DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 07 de agosto de 2007 Páx. 13.382

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Preámbulo

I

A violencia machista e os malos tratos formaron parte da vida cotiá de moitas mulleres ao longo do tempo. Mais esta violencia estaba normalizada e naturalizada, co que non tiña recoñecemento como tal, o que provocaba a súa invisibilidade e ocultamento. Grazas aos movementos de mulleres que a partir dos anos setenta comezaron a desenvolver de xeito colectivo e organizado accións en contra da violencia, esta comezou a ser percibida e a ter un certo impacto social. Como consecuencia desta acción foron os organismos internacionais os primeiros que tomaron conciencia da difícil situación na que se atopaban moitas mulleres e os que, por medio de diversas declaracións, deron visibilidade a unha eiva social agachada ata ese momento na privacidade dos fogares.

II

En 1980 a ONU, na súa II Conferencia internacional sobre as mulleres, declarou, por primeira vez, que a violencia que se exerce contra as mulleres na familia é o crime máis encuberto do mundo e formulou a importancia de visibilizar publicamente esta problemática que afecta a un grande número de mulleres.

En 1985 tivo lugar en Nairobi a Conferencia mundial para o exame e a avaliación dos logros do decenio das Nacións Unidas para as mulleres, na que se declarou que a violencia exercida contra as mulleres supón un importante obstáculo para a paz.

En 1993 a Conferencia mundial de dereitos humanos, que tivo lugar en Viena baixo o auspicio da ONU, recoñece que os dereitos humanos das mulleres e das nenas son parte «inalienable, integrante e indivisible dos dereitos humanos universais». O 20 de decembro do mesmo ano, a Asemblea Xeral da ONU aprobou a «Declaración sobre a eliminación da violencia cara á muller», na que recoñece que «a violencia cara á muller constitúe unha manifestación de relacións de poder historicamente desiguais entre o home e a muller, que conduciron á dominación da muller e á discriminación na súa contra por parte do home e impediron o avance pleno da muller, e que a violencia contra a muller é un dos mecanismos sociais fundamentais polo que se forza a muller a unha situación de subordinación respecto do home». O artigo 1.º define, por primeira vez, a violencia cara á muller como «todo acto violento baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual

ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública coma na privada».

III

En 1995 a Declaración de Beijing, xurdida da IV Conferencia mundial sobre a muller, aprobou a Plataforma de acción co fin de potenciar o papel das mulleres en todas as esferas da vida. Nela recoñécese que a violencia de xénero é un obstáculo para o logro de obxectivos de igualdade, desenvolvemento e paz, que menoscaba ou impide o gozo pola muller dos seus dereitos humanos e das liberdades fundamentais. Cómpre destacar como o documento equipara por primeira vez a violencia contra as mulleres como violencia de xénero, entendendo esta como unha construción cultural que rexe as relacións sociais e de poder entre os sexos. Esta construción cultural é a base sobre a que se establecen os códigos normativos e axiolóxicos a partir dos cales podemos falar do masculino e do feminino nun marco de relacións de poder asimétricas, pero susceptibles de seren modificadas no tempo a través dos procesos de socialización.

En 2002 a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, na súa Resolución 2002/52, sobre a eliminación da violencia contra a muller, á vez que condena claramente todos os actos de violencia perpetrados contra as mulleres e as nenas, inclúe na súa definición sobre a violencia de xénero non só as distintas manifestacións que dela xa foran incluídas nesta categoría, senón tamén outras novas como «os crimes pasionais, o matrimonio precoz e forzado, o infanticidio de nenas, os ataques de ácido e a violencia relacionada coa explotación sexual comercial e a explotación económica.»

Entre outras disposicións, o Manifesto das mulleres con discapacidade de Europa, adoptado en Bruxelas o 22 de febreiro de 1997 polo Foro Europeo da Discapacidade, establece recomendacións relativas á violencia, ao abuso sexual e á seguridade das mulleres e nenas con discapacidade dirixidas aos estados membros da UE.

IV

A Constitución española, no seu artigo 14, proscribe toda discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2, consagra a obriga dos poderes públicos de promoveren as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións nas que se integra sexan reais e efectivas. No Estado español producíronse adiantos lexislativos en materia de loita contra a violencia de xénero; así, a Lei orgánica 11/2003, do 29 de setembro, de medidas concretas en materia de seguridade cidadá, violencia doméstica e integración social dos estranxeiros; a Lei orgánica 15/2003, do 25 de novembro, pola cal se modifica a Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do código penal; ou a Lei 27/2003, do 31 de xullo, reguladora da orde de protección das vítimas da violencia doméstica, que estableceu un novidoso sistema de coordinación dos órganos xudiciais e administrativos, concentrando nunha única resolución xudicial a adopción de medidas de natureza civil e penal e a activación dos instrumentos de protección

social destinados ao amparo e apoio das mulleres que sofren violencia de xénero.

A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, recoñece un feito diferencial de xénero e recolle no artigo 19, co título «Dereito á asistencia social integral», que «as mulleres vítimas de violencia de xénero teñen dereito a servizos sociais de atención, de emerxencia, de apoio e acollemento e de recuperación integral. A organización destes servizos por parte das comunidades autónomas e das corporacións locais responderá aos principios de atención permanente, actuación urxente, especialización de prestacións e multidisciplinariedade profesional».

V

Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 4 do Estatuto de autonomía para Galicia sinala que lles corresponde aos poderes públicos galegos promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, removeren os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitaren a participación das galegas e dos galegos na vida política, económica, cultural e social; e de conformidade co artigo 27.23 do Estatuto de autonomía para Galicia, e cos reais decretos de transferencia 2411/1982, do 24 de xullo, e 534/1984, do 25 de xaneiro, Galicia posúe competencias exclusivas en materia de asistencia social.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, dedicou os seus artigos 19 e 20 á regulación da violencia contra as mulleres. Neles contéñense previsións xerais sobre as medidas precisas para a erradicación da violencia contra as mulleres, así como algunhas actuacións xudiciais en materia de violencia contra as mulleres, aínda que a día de hoxe se ve necesario un marco normativo propio e completo nesta materia que faga da prevención o piar básico da acción administrativa nesta materia, que facilite un adecuado apoio á loita social contra a violencia de xénero e que remova vellos estereotipos sexistas e pula por unha sociedade sen violencia. Con esta lei preténdese dotar os poderes públicos e a sociedade galega dun instrumento acaído para prever, tratar e erradicar a violencia de xénero e, á fin, conseguir unha verdadeira realización do principio de igualdade.

VI

Os seres humanos vivimos un proceso constante de socialización, de aí a importancia que cobra a sensibilización sobre a violencia de xénero como un elemento que promova cambios de valores e actitudes no conxunto da sociedade, así como a formación das e dos profesionais que traballan directa ou indirectamente con mulleres que poden estar en situación de sufrila. Considérase que a actualización en materia de igualdade das e dos profesionais é unha garantía para o bo funcionamento das medidas de atención e acompañamento ás mulleres que se implementan no seguinte texto. Son as e os profesionais máis achegados á cidadanía os primeiros en poder detectar situacións de violencia e tamén os máis indicados para dar unha resposta pronta e axeitada. Por este motivo, as administracións deben comprometer os seus esforzos en dar unha formación que elimine mitos sobre a violencia de xénero e prepare as e os profesionais para facer efectivos os protocolos de actuación que se desprenden do texto desta

lei.

Por último, se o traballo en prevención é un traballo de futuro e se establece a medio e longo prazo, é necesaria unha resposta inmediata para as mulleres que están sufrindo violencia de xénero en Galicia.

VII

No presente texto lexislativo establécense medidas conducentes a coordinar e planificar os recursos necesarios a través dunha correcta rede que integre medidas de información, de recuperación psicolóxica, de apoio económico, de inserción laboral e de acceso á vivenda.

VIII

A lei estrutúrase nun título preliminar, tres títulos e as correspondentes disposicións adicionais, derrogatoria e derradeiras.

No título preliminar defínese o obxecto da lei e descríbense as diferentes formas de violencia de xénero. Así, a lei ten por obxecto a adopción de medidas integrais dirixidas á prevención e atención para o tratamento da violencia exercida contra as mulleres, así como a protección e asistencia ás vítimas. Ademais, quedan dentro do ámbito de aplicación da lei todas as mulleres que vivan, residan ou traballen en Galicia e sufran calquera das formas de violencia descritas. As situacións de violencia sobre as mulleres afectan tamén as e os menores que se encontran no medio familiar, vítimas indirectas desta violencia. Esta lei prevé tamén a súa protección non só para a tutela dos dereitos das e dos menores, senón para garantir de forma efectiva as medidas de protección e atención adoptadas con carácter xeral.

No título I regúlanse as medidas de prevención da violencia de xénero. Ao longo dos tres capítulos deste título abórdanse: en primeiro lugar, as medidas precisas para unha adecuada sensibilización social fronte a este problema, así como o papel primordial que deben cumprir os medios de comunicación social neste eido; en segundo lugar, as medidas de investigación e formación; en terceiro lugar, as medidas que se deben adoptar no eido da educación regrada, entre as que cómpre salientar a revisión e adaptación do currículo educativo.

O título II regula as accións dos poderes públicos e das e dos profesionais precisas para protexer e asistir as mulleres que sofren violencia de xénero. Para isto garánteselles unha asistencia sanitaria, xurídica, social e psicolóxica integral ás mulleres que sufran violencia. Os dispositivos de alarma (teleasistencia) e os programas de reeducación son tamén instrumentos básicos para protexer a aquelas que sufran violencia. Agora ben, todas estas medidas non son suficientes se ao final as vítimas carecen dos recursos precisos para iniciar unha nova vida en liberdade e afastada dos seus agresores. Con este fin, e seguindo o camiño aberto pola prestación periódica de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero (salario da liberdade), non só se regulan prestacións económicas, senón tamén un proceso abreviado para a obtención da risga e axudas escolares para as fillas e os fillos que sufrisen violencia no seu contorno. Co mesmo fin, créase o Fondo Galego de Garantía de

Indemnizacións e establécense accións en materia de acceso a unha vivenda digna.

O título III dedícase á organización do sistema de protección e asistencia integral e especializada fronte á violencia de xénero. Nese eido cómpre salientar a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero e das oficinas de información ás vítimas dos delitos.

Esta lei foi sometida a ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Título preliminar

Disposicións xerais

Artigo 1.-Obxecto.

1. Constitúe o obxecto desta lei a adopción en Galicia de medidas integrais para a sensibilización, a prevención e o tratamento da violencia de xénero, así como a protección e o apoio ás mulleres que a sofren.

2. Para os efectos desta lei, enténdese por violencia de xénero calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada.

Artigo 2.-Ámbito de aplicación.

As medidas previstas nesta lei serán aplicables a todas as mulleres que vivan, residan ou traballen en Galicia e que se atopen nunha situación de violencia de xénero, así como ás súas fillas e aos seus fillos e a outras persoas delas dependentes, vítimas directas e indirectas.

Artigo 3.-Formas de violencia de xénero.

Para os efectos desta lei, considéranse formas de violencia de xénero, fundamentalmente, as seguintes:

a) Violencia física, que inclúe calquera acto de forza contra o corpo da muller, con resultado ou risco de producir lesión física ou dano, exercida por quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen estea ou estivese ligado a ela por análoga relación de afectividade, aínda sen convivencia.

Igualmente, terán a consideración de actos de violencia física contra a muller os exercidos por homes do seu contorno familiar ou do seu contorno social e/ou laboral.

b) Violencia psicolóxica, que inclúe toda conduta, verbal ou non verbal, que produza na muller desvalorización ou sufrimento, a través de ameazas, humillacións ou vexacións, esixencia de obediencia ou submisión, coerción, insultos, illamento, culpabilización ou limitacións do seu ámbito de liberdade, exercida por quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen estea ou estivese ligado a ela por análoga relación de afectividade, aínda sen convivencia.

Igualmente, terán a consideración de actos de violencia psicolóxica contra a muller os exercidos por homes do seu contorno familiar ou do seu contorno social e/ou laboral.

c) Violencia económica, que inclúe a privación intencionada, e non xustificada legalmente, de recursos para o benestar físico ou psicolóxico da muller e das súas fillas e fillos ou a discriminación na disposición dos recursos compartidos no ámbito da convivencia de parella.

d) Violencia sexual e abusos sexuais, que inclúen calquera acto de natureza sexual forzada polo agresor ou non consentida pola muller, e que abarcan a imposición, mediante a forza ou con intimidación, de relacións sexuais non consentidas, e o abuso sexual, con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella, afectiva ou de parentesco coa vítima.

e) Acoso sexual, que inclúe aquelas condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou para unha terceira persoa, nas que o suxeito activo se prevale dunha situación de superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no ámbito da devandita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou dun premio no ámbito desta.

f) O tráfico de mulleres e nenas con fins de explotación, calquera que fose a relación que una a vítima co agresor e o medio utilizado.

g) Calquera outra forma de violencia recollida nos tratados internacionais que lesione ou sexa susceptible de lesionar a dignidade, a integridade ou a liberdade das mulleres.

Artigo 4.-Principios xerais.

Os principios xerais que orientan o contido desta lei son:

1. Consideración da violencia de xénero como unha forma extrema de desigualdade, incidindo unha parte importante da lei na prevención da violencia a través da sensibilización, a investigación e a formación en materia de igualdade.

2. Carácter integral. Esta lei ten un carácter integral, que implica de xeito coordinado as diferentes instancias e administracións que teñen un papel destacado na prevención e no tratamento da violencia de xénero. As medidas previstas teñen en conta a totalidade de danos que as mulleres sofren como consecuencia da violencia de xénero, asegurando un acceso rápido, transparente e eficaz aos servizos e recursos.

3. Perspectiva de xénero. Na totalidade das actuacións previstas nesta lei implementarase a perspectiva de xénero, baseada na análise dos roles de xénero tradicionalmente impostos, que sitúan a violencia como un mecanismo de control cara á muller.

4. Vitimización secundaria. Todas as accións que as administracións públicas realicen contra a violencia de xénero evitarán a vitimización secundaria das mulleres e non reproducirán ou perpetuarán os estereotipos sobre as mulleres e a violencia de xénero, polo que deberán garantir a especialización dos colectivos profesionais que interveñen no proceso. As administracións públicas procurarán en todo momento que as mulleres teñan garantida a súa integridade psicolóxica e a súa autonomía social e económica a través dos recursos axeitados.

5. Cooperación e coordinación. Os poderes públicos galegos intensificarán as accións para a cooperación e coordinación interinstitucional dos recursos e instrumentos contra a violencia de xénero, promovendo a colaboración e a participación das asociacións de mulleres, así como das entidades e organizacións da sociedade civil. Os concellos como administración máis próxima á cidadanía participarán no desenvolvemento desta lei, habilitándose por parte da administración galega os recursos necesarios para tal fin.

6. Equidade territorial. No desenvolvemento da rede de recursos e servizos de prevención, atención, apoio, tratamento e protección da violencia de xénero terase en conta a necesidade de compensar os desequilibrios territoriais, garantindo o seu acceso á totalidade das mulleres, especialmente ás que viven no ámbito rural.

Artigo 5.-Acreditación da situación de violencia de xénero.

Para os efectos desta lei, a situación de violencia acreditarase por calquera das seguintes formas:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

c) Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

g) Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

Título I

Prevención da violencia de xénero

Capítulo I

Medidas de sensibilización contra a violencia

de xénero

Artigo 6.-Deseño, elaboración e difusión de campañas.

1. O departamento competente en materia de igualdade, en coordinación cos restantes departamentos da Xunta de Galicia, poñerá en marcha, de xeito periódico, campañas de información e sensibilización que teñan como obxectivo mudar os estereotipos sexistas e que incidan no rexeitamento social sobre todas as formas de violencia de xénero. As campañas terán especial divulgación nos medios de comunicación de titularidade pública, nos centros escolares, educativos, sociais, sanitarios, laborais, culturais e deportivos.

2. As campañas que se desenvolvan dedicarán atención específica á sensibilización e á formación da poboación xuvenil na prevención e identificación de actitudes que constitúan actos de violencia de xénero. Así mesmo, as campañas farán posible a súa accesibilidade ás mulleres con máis dificultades para achegarse aos recursos e á información. As campañas faranse nun formato accesible e comprensible ás persoas con diversidade funcional, utilizando a linguaxe de signos ou outras modalidades de comunicación.

Deseñaranse campañas específicas que teñan en conta as circunstancias que dificultan ás mulleres do ámbito rural o acceso á información, e colaborarán no desenvolvemento delas coas asociacións de mulleres rurais.

3. Así mesmo, a Xunta de Galicia poñerá en marcha os acordos necesarios con outras administracións públicas para garantir a difusión das campañas de sensibilización entre os centros dependentes da Administración local, da Administración de xustiza e entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local.

4. Igualmente, a Xunta de Galicia levará a cabo accións de sensibilización dirixidas á poboación masculina, que incidan na necesidade de promover unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes.

5. As campañas de información e sensibilización contra a violencia de xénero serán avaliadas regularmente.

Artigo 7.-Fomento do movemento asociativo.

1. O departamento competente en materia de igualdade establecerá anualmente un plan de axudas económicas destinadas ás asociacións de mulleres con sede en Galicia para o desenvolvemento de actividades que promovan a prevención, protección, asistencia e acompañamento ás mulleres que sofren violencia de xénero.

2. O departamento competente en materia de igualdade establecerá axudas económicas destinadas a que o movemento asociativo en Galicia desenvolva actividades que promovan a prevención e a erradicación da violencia de xénero.

Artigo 8.-Actividades culturais e artísticas.

A Administración da Xunta de Galicia impulsará todo tipo de manifestacións culturais e artísticas que potencien aspectos recollidos nesta lei, nas que se propoñan estratexias ou espazos dirixidos a sensibilizar a sociedade na prevención e no tratamento da violencia de xénero.

Artigo 9.-Tratamento da información.

1. A Xunta de Galicia, a través dos departamentos competentes no ámbito da comunicación, garantirá que os medios de comunicación de titularidade pública, nomeadamente a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e aqueloutros nos que participe ou que financie, non emitan na súa programación imaxes ou contidos que resulten contrarios á finalidade e ao espírito desta lei e da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, tendo especial coidado no tratamento gráfico da información.

2. Igualmente, a Xunta de Galicia velará para que nos medios de comunicación de Galicia se ofreza un tratamento axeitado das noticias sobre violencia de xénero, e promoverá que cando se difundan novas relativas á violencia de xénero se agreguen pautas informativas dos recursos de prevención, asistencia e protección existentes en Galicia e que garden relación co feito difundido. Así mesmo, promoverase que as informacións relativas á violencia sobre a muller velen polo dereito á intimidade das vítimas e das súas fillas e fillos.

3. O departamento competente en materia de igualdade elaborará e difundirá un manual de estilo dirixido a que as e os profesionais dos medios de comunicación impriman o tratamento mediático axeitado ás informacións relacionadas coa violencia de xénero. A Compañía de Radio-Televisión de Galicia asumirá como propio o citado manual de estilo.

Artigo 10.-Convenios de autorregulación.

A Xunta de Galicia promoverá acordos e convenios de autorregulación en todos os medios de comunicación social, achegando os criterios orientadores que sirvan como pauta de actuación sobre como tratar a violencia de xénero e a imaxe das mulleres. Estas normas de autorregulación terán carácter de códigos deontolóxicos ou de contido ético.

Artigo 11.-Contidos e publicidade en relación coa violencia de xénero.

1. Nos medios de comunicación social que actúen no ámbito de Galicia evitarase a realización e difusión de contidos e anuncios publicitarios que mediante o seu tratamento ou posta en escena xustifiquen, banalicen ou inciten á violencia de xénero, ou nos que se conteñan, tácita ou implicitamente, mensaxes misóxinas ou que atenten contra a dignidade das mulleres.

2. A publicidade institucional e a publicidade dinámica en Galicia respectarán as disposicións establecidas sobre publicidade e velarán especialmente polo respecto aos principios especificados no punto 1 deste artigo.

3. A Xunta de Galicia poderá exercer ante os tribunais a acción de cesación da publicidade ilícita por utilizar de forma vexatoria ou discriminatoria a imaxe das mulleres.

Capítulo II

Medidas de investigación e de formación en materia de violencia de xénero

Artigo 12.-Potenciación da investigación sobre a violencia de xénero.

1. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, en colaboración cos restantes departamentos da Administración autonómica, potenciará nas universidades galegas e noutros entes, espazos ou organismos, a investigación sobre as causas e consecuencias da violencia de xénero, así como sobre os medios necesarios para evitala, o grao de sensibilización da sociedade ante ela e os medios necesarios para o seu tratamento. Neste sentido articularanse medidas de apoio á elaboración de teses de doutoramento e cátedras específicas que versen sobre o estudo da violencia contra as mulleres e os principios que inspiran esta lei.

2. Igualmente, a Xunta de Galicia difundirá o resultado dos estudos e das investigacións que se consideren de interese. A difusión realizarase de xeito universal e gratuíto, e terá en conta a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación.

Artigo 13.-Rexistros administrativos.

A Xunta de Galicia garantirá a existencia de rexistros administrativos para unificar e actualizar os datos sobre a situación das mulleres que sofren violencia de xénero en Galicia, así como sobre a situación das nenas e dos nenos que no seu ámbito familiar conviven con este tipo de situacións, segundo o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 14.-Formación nas universidades.

As administracións educativas e universidades, no ámbito das súas competencias, asegurarán que na totalidade dos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios en disciplinas que habiliten para o exercicio de profesións que teñan relación directa coa violencia de xénero se incorporen contidos relacionados coa comprensión desta violencia, dirixidos á capacitación para a prevención, detección precoz, intervención e/ou apoio ás mulleres que a sofren.

Artigo 15.-Formación da totalidade das e dos profesionais.

1. A Xunta de Galicia garantirá, nos termos que se establezan regulamentariamente, e promoverá, mediante os instrumentos necesarios, a formación en igualdade de todas e todos os profesionais que traballan en ámbitos relacionados directa ou indirectamente coa violencia de xénero, e en especial das e dos profesionais da sanidade, dos servizos sociais, dos educativos, das Forzas e Corpos de Seguridade e das operadoras e dos operadores xurídicos.

2. Para estes efectos, o departamento competente e todos aqueles organismos e entidades que imparten formación velarán para que na formación inicial e nos seus programas formativos se incorporen módulos específicos de prevención, atención, asistencia e/ou tratamento de situacións de violencia de xénero.

3. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, deseñará programas específicos de formación en materia de violencia de xénero e poñeraos á disposición de calquera ente, organismo ou departamento, e da sociedade en xeral, para a súa aplicación nas diversas accións formativas.

Capítulo III

Medidas no ámbito educativo

Artigo 16.-Actitudes.

A Administración educativa galega, en colaboración co departamento competente en materia de igualdade, impulsará a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de comportamentos e actitudes sexistas e da violencia de xénero, destinadas a afondar nas estratexias para a análise e resolución dos conflitos, así como na aprendizaxe da convivencia baseada no respecto a todas as persoas, garantindo e fomentando actitudes, valores e capacidades que contribúan a un pleno desenvolvemento en igualdade.

Artigo 17.-Escolarización inmediata en caso de violencia de xénero.

A Xunta de Galicia asegurará a escolarización inmediata das nenas e dos nenos que se vexan afectados por cambios de centro derivados de situacións de violencia de xénero. Así mesmo, facilitará que os centros educativos lles presten unha atención especial ao devandito alumnado.

Artigo 18.-Edición e adaptación de materiais.

1. O departamento competente en materia de igualdade e o departamento competente en materia de educación velarán para que, no ámbito das súas competencias, non se utilicen materiais educativos e libros de texto que inclúan contidos que vulneren o principio de igualdade.

Co mesmo fin revisaranse e adaptaranse as materias do ámbito educativo non regulado.

2. O departamento da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade e o departamento da Xunta de Galicia competente en materia de educación desenvolverán e difundirán proxectos e materiais didácticos actualizados, dirixidos a todos os niveis educativos, que conteñan pautas de conduta que transmitan valores de respecto e igualdade, de xeito que se favoreza a prevención de actitudes e situacións violentas.

Artigo 19.-Revisión e adaptación do currículo educativo.

O departamento da Xunta de Galicia competente en materia de educación, co obxecto de garantir a igualdade real entre mulleres e homes, velará para que se garanta a perspectiva de xénero nos contidos, procedementos, actitudes e valores que conforman o currículo en todos os niveis educativos.

En todo caso, os currículos dos distintos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades do sistema educativo adaptaranse ao disposto no artigo 9 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Promoverase a inclusión de contidos relacionados coa educación para a paz e a non violencia e o fomento do principio de igualdade nos programas de educación para persoas adultas.

Artigo 20.-Plans de acción titorial.

Os plans de acción titorial de todos os niveis educativos incluirán apartados específicos destinados a potenciar modificacións nos modelos masculino e feminino, así como unha orientación de estudos e profesións baseada nas aptitudes e capacidades das persoas e non en estereotipos sexistas.

Artigo 21.-Proxectos educativos e curriculares de centro.

Os proxectos educativos de centro incorporarán a perspectiva de xénero na súa elaboración e no seu desenvolvemento. Os proxectos curriculares propiciarán medidas de coeducación nos contidos, nas actitudes e nos procedementos.

Artigo 22.-Consellos escolares e Consello Escolar de Galicia.

1. A Administración educativa galega, no ámbito das súas competencias, adoptará as medidas necesarias para garantir que os consellos escolares dos centros impulsen medidas educativas que promovan a igualdade real entre mulleres e homes, a coeducación e a prevención da violencia de xénero no centro educativo.

2. Garantirase a representación e participación no Consello Escolar de Galicia do órgano da Administración autonómica que exerza a competencia en materia de igualdade.

3. O Consello Escolar de Galicia, en colaboración co departamento da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade, elaborará un informe anual sobre a situación da coeducación e prevención da violencia de xénero nos centros educativos de Galicia.

Artigo 23.-Inspección educativa.

Os servizos de inspección educativa do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de educación velarán polo cumprimento e pola aplicación de todos os principios recollidos neste capítulo no sistema educativo, destinados a fomentar a igualdade real entre mulleres e homes.

Título II

Protección e asistencia fronte a violencia de xénero

Capítulo I

Medidas no ámbito sanitario e psicolóxico

Artigo 24.-Dereito á atención sanitaria.

1. Os servizos públicos de saúde garantiranlles ás mulleres que sofren ou sufrisen calquera tipo de violencia de xénero que recolle esta lei o dereito á atención sanitaria e ao seguimento da evolución do seu estado de saúde, ata o seu total restablecemento, no concernente á sintomatoloxía ou ás secuelas derivadas da situación de violencia sufrida.

2. Nestes supostos, os servizos serán gratuítos e accesibles con carácter preferente, se é o caso, para todas as mulleres que sufran ou sufrisen violencia de xénero, garantindo a privacidade e a intimidade das mulleres e respectando as decisións que elas acaden.

3. Os plans de saúde da Xunta de Galicia, e nomeadamente o Plan de atención integral á saúde das mulleres, preverán na súa redacción inicial ou nas súas revisións periódicas medidas específicas para a prevención, detección, atención e intervención nos casos de violencia de xénero. Así mesmo, nos devanditos plans implementaranse disposicións específicas que contribúan a avaliar o impacto e os efectos da violencia de xénero sobre a saúde das mulleres.

4. Así mesmo, estableceranse en todas as medidas anteriores actuacións e protocolos sanitarios específicos para a detección, a intervención e o apoio de situacións de violencia contra as mulleres con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade.

Artigo 25.-Atención psicolóxica.

1. A asistencia psicolóxica inmediata será considerada como un servizo de atención primaria, en coordinación coa atención especializada nas áreas sanitarias, e deberá procurar a desaparición da sintomatoloxía presentada e a total rehabilitación psicolóxica para conseguir unha recuperación integral das mulleres, achegándolles mecanismos que promocionen a súa autonomía e lles impidan verse de novo envoltas en relacións de maltrato.

2. Recoñécese o dereito á asistencia psicolóxica gratuíta para as mulleres que sufran violencia de xénero, que comprenderá a atención inicial e o seguimento durante todo o proceso terapéutico. Consideraranse prioritarias as intervencións con mulleres que se atopen nunha situación de violencia e presenten problemas de saúde mental, dependencia de substancias aditivas e/ou outras patoloxías que requiran un tratamento psicolóxico específico.

3. Recoñécese o dereito á asistencia psicolóxica gratuíta para as e os menores e para outras persoas dependentes que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero, que comprenderá medidas de apoio psicosocial específicas e adaptadas ás súas características e necesidades.

4. A Xunta de Galicia desenvolverá programas de atención psicolóxica gratuíta destinados a homes con problemas de violencia machista.

Artigo 26.-Protocolo de actuación.

1. O departamento da Xunta de Galicia competente no ámbito sanitario elaborará, nos termos que se establezan regulamentariamente, un protocolo que prevexa pautas uniformes de actuación sanitaria. Así mesmo, elaborará os procedementos de coordinación das distintas instancias que interveñen de xeito específico na atención sanitaria das mulleres que sofren violencia de xénero, en colaboración co departamento da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade.

2. Deseñaranse medidas para a detección precoz da violencia de xénero entre as mulleres a as súas fillas e fillos menores de idade e establecerase un cuestionario para a detección precoz da violencia de xénero na atención primaria e un parte de lesións único e universal para todos os centros sanitarios de Galicia, que será de obrigado cumprimento para todas e todos os profesionais.

Artigo 27.-Rexistro de casos.

1. O departamento da Xunta de Galicia competente no ámbito sanitario implantará un sistema de rexistro de casos de violencia de xénero nos servizos sanitarios, que permita dimensionar o problema, e do que lle facilitará información periódica ao departamento da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade, segundo o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Nas enquisas de saúde incluiranse indicadores sobre a violencia de xénero.

Capítulo II

Medidas no ámbito xudicial

Artigo 28.-Atención xurídica.

1. As mulleres en situación de violencia de xénero teñen dereito a recibir toda a información xurídica relacionada coa situación de violencia. O Servizo de Atención 24 horas, previsto no artigo 51 desta lei, garantirá, en todo caso, a atención xurídica permanente, todos os días e horas do ano, en casos de violencia de xénero.

2. O servizo de orientación xurídica dos colexios profesionais da avogacía de Galicia garantirá unha información e atención xurídica especializada en materia de violencia de xénero. As persoas profesionais que presten estes servizos haberán de efectuar cursos de formación específica en materia de violencia contra as mulleres como requisito para a súa adscrición a eses servizos.

Artigo 29.-Asistencia letrada.

1. As mulleres en situación de violencia de xénero terán dereito á asistencia xurídica gratuíta na forma establecida na Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, modificada pola Lei 16/2005, do 18 de xullo, e pola Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

2. Para os efectos do previsto no artigo 3.3 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, os medios económicos das mulleres que acrediten por calquera dos medios previstos no artigo 5 desta lei atoparse en situación de violencia de xénero serán valorados individualmente, cos límites establecidos na lexislación aplicable.

3. A totalidade dos colexios profesionais da avogacía de Galicia dispoñerán dunha quenda de oficio en materia de violencia de xénero, debendo superarse, para o acceso a ela, os cursos de formación ou perfeccionamento que se establezan. Igualmente, adoptarán as medidas necesarias para a designación urxente de letrada ou letrado de oficio nos procedementos que se sigan por violencia de xénero, tal e como recolle a lexislación vixente na materia a nivel estatal.

4. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de xustiza, garantirá que as avogadas ou avogados e, se procede, procuradoras ou procuradores que asistan ás mulleres vítimas de violencia de xénero posúan formación especializada nesta materia.

Artigo 30.-Exercicio da acción popular.

1. A Administración da Xunta de Galicia poderá exercer a acción popular, nos procedementos penais por violencia de xénero, na forma e nas condicións establecidas pola lexislación procesual.

2. O exercicio da acción popular por parte da Administración da Xunta de Galicia non se levará a cabo en caso de negativa expresa por parte da muller vítima de violencia de xénero ou, se é o caso, de quen exerza a súa representación legal.

Artigo 31.-Comparecencia da Xunta de Galicia nos procedementos penais iniciados por causas de violencia de xénero.

1. Nos casos nos que proceda, a Xunta de Galicia poderá acordar a súa presenza nos procedementos penais instados por causa de violencia de xénero, en calidade de parte prexudicada civilmente, conforme o establecido no artigo 110 da Lei de axuizamento criminal.

2. A representación e defensa en xuízo corresponderalle á Xunta de Galicia, sen prexuízo de que as mencionadas funcións de representación e defensa en xuízo poidan ser encomendadas a un ou a máis profesionais da avogacía colexiados en exercicio, conforme a normativa reguladora dos servizos xurídicos da Administración autonómica, de acordo co previsto no artigo 447 da Lei orgánica do poder xudicial.

Artigo 32.-Intervención da administración

1. O departamento competente en materia de menores, cando teña coñecemento dunha situación na que as e os menores convivan en situacións de violencia de xénero, intervirá segundo o disposto na Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, e na súa normativa de desenvolvemento, para avaliar e realizar un seguimento da situación das e dos menores.

2. Cando o departamento competente en materia de menores aprecie que calquera menor, como consecuencia dunha situación de violencia de xénero, se atopa nunha situación de desamparo, segundo o establecido na lexislación vixente, declarará a devandita situación e asumirá a tutela, para o que se acordará a medida de protección que proceda.

Capítulo III

Outras medidas de apoio e protección

Artigo 33.-Deseño e implantación de dispositivos de alarma

1. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de políticas de igualdade, coordinará a implantación dos diversos dispositivos de alarma que no seu territorio se poñan á disposición das mulleres que sofren violencia de xénero, e tenderá a unificalos.

2. Igualmente, a Xunta de Galicia, a través dos departamentos competentes en materia de políticas de igualdade, de xustiza, de interior, de protección civil e de investigación, innovación e desenvolvemento deseñará e implantará sistemas especiais de protección para as mulleres que estando nunha situación de risco os necesiten.

Artigo 34.-Programas de intervención con homes en relación coa violencia de xénero.

1. A Xunta de Galicia, a través dos departamentos competentes en materia de igualdade e de xustiza, facilitaralles, a aqueles agresores que o soliciten, a incorporación a programas específicos de reeducación. Para iso, poderán subscribirse convenios de colaboración con outras administracións públicas e organismos competentes, con capacidade e experiencia na materia.

2. Os programas de reeducación social comprenderán tratamento psicolóxico, mecanismos de readaptación, resocialización, rehabilitación e outros procedementos técnicos aconsellables. Os devanditos programas desenvolveranse segundo criterios de calidade que garantan unha intervención profesionalizada na que se inclúa a perspectiva de xénero.

Capítulo IV

Medidas no ámbito da formación e do emprego

Artigo 35.-Medidas específicas no ámbito da formación e do emprego.

1. Co fin de favorecer a integración sociolaboral das mulleres que sofren violencia de xénero, a Xunta de Galicia adoptará as seguintes medidas:

a) O establecemento das mulleres que sofren violencia de xénero como colectivo preferente na totalidade da normativa autonómica relativa ao establecemento de axudas e subvencións ás empresas para a contratación de persoal.

b) O establecemento dun réxime de axudas e subvencións específico para as empresas que contraten a mulleres que sofren violencia de xénero, establecendo medidas e accións para fomentar a súa contratación con carácter estable.

c) O establecemento dun réxime de axudas e subvencións para as mulleres que sofren violencia de xénero cando decidan constituírse como traballadoras autónomas. Neste caso, estableceranse tamén axudas para garantir apoio e seguimento titorial personalizado do seu proxecto.

d) O establecemento dun réxime de axudas e subvencións para o fomento do emprego das mulleres que sofren violencia de xénero a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

e) A integración preferente das mulleres que sofren violencia de xénero en todos os programas de formación profesional, ocupacional e continua, e de inserción laboral que se poñan en marcha desde a Xunta de Galicia. Os cursos de formación profesional ocupacional deberán prever axudas económicas para as mulleres que sofren violencia de xénero, segundo as condicións que regulamentariamente se establezan.

2. O Servizo Público de Emprego de Galicia garantirá en todos os procedementos de selección que se efectúen a través das oficinas de emprego a preferencia das mulleres que sufran violencia de xénero, sempre e cando cumpran a totalidade dos requisitos establecidos nas ofertas de emprego.

3. As competencias da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos para protexer a seguridade e a saúde no traballo integrarán activamente entre os seus obxectivos e as súas actuacións o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes, e investigarán a influencia da violencia de xénero na aparición ou no agravamento de enfermidades profesionais ou na causa de accidentes de traballo.

Artigo 36.-Plans de igualdade nas empresas.

1. Os plans de igualdade das empresas fixarán obxectivos e actuacións concretas, e especificarán indicadores de boas prácticas encamiñadas a mellorar a situación das mulleres que sofren violencia de xénero, nos ámbitos da selección, contratación, promoción profesional, prevención da violencia e conciliación da vida persoal, familiar e profesional.

2. As convocatorias de axudas para o establecemento de plans de igualdade nas empresas terán en conta, como criterios preferenciais para os efectos de establecer as axudas e as súas contías, a existencia de medidas de apoio á inserción, permanencia e promoción laboral das mulleres en xeral, e das que sofren violencia de xénero en particular.

3. A Xunta de Galicia convocará liñas de axudas dirixidas ás empresas que asuman accións de responsabilidade social cando estas accións se refiran á implantación de medidas económicas, comerciais, laborais, sindicais ou asistenciais, coa finalidade de mellorar a situación das mulleres en xeral, e das que sofren violencia de xénero en particular.

Artigo 37.-Obriga de confidencialidade no ámbito laboral.

O empresariado, a representación sindical, os organismos competentes en materia de emprego e as entidades formadoras están obrigadas a gardar confidencialidade sobre as circunstancias persoais da muller que sufriu ou sofre violencia de xénero, segundo o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo V

Medidas de carácter económico

Artigo 38.-Valoración de rendas.

Co fin de favorecer a autonomía das mulleres que estean en situación de violencia de xénero, e para os efectos do dereito a percibir a renda de integración social de Galicia e as outras axudas económicas previstas nesta lei, quedan excluídos do cómputo das rendas os ingresos do agresor.

Artigo 39.-Prestacións periódicas.

1. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, establecerá unha prestación económica dirixida ás mulleres que sofren violencia de xénero. A devandita prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, e a tentar axudarlle a romper coa situación de violencia.

2. Esta prestación aboarase periodicamente, logo da acreditación da situación de violencia de xénero por calquera das formas previstas no artigo 5 desta lei, e será o departamento competente en materia de igualdade o encargado de regular as bases de convocatoria e as contías das axudas, dentro dos límites orzamentarios de cada anualidade.

Artigo 40.-Outras prestacións.

A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, regulará as bases da convocatoria e tramitará as axudas de pagamento que se definan na lexislación estatal, segundo o disposto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Artigo 41.-Procedemento abreviado para a percepción da renda de integración social de Galicia.

1. A Xunta de Galicia establecerá un procedemento abreviado para a tramitación, a concesión e o aboamento da renda de integración social de Galicia (Risga) para as mulleres que sufran violencia de xénero e cumpran os requisitos legais para a súa percepción. Para estes efectos, o recoñecemento do dereito á prestación e o seu aboamento efectivo efectuarase no prazo máximo dun mes desde a solicitude formulada pola interesada ante os servizos sociais correspondentes.

2. As mulleres acollidas en recursos de carácter residencial teñen dereito a percibir a renda de integración social de Galicia (Risga) aínda cando a súa manutención básica sexa cuberta por estes centros, sempre que se cumpran o resto de requisitos esixidos para a súa obtención.

Artigo 42.-Axudas escolares.

Para a concesión de axudas escolares, a Administración educativa galega, así como a Administración local, ponderarán como factor cualificado a situación de violencia de xénero no contorno familiar das e dos menores, especialmente para axudas en materia de gastos escolares, de transporte, de comedor e de actividades extraescolares.

Artigo 43.-Fondo Galego de Garantía de Indemnizacións.

1. A Xunta de Galicia concederá indemnizacións, que se aboarán por unha soa vez, na contía que regulamentariamente se estableza, a favor das mulleres que sofren violencia de xénero e/ou das e dos menores ou persoas dependentes afectadas que residan en Galicia e que non poidan percibir as indemnizacións que lles correspondan polos danos e as perdas causados, e que resultarán fixadas mediante sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

2. Estas indemnizacións aboaranse cando exista constatación xudicial de incumprimento do deber de satisfacelas por insolvencia económica e este incumprimento comporte unha situación de precariedade económica, de acordo cos límites e coas condicións que se fixen regulamentariamente.

3. As indemnizacións comezarán a concederse, nos supostos que proceda, no prazo máximo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei. Con este fin, a correspondente lei anual de orzamentos habilitará unha partida específica.

Artigo 44.-Dereito de acceso á vivenda.

A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de vivenda e en coordinación co departamento competente en materia de igualdade, garantirá, nos termos que se establezan regulamentariamente, o dereito a unha vivenda ás mulleres que sufran ou sufrisen violencia de xénero e se atopen nunha situación de precariedade económica. Poderán beneficiarse tanto das medidas para o acceso a unha vivenda en propiedade coma en réxime de aluguer.

Artigo 45.-Acceso prioritario ás vivendas de promoción pública.

Na adxudicación das promocións públicas de vivendas daráselles prioridade ás necesidades das mulleres que sufran violencia de xénero e se atopen nunha situación de precariedade económica.

Así mesmo, poderá reservarse un número de vivendas adaptadas para mulleres que sufran violencia de xénero con mobilidade reducida de carácter permanente.

Artigo 46.-Equipamentos sociais especializados.

As mulleres maiores e as mulleres afectadas de diversidade funcional que sufran violencia de xénero, así como as persoas delas dependentes, consideraranse colectivos preferentes para acceder aos equipamentos sociais especializados, nomeadamente residencias para persoas maiores e centros de día.

Título III

Da organización do sistema de protección

e asistencia integral e especializada fronte

á violencia de xénero

Artigo 47.-Criterios básicos.

1. Os centros e servizos que conforman os recursos de asistencia integral ás mulleres que sofren violencia de xénero teñen como finalidade básica achegarlles axuda e asistencia directa ás mulleres e ás persoas delas dependentes, e apoialas na procura de solucións dos conflitos que derivan da violencia.

2. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá que na totalidade dos centros e servizos que conforman os recursos de asistencia integral o traballo se realice desde unha perspectiva de xénero.

3. Garantirase que as mulleres con discapacidade que sufran unha situación de violencia de xénero teñan acceso integral á información sobre os seus dereitos e os recursos existentes, para o que se ofertará a información en formato accesible e comprensible.

Artigo 48.-Rede galega de acollemento.

1. Os centros de acollida son recursos especializados residenciais e temporais que lles ofrecen acollemento, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia de xénero e ás e aos menores ao seu cargo que requiren un espazo de protección debido á situación de indefensión ou risco causada pola violencia de xénero.

2. Poden ser titulares do dereito de acceso aos centros de acollida as mulleres que acrediten mediante calquera dos medios establecidos no artigo 5 a súa situación de violencia de xénero.

3. Os centros de acollida estarán atendidos por equipos multidisciplinares e garantirán un tratamento integral de atención e/ou de recuperación, que abranga aspectos psicolóxicos, educativos, sociolaborais e xurídicos e favoreza a normalización da situación persoal das mulleres, da súa unidade familiar e a superación dos efectos da violencia.

4. As normas e os requisitos específicos aos que terán que axustarse os centros de acollida estableceranse regulamentariamente.

Artigo 49.-Creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero.

1. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a creación dun Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero.

2. O Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero desenvolverá un modelo de atención integral, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico.

3. O Centro de Recuperación Integral actuará como centro coordinador da rede galega de acollemento.

Artigo 50.-Rede de información ás mulleres.

1. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, e en colaboración coas entidades locais, garantirá a existencia dunha rede de información ás mulleres, distribuída de xeito uniforme polo territorio galego.

2. A rede de información ás mulleres desenvolverá accións de carácter preventivo e de sensibilización. Así mesmo, facilitará información, orientación, derivación e seguimento ás mulleres que sofren violencia de xénero.

3. A rede de información ás mulleres funcionará en estreita colaboración cos servizos sociais, sanitarios e de orientación escolar, así como cos servizos de urxencia e de seguridade cidadá para a detección e prevención de situacións de violencia de xénero.

Artigo 51.-Servizo de Atención 24 horas.

1. O Servizo de Atención 24 horas, dependente do departamento competente en materia de igualdade, ofrecerá atención e información integral sobre os recursos públicos e privados ao alcance das mulleres en situacións de violencia de xénero.

2. Serán funcións do Servizo de Atención 24 horas:

a) Escoitar as demandas das mulleres e informar sobre as medidas que se van adoptar e os recursos dispoñibles.

b) Proporcionar asistencia axeitada fronte a situacións de vulnerabilidade emocional e psicolóxica.

c) Prestar asistencia e, de ser o caso, derivar ao recurso máis axeitado.

d) Colaborar e coordinarse coa rede de información ás mulleres, cos servizos de acollida temporal e con todos os servizos de urxencia nos casos necesarios.

O Servizo de Atención 24 horas funcionará todas as horas do día e todos os días do ano.

3. As mulleres poderán acceder ao Servizo de Atención 24 horas sen necesidade de achegar ningún tipo de acreditación da súa situación de violencia de xénero, conservando así mesmo o seu anonimato, sen necesidade de facilitar os seus datos de identificación persoal.

Artigo 52.-Punto de Coordinación das Ordes de Protección.

1. O Punto de Coordinación das Ordes de Protección dependente do departamento competente en materia de igualdade é o encargado de recibir a comunicación da totalidade das ordes de protección que se diten no territorio de Galicia.

2. Para estes efectos, o Punto de Coordinación das Ordes de Protección levará a cabo un seguimento individualizado de cada caso, poñéndose en comunicación coas mulleres que posúan unha orde de protección, coa finalidade de facilitarlles canta información demanden e articular unha actuación ordenada dos servizos asistenciais e de protección.

Artigo 53.-Puntos de encontro familiar.

1. O departamento competente en materia de igualdade garantirá a existencia de puntos de encontro familiar, como un servizo que facilita e preserva a relación entre as e os menores e as persoas das súas familias en situacións de crise, e que permite e garante a seguridade e o benestar das nenas e dos nenos e facilita o cumprimento do réxime de visitas.

2. A prestación deste servizo debe ser neutral e o seu caracter transitorio. Os puntos de encontro familiar contarán con persoal cualificado para o seguimento da evolución das relacións das nenas e dos nenos coas súas familias.

3. As normas e os requisitos específicos aos que terán que axustarse os puntos de encontro familiar estableceranse regulamentariamente.

Artigo 54.-Creación de oficinas de atención ás vítimas dos delitos.

1. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente na área de xustiza, garantirá a creación de oficinas de atención ás vítimas do delito, distribuídas de xeito equilibrado no territorio galego, dotadas de persoal cualificado, coa finalidade, entre outras, de lles ofrecer ás mulleres que sofren violencia de xénero información e apoio para que poidan exercer os dereitos que lles recoñece a lexislación vixente.

2. Os departamentos da Xunta de Galicia competentes nas áreas de xustiza e de igualdade coordinaranse para a planificación conxunta de procedementos e para a formación e actualización permanente do persoal técnico das oficinas na atención, na asistencia e no tratamento das mulleres que sofren violencia de xénero.

Artigo 55.-Titularidade e xestión dos servizos.

1. Os servizos do sistema de protección e asistencia integral serán de titularidade pública, municipal ou autonómica, e a súa coordinación e supervisión correspóndelle á Administración da Xunta de Galicia a través do departamento competente en materia de políticas de igualdade. Os devanditos servizos axeitarán os seus regulamentos de réxime interno ao disposto nesta lei así como ás demais disposicións que estableza a Xunta de Galicia.

2. A Xunta de Galicia garantirá un desenvolvemento territorialmente equilibrado do sistema de protección e asistencia integral das mulleres que sofren violencia de xénero.

3. Co fin de garantir unha protección e asistencia axeitada ás mulleres que sofren violencia de xénero, a Xunta de Galicia poderá establecer fórmulas de colaboración con entidades privadas sen fin de lucro.

Artigo 56.-Confidencialidade da información.

As administracións públicas titulares do sistema de protección e asistencia integral ás mulleres que sofren violencia de xénero garantirán, en todo caso, a confidencialidade da información que traten por razón das súas funcións, segundo o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposicións adicionais

Primeira.-Modificación da Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar

Un.-Modifícase o punto 1 do artigo 3, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Finalidade da mediación.

1. Os programas de mediación familiar terán como finalidade o asesoramento, a orientación e a procura dun acordo mutuo ou a aproximación das posicións das partes en conflito a prol de regular, de común acordo, os efectos da separación, do divorcio ou da nulidade do matrimonio, ou ben a ruptura da unión, así como en conflitos de convivencia, en beneficio da totalidade dos membros da unidade familiar.»

Dous.-Modifícase o punto 4 do artigo 6, que queda redactado como segue:

«4. O departamento da Xunta de Galicia competente en materia de igualdade, e en materia de familia, a través dos seus recursos propios, ofrecerá programas de mediación e de orientación familiar, de xeito individual ou dirixidos ás familias no seu conxunto cando exista unha situación de deterioración da convivencia familiar. Estes programas preverán de xeito prioritario a prevención de situacións de violencia de xénero. »

Tres.-Engádese un novo punto 2 bis no artigo 7, coa seguinte redacción:

«2 bis. O persoal especializado dos servizos de mediación elaborará, en cada caso, un informe no que se especifique a idoneidade do recurso de mediación.»

Catro.-Engádese un novo punto 4 no artigo 8, coa seguinte redacción:

«4. Interromperase, ou se é o caso non se iniciará, calquera proceso de mediación familiar cando nel estea implicada unha muller que sufrise ou sufra violencia de xénero.»

Segunda.-Acordos interinstitucionais e instrumentos de colaboración.

1. O Goberno da Xunta de Galicia impulsará a formalización e actualización de acordos interinstitucionais de coordinación entre as diversas instancias e administracións públicas con competencias na materia obxecto desta lei, que sirvan de canle de actuación e colaboración para conseguir, nos ámbitos policial, sanitario, social, xudicial, laboral, educativo e de investigación, unha atención e asistencia integral e coordinada ás mulleres que sofren violencia de xénero.

2. Sen prexuízo do establecido no apartado anterior, a Xunta de Galicia habilitará os instrumentos de colaboración necesarios para a prevención e o tratamento da violencia de xénero.

Terceira.-Competencias en materia de violencia de xénero da Policía de Galicia.

De conformidade co disposto na disposición transitoria quinta da Lei 8/2007, do 13 de xuño, de Policía de Galicia, o Goberno galego levará a cabo as xestións e actuacións necesarias para que se lle dea prioridade á transferencia ou delegación das competencias en materia de protección e asistencia ás mulleres vitimas de violencia de xénero.

Cuarta.-Información ao Parlamento de Galicia.

O Goberno da Xunta de Galicia remitiralle ao Parlamento de Galicia, con carácter anual, un informe sobre a situación da violencia de xénero en Galicia, que contará coas achegas de todos os departamentos implicados na prevención e no tratamento da violencia de xénero.

Quinta.-Creación do Consello Galego das Mulleres.

1. Créase o Consello Galego das Mulleres como órgano colexiado e institucional de Galicia, de carácter consultivo, de participación e asesoramento en materia de políticas de igualdade, que terá, entre outras, a función de colaborar co Goberno da Xunta de Galicia no desenvolvemento e aplicación desta lei, dado que é necesario recoñecer o importante labor desempeñado por moitas asociacións de mulleres na loita contra a violencia de xénero, así como establecer canles estables de interlocución entre a Administración galega e o tecido asociativo de mulleres que busquen o maior consenso posible no deseño de políticas contra a violencia machista.

2. A súa natureza, os seus fins, a súa composición e a súa adscrición estableceranse regulamentariamente.

Sexta.-Creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero.

1. Crearase o Observatorio Galego da Violencia de Xénero como órgano colexiado e institucional de Galicia, encargado do estudo, da avaliación e do seguimento das políticas contra a violencia de xénero que se desenvolvan en Galicia.

2. A súa natureza, os seus fins, a súa composición e a súa adscrición estableceranse regulamentariamente.

Sétima.-Creación da Comisión Interdepartamental de Igualdade.

1. Crearase a Comisión Interdepartamental de Igualdade como órgano colexiado e institucional de Galicia, á que lle corresponderán, entre outras, as funcións de seguimento da aplicación desta lei e dos correspondentes plans para a igualdade de oportunidades e de loita contra a violencia de xénero.

Igualmente, será obxecto desta comisión adaptar o plan de etapas de aplicación desta lei ás contías orzamentarias anuais consignadas para o seu desenvolvemento nas leis de orzamentos de cada exercicio.

2. As restantes funcións, o réxime de funcionamento, a composición e a adscrición estableceranse regulamentariamente.

Oitava.-Informes sobre o grao de desenvolvemento e repercusións económicas desta lei.

Para a correcta aplicación das medidas previstas nesta lei, as consellarías competentes nesta materia elaborarán informes sobre o seu grao de desenvolvemento, así como sobre as súas repercursións económicas, que serán presentados na Comisión Interdepartamental de Igualdade.

Novena.-Modificación da Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social.

Un.-Engádese un punto 10 ao artigo 24 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, que se redacta do seguinte xeito:

«10. Cando a persoa beneficiaria da renda de integración social de Galicia posúa a condición de vítima de violencia de xénero, a concesión da renda tramitarase por un procedemento abreviado e o seu aboamento efectivo efectuarase no prazo máximo dun mes desde a solicitude.»

Dous.-Engádese un punto 4 ao artigo 14 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, que se redacta do seguinte xeito:

«4. Para os efectos previstos nesta lei, nos casos de violencia de xénero non se considera o agresor membro integrante da unidade familiar da solicitante, polo que as súas rendas individuais non se computan como recursos económicos da unidade de convivencia».

Décima.-Dotación orzamentaria.

A Xunta de Galicia dotará anualmente os orzamentos necesarios para poñer en práctica as medidas que se desenvolvan en cumprimento desta lei.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría contradigan o disposto nesta lei, e en especial os artigos 19 e 20 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Facúltase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente