un único propietario, para que manteña o uso actual, válida e recomendable se a maior parte da masa arbórea pertence a un único propietario.

-Que pasen a formar parte da masa común de titularidade municipal.

-Exclusión, que se podería formular para as carballeiras situadas no límite da zona de concentración ou aquelas adxacentes aos terreos catalogados como solo urbano, urbanizable ou de núcleo rural.

* Estremas arboradas e arbustivas.

* A conservación destas estremas (fundamentalmente nas unidades ambientais 7 e 8) reviste importancia paisaxística e tamén pola súa función antierosiva nas zonas de maior pendente. Por isto, cando existan estas estremas ou outras de tipo tradicional (muros de pedra, canles...), respectaranse e restauraranse na medida do posible, procurando deseñar as parcelas de achega adecuando os seus límites ás estremas existentes e promovendo, naquelas que queden dentro das novas parcelas, a conservación dos elementos máis destacados.

4. Sobre o deseño dos camiños de acceso ás parcelas de achega.

Como norma xeral deberase conservar a maior parte da traza da rede viaria existente, minimizando na medida do posible a execución de novos camiños de acceso aos predios. A largura máxima dos camiños de nova execución non debería superar os 6 m, destinando unha banda duns 4 m a ambos os dous lados do camiño para protección da vexetación, que pasará a ser de dominio público ou ben se lle aplicarán medidas correctoras de recuperación de vexetación.

Establécense unha serie de larguras de ocupación máxima segundo o tipo de parcela a que lle teña que dar servizo cada camiño.

* Deseño de camiños por zonas de interese ambiental:

Cando un camiño discorra por zonas con vexetación de interese (frondosas caducifolias, vexetación de ribeira...), presentanse as seguintes posibilidades de actuación, segundo as circunstancias:

-Cando as formacións estean a un só lado do camiño, incluiranse no dominio público do camiño para asegurar a súa persistencia.

-Cando a vía limite a ambos os dous lados con vexetación autóctona ou elementos de interese, para a selección do lateral que non deberá ser alterado para ser incluído no dominio público de camiños, primaranse os noiros e ribazos de maior altura, largura e mellor estado de conservación. En xeral, conservaranse as formacións de maior nivel evolutivo e mellor estado de conservación. Asemade, nestes lugares a largura dos camiños reducirase ao mínimo imprescindible.

-Cando o camiño non limite con vexetación natural de interese, primaranse outros criterios ecolóxicos, como erosións, proximidades a leitos, etc.

En xeral, os novos camiños discorrerán por zonas de escasa pendente, sen erosións significativas e axustándose na medida do posible ás estremas existentes, que se incluirán na banda de 4 m de dominio público de camiños. Cando discorran por zonas de pendente, incluirase o lindeiro superior cando teña vexetación e muros, e o inferior só cando teña vexetación.

Outra alternativa en zonas de elevada pendente é a creación de camiños provisionais, realizando exclusivamente o amolloamento, sen acondicionamento ningún.

* Deseño de camiños en valgadas e pasos de auga:

Na fase de formulación evitarase o deseño de novos camiños por terreos encharcadizos, como brañas e zonas próximas a cursos fluviais. En xeral as pistas discorrerán por terreos saneados.

Tampouco deberán cruzar regos nin ríos de importancia, agás que sexa estritamente necesario para os obxectivos básicos da concentración. Nese caso, o camiño distanciarase o máis posible, considerando os 5 m do dominio público hidráulico máis unha banda de protección de 4 m que se destinará a restauracións.

* Deseño de noiros:

Tendo en conta a premisa de máximo aproveitamento de vías existentes, o movemento de terras reducirase moito. Nos camiños de nova execución, a rasante axustarase o máximo posible á topografía do terreo, evitando a creación de zonas pendentes sensibles á erosión.

Para favorecer a recuperación de noiros, retirarase e conservarase a capa superficial de solo, que posteriormente será empregada nos labores de restauración. Asemade, procederase á revexetación dos noiros con especies autóctonas.

Fases de execución e explotación.

Atmosfera:

Control de ruídos, realización de obras en período diúrno, revisión das emisións de gases e ruído da maquinaria de obra, rega de superficies con camión cisterna.

Recursos hídricos e solos:

-Época de actuación: recoméndase o verán como época de realización das obras, por ser menos frecuentes as precipitacións. Tamén se terán en conta os períodos de cría da fauna de interese e as posibles molestias aos veciños e visitantes da zona.

-Restricións ao paso de maquinaria: o parque de maquinaria e a zona por onde se permita o seu tránsito deberán estar sinalizados mediante balizas e cintas plásticas. A maquinaria non poderá saír de ditas zonas. Os operarios serán informados ao respecto. As superficies ocupadas por maquinaria durante as obras deberán ser restauradas. Recoméndase establecer o parque de maquinaria en zonas planas, próximas aos núcleos urbanos e lonxe dos cursos fluviais, onde non aparezan comunidades vexetais de interese, se teña un acceso rápido e non se cause impacto paisaxístico. Nas zonas onde se producise compactación debido á estancia ou paso de maquinaria, procederase ao arado e posterior restauración.

-Xestión da capa superficial de solo.

-Noiros: os noiros non deberán superar un ángulo de 40º para facilitar os labores de restauración e impedir a erosión e incorporación de sólidos ás canles. Se for preciso crear un noiro vertical, protexerase cun muro de cachotería e restaurarase o bordo superior. Non se permitirá a creación de noiros verticais na parte inferior do camiño.

-Construción de balsas a pé de noiro para a decantación de sólidos en suspensión arrastrados pola chuvia durante o desenvolvemento das obras. As balsas poden escavarse no chan ou construír barreiras con pólas, troncos, balas de palla...

-Localización adecuada das acumulacións de terra e materiais, en zonas accesibles, planas, lonxe de cursos fluviais e que non teñan vexetación de interese. Se é posible, os materiais de obra deixaranse baixo cuberto.

-Control de zonas de préstamo, vertedura e parque de maquinaria; as zonas de préstamo restrinxiranse aos noiros dos novos camiños, pero no caso de obterse doutros puntos logo serán restaurados. Minimizarase o número de puntos de vertedura de sobrantes de terras, que en calquera caso serán acondicionados e revexetados. A limpeza e o mantemento da maquinaria efectuarase nunha zona da obra que se denominará punto limpo e estará dotada de todos os medios necesarios para a adecuada xestión dos residuos. Cando as obras finalicen, procederase á limpeza e restauración da zona de parque de maquinaria e outras instalacións complementarias.

Vexetación:

-Protección da vexetación: para evitar danos innecesarios na vexetación, procederase á sinalización das zonas de actuación e estancia da maquinaria. Esta sinalización será máis pormenorizada nos sec

tores con vexetación de interese (unidades 2 e 4), nas zonas facilmente erosionables e nas encharcadizas (unidade 7). Prohibirase a eliminación de pés arbóreos e sempre que se realice restauración será con especies autóctonas e evitando plantacións monoespecíficas. Con carácter xeral, realizarase a restauración de todas aquelas zonas que fosen alteradas dalgún modo durante a realización das obras. Empregarase sementeira e hidrosementeira cando se busque a restauración inmediata, evitando especies alóctonas na mestura ou nas terras vexetais no caso de procedencia externa.

-Plantacións: realizaranse con árbores e arbustos autóctonos, preferiblemente con semente da zona e en combinación coa hidrosementeira. As especies que se van empregar adaptaranse ás condicións do lugar para restaurar, variando entre salgueiro, ameneiro e freixo (para zonas de fondo de val e ribeiras) e carballo, piñeiro e castiñeiro para os noiros e marxes de camiños.

Fauna:

-Para evitar posibles afeccións á fauna, realizarase un control e prevención do ruído xerado durante as obras. O período de obras non deberá coincidir con períodos de cría e nidificación da fauna de interese presente no contorno. A este respecto, inclúen unha táboa coas especies de interese e os seus períodos de cría. Como conclusión, o período máis apropiado para a realización das obras é o de finais do verán. Non se realizarán voaduras, polo que no caso de ser precisas demolicións, levaranse a cabo por medios mecánicos.

Medio socioeconómico:

-Respecto ao patrimonio cultural, teranse en conta as medidas preventivas e correctoras recollidas no anexo de arqueoloxía incluído no estudo ambiental. Durante as obras o contratista está obrigado a informar e entregar calquera obxecto sospeitoso de ser un elemento arqueolóxico.

-Manterase a toponimia ao longo de todo o proceso de concentración parcelaria.

-Accións xerais de formación: considérase de interese a realización dun programa de formación dirixido aos propietarios de cara á mellora ambiental das explotacións e ao seu aproveitamento respectuoso co ambiente. Establecerase unha canle fluída de comunicación e información entre os propietarios dos predios e todas as administracións implicadas no proceso de concentración.