A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia prevé un sistema e defensa contra incendios forestais baseado, entre outros, na organización e xestión da biomasa en zonas estratéxicas.
O título III desta norma xurídica dedícase ás actuacións preventivas contra os incendios forestais, prestando especial atención á defensa das persoas e os bens ante a ameaza dos incendios forestais.
Como medida máis innovadora neste sentido incorpórase a xestión da biomasa a través do establecemento de redes de xestión que engloban os terreos contiguos aos núcleos de poboación, ás instalacións industriais e de recreo e ás infraestruturas de transporte e de distribución de enerxía eléctrica.
No artigo 1º delimítase o obxecto desta orde e o seu ámbito de aplicación.
O artigo 2º establece uns criterios xerais da xestión da biomasa vexetal, que deberán ser cumpridos acumulativamente en todas as zonas delimitadas no artigo 1º.
O artigo 3º establece uns criterios complementarios aos anteriores, o que supón un maior nivel de exixencia para os casos recollidos no artigo 21.1º.b) e 23 da Lei 3/2007, do 9 de abril, é dicir as franxas situadas arredor de calquera núcleo poboacional, edificación, urbanización, depósito de lixo, cámpings, instalacións recreativas, obras, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte, así como as novas edificacións e urbanizacións en zonas de alto risco de incendio.
O artigo 4º atende o suposto concreto das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa coincidentes cos espazos naturais protexidos, a que se refire a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, en cuxo caso a aplicación dos criterios recollidos nesta orde terán en conta os instrumentos de planificación dos recursos naturais a que se refire esta mesma lei.
O artigo 5º remite, para a sanción do incumprimento dos criterios establecidos nesta orde, ao artigo 50.2º.2) da Lei 3/2007, do 9 de abril.
A competencia para ordenar a xestión da biomasa vexetal correspóndelle á Xunta de Galicia, segundo se recolle no artigo 6.1º.g) da propia lei.
A devandita lei establece, no seus artigo 22.1º, e 23.2º.a) e b), que os criterios para a xestión da biomasa serán desenvolvidos mediante orde da consellería competente en materia forestal. Esta disposición dítase en desenvolvemento desa habilitación legal, fixando criterios de xestión da biomasa vexetal en base a parámetros técnicos usados comunmente, que servirán para evitar a presenza de material combustible no contorno de zonas estratéxicas e con iso reducir o risco de proliferación de incendios forestais.
Na súa virtude, no exercicio das facultades que me foron conferidas con base no artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
1. Esta orde regula os criterios de xestión da biomasa, en desenvolvemento do previsto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
2. Estes criterios aplicaranse ás redes secundarias de faixas de xestión de biomasa recollidas no artigo 21º da Lei 3/2007, que serán definidas nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, previstos no artigo 15º da mesma norma xurídica.
3. Así mesmo, serán de aplicación ao suposto de novas edificacións e urbanizacións situadas en zonas de alto risco de incendio, a que se refire o artigo 23º da Lei 3/2007, para a concreción das medidas previstas nas alíneas a) e b) do punto 2 deste artigo.
Artigo 2º.-Criterios xerais.
Nas zonas en que sexa obrigatorio realizar a xestión da biomasa consonte o establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a que se refire o artigo 1º desta orde, deberán ser cumpridos acumulativamente os seguintes criterios xerais:
1. No estrato arbóreo, as masas serán mixtas ou de frondosas caducifolias e a distancia entre plantas será, como mínimo, de 7 metros e mantendo as copas tanxentes. A poda debe ser do 35% da altura da árbore ata que esta atinxa os 11,4 metros, altura a partir da cal a poda debe alcanzar o mínimo de 4 metros por riba do solo.
2. No estrato arbustivo e herbáceo, a carga total non pode exceder os 2.000 m3/hectárea, debendo simultaneamente ser cumpridas as seguintes condicións:
a) Debe ser garantida a descontinuidade horizontal dos combustibles entre a infraestrutura e o límite externo da faixa de xestión da biomasa.
b) A altura máxima da vexetación, arbustiva e herbácea, é a que consta no cadro adxunto, variando en función da porcentaxe de cobertura do solo.
% do solo arbóreo cuberto: < 20.
Altura máxima da vegetación (cm): 100.
% do solo arbóreo cuberto: 20 a 50.
Altura máxima da vexetación (cm): 40.
% do solo arbóreo cuberto: > 50.
Altura máxima da vegetación (cm): 20.
3. Os estratos arbóreo, arbustivo e herbáceo remanentes deben ser organizados espacialmente de maneira que se evite a continuidade vertical dos diferentes estratos combustibles.
Artigo 3º.-Criterios complementarios
Nos supostos descritos na letra b) do punto 1º do artigo 21, así como no artigo 23º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, alén dos criterios xerais definidos no artigo anterior desta orde, deben ser cumpridos, acumulativamente, os seguintes criterios complementarios:
1. As copas das árbores e dos arbustos deberán estar distanciadas un mínimo de 10 metros da edificación e nunca se poderán proxectar sobre o seu tellado.
2. Non poderá haber ningunha acumulación de substancias altamente inflamables, agás o previsto na lexislación sectorial para depósito de combustibles.
Artigo 4º.-Espazos naturais protexidos.
No caso de terreos delimitados no ámbito das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa a que se refire o artigo 21º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, que, ao mesmo tempo, estean incluídos nun espazo natural protexido, os criterios de xestión de biomasa deberán ter en conta o previsto nos instrumentos de planificación dos recursos naturais.
Artigo 5º.-Infraccións e sancións.
O incumprimento dos criterios recollidos nesta orde constituirá a infracción administrativa tipificada no artigo 50.2º.2) da Lei 3/2007, do 9 de abril.
Disposición adicional única.
Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para ditar os actos e medidas necesarias para a aplicación do previsto nesta orde.
Disposición transitoria única.
Mentres non sexan aprobados os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito que definan as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa a que se refire o artigo 21º da Lei 3/2007, do 9 de abril, os criterios establecidos nesta orde serán aplicables nas zonas e prazos previstos na disposición transitoria terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril ou, de ser o caso, no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á proteción dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, aplicable consonte o previsto na disposición transitoria segunda da Lei 3/2007, do 9 de abril.
Disposición derradeira única.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2007.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural