DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 08 de maio de 2007 Páx. 7.268

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 85/2007, do 12 de abril, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego da Convivencia Escolar.

A educación para a convivencia democrática, o traballo a favor da cidadanía e os dereitos humanos e a posta en marcha de plans de mellora da convivencia escolar nos centros educativos, constitúen obxectivos básicos que a Administración educativa galega quere propiciar de maneira decidida e inequívoca no marco das súas competencias.

Dada a súa complexidade e o feito de que son múltiples as causas que poden deteriorar esta convivencia, cómpre facer unha análise rigorosa dos factores que inciden nela e faise necesario promover a multidisciplinariedade á hora de abordalos no ámbito da máxima colaboración interinstitucional para o seu tratamento e prevención. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera que, aínda que lle corresponde a responsabilidade educativa, debe xuntar esforzos coas diversas consellerías con competencias en campos complementarios á súa acción.

A convivencia pacífica é un dos retos da sociedade actual, e posúe múltiples facetas que precisan da colaboración de distintas instancias, especialmente, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e da Consellería de Sanidade. Son estas, pois, as instancias que se inclúen neste decreto.

Na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recóllese entre os principios e fins do sistema educativo español, a educación para a prevención de conflitos e para a súa resolución pacífica, así como a non-violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social.

Finalmente, sublíñase que esta norma ten por obxecto crear e regular o Observatorio Galego da Convivencia Escolar como un instrumento destinado a aplicar as medidas que para o ámbito educativo establece a Lei 27/2005, do 30 de novembro, de fomento da educación e da cultura de paz, co fin de promover a cultura de paz e non-violencia na nosa sociedade. A súa posta en marcha supón unha iniciativa institucional de grande transcendencia no deseño e na organización das estratexias que se deben adoptar para o fomento dunha cultura de paz, en que o conflito pase de ser considerado un problema a ser visto como un desafío educativo, polo que se pode integrar todo o alumnado desde o marco do respecto e a igualdade.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, co informe do Consello Escolar de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de doce de abril de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto.

Este decreto ten por obxecto crear e regular o Observatorio Galego da Convivencia Escolar, como órgano colexiado de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no que se refire á convivencia escolar, adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Artigo 2º.- Fins.

O Observatorio Galego da Convivencia Escolar terá como finalidade analizar e propoñer actuacións de investigación, prevención e intervención en relación coa mellora do clima escolar, así como ser canle de participación de todos os sectores con responsabilidades no tema da convivencia.

Artigo 3º.- Funcións.

1. Para o cumprimento dos seus fins, corresponden ao Observatorio Galego da Convivencia Escolar as seguintes funcións:

a) Avaliar sistematicamente a situación da convivencia nos centros, establecendo estratexias para a recollida de información, análise e difusión dos datos, impulsando a investigación neste ámbito.

b) Propoñer iniciativas de cara á mellora do clima escolar, elevando propostas de actuación á Administración educativa e realizando o seguimento e avaliación destas iniciativas.

c) Informar e asesorar as administracións sobre aspectos normativos relacionados coa convivencia e coas actuacións dirixidas á súa mellora.

d) Propoñer liñas de actuación en materia de formación do profesorado no que respecta á convivencia escolar, promover a elaboración de materiais e recursos e facilitar o intercambio de experiencias.

e) Asesorar a comunidade educativa nos temas propios do observatorio.

f) Elaborar un informe anual sobre a convivencia escolar.

2. No cumprimento das funcións anteriores deberá terse en conta, nos casos que sexa procedente, a perspectiva de xénero, que será especificamente valorada nos informes, avaliacións, iniciativas e propostas de liñas de actuación para previr e tratar a violencia por razón de sexo.

Artigo 4º.- Organización.

O observatorio organizarase en tres niveis: autonómico, provincial e de centro educativo. Os tres niveis coordinaranse polo principio de competencias que figura nos artigos 6 e 7.

Artigo 5º.- Organización e funcionamento do Observatorio da Convivencia Escolar a nivel autonómico.

1. O observatorio, a nivel autonómico, funcionará en Pleno e en Comisión Permanente, podéndose acordar a creación, ademais, das mesas técnicas de traballo que se consideren oportunas. Tanto na constitución do Pleno como na Comisión Permanente tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes.

2. O Pleno manterá unha reunión anual de carácter ordinario e con carácter extraordinario cantas veces sexa convocado pola presidencia, por iniciativa propia ou a proposta de, polo menos, unha terceira parte dos seus membros.

3. A Comisión Permanente estará integrada por cinco membros do Pleno, elixidos por este, e asistida polo persoal técnico dos sectores implicados para realizar aquelas tarefas do observatorio que precisen de continuidade. Estará presidida pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa do Pleno en quen delegue.

4. O Pleno do Observatorio Galego da Convivencia Escolar estará constituído polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como presidenta.

b) A persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará como vicepresidenta.

c) As persoas titulares das restantes direccións xerais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou persoas en quen deleguen, con rango de subdirector xeral ou subdirectora xeral.

d) A persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou persoa en quen delegue.

e) Unha persoa representante da Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, con rango de director xeral ou directora xeral ou de subdirector xeral ou subdirectora xeral.

f) Unha persoa representante da Secretaría Xeral do Benestar da Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar con rango de director xeral ou directora xeral ou de subdirector xeral ou subdirectora xeral.

g) Unha persoa representante da Consellería de Sanidade, con rango de director xeral ou directora xeral ou de subdirector xeral ou subdirectora xeral.

h) Unha persoa representante da Alta Inspección de Educación.

i) Unha persoa representante do Consello Escolar de Galicia.

j) Unha persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

k) Unha persoa representante da Xunta Autonómica de Directores de centros educativos.

l) Dúas persoas representantes das confederacións de asociacións de pais e nais, unha delas de centros educativos públicos e outra dos centros educativos privados concertados.

m) Unha persoa representante das confederacións de asociacións de alumnado.

n) Unha persoa representante por cada organización sindical con representación na mesa sectorial docente.

o) Unha persoa representante da patronal dos centros de ensino privados concertados.

p) Tres persoas de recoñecido prestixio no referente á convivencia escolar.

q) Unha persoa funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, designada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

Artigo 6º.- Organización e funcionamento do Observatorio da Convivencia Escolar a nivel provincial.

1. Constituirase un Observatorio Provincial da Convivencia Escolar en cada unha das provincias, que funcionará en Pleno. En todo caso tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes nos membros do Pleno.

2. O Pleno manterá dúas reunións anuais de carácter ordinario, en xuño e decembro, e con carácter extraordinario cantas veces sexa convocado pola súa presidencia, a iniciativa propia ou a proposta de, polo menos, unha terceira parte das persoas membros.

3. Os Observatorios Provinciais da Convivencia Escolar terán como funcións específicas:

a) A elaboración dun informe semestral en que se recolla a análise da convivencia e conflitividade do ámbito da súa provincia, así como as iniciativas provinciais, que será trasladado ao Observatorio da Convivencia Escolar a nivel autonómico.

b) A coordinación de actuacións conxuntas das consellerías implicadas e relacionadas coa mellora da convivencia no ámbito da provincia.

c) Aqueloutras que lle sexan encomendadas pola Administración educativa ou polo Pleno do Observatorio Autonómico da Convivencia Escolar.

4. Os observatorios provinciais da convivencia escolar estarán constituídos por:

a) O delegado ou delegada provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a quen lle corresponderá a presidencia.

b) O inspector xefe ou inspectora xefa do Servizo Provincial de Inspección Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a quen lle corresponderá a vicepresidencia.

c) O delegado ou delegada provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou persoa en quen delegue.

d) O delegado ou delegada provincial da Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar, ou persoa en quen delegue.

e) O delegado ou delegada provincial da Consellería de Sanidade, ou persoa en quen delegue.

f) A persoa especialista en trastornos da conduta do Equipo de Orientación Específico da provincia.

g) Unha persoa representante dos centros de formación e recursos do profesorado da provincia.

h) Unha persoa representante da Xunta Provincial de Directores.

i) Unha persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

j) Unha persoa funcionaria, designada pola Delegación Provincial da Consellería de Educación Ordenación Universitaria, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

Artigo 7º.- Organización e funcionamento do Observatorio da Convivencia Escolar nos centros educativos.

1. Nos centros educativos sostidos con fondos públicos de niveis non universitarios constituírase, no seo do consello escolar, un Observatorio da Convivencia Escolar, que funcionará en Pleno. En todo caso tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes nos membros do Pleno.

2. Manterán tres reunións anuais de carácter ordinario, unha por trimestre, e con carácter extraordinario cantas veces sexa convocado pola súa presidencia, por iniciativa propia ou por proposta de, polo menos, unha terceira parte dos seus membros.

3. Os Observatorios da Convivencia Escolar dos centros educativos terán como funcións específicas:

a) A participación na dinamización do plan de convivencia do centro e na mediación escolar.

b) A elaboración dun informe anual sobre a análise da convivencia e conflitividade no seu ámbito, así como sobre as iniciativas a nivel centro. Este informe será trasladado ao Observatorio da Convivencia Escolar a nivel provincial.

c) A coordinación de actuacións conxuntas dos ámbitos implicados e relacionadas coa mellora da convivencia.

d) Propoñer á Administración educativa todas aquelas medidas que se consideren oportunas para a mellora da convivencia escolar no centro.

e) Aqueloutras que lle sexan encomendadas pola Administración educativa ou polo Observatorio da Convivencia Escolar a nivel provincial.

4. Os observatorios da convivencia escolar dos centros educativos, segundo proceda e na forma que se determine pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, estarán integrados por:

a) O director ou directora do centro, a quen lle corresponderá a presidencia.

b) O xefe ou xefa de estudos, a quen lle corresponderá a vicepresidencia.

c) De un a catro representantes do profesorado en función do número de alumnado, unidades e niveis impartidos no centro.

d) O orientador ou orientadora do centro, se é o caso.

e) Unha persoa representante do alumnado.

f) Unha persoa da asociación de pais e nais con máis representatividade no centro ou, no seu defecto, unha persoa representante de pais e nais.

g) A persoa do consello escolar do centro que desempeñe a función de desenvolver os programas e iniciativas de coeducación.

h) Unha persoa representante do persoal non docente.

Unha das persoas anteditas, con destino no centro educativo, actuará como secretario ou secretaria e levantará acta.

Estarán abertos á participación do profesorado titor relacionado co tema que se analice e dos profesionais de sanidade, dos servizos sociais e das asociacións do sector que poidan colaborar na mellora da convivencia escolar.

Artigo 8º.- Funcións da presidencia do Observatorio Galego da Convivencia Escolar e dos observatorios provinciais e de centros educativos.

Correspóndenlle á presidencia as seguintes funcións:

a) A representación do observatorio, segundo corresponda, actuando como seu voceiro/a.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a fixación da orde do día.

c) Presidir as reunións e moderar o desenvolvemento destas.

d) Garantir o cumprimento das disposicións legais establecidas neste decreto.

Artigo 9º.- Funcións da vicepresidencia do Observatorio Galego da Convivencia Escolar e dos observatorios provinciais e de centros educativos.

Correspóndenlle á vicepresidencia as seguintes funcións:

a) Substituír a presidencia no caso de vacante, enfermidade, ausencia e outras causas de imposibilidade.

b) Cantas funcións lle sexan delegadas pola presidencia.

Artigo 10º.- Funcións dos membros do Observatorio Galego da Convivencia Escolar e dos observatorios provinciais e de centros educativos.

Correspóndenlles as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións e participar nos debates, expoñendo a súa opinión e formulando as propostas que consideren convenientes.

b) Propoñerlle á presidencia, a través da secretaría, a inclusión de puntos na orde do día das sesións ordinarias e formular rogos e preguntas. Cando a proposta de inclusión na orde do día sexa presentada por un terzo dos membros, o tema incluirase na devandita orde do día.

Artigo 11º.- Nomeamento.

1. O nomeamento das persoas integrantes do Observatorio Galego da Convivencia Escolar no nivel autonómico e provincial será competencia da persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta das organizacións, órganos, centros e institucións ás que pertenzan os seus membros. O nomeamento das persoas integrantes do Observatorio da Convivencia Escolar nos centros educativos corresponde ao director ou directora por proposta dos colectivos representados.

2. O nomeamento dos membros será por un período de dous anos a partir da data da súa publicación e será renovable por outros dous. No suposto de que un dos membros perdese a súa representatividade, procederase ao seu cesamento e designarase unha persoa substituta, conforme o sinalado anteriormente e polo tempo que reste de exercicio no cargo.

Artigo 12º.- Medios persoais e materiais.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria atenderá con cargo aos seus medios a constitución e funcionamento deste órgano colexiado.

2. Crearase un espazo específico para o Observatorio Galego da Convivencia Escolar no portal educativo que será canle de comunicación entre os distintos observatorios, así como de información e difusión dos estudos, investigacións e materiais que se elaboren.

Artigo 13º.- Réxime xurídico.

A organización e funcionamento do Observatorio Galego da Convivencia Escolar rexerase polo disposto no seu regulamento de réxime interior, que deberá aprobarse polo Pleno por maioría, e axustarse ás previsións contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Única.-Centros de menos de seis unidades.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará a composición do Observatorio da Convivencia Escolar nos centros educativos de menos de seis unidades.

Disposición derradeira

Primeira.-Desenvolvemento.

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de abril de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria