DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 06 de xuño de 2007 Páx. 9.519

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 25 de maio de 2007 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, tendo a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asignadas as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dándolle cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña acordou en Xunta Xeral do 19 de abril de 2007 a aprobación dos estatutos. Posteriormente foronlle comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña.

Capítulo I

Artigo 1º.-Definición.

O Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña, que se rexerá pola lexislación básica do Estado, polos preceptos da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e polos presentes estatutos, é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e con capacidade plena para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Domicilio e ámbito territorial.

O Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña terá o seu domicilio na Coruña, avda. general Sanjurjo, 189 1º B, e o seu ámbito de actividade queda circunscrito á provincia da Coruña.

Artigo 3º.-Fins.

O Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña terá como fins esenciais:

a) Velar, dentro do marco das leis e regulamentos, polo adecuado nivel de calidade nas prestacións profesionais dos colexiados e asegurar que as súas actividades se axustan ás normas deontolóxicas da profesión e ás requiridas pola sociedade a que serven.

b) Promover a formación e perfeccionamento dos colexiados.

c) Defender os intereses profesionais dos colexiados e representar os intereses xerais da profesión, especialmente nas súas relacións coa Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, para ser parte en cantos litixios os afecten, e poder exercer o dereito de petición.

d) Colaborar coas administracións autonómicas y estatais no exercicio das súas competencias nos termos previstos na lei.

e) Correspóndelles, así mesmo, ao colexio informar de todas as normas que prepare o Goberno autonómico ou estatal sobre as condicións xerais do exercicio profesional e sobre as funcións, os ámbitos e o réxime de incompatibilidades da profesión.

Artigo 4º.-Funcións.

O Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña, ademais das competencias establecidas pola lexislación autonómica ou estatal e polo artigo 9 da Lei 11/2001, exercerá no seu ámbito territorial as funcións que seguen:

a) Todas as que lle sexan encomendadas polas administracións e colaborar con estas mediante a realización de estudos, elaboración de estatísticas, emisión de informes e outras actividades relacionadas cos seus fins, dentro das súas competencias, que lle poidan ser solicitadas ou que o colexio acorde formular por propia iniciativa.

b) Asesorar os particulares e entidades de calquera clase, en materia de competencia, emitir os informes que lle sexan solicitados.

c) Velar polos dereitos, deberes e prestixio dos profesionais, e especialmente, sobre aquelas cuestións que correspondan ao campo das competencias e facultades dos delineantes e técnicos superiores proxectistas.

d) Impedir e, de ser o caso, perseguir, mesmo ante os tribunais de Xustiza, todos os casos de intrusión profesional que afecten os delineantes e técnicos superiores proxectistas e o exercicio da súa profesión, no suposto de que esta se exerza ou se pretenda exercer, se obstaculice ou se pretenda obstaculizar por persoa na cal non concorran os requisitos legais establecidos para a práctica da profesión ou por calquera clase de órgano ou entidade.

e) Organizar e efectuar misións de carácter cultural, científico, técnico ou práctico relacionadas coa profesión, así como cursos para a formación, actualización e mellora posgrao dos colexiados.

f) Recoller e encarreirar as aspiracións da profesión, elevando aos centros oficiais aquelas suxestións que garden relación co perfeccionamento e coas normas que rexan os servizos que presten ou poidan prestar os delineantes e técnicos superiores proxectistas, tanto nas corporacións oficiais como nas entidades particulares, de acordo coas exixencias, necesidades e potencialidade da sociedade en cada momento.

g) Realizar o recoñecemento e visado de planos, informes, ditames, medicións, valoracións, peritacións e demais traballos que leven a cabo os delineantes no exercicio da súa profesión, en concreto sobre as funcións e competencias que lles estean atribuídas polo contido dos reais decretos 135, 136, 2427/1994 y 231/1997.

h) Manter un activo servizo de información sobre convocatorias de prazas na Administración pública e postos de traballo para desenvolver polos delineantes e técnicos superiores proxectistas co fin de posibilitar a súa ocupación. Para poder darlle maior eficacia, terá coñecemento da especialidade profesional de cada colexiado, así como o seu grao de actualización e perfeccionamento técnico.

i) Fomentar e organizar entre os colexiados os beneficios da previsión, creando e desenvolvendo a mutualidade colexial.

j) Interesarse polo axeitado nivel da ensinanza da profesión nos centros que impartan estes estudos.

k) Mediar para a axeitada ordenación e retribución dos delineantes e técnicos superiores proxectistas que exerzan a súa profesión por conta allea, mantendo a relación cos órganos laborais e sindicais.

l) Informar os organismos da Administración en materias de competencia da profesión.

m) Participar na elaboración dos plans de estudo da Administración e dar a información necesaria para poder acceder á vida profesional.

n) Representar e defender a profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades particulares, con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten os intereses profesionais, e usar o dereito de petición de acordo coa lei.

o) Facilitarlles aos tribunais a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para servir como peritos en asuntos xudiciais.

p) Intervir como mediador e con procedementos de arbitraxe nos conflitos que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados.

q) Resolver por laudo, solicitado polas partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas orixinadas polos traballos profesionais realizados polos colexiados.

r) Emitir ditame en procedementos administrativos ou xudiciais nos cales se discutan cuestións relativas a honorarios profesionais.

s) Ditar normas orientativas sobre honorarios profesionais para o exercicio da profesión.

t) Encargarse do cobramento de percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais por petición dos interesados.

u) Facilitar a solución de problemas de vivenda aos colexiados e participar nos padroados oficiais que para cada profesión creen os diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

v) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais, os estatutos profesionais e os regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais, en materia da súa competencia.

w) Ordenar no ámbito da súa competencia a actividade profesional dos colexiados, velar pola ética e dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

x) Cantas outras funcións sexan beneficiosas para os intereses dos colexiados.

Artigo 5º.-Relacións coas administracións autonómicas e estatais.

1. O Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña, en todo o que se refira a cuestións institucionais e corporativas, relacionarase coa consellería ou organismo competente en materia de colexios profesionais.

2. No referente aos contidos da profesión relacionarase cos departamentos da Administración autonómica ou estatal competentes.

Capítulo II

Sección primeira

Artigo 6º.-Incorporación ao colexio.

1. Para poder exercer a profesión de delineante e técnico superior proxectista na provincia da Coruña é necesaria a incorporación plena ao colexio. Xa que existe unha organización por colexios territoriais, será suficiente a incorporación a un deles, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio estatal.

2. Os profesionais que exerzan ocasionalmente nunha demarcación diferente á da colexiación deberanlles comunicar, por medio do colexio a que pertencen, aos colexios respectivos as actuacións que vaian realizar nas súas demarcacións, para quedar suxeitos, coas competencias de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

3. Os profesionais titulados vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da Administración a que pertenzan, cando o seu destinatario inmediato sexa esa Administración. Si será obrigatoria, en consecuencia, a colexiación para o exercicio da actividade privada.

Artigo 7º

Para poder ser admitido no colexio será necesario posuír a titulación académica que exixen as leis para exercer a profesión, é dicir estar en posesión da categoría de delineante proxectista antes do 1 de xaneiro de 1982 ou en posesión do título de formación profesional de grao superior, ou equivalente, en edificación e obra civil ou en fabricación mecánica, ou graduado en artes, e supeditar ás demais condicións que establecen estes estatutos, se ben non será indispensable o exercicio da profesión, nin será exixible pertencer a unha determinada mutualidade.

Os estranxeiros poderán incorporarse ou habilitarse ao colexio cando se cumpran os requisitos para poder exercer a profesión no Estado español. Exceptúanse as incorporacións a título honorífico.

Artigo 8º.-Membros do colexio.

Serán membros do Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas os que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 7º e 9º dos presentes estatutos e que o soliciten na forma regulamentaria.

As persoas que constitúan o Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas poden ser membros exercentes, membros non exercentes e membros de honor.

1. Son membros exercentes as persoas naturais que reunindo as condicións exixidas, obtivesen a incorporación ao colexio e exerzan a profesión de delineante e técnico superior proxectista.

2. Son membros non exercentes as persoas físicas que obtivesen a incorporación ao colexio e non exerzan actualmente a profesión.

3. Son membros de honor as persoas naturais ou xurídicas, colexios, institucións, organismos, etc., españois ou estranxeiros, sexan ou non delineantes e técnicos superiores proxectistas, que, a xuízo da Asemblea Xeral de Colexiados e por proposta da Xunta de Goberno, merezan tal designación.

4. O órgano de goberno do colexio, dentro do prazo máximo de tres meses, deberá tomar e comunicar o acordo de incorporación, ou ben a súa denegación. Entenderase desestimada a petición en caso de que transcorrido este prazo, non recaia resolución.

O decano, ou persoa delegada por el, poderá en caso de urxencia, outorgar a colexiación con carácter provisional.

En todo caso, non lles poderá denegar a incorporación aos profesionais que reúnan os requisitos previstos.

Artigo 9º.-Requisitos para a incorporación ao colexio, tramitación e causas de denegación.

a) Para solicitar a colexiación, o interesado dirixirá a correspondente solicitude por escrito, mediante impreso que lle facilitará o colexio, ao decano, e acompañaraa do título profesional, testemuño ou xustificante de telo solicitado.

De se tratar dun traslado dun colexio a outro, abondará cunha certificación do colexio de procedencia que probe que se atopa en activo e sen nota desfavorable que o impida no seu expediente profesional.

A mesma certificación será válida para solicitar a incorporación a outro colexio, sen deixar de pertencer ao de orixe, todo iso sen prexuízo do establecido no artigo 2.3º da Lei 11/2001.

Poderán incorporarse voluntariamente ao Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña as persoas que, reunindo as condicións establecidas, non exerzan a profesión ou ben a exercesen e logo cesasen nela, e cumprirán a parte que lles corresponda desta alínea a).

b) A incorporación poderá ser denegada:

1. Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa autenticidade.

2. Cando o interesado estivese cumprindo condena imposta polos tribunais de Xustiza, que comporte pena accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o exercicio da profesión.

3. Cando fose expulsado doutro colexio e non obtivese expresa rehabilitación.

4. Cando estea suspendido no exercicio da profesión, en virtude de corrección disciplinaria imposta por outro colexio ou polo Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes.

5. Cando o peticionario, que proceda doutro colexio, non xustifique cumpridamente ter satisfeito as cotas e dereitos que lle correspondían no colexio de orixe.

c) As peticións de colexiación tramitaranse da forma seguinte:

1. Toda petición de incorporación ao colexio será resolta no prazo de tres meses contados desde a data da solicitude ou, de ser o caso, desde que o interesado achegue os documentos necesarios ou se emenden os defectos da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se resolva sobre esta, entenderase denegada para os efectos das accións ou recursos que procedan.

2. Contra as resolucións denegatorias das peticións de incorporación poderá interporse recurso dalzada perante o Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes. O recurso deberase formular no prazo de trinta días hábiles desde que se notifique a resolución ou da desestimación por silencio.

Artigo 10º.-Baixas no colexio.

1. A condición de colexiado perderase polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal, presentarase a documentación que o acredite.

c) Separación ou expulsión como consecuencia de cumprimento de sanción disciplinaria que así o determine.

d) Baixa voluntaria, comunicada por escrito dirixido ao decano, en que alegará que deixa a profesión, incapacidade permanente ou xubilación.

e) Baixa forzosa, por incumprimento das obrigas económicas.

2. Para que a baixa forzosa sexa efectiva será necesaria a instrución dun expediente sumario, que comportará un requirimento escrito ao afectado, para que, dentro do termo que se fixe, se poña ao día do descuberto. Pasado o prazo sen telo satisfeito, tomarase o acordo de baixa, que deberá notificaráselle de forma expresa ao interesado, sen prexuízo das accións xudiciais que poida tomar a Xunta de Goberno para a reclamación das ditas obrigas económicas.

En calquera momento poderase rehabilitar a colexiación logo de aboar os descubertos pendentes e a taxa de reingreso, no caso de que for prevista.

Sección segunda

Artigo 11º.-Dereitos dos colexiados.

Todos os colexiados, salvo os membros de honor se non estiveren colexiados, terán dereito a desfrutar de todos os servizos, facultades e prerrogativas que resulten dos presentes estatutos, e ademais:

1. Elixir e ser elixido para postos de representación e ocupar cargos directivos. Os membros de honor non poderán ser elixidos para estes postos nin terán o dereito de voto.

2. Informar e ser informado das actuacións e vida da entidade e das cuestións que fagan referencia ao exercicio da profesión.

3. Exercer a representación que en cada caso se confira.

4. Intervir, conforme coas normas legais e estatutarias, na xestión económica e administrativa do colexio e expresar libremente as súas opinións en materia e asuntos de interese profesional.

5. Exercer as accións e recursos a que haxa lugar en defensa dos seus dereitos como colexiados.

6. Ser amparados polo colexio no exercicio profesional en defensa dos seus lícitos intereses.

7. Ser representados polo colexio, cando así o acorde a Xunta de Goberno, co fin de facilitar accións, excepcións e defensas relacionadas co exercicio profesional ante tribunais, autoridades, organismos ou entidades públicas e privadas.

8. Ser asistidos polo colexio, mediante os correspondentes servizos para este fin establecidos, no cobramento dos seus honorarios profesionais.

9. Asistir con voz e voto ás asembleas xerais do colexio.

10. Presentar libremente as súas candidaturas aos postos de goberno do colexio e desempeñar os cargos para os cales fosen elixidos.

11. Formular queixas ante a Xunta de Goberno do colexio contra a actuación profesional ou colexial de calquera dos seus membros.

12. Integrarse nas institucións de mutualidade ou previsión establecidas ou que poidan establecerse, e contribuír na forma que acorde a Xunta Xeral extraordinaria que especialmente se convoque.

Sección terceira

Artigo 12º.-Obrigas dos colexiados.

a) Para exercer legalmente a actividade de delineante será indispensable estar colexiado no colexio establecido na súa demarcación de residencia.

b) Cumprir coas prescricións dos presentes estatutos, dos regulamentos que os desenvolvan e dos acordos que adopten o colexio e o Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes.

c) A asistencia aos actos corporativos.

d) Aceptar o desempeño das tarefas que lles encomenden os órganos de xestión do colexio.

e) Pagar as cotas e dereitos que fosen aprobados polo colexio para o seu sostemento e para outras finalidades.

O colexiado xubilado quedará exento da obriga de pagamento da cota colexial. Nesta situación de xubilación laboral-profesional non diminuirá ningún dos dereitos dos colexiados que resulten dos presentes estatutos, ben que causarán baixa no seguro ou mutualidade e poderán ser elixidos para cargos directivos.

f) Observar respecto dos órganos de xestión do colexio a debida disciplina e entre os colexiados os deberes de harmonía profesional.

g) Pór en coñecemento do colexio todos os feitos que poidan afectar a profesión, tanto particular como colectivamente considerada, e que teñan unha importancia que poida determinar a intervención corporativa con carácter oficial.

h) O colexiado comunicaralle obrigatoriamente ao colexio o seu domicilio para notificacións para todos os efectos colexiais. Así mesmo, calquera cambio de domicilio, para que produza estes efectos, deberá ser comunicado expresamente.

i) A perda da condición de colexiado non liberará do cumprimento das obrigas vencidas. Estas obrigas poderánselles exixir aos interesados e aos seus herdeiros.

Capítulo III

Órganos do colexio

Artigo 13º

A Xunta ou Asemblea Xeral é o órgano soberano do colexio. Todos os colexiados incorporados de pleno dereito ao colexio teñen voz e voto, salvo que estean afectados por unha sanción que supoña a suspensión das actividades colexiais en xeral, a limitación destes dereitos ou que non se satisfixesen as cotas establecidas.

As resolucións aprobadas en Asemblea Xeral e de acordo cos estatutos son obrigatorias para todos os colexiados.

Artigo 14º

A Asemblea Xeral pode ser ordinaria ou extraordinaria e a ela poderán asistir todos os colexiados de acordo co artigo 13º. O voto é persoal, pero pode admitirse, nos casos en que así se estableza, o voto por delegación ou compromisarios, sempre e cando a delegación sexa autentificada por notario ou pola Secretaría do colexio.

Artigo 15º.-Das asembleas xerais ordinarias.

No mes de febreiro de cada ano, o colexio organizará a Asemblea Xeral ordinaria, para a aprobación do orzamento e renovación de cargos directivos, de proceder. Nesta Asemblea Xeral ordinaria aprobaranse as contas e daráselles aos colexiados información xeral sobre a marcha do colexio en todos os seus aspectos.

Artigo 16º.-Das asembleas xerais extraordinarias.

A Asemblea reunirase con carácter extraordinario, logo da convocatoria do seu decano, ben por propia iniciativa, por acordo da Xunta de Goberno ou por petición dun número de colexiados que represente polo menos o 25 % do total.

Artigo 17º

As asembleas xerais ordinarias e extraordinarias convocaranse por comunicado do decano, mediante notificación persoal e escrita a todos os colexiados, con quince días naturais de antelación, cando menos, á data da reunión, agás casos excepcionais.

A convocatoria deberá conter o lugar, local, día e hora en que vaia ter lugar a asemblea e os asuntos que se van tratar, segundo a orde do día acordada previamente, e expresará a data e a hora en que terá lugar a reunión en segunda convocatoria.

A Xunta de Goberno, no punto de rogos e preguntas, recollerá todas as propostas que se formulen polos colexiados mediante petición escrita, tres días naturais antes da data da reunión. Non se poderá aprobar ningún acordo respecto de cuestións que non figuren na orde do día.

Artigo 18º

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando se encontren representados a metade máis un dos membros e, en segunda convocatoria, calquera que for o número de asistentes. Será necesaria a presenza do decano e do secretario, ou de ser o caso, daqueles que os substitúan.

Artigo 19º

A Presidencia de todas as asembleas xerais corresponderalle ao decano do colexio e, en ausencia deste, ao vicedecano.

A mesa da asemblea quedará integrada pola Xunta de Goberno e actuará como secretario o da propia Xunta.

Os acordos que adopte a Asemblea Xeral serán por votación, polo sistema de maioría simple.

Os acordos adoptados polo Pleno da Asemblea Xeral, conforme coas súas atribucións, serán obrigatorios para todos os colexiados.

Artigo 20º.-Son funcións e competencias da Asemblea Xeral:

a) Adoptar os acordos relativos á representación, xestión e defensa dos intereses do colexio e dos seus afiliados.

b) Aprobar os programas e plans de actuación.

c) Revogar o mandato dos membros da Xunta de Goberno e do decano mediante:

I. Sufraxio libre e secreto.

II. Moción de censura de conformidade co establecido no artigo 20.2º d) da Lei 11/2001.

d) Coñecer e aprobar a xestión da Xunta de Goberno e do seu decano.

e) Aprobar as cotas de carácter extraordinario, incluídas as derramas, que teñan que satisfacer os colexiados, segundo as propostas que elabore a Xunta de Goberno.

f) Elaborar o Regulamento de réxime interior, o cal será aprobado polo Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes, sempre que estea de acordo coa Lei de colexios profesionais e cos estatutos.

g) Propoñer a disolución do colexio.

h) Coñecer e resolver as reclamacións formuladas polos colexiados.

i) A aprobación e reforma dos estatutos e normas deontolóxicas colexiais.

j) A aprobación dos orzamentos e contas do colexio.

Artigo 21º

Das reunións da Asemblea Xeral levantarase acta, estenderá nun libro para o efecto, asinada polo secretario co visto e prace do decano. A acta da asemblea terá forza executiva a partir da data do seu envío ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes e será definitivamente referendada na seguinte sesión da Asemblea Xeral. No caso de que a acta non reflicta os acordos da asemblea, efectuarase a correspondente rectificación e, se houber lugar, exixiranse as correspondentes responsabilidades.

Artigo 22º.-Composición da Xunta de Goberno.

O Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña estará rexido pola súa Xunta de Goberno, integrada por un decano, un vicedecano, un secretario, un tesoureiro, un interventor e tantos vogais como delegacións compoñan o colexio ou se considere axeitado, sen que o seu número sexa inferior a cinco nin o número total dos membros da Xunta de Goberno sexa superior a dez.

Artigo 23º.-Funcións da Xunta de Goberno.

Correspóndelle á Xunta de Goberno a dirección e administración do colexio para o cumprimento dos seus fins, en todo aquilo que, de xeito expreso, non lle corresponda á Asemblea Xeral.

De modo especial correspóndelle á Xunta de Goberno:

a) A dirección e vixilancia do cumprimento dos cometidos corporativos, enumerados no artigo 3º dos presentes estatutos.

b) A designación das seccións encargadas de preparar informes e estudos ou de ditar laudos ou arbitraxes.

c) A redacción do orzamento e todo o que atinxa a xestión económica.

d) A admisión de novos colexiados que autorizará formalmente o decano.

e) A preparación de reunións das xuntas de goberno.

f) Arbitrar nos conflitos que puidesen xurdir entre os colexiados.

g) Exercer a potestade disciplinaria.

h) Todas as demais atribucións que se establecen noutros artigos dos presentes estatutos e no Regulamento de réxime interior do colexio.

i) A realización de auditoría da situación financeira colexial, cando se produza a renovación total ou parcial dos membros da Xunta de Goberno. Sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos.

j) Propoñerlle á Asemblea Xeral a contía das cotas de percepción extraordinaria e derramas, e fixar a contía das cotas de percepción periódica.

k) Exixirlles por vía xudicial o cumprimento das obrigas económicas aos colexiados, de acordo co artigo 10º, número 2, destes estatutos.

Artigo 24º.-Da elección, cesamentos e vacantes da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno será elixida por votación dos colexiados e renovarase por metades cada dous anos, os cargos poden ser reelixidos.

Poderán ser candidatos todos os colexiados que teñan un mínimo de dous anos de colexiación, que se atopen ao día no pagamento de cotas e que non se atopen incursos en incapacidade legal ou estatutaria.

Para ser candidato á Xunta de Goberno é necesario presentar candidatura con dez días de antelación á data en que se realice a votación. As candidaturas serán individuais (lista aberta) e colectivas (lista pechada).

Serán candidaturas individuais, lista aberta, as dos vogais delegados de localidade.

Serán candidaturas colectivas, lista pechada, as dos cargos de decano, vicedecano, secretario, tesoureiro e interventor.

Con quince días de antelación convocarase a constitución da mesa electoral, farao a Xunta de Goberno ou por resolución asemblearia. As votacións e escrutinio de votos realízanse na sede oficial do colexio segundo o horario fixado nunha única xornada.

O nomeamento e os cambios dos compoñentes da Xunta de Goberno deberanlle ser comunicados no prazo de dez días hábiles, desde que se produzan, á consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia. Tamén se lle comunicará no mesmo prazo de dez días ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes. E á consellería ou consellerías competentes por razón da profesión.

Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Falecemento.

b) Renuncia do interesado.

c) Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

d) Expiración do termo ou prazo para o cal foron elixidos ou designados.

e) Falta dasistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no termo dun ano.

Cando por calquera causa a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno do colexio queden vacantes, designarase unha Xunta Provisional de entre os seus membros máis antigos. A Xunta Provisional convocará, no prazo de trinta días naturais, eleccións para a provisión dos cargos vacantes polo resto do mandato que quedase, eleccións que deberán celebrarse dentro dos trinta días naturais seguintes, contados a partir da convocatoria.

Da mesma forma completaranse provisionalmente a Xunta de Goberno do colexio cando se producise a vacante da metade ou máis dos cargos, procederase de igual modo á convocatoria de eleccións para a súa provisión definitiva.

Artigo 25º.-Das atribucións do decano da Xunta de Goberno.

Correspóndelle ao decano:

a) Representar xudicialmente e extraxudicialmente o colexio, con facultades de delegar e acordar o exercicio de toda clase de accións, recursos e reclamacións, incluído o recurso de casación, ante calquera autoridade, órgano, xulgado ou tribunal, ata o Tribunal Supremo, e pode outorgar poderes a favor de procuradores e designar letrados.

b) Convocar as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

c) Fixar a orde do día dunha e outra de acordo coa Xunta de Goberno.

d) Presidir as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

e) Dirixir as deliberacións.

f) Velar polo cumprimento das prescricións regulamentarias.

g) Autorizar coa súa sinatura as actas de todas as reunións. Consideraranse aprobadas estas actas se os asistentes ás reunións non expresan por escrito obxeccións no prazo de dez días hábiles desde que sexan expostas no taboleiro de anuncios.

h) Solicitarlles aos centros oficiais ou entidades particulares os datos que se precisen para cumprir os acordos a que se refire a alínea f) ou para ilustrar a Xunta de Goberno nas súas deliberacións ou resolucións.

i) Autorizar a incorporación ao colexio.

k) Autorizar os libramentos e ordes de pagamento.

l) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial, iso sen prexuízo da legalización establecida pola lei.

m) Autorizar os documentos necesarios para a apertura de contas correntes bancarias e dos talóns ou cheques expedidos pola Tesouraría para retirar cantidades monetarias ou habilitar pagamentos.

n) Darlles posesión aos membros da Xunta de Goberno.

o) Decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

p) Executar os acordos do órgano de goberno.

Artigo 26º.-Das atribucións do vicedecano.

O vicedecano exercerá todas aquelas funcións que lle encomende o decano, e asumirá as deste en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 27º.-Atribucións do secretario.

Independentemente dos dereitos e obrigas que lle confiren o regulamento e os acordos da Xunta de Goberno, corresponderalle ao secretario:

a) Levantar acta das reunións.

b) Dar fe da posesión de todos os membros da Xunta de Goberno.

c) Expedir certificacións.

d) Preparar a documentación para presentala á Xunta de Goberno.

e) Redactar a memoria anual.

f) Asinar por si ou co decano, de ser preciso, as ordes, a correspondencia ordinaria de simple trámite e demais documentos administrativos.

g) Coidar o arquivo dos documentos pertencentes ao colexio, da custodia dos cales será responsable.

h) Levar o libro de actas das reunións das asembleas xerais ordinarias, extraordinarias e das xuntas de goberno.

i) Levar por si, auxiliado polo persoal de oficina en que poida delegar, o libro de colexiados, no cal se farán constar os seus nomes e apelidos, escolas de que procedan, especialidades que teñan cursadas, data de expedición do título, datas de solicitude de ingreso e da incorporación, domicilio, empresa en que prestan os seus servizos ou se exercen a profesión libremente.

j) Exercer a autoridade directa sobre o persoal administrativo e subalterno, a quen lle fará cumprir as súas obrigas específicas e os acordos da Xunta de Goberno.

Artigo 28º.-Do tesoureiro.

Será misión do tesoureiro:

a) Recadar e custodiar os fondos pertencentes ao colexio, será o seu responsable.

b) Asinar recibos, recibir cobramentos e realizar pagamentos, coa sinatura conxunta do decano.

c) Ter no seu poder o fondo reducido indispensable para as atencións ordinarias do colexio, ingresará o que exceda deste límite no banco ou bancos que indique a Xunta de Goberno. Estas cantidades non se retirarán máis que coas sinaturas autorizadas, que son as do tesoureiro, interventor e decano, serán suficientes dúas delas, pero invariablemente unha terá que ser a do decano.

d) Darlle conta á Xunta de Goberno da falta de pagamento dos colexiados, para que se lles reclamen as cantidades que se deben.

Artigo 29º.-Do interventor.

Será misión do interventor:

a) Levar os libros de contabilidade de forma legal.

b) Asinar a correspondente conta de ingresos e pagamentos mensuais, para sometela á aprobación da Xunta de Goberno e a súa inclusión no balance anual que terá que aprobar a Asemblea Xeral.

c) Facerlles chegar, por medio da memoria anual, a todos os colexiados o balance da situación económica do colexio.

d) Redactar, en unión do tesoureiro, os orzamentos do colexio e sometelos á Xunta de Goberno.

Artigo 30º.-Dos Vogais da Xunta de Goberno.

Serán atribucións destes vogais:

a) Auxiliar os titulares dos restantes cargos da Xunta de Goberno e substituílos nas súas ausencias.

b) Asistir, en rolda cos restantes vogais, ao domicilio social do colexio para atender o despacho dos asuntos que o requiran.

c) Desempeñar cantos cometidos lles confíen o decano ou a Xunta de Goberno, así como as comisións para as cales fosen designados.

Capítulo IV

Do Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes

Artigo 31º

As cotas e outras contribucións económicas, asignadas individualmente aos colexiados e destinadas ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes, ingresaranse por medio do colexio.

Capítulo V

Da potestade disciplinaria

Artigo 32º

Non se pode impoñer ningunha sanción colexial sen a instrución previa dun expediente disciplinario, cuxa tramitación se rexerá polo disposto nestes estatutos e supletoriamente polas normas do procedemento administrativo.

Todo procedemento disciplinario iniciarase sempre de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa, ou ben como consecuencia dunha denuncia ou comunicación, que deberá conter as circunstancias persoais e a sinatura do denunciante.

O órgano competente para iniciar o expediente disciplinario poderá acordar a instrución de información reservada antes de ditar o correspondente acordo de iniciación do expediente disciplinario. A resolución pola cal se acorde e o arquivo das actuacións deberán expresar as causas que o motivasen e dispoñer, se procedese, o que se crea pertinente con relación ao denunciante.

A Xunta de Goberno designará un instrutor para a tramitación do expediente e proposta de sanción. Este expediente deberá resolverse no termo máximo de tres meses.

En todo expediente deberán ser escoitadas as partes, dentro do tempo concedido polo instrutor, que non poderá exceder de quince días hábiles. As partes exporán por escrito as súas razóns e achegarán os documentos que consideren conveniente.

O instructor, despois de escoitadas as partes, deberá de presentar o prego de cargos. A Xunta de Goberno, mediante resolución motivada, acordará no termo de quince días hábiles, a imposición de sanción ou o arquivo da causa. As faltas leves prescribirán no termo de dous meses, as graves ao cabo dos dous anos e as moi graves ao cabo dos catro anos de se cometer. A prescrición interromperase polo inicio do procedemento disciplinario con coñecemento do interesado. A paralización do procedemento por un tempo superior a un mes, non imputable ao presunto responsable, fará reiniciar o prazo interrompido.

Artigo 33º

1. O sancionado poderá pedirlle ao Colexio a súa rehabilitación, coa conseguinte cancelación da nota no seu expediente disciplinario. Os prazos establecidos serán, contados desde o cumprimento da sanción, os seguintes: se a falta fose leve, seis meses; grave, dous anos; moi grave, catro anos; e determinante de expulsión, cinco anos.

2. A suspensión ou a inhabilitación do exercicio profesional non comprende perda da condición de colexiado. A persoa suspendida ou inhabilitada continuará pertencendo ao colexio, coa limitación de dereitos que a causa ou o acordo da suspensión ou da inhabilitación producisen.

A suspensión ou a inhabilitación deberáselle comunicar ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes.

Artigo 34º

As sancións que poderán impoñerse, segundo o previsto nestes estatutos, serán leves, graves e moi graves.

Considéranse sancións leves:

a) Advertencia por oficio.

b) Reprensión privada.

Considerarase sanción grave a suspensión do exercicio profesional por un tempo non superior a seis meses.

Considerarase sanción moi grave a suspensión do exercicio profesional por un tempo superior a seis meses, ou a expulsión do colexio.

As sancións graves e moi graves comportarán a inhabilitación para todo cargo de goberno ao longo do período de sanción.

A sanción de expulsión do colexio soamente se aplicará:

a) Por reiteradas faltas de competencia ou decoro profesional, polas que estivese sancionado con suspensión superior a seis meses.

b) Cando sobre o expedientado recaia a xurisdición criminal, con sentenza firme, por feitos relacionados co exercicio da profesión.

Considerarase falta leve a neglixencia no cumprimento dos preceptos estatutarios, regulamentarios, e dos acordos do colexio e do Consello de Colexios, as incorreccións de pouca transcendencia na realización do traballo persoal, as faltas reiteradas e inxustificadas de polo menos 5 reunións da Xunta de Goberno ou do consello, non aceptar sen motivo cargos corporativos e as desconsideracións de pouca transcendencia aos compañeiros.

Consideraranse faltas graves ter sido sancionado por tres ou máis faltas leves, dentro do período dun ano; o incumprimento, a conciencia, dos preceptos estatutarios e regulamentarios, así como os acordos e as obrigas económicas do colexio ou do consello; a desconsideración ofensiva grave aos compañeiros; o encubrimento do intrusismo profesional e a realización de traballos que, pola súa natureza, atenten contra o prestixio e a honorabilidade profesionais.

Consideraranse faltas moi graves a comisión de calquera feito que afecte a ética e honorabilidade profesionais, ou ter sido obxecto de dúas ou máis sancións por faltas graves dentro do período dun ano.

Todas as faltas sinaladas son de carácter enunciativo e non taxativo.

Artigo 35º

Contra os actos e as resolucións do colexio poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a súa notificación ante o Consello Galego de Colexios, que esgotará a vía corporativa e deberá resolverse no prazo de tres meses.

Artigo 36º

A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común será supletoria en todo o que non prevexan os presentes estatutos do Colexio de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña.

Capítulo VI

Réxime económico

Artigo 37º.-Dos recursos económicos do colexio.

Os fondos do colexio estarán constituídos por recursos ordinarios e extraordinarios.

Serán recursos ordinarios:

a) Os rendementos de bens e dereitos que constitúan o patrimonio colexial.

b) Os dereitos que se establezan pola elaboración remunerada de informes, ditames, estudos e outros servizos.

c) Os dereitos de incorporación, cotas ordinarias e extraordinarias, incluídas as derramas.

d) O libramento de certificacións que fagan fe.

e) Os dereitos de intervención profesional.

f) Calquera outro que fose posible de similares características.

Serán recursos extraordinarios:

a) As doazóns ou subvencións de procedencia pública ou privada.

b) Os bens que a título hereditario ou por calquera outra causa se incorporen ao patrimonio do colexio.

c) Calquera outro que fose legalmente posible e que non constitúa recurso ordinario.

Artigo 38º

A totalidade dos recursos, ordinarios e extraordinarios deberán aplicarse con carácter exclusivo ao cumprimento das obrigas atribuídas pola Lei de colexios profesionais e polas normas estatutarias e regulamentarias.

Artigo 39º

Cando se establezan cotas de incorporación, de percepción periódica ou de carácter extraordinario, incluídas as derramas, entenderase que obrigan a todos os colexiados, sen prexuízo de que se poidan acordar estatutariamente exencións e moderacións en circunstancias determinadas.

A contía das cotas de percepción periódica será fixada pola Xunta de Goberno; as de carácter extraordinario, incluídas as derramas, deberán ser aprobadas pola Asemblea Xeral.

Artigo 40º.-A Xunta de Goberno presentaralle anualmente para a súa aprobación á Asemblea Xeral:

a) A liquidación do orzamento do exercicio anterior.

b) O orzamento para o exercicio próximo.

Capítulo VII

Disolución

Artigo 41º.-A disolución do colexio terá lugar:

a) Por calquera causa establecida nos presentes estatutos.

b) Por acordo da Asemblea Xeral, tomado con todos os requisitos necesarios.

c) Por unión ou fusión.

d) Por absorción por outro colexio.

e) Por falta de colexiados que non permita cubrir os lugares previstos no órgano de goberno, sen simultanear ou duplicar cargos.

f) Por perder a profesión, de acordo coas normas que a regulen, o carácter de colexiable.

A Asemblea Xeral terá que ser convocada especialmente con carácter extraordinario para este obxecto e ser aprobada pola consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia, logo de informe do Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes.

O acordo de disolución terá que ser tomado polas tres cuartas partes dos colexiados por votación directa, e deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia, para o cal se lle comunicará previamente á consellería, ou a aquel departamento en que esta delegue, a adopción da resolución oportuna para a súa inscrición no Rexistro de Colexios.

O patrimonio social, logo de nomeamento de liquidadores, destinarase en primeiro lugar a cubrir o pasivo. O activo resultante destinarase ás institucións de previsión de delineantes que existan na provincia. Se non houber, repartirase a partes iguais entre os colexiados en alta no momento da disolución. Exceptúase a disolución por integración noutro colexio, en cuxo caso o patrimonio do colexio disolto pasará ao colexio que o absorba.

Capítulo VIII

Modificación dos estatutos

Artigo 42º

Para modificar os presentes estatutos será necesario acordo dos dous terzos da Asemblea Xeral extraordinaria, especialmente convocada para este efecto.

Estas modificacións comunicaránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais e ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña manterá co Consello Galego dos Colexios Profesionais de delineantes, o cal ten no ámbito autonómico a representación de todos os colexios oficiais de delineantes de Galicia, as relacións de mutuo intercambio de informacións e outras que conveñan aos intereses do colexio e a lexislación xeral do Estado lle asigne, especialmente as que se refiran ás titulacións dos delineantes e relacións desta profesión coa Administración central.

Segunda.-Sen prexuízo do establecido na disposición anterior, as relacións entre os colexios ou o Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes con outros colexios, entidades ou organizacións profesionais de delineantes fóra do ámbito territorial de Galicia serán establecidas por medio de acordos entre as entidades interesadas.