DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 12 de xuño de 2007 Páx. 10.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 110/2007, do 24 de maio, polo que se aproba o escudo do Concello da Cañiza (Pontevedra).

O Concello da Cañiza considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do seu escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e das bandeiras dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o escudo do Concello da Cañiza, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

De prata, un carballo sobre terreiro de sinople, follado e froitado de nove landras de goles; bordura xadrezada de goles e prata.

Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

A Cañiza - Escudo