De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.
A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.
O artigo 13.3º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, faculta os colexios profesionais para solicitar o seu cambio de denominación. A aprobación do cambio de denominación dun colexio profesional realizarase por medio de decreto do Consello da Xunta de Galicia. O cambio prodúcese como consecuencia da necesaria adaptación da denominación do colexio profesional á modificación da titulación profesional, como consecuencia dos diversos cambios nos plans de estudos de formación profesional.
Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de maio de dous mil sete,
DISPOÑO:
Artigo único .-Cambio de denominación.
Aprobar o cambio de denominación do Colexio Oficial de Delineantes da Coruña, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas da Coruña.
Disposición derradeira
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil sete.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza