DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 08 de maio de 2007 Páx. 7.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, dispón no seu artigo 17 que a Administración autonómica, co fin da conservación do medio natural e do interese público, poderá establecer espazos naturais protexidos no ámbito mariño. Esta disposición non foi desenvolvida por normativa posterior que establecese tipos e requisitos para crear a dita protección sobre zonas en que puidese ser de interese para a pesca a dita figura.

Non obstante, o recoñecemento xenérico que a lei establece sobre ela, en concordancia con outras disposicións da lei sobre a regulación da actividade pesqueira, fai posible delimitar áreas das augas interiores de Galicia, nas cales ao establecerse un réxime de acceso e pesca específico, supón na practica a súa protección. Este mecanismo para a protección é coherente coa finalidade de xestión das pesqueiras que comporta a fórmula de reserva mariña de interese pesqueiro.

Se no plano xurídico a proposta de creación dunha figura de protección para unha zona das augas interiores está plenamente xustificada e amparada, no plano actuarial a súa necesidade xustifícase na situación dos recursos pesqueiros e na viabilidade de cara ao futuro da pesca artesanal, que requiren de novos instrumentos para afrontar os problemas.

O impacto das actuacións humanas no mar, sexa por acción directa da pesca sexa por outros usos, pon en situación de crise tanto os recursos explotados como o conxunto da flora e fauna mariña, alterando de forma significativa o funcionamento dos ecosistemas. Esta afectación pon en cuestión a supervivencia das comunidades de pescadores da nosa costa que ven como cada vez hai menos recursos que pescar e que cada vez é máis difícil facer rendible a súa actividade económica.

As diferentes medidas adoptadas pola administración e os pescadores, aínda que contan con éxitos puntuais non garanten a sustentabilidade da explotación, única maneira de garantir a supervivencia e continuidade das comunidades de pescadores. O cambio das actuais pautas de explotación dos recursos mariños, por modelos que garanten a sustentabilidade da explotación é unha necesidade perentoria que non pode adiarse máis no tempo.

Neste obxectivo da sustentabilidade é preciso poñer en marcha novas ferramentas de xestión que permitan non só recuperar a biomasa dos recursos, senón mellorar a súa estrutura poboacional, incrementar o tamaño medio e a idade dos individuos que a constitúen, contribuíndo así a un mellor funcionamento do ecosistema mariño.

Coherentemente con este obxectivo da sustentabilidade, as novas ferramentas de xestión deben permitir a participación dos pescadores na toma de decisións e o seguimento e control, participación que debe darse desde o inicio do proceso da súa posta en marcha.

Neste contexto nas reservas mariñas de interese pesqueiro, como ferramentas de xestión da actividade pesqueira, concorren todos os elementos enunciados achegando ademais novas oportunidades socioeconómicas no campo do turismo e o lecer que favorecen a diversificación das actividades da comunidade pescadora e a posta en valor do coñecemento dos pescadores e da cultura mariñeira.

Na zona dos Miñarzos, que a Confraría de Pescadores de Lira solicitou que se declarase área marítima protexida, reúnense as condicións biolóxicas e oceanográficas requiridas nunha área desta características, dáse o requisito de participación dos pescadores desde o inicio, en tanto que a solicitude se elabora de acordo cos coñecementos e experiencia dos propios pescadores de Lira, a proposta normativa foi elaborada por un grupo de traballo con participación do sector, e no funcionamento da reserva recóllese a participación dos pescadores no seu órgano de xestión, seguimento e control.

As limitacións da actividade extractiva e a creación de dúas reservas integrais, onde non é posible ningunha actividade pesqueira, garante os obxectivos de recuperación cuantitativa e cualitativa da biomasa e de protección do ecosistema, así como asegura a xeración de novas oportunidades para as actividades de lecer.

A maiores a creación da reserva mariña de interese pesqueiro, encadrada na categoría VI da clasificación da UICN, é un primeiro paso para acadar os obxectivos definidos polo Fondo Europeo da Pesca como finalidade das súas intervencións no período 2007-2013 tanto no que se refire a fomentar a protección do ambiente e dos recursos naturais como a promover o desenvolvemento sustentable e a mellora da calidade de vida nas zonas marítimas, lacustres e costeiras nas que se exercen actividades de pesca e de acuicultura.

Por último, a reserva mariña de interese pesqueiro, como ferramenta de xestión pesqueira, responde ao establecido nos artigos 17 e 18 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, en concordancia cos seus artigos 21 a 25, en canto supón un ordenamento e regulación específica da pesca na zona da reserva, na consecución dos fins de conservación establecidos no artigo 17.

Na súa virtude e por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de abril de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto deste decreto a creación da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, delimitando a súa zona xeograficamente, así como o establecemento dos límites de uso e prohibicións de pesca na reserva e a configuración do sistema de xestión e de participación do sector pesqueiro nela.

Artigo 2º.-Finalidade.

A creación da reserva mariña de interese pesqueiro persegue os seguintes obxectivos, no ámbito xeográfico que se indica no artigo 3º:

1. Protexer e favorecer a rexeneración dos recursos pesqueiros.

2. Impulsar a pesca e o desenvolvemento sustentable.

3. Conservar e protexer a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade

4. Fomentar a sensibilización ambiental sobre o medio mariño.

5. Divulgar os valores pesqueiros e ambientais da costa galega.

6. Favorecer os estudos científicos sobre as medidas de protección dos recursos e xestión das pesqueiras.

Artigo 3º.-Delimitación da reserva mariña de interese pesqueiro.

Dentro das augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia, constitúe a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos a zona comprendida entre a liña que delimita por terra a zona marítimo terrestre e a poligonal recta definida polos puntos xeográficos seguintes (DATUM WGS-84).

Referencias toponímicas Lonxitude Latitude

Punta Raposeiros: 42º 47.164’ N 9º 07.744’ W

Cabezo Figueroa: 42º 47.072’ N 9º 09.647’ W

Miñarzos: 42º 47.843’ N 9º 10.640’ W

Miñarciño: 42º 48.608’ N 9º 10.490’ W

Cuberto: 42º 49.608’ N 9º 09.535’ W

Pta. Larada: 42º 50.493’ N 9º 06.319’ W

Artigo 4º.-Definición das áreas de reserva integral.

Dentro do ámbito da reserva mariña indicado no artigo anterior delimítanse dúas áreas de reserva integral, constituídas pola porción daquela comprendida entre a liña que delimita por terra a zona marítimo terrestre e a poligonal recta que definen os puntos xeográficos seguintes (DATUM WGS-84):

1. Reserva integral Norte:

Referencia Lonxitude Latitude

Punto 1 42º 49.188’ N 9º 06.255’ W

Punto 2 42º 49.302’ N 9º 06.825’ W

Punto 3 42º 48.761’ N 9º 07.066’ W

Punto 4 42º 48.562’ N 9º 07.131’ W

2. Reserva integral Sur:

Referencias Lonxitude Latitude

Punto 1 42º 48.271’ N 9º 08.322’ W

Punto 2 42º 48.411’ N 9º 08.475’ W

Punto 3 42º 48.552’ N 9º 08.956’ W

Punto 4 42º 48.321’ N 9º 09.226’ W

Punto 5 42º 48.155’ N 9º 08.988’ W

Artigo 5º.-Actividades permitidas e limitacións de uso na reserva mariña.

Con carácter xeral, dentro da reserva mariña e por fora das áreas de reserva integral queda prohibida a práctica da pesca marítima, a extracción de fauna e flora e a realización de actividades subacuáticas, coas excepcións seguintes:

a) A pesca marítima profesional coas artes e aparellos tradicionalmente utilizados na zona: anzois, nasas, enmalle, a pesca da centola con gancho, conforme as normas que regulamentariamente se establezan e nas modalidades tradicionalmente autorizadas.

b) A recollida de ourizo, navalla, poliquetos, anémonas e percebe, conforme o plan de explotación anual aprobado e as normas que regulamentariamente se establezan.

c) O marisqueo a pé e a recollida de algas conforme o plan de explotación anual aprobado e as normas que regulamentariamente se establezan. A recollida de mexilla poderá realizarse mediante acordo entre as confrarías de pescadores ou agrupacións de mariscadores do ámbito territorial da reserva mariña e os concesionarios de bateas ou liñas de cultivo.

d) A mostraxe de flora e fauna mariñas que se autoricen expresamente para a realización do seguimento científico da reserva mariña.

e) A pesca marítima de recreo en superficie.

f) O mergullo de lecer nas condicións que regulamentariamente se establezan. Os mergulladores non levarán ningún instrumento que poida utilizarse para a pesca ou extracción de especies mariñas, exceptuando un coitelo por razóns de seguridade.

Artigo 6º.-Actividades permitidas e limitacións de uso na reserva integral.

Dentro das áreas de reserva integral queda prohibida a práctica da pesca marítima, a extracción de fauna e flora e a realización de actividades subacuáticas, coa excepción das actividades e toma de mostras autorizadas expresamente pola Dirección Xeral de Recursos Mariños por proposta do órgano de xestión, seguimento e control da reserva, con fins científicos ou de seguimento da reserva.

Artigo 7º.-Condicións de acceso.

1. Para a realización das actividades autorizadas na alínea a) do artigo 5º será necesario estar inscrito nun censo específico de embarcacións autorizadas a faenar.

As embarcacións que efectúen a actividade pesqueira no ámbito da reserva mariña notificaranlle ao órgano de xestión, seguimento e control o inicio da actividade e capturas realizadas no día.

O Servizo de Gardacostas realizará o control da actividade e a comprobación das capturas realizadas, sen prexuízo do seguimento que leve a cabo o órgano de xestión, seguimento e control. A negativa das embarcacións a realización deste control será causa de exclusión do censo, segundo o procedemento que regulamentariamente se estableza e sen prexuízo das responsabilidades en que se poida incorrer.

2. Para a realización das actividades autorizadas nas alíneas b) e c) do artigo 5º, será necesario estar incluído no plan de explotación aprobado para a zona.

3. Para a realización das actividades permitidas na alínea d) do artigo 5º é necesario o permiso de acceso previo da Dirección Xeral de Recursos Mariños.

4. Para a realización das actividades permitidas nas alíneas e) e f) do artigo 5º será necesario dispoñer dos permisos xerais para a realización da actividade. Non obstante, a proposta do órgano de xestión, seguimento e control poderá limitarse o número de persoas ou embarcacións que poidan acceder ao ámbito da reserva para o exercicio destas actividades, neste caso requirirase un permiso de acceso específico outorgado pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 8º.-Elaboración do censo.

1. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos elaborará o censo de embarcacións autorizadas ao exercicio da actividade pesqueira da forma que regulamentariamente se estableza.

2. Serán requisitos necesarios para inscrición no censo:

a) A solicitude do interesado.

b) Estar en posesión dos permisos que habilitan a dita embarcación para as pesqueiras autorizadas no ámbito da reserva.

c) Ter porto base na comunidade autónoma.

3. O censo de embarcacións actualizarase por proposta do órgano de xestión, seguimento e control e como mínimo cada tres anos, de acordo cos criterios de habitualidade na zona e as capturas realizadas na reserva.

Artigo 9º.-Órgano de xestión, seguimento e control.

1. Co fin de constatar a evolución da reserva mariña e de asegurar o cumprimento dos obxectivos establecidos no presente decreto, créase o órgano de xestión, seguimento e control.

2. O órgano de xestión, seguimento e control estará constituído por oito membros designados pola consellería competente en materia de pesca:

a) Tres en representación da consellería competente en materia de pesca.

b) Un en representación da consellería competente en materia de ambiente.

c) Catro en representación das entidades do sector pesqueiro.

A consellería competente en materia de pesca designará o presidente e o secretario do órgano de xestión seguimento e control, entre os representantes da Administración.

O órgano de xestión poderá incorporar ás súas reunións persoal técnico para informe e debate dos asuntos que se consideren oportunos.

3. O funcionamento do órgano de xestión, seguimento e control axustarase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os órganos colexiados. En caso de empate nas votacións, este será dirimido polo voto do presidente.

4. Son funcións do órgano de xestión, seguimento e control:

a) A xestión da reserva mariña en todos os elementos previstos no presente decreto.

b) O seguimento da evolución e estado da reserva mariña no cumprimento dos seus obxectivos pesqueiros e de conservación da flora e fauna mariña.

c) Propoñerlle á Administración competente as limitacións á navegación e fondeo con embarcacións e outros artefactos no ámbito da reserva.

d) Informar da reserva mariña e dos seus resultados aos pescadores, sectores afectados e ao público en xeral.

e) A divulgación dos valores pesqueiros e ambientais da reserva mariña fomentando a sensibilización ambiental e a pesca e o desenvolvemento sustentable.

f) O control das actividades realizadas no ámbito da reserva mariña.

g) Propoñer o plan anual e as medidas de vixilancia que se efectuarán no ámbito da reserva.

h) Realizar as propostas de mellora, modificación ou ampliación das medidas que afecten a reserva mariña.

i) Aquelas que lle encomende a Administración pesqueira en relación coa reserva mariña.

j) Emitir informe sobre os plans de explotación que afecten á reserva

Artigo 10º.-Control e seguimento das actividades na reserva mariña.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos facilitará os medios necesarios para o control e seguimento por parte do órgano de xestión, seguimento e control das actividades realizadas no ámbito da reserva mariña que permitan garantir o cumprimento das súas normas de uso e xestión.

Artigo 11º.-Vixilancia.

O Servizo de Gardacostas de Galicia elaborará un Plan de vixilancia anual da reserva mariña no que se terán en conta as medidas específicas de vixilancia e control propostas polo órgano de xestión, seguimento e control para asegurar o cumprimento dos obxectivos previstos nesta norma.

Artigo 12º.-Infraccións e sancións.

1. O órgano de xestión porá en coñecemento da consellería competente en materia de pesca as actividades que supoñan unha vulneración da normativa que rexe a reserva mariña.

2. As vulneracións do disposto neste decreto, que constitúan infracción administrativa serán sancionadas consonte a normativa que sexa de aplicación.

Artigo 13º.-Financiamento.

A disposición dos medios para o funcionamento da reserva mariña no marco do establecido no presente decreto atenderase coas dotacións orzamentarias da consellería competente en materia de pesca.

A consellería competente en materia de pesca por proposta do órgano de xestión, seguimento e control, e conforme a normativa en vigor, poderá elaborar propostas para o establecemento de taxas ou prezos públicos polo uso dos servizos ou emisión de permisos de acceso das actividades non profesionais que se realizarán na reserva mariña.

Disposicións adicionais

Primeira.-O órgano de xestión, seguimento e control constituirase no prazo de seis meses desde a publicación deste decreto.

Segunda.-O censo de embarcacións autorizadas a faenar elaborarase no prazo máximo de dezaoito meses contados desde a publicación deste decreto.

Terceira.-A consellería competente en materia de pesca poderá limitar ou prohibir a extracción de determinadas especies así como aprobar plans experimentais para a utilización de determinadas artes ou aparellos de pesca en función dos informes técnicos sobre a evolución e o estado da reserva mariña.

Disposicións transitorias

Primeira.-Ata que sexa elaborado o censo que se define no artigo 8º do presente decreto, a actividade pesqueira profesional, no ámbito da reserva mariña, será realizada polas mesmas embarcacións que ata o de agora a veñen realizando de acordo coas normas de actividade establecidas neste decreto.

Segunda.-Ata a constitución do órgano de xestión, seguimento e control, as súas funcións serán realizadas pola Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Competencias de desenvolvemento.

Facúltase a consellería competente en materia de pesca para ditar as ordes e resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de abril de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "08800D012P054.PDF"