DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 09 de maio de 2007 Páx. 7.405

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de abril de 2007 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e a petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece na súa disposición adicional sexta, punto 2, a facultade das comunidades autónomas para ordenar a súa función pública docente no marco das súas competencias, respectando en todo caso as normas básicas contidas no punto 1 da propia disposición.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarias, establece no seu artigo 2º que cando unha praza docente de nivel non universitario quede vacante ou eventualmente non estea ocupada, poderá ser cuberta, en caso de urxencia e inaprazable necesidade, en comisión de servizos de carácter voluntario, cun funcionario docente que reúna os requisitos para o seu desempeño.

A disposición adicional primeira do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, polo que se regulan os concursos de traslados de ámbito nacional para a provisión de prazas correspondentes aos corpos docentes, establece que as administracións educativas poderán adscribir de forma temporal, en comisión de servizos, a tarefas propias do seu corpo en prazas distintas do destino que se ocupa, aqueles funcionarios afectados por unha notoria mingua de facultades físicas, psíquicas ou sensoriais, sempre que tal diminución das súas capacidades non sexa susceptible da declaración de incapacidade permanente.

Por Orde do 19 de maio de 2004 regulouse a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición do interesado, das funcionarios e funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións persoais especiais de saúde.

Á vista da experiencia acadada na aplicación da citada Orde do 19 de maio de 2004, procede introducir unhas pequenas modificacións nela que faciliten a consecución dos obxectivos que estas comisións de servizos por motivos de saúde pretenden.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1.1. O procedemento e convocatoria ten por obxecto posibilitar a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos, a tarefas propias do seu corpo en prazas distintas do destino que se ocupa, funcionarias e funcionarios docentes que impartan as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, por motivos de saúde.

Para tal efecto, considerarase que a comisión de servizos é por motivos de saúde cando:

a) Teña por finalidade adscribir a funcionarios afectados por situacións que impliquen unha notoria mingua das facultades físicas, psíquicas ou sensoriais, sempre que tal diminución das súas capacidades non sexa susceptible da declaración de incapacidade permanente.

b) Existan razóns de enfermidade grave do seu cónxuxe, parella de feito ou dun familiar de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade que impliquen, con carácter xeral, un grao de discapacidade recoñecido de, polo menos, o 65 por 100, que conviva e dependa exclusivamente del e non exista posibilidade dunha axeitada atención ao tratamento na localidade do seu destino.

1.2. Excepcionalmente, poderase autorizar a comisión de servizos por razóns de enfermidade grave dun familiar en segundo grao de consanguinidade ou afinidade cando, ademais de concorreren as circunstancias relacionadas no parágrafo anterior, non exista ningún familiar en primeiro grao.

1.3. En calquera caso, esta adscrición temporal en comisión de servizos noutra localidade estará supeditada á existencia de praza vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico seguinte.

Artigo 2º.-Duración.

A comisión de servizos terá a duración dun curso académico e, con carácter xeral, non poderá concederse pola mesma circunstancia máis doutros dous cursos.

A solicitude de prórroga deberá reunir os mesmos requisitos formais e temporais exixidos para a primeira solicitude de concesión.

Artigo 3º.-Solicitantes.

Poderán solicitar adscrición temporal a tarefas propias do seu corpo, en réxime de comisión de servizos por motivos de saúde, a distinta localidade do seu centro de destino que reúna os requisitos necesarios para poder atender o problema de saúde, as funcionarias e funcionarios de carreira en servizo activo dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, as funcionarias e funcionarios en prácticas e o persoal interino aos cales lles corresponda ser nomeados conforme a normativa aplicable, polos motivos sinalados no artigo 1.

Artigo 4º.-Outros requisitos.

4.1. Con carácter xeral o profesorado deberá solicitar localidades situadas a unha distancia superior a 50 km do centro cando teña destino definitivo. Excepcionalmente, poderá solicitar prazas a unha distancia inferior ou na mesma localidade cando as razóns por motivos de saúde alegadas así o aconsellen de xeito indubidable.

4.2. O profesorado deberá ter solicitado no concurso de traslados, cando reúna os requisitos de participación, polo menos, todas as prazas para as que estea habilitado a unha distancia de 20 km da localidade para a que solicita en primeiro lugar a comisión de servizos.

Quedará exceptuado da obriga de ter participado no concurso de traslados cando a solicitude se fundamente en causas sobrevidas ao remate do prazo de solicitude no concurso.

4.3. Cando a solicitude se realice por enfermidade grave do seu cónxuxe, parella de feito ou dun familiar, este debe convivir e depender exclusivamente do solicitante.

Artigo 5º.-Solicitudes.

O profesorado interesado deberá presentar unha instancia axustada ao modelo que se achega como anexo a esta orde.

Artigo 6º.-Documentación.

Ademais da solicitude sinalada no artigo anterior, as interesadas e os interesados deberán presentar:

a) Informe médico oficial recente acreditativo da enfermidade alegada.

b) Probas diagnósticas médicas (análises, radiografías e outras análogas) relacionadas coa enfermidade motivo da solicitude.

c) Certificado que acredite o grao de discapacidade, ou copia de ter efectuada a solicitude.

d) Informe do traballador social sobre as persoas que conforman a unidade familiar e grao de dependencia.

e) Copia compulsada do libro de familia, así como certificado de convivencia expedido polo concello correspondente, no suposto de que o afectado por motivos de saúde sexa un familiar do profesor ou profesora nos supostos recollidos no artigo 1.

f) Outra posible documentación xustificativa.

Artigo 7º.-Informe.

1. As unidades de persoal das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitaranlle á Inspección médica as solicitudes xunto cun documento cuxo modelo será facilitado pola Subdirección Xeral de Persoal no que constará, polo menos, se o interesado ou interesada reúne os requisitos para participar no concurso de traslados, se participou nel e as prazas solicitadas, se é o caso, se consta o grao de discapacidade ou a súa solicitude, localidade de destino definitivo e localidades solicitadas para a comisión de servizos.

2. A Inspección médica da correspondente delegación provincial onde preste os servizos realmente o solicitante, á vista da documentación presentada e de calquera outro documento ou historial clínico que puidese constar nos arquivos da delegación provincial e que se considere pertinente, así como dos recoñecementos, inspeccións ou outras circunstancias e actuación que se consideren oportunas para acreditar a veracidade da enfermidade alegada ou da gravidade desta, emitirá o informe correspondente, que terá carácter preceptivo.

3. Para a emisión deste informe, os interesados deberán estar localizables pola Inspección médica correspondente por se fose necesario que esta complete o dito informe ou realice unha entrevista para mellor apreciar as circunstancias que puidesen concorrer no ou na solicitante. O incumprimento desta condición pola interesada ou interesado poderá dar lugar á perda dos seus dereitos.

Artigo 8º.-Lugar e prazo de solicitudes.

1. A solicitude e a documentación sinaladas nos artigos 5 e 6 desta orde, dirixidas ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia onde se presten servizos realmente, poderán presentarse en calquera das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes recibidas en lugares distintos á delegación provincial onde o solicitante preste realmente os seus servizos deberán de remitirse a esta ultima para os efectos do informe sinalado no artigo anterior.

2. Os solicitantes que teñan destino fóra da comunidade autónoma dirixirán a solicitude ao delegado provincial da provincia na que pretenden prestar servizos.

3. O prazo de presentación de solicitudes será do 15 ao 30 de abril de cada ano, ambos os dous inclusive.

4. Para aquelas persoas que participen no concurso de traslados, o prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

Unha vez recibidas as solicitudes e emitidos os correspondentes informes pola Inspección médica, o delegado provincial remitirá á secretaría xeral toda a documentación para que, con carácter previo á resolución que proceda, se solicite preceptivamente informe á comisión de valoración que se constituirá para efecto como órgano consultivo na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, integrada por:

-O subdirector xeral de Persoal ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

-Ata un máximo de tres funcionarios ou funcionarias da secretaría xeral, con categoría de subdirector ou subdirectora, ou xefe/xefa de servizo.

-Dúas inspectoras ou inspectores médicos.

-Un titular dunha delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Unha funcionaria ou funcionario da Subdirección Xeral de Persoal, que actuará como secretario.

-Todos eles serán designados polo secretario xeral.

-Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear un representante por sindicato para asistir ás sesións da comisión.

Artigo 10º.-Resolución.

A secretaría xeral proporalle á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria a resolución na que declarará a procedencia ou improcedencia da concesión da comisión de servizos por motivos de saúde solicitada, unha vez recibido o informe preceptivo da comisión de valoración.

A resolución, que porá fin ao procedemento, será motivada cando se afaste do sentido do informe emitido pola comisión de valoración.

Esta resolución exporase nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nas delegación provinciais, e pola que se entenderán notificados, para todos os/as efectos, os e as solicitantes a quen lles afecte.

Así mesmo, porase á disposición dos interesados unha relación actualizada destas comisións de servizo concedidas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra a resolución ditada, os interesados poderán interpoñer, de conformidade co disposto nos artigos 107 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de conformidade cos artigos 8.2º, 14.2º e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

A deformación dos feitos ou calquera falsidade consignada na solicitude ou na documentación achegada será causa de denegación ou revogación, de ser o caso.

Transcorrido un prazo de tres meses, contados a partir da data de remate do prazo de presentación de solicitudes, sen que recaese resolución expresa, a petición da comisión de servizos por motivos de saúde entenderase desestimada.

Artigo 11º.-Adxudicación de destino.

Os solicitantes aos que se lles conceda comisión de servizos por motivos de saúde deberán solicitar praza de acordo co procedemento que se estableza na convocatoria pola que se diten normas para a adxudicación de destino provisional para o curso académico correspondente.

Artigo 12º.-Incompatibilidade e irrenunciabilidade da comisión.

Con carácter xeral, dous ou máis docentes vinculados familiarmente non poderán gozar dunha adscrición temporal polo mesmo motivo, debendo renunciar, de ser o caso, un deles.

Non se poderá obter comisión de servizos por motivos de saúde se o interesado obtivese outra comisión de servizos para o vindeiro curso polo procedemento que sexa.

Unha vez feita a adxudicación non se aceptará a renuncia á praza solicitada, agás que a Administración educativa, por razóns perfectamente motivadas e por necesidade do servizo, considere a súa revogación.

Artigo 13º.-Toma de posesión.

1. Será a que dispoña a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nas súas normas reguladoras do comezo do curso.

2. Cando a toma de posesión coincida coa toma posesión doutro destino adxudicado por concurso de traslados, levarase a cabo a toma de posesión e o cesamento nominal deste último, para os únicos efectos da reserva do posto de traballo, incorporándose ao destino adxudicado por comisión de servizos cos efectos económicos e administrativos previsto na epígrafe anterior.

Artigo 14º.-Seguimento e avaliación.

As comisións de servizo concedidas por motivos de saúde serán obxecto de avaliación e seguimento durante a súa pervivencia, analizando a evolución da situación que deu orixe a elas, na forma que se determine.

Artigo 15º.-Causas sobrevidas.

Os casos que puidesen xurdir por causa sobrevida fóra do prazo de solicitudes establecido nesta orde e con anterioridade ao inicio do curso académico, tramitaranse directamente á secretaría xeral, que requirirá das delegacións provinciais os informes e documentos pertinentes, por vía de urxencia, resolvendo o que proceda, de ser o caso, e con ocasión de vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico correspondente.

Para a resolución destas comisións de servizos é preceptivo que emita o informe a comisión de valoración prevista no artigo 9 desta presente orde.

Disposición transitoria

Prazo de solicitudes para o curso 2007-2008.

O prazo de presentación de solicitudes para o curso académico 2007-2008 será de quinde (15) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, e non resultará exixible, neste procedemento, o requisito establecido no artigo 4.2 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación.

Autorízase a secretaría xeral para ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE