DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 12 de xullo de 2007 Páx. 12.015

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ANUNCIO do 24 de maio de 2007, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se fai pública a Resolución do 24 de maio de 2007, pola que se determina a documentación precisa para obter a certificación de validación de investimentos destinados á protección do ambiente.

Con data do 24 de maio de 2007 esta dirección xeral ditou a resolución que se transcribe a continuación:

Resolución do 24 de maio de 2007 pola que se determina a documentación precisa para obter a cer

tificación de validación de investimentos destinados á protección do ambiente.

O Real decreto 1777/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sociedades establece, no seu artigo 33, parágrafo a, que os suxeitos pasivos poderán deducir da cota íntegra o 10% do importe dos investimentos realizados en elementos patrimoniais do inmobilizado material destinados á proteción do ambiente, consistentes en:

-Instalacións que teñan por obxecto algún dos seguintes fins:

1º Evitar ou reducir a contaminación atmosférica procedente das instalacións industriais.

2º Evitar ou reducir a carga contaminante que se verta ás augas superficiais, subterráneas e mariñas.

3º Favorecer a redución, recuperación ou tratamento correctos desde o punto de vista ambiental dos residuos industriais.

-Activos materiais novos destinados ao aproveitamento de fontes de enerxías renovables consistentes en instalacións e equipamentos con calquera dos fins seguintes:

1º Aproveitamento da enerxía proveniente do sol para a súa transformación en calor ou electricidade.

2º Aproveitamento, como combustible, de residuos sólidos urbanos ou de biomasa procedente de residuos de industrias agrícolas e forestais, de residuos agrícolas e forestais e de cultivos enerxéticos para a súa transformación en calor ou electricidade.

3º Tratamento de residuos biodegradables procedentes de explotacións gandeiras, de estacións depuradoras de augas residuais, de efluentes industriais ou de residuos sólidos urbanos para a súa transformación en biogás.

4º Tratamento de produtos agrícolas, forestais ou aceites usados para a súa transformación en biocarburantes (bioetanol ou biodiésel).

A base do cálculo da dedución será o prezo da adquisición ou custo de produción, o que se deducirán as axudas obtidas.

O artigo 38 define os requisitos da dedución por instalacións destinadas á proteción do ambiente e á certificación de validación do investimento ambiental, indicando que, para practicar a dedución, deberán cumprirse os seguintes requisitos:

-Que os investimentos teñan por obxecto específico algunha das fins descritas no devandito artigo 33. No caso de que os investimentos non teñan por obxecto exclusivo algún dos devanditos fins, o solicitante deberá identificar de xeito inequívoco, a parte económica e o concepto destas destinadas á proteción do ambiente.

-Que o investimento se realice para dar cumprimento á normativa vixente en materia do ambiente sobre emisións á atmosfera, verteduras ás augas, así como produción, recuperación e tratamento de residuos industriais ou para mellorar as exixencias establecidas na dita normativa, entendendo que o investimento cumpre este requisito sempre que se efectúe dentro dos prazos e nas condicións previstas na citada normativa.

-Que o investimento se leve a cabo en execución de plans, programas, convenios ou acordos aprobados ou celebrados coa Administración competente en materia ambiental. O solicitante indicará na solicitude o plan, programa, convenio ou acordo baixo o que se realizou o investimento.

A proba do cumprimento deste requisito realizarase mediante a certificación de validación do investimento expedida pola referida Administración.

Para poder emitir a certificación, a Administración deberá comprobar que se cumpren os devanditos requisitos, e por isto, por Resolución do 1 de xuño de 2005, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, órgano autonómico competente, determinou a documentación precisa que deben presentar as empresas que con carácter voluntario, queiran solicitar a certificación de validación dos investimentos destinados á proteción do ambiente.

A experiencia acumulada e os novos sistemas de arquivo e emisión de facturas recomenda a revisión de tal resolución para acadar, mantendo o mesmo grao de certeza e unha exixencia suficiente pero ponderada, os mesmos resultados, á vez que optimizar a xestión administrativa, por isto,

RESOLVO:

Primeiro.-A documentación precisa para obter a certificación de validación de investimentos destinados á proteción do ambiente para efectos de aplicar a dedución correspondente, regulada no Real decreto 1777/2004, do 30 de xullo, e co fin de determinar a idoneidade dos investimentos realizados coa función protectora do ambiente, será a que se relaciona no anexo desta resolución.

Segundo.-A Administración, de ter coñecemento dos investimentos realizados por unha empresa en elementos de inmobilizado material coa función protectora do ambiente, segundo o establecido no Real decreto 1777/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do imposto de sociedades, poderá de oficio poñerse en contacto coa dita empresa para comunicarlle a posibilidade de validar os investimentos mencionados.

Terceiro.-Esta resolución deixa sen efectos a anterior con data do 1 de xuño de 2005 (DOG nº 113, do martes 14 de xuño de 2005).

Cuarto.-Con independencia das inspeccións que poida realizar a Administración para comprobar a veracidade do contido das declaracións e documentación presentadas para a obtención da certificación de desgravación fiscal por investimentos en materia ambiental, dos datos achegados con este fin, responderá unicamente o solicitante desta.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2007.

Joaquín Lucas Buergo del Río

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Ver referencia pdf "13500D048P051.PDF"