DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 24 de agosto de 2007 Páx. 14.279

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 14 de agosto de 2007 pola que se regula o procedemento de integración do persoal da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés.

A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo engadiulle á Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, unha disposición adicional cuarta a cuxo teor autorizábase ao Consello da Xunta de Galicia «a adoptar as medidas tendentes á progresiva integración no réxime estatutario do persoal das fundacións públicas sanitarias, constituídas pola comunidade autónoma e das sociedades públicas autonómicas do sector sanitario». Tal disposición ten por finalidade acadar a identidade de condicións de traballo dos profesionais do sistema sanitario público de Galicia, sen prexuízo do carácter da institución en que prestan os seus servizos, en tanto que integrada na rede asistencial da Consellería de Sanidade.

Logo da negociación no seo da mesa sectorial, o Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade, vén establecer as bases ás que se suxeitarían os procedementos de integración voluntaria do persoal fixo das entidades afectas polo ámbito de aplicación e establecer os efectos da citada integración. Tal decreto non é senón trasunto do principio de homologación das condicións de traballo recollido na disposición adicional quinta da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde e da mentada disposición adicional cuarta da Lei 7/2003, do 9 de decembro, a prol da eficiencia do sistema sanitario público.

O artigo 3 do Decreto 91/2007, do 26 de abril, determina que os procesos de integración se articularán por orde da Consellería de Sanidade, na cal se recollerán as previsións necesarias para a súa adecuación ás bases do réxime estatutario en termos de homoxeneidade co citado réxime.

No marco destes antecedentes, a presente orde vén regular a convocatoria do procedemento de integración no réxime estatutario para o persoal laboral da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés, inspirado nos principios de voluntariedade para o persoal fixo, homologación e homoxeneidade das condicións coas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e universalidade.

A presente orde foi obxecto de negociación co comité de empresa da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés, e de posterior tratamento no seo da mesa sectorial.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei de Galicia 11/1988, do 20 de outubro, e polo Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O persoal laboral da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés poderá integrarse no réxime estatutario do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde recollido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e demais normas de concordante aplicación no ámbito do Servizo Galego de Saúde, nos termos establecidos na presente orde, sempre que cumpra os seguintes requisitos:

a) Posuír vínculo laboral fixo coa institución, suxeito ao convenio colectivo para o persoal laboral do sector sanitario de Galicia, xestionado por fundacións públicas sanitarias e empresas públicas, de conformidade co artigo 2.1º do Decreto 91/2007, do 26 de abril.

b) Estar en posesión da titulación exixida pola normativa estatutaria para o acceso á categoría básica de homologación.

c) Estar en situación de activo que non implique a suspensión do contrato de traballo ou en situación de suspensión do contrato de traballo por algunha das causas establecidas pola lexislación vixente ou polo convenio colectivo de aplicación, sempre que o interesado mantivese o dereito a solicitar o reingreso ou reincorporación á institución e non tivese transcorrido o tempo máximo da citada suspensión previsto en cada caso.

As solicitudes de integración do persoal que non cumprise os ditos requisitos serán desestimadas.

Artigo 2º

Non poderá exercer o dereito de opción á integración a que se refire a presente orde:

a) O persoal vinculado mediante contrato de alta dirección.

b) O persoal excluído do ámbito de aplicación do convenio colectivo para o persoal laboral do sector sanitario de Galicia, xestionado por fundacións públicas sanitarias e empresas públicas.

c) O persoal laboral temporal que estará suxeito ao establecido na disposición adicional segunda da presente orde.

Artigo 3º

O persoal cuxa opción fose estimada, consonte o establecido na presente orde e no Decreto 91/2007, do 26 de abril, quedará suxeito ao réxime xurídico e retributivo estatutario aplicable ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das peculiaridades derivadas do funcionamento da institución de destino.

O persoal integrado dependerá organizativa e funcionalmente da institución de destino, de conformidade co establecido no Decreto 91/2007, en función do vínculo orixinario coa dita institución e da causa que o motivou.

A integración producirá a novación da relación de servizos do persoal coa institución e a súa suxeición ao réxime estatutario, sen que en ningún caso orixine dereito a indemnización.

Artigo 4º

A resolución pola que se declare a integración determinará a categoría básica estatutaria na cal se produce, segundo a táboa de homologación prevista no Decreto 91/2007, do 26 de abril, atendendo á categoría de pertenza como persoal laboral fixo da institución segundo se deduza do contrato de traballo, do nivel de titulación exixido no proceso selectivo en virtude do cal se accedeu á condición de persoal fixo ou indefinido e/ou das funcións correspondentes; todo iso sen prexuízo do previsto no parágrafo 5º do artigo 6 do Decreto 91/2007, do 26 de abril, en relación coas situacións de promoción interna temporal.

De conformidade co establecido no parágrafo 3º do artigo 6 do Decreto 91/2007, do 26 de abril, para os efectos da integración nas categorías do réxime estatutario só terá virtualidade a categoría a que o persoal acredite pertencer con carácter de fixeza, en virtude de proceso selectivo realizado consonte a normativa vixente no momento da súa adquisición.

Coa resolución de integración a xerencia expedirá o nomeamento estatutario no que se detallará a categoría e o destino dos profesionais, co carácter de definitivo ou provisional, segundo corresponda.

No caso de que o persoal integrado estivese desempeñando postos de traballo que supoñan exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación ou singular responsabilidade, a xerencia expedirá un nomeamento estatutario adicional de carácter provisorio, consonte o establecido no anexo I da presente orde, cuxo réxime quedará suxeito ao establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, e na Orde do 24 de xullo de 2006 para os postos de similares características no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

Naqueles supostos en que o persoal que optase pola integración estivese desempeñando con carácter provisional postos de superior categoría ou dunha categoría cuxa posesión non acreditasen consonte os criterios establecidos no parágrafo 5º do artigo 6 do Decreto 91/2007, a xerencia expedirá resolución adicional na cal se declare en situación de promoción interna temporal na categoría estatutaria de promoción con referencia da causa que deu lugar á dita promoción.

A resolución de integración do persoal laboral fixo que non estivese prestando servizos na institución a que o liga tal vínculo de fixeza, pero que teña o dereito de retorno ou reingreso á dita institución, determinará o pase á situación administrativa que corresponda de conformidade co previsto na Lei 55/2003, do 16 de decembro, en función da causa que orixinou a suspensión do contrato de traballo, sen prexuízo do disposto na disposición adicional cuarta.

Sen prexuízo do disposto no artigo 7.4º do Decreto 91/2007, do 26 de abril, a integración do persoal suporá o recoñecemento expreso da antigüidade para os efectos do seu devengo como persoal estatutario, desde a data da súa integración.

Artigo 5º

O persoal que non resulte integrado no réxime estatutario manterá o réxime xurídico e retributivo que derive do seu contrato de traballo e do convenio colectivo de aplicación, no momento da entrada en vigor da presente orde.

Artigo 6º

As solicitudes de integración presentaranse no prazo de tres meses contados dende o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de instancia que se xunta no anexo II.

As solicitudes dirixiranse ao director xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde e poderán ser presentadas en calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán ser debidamente dilixenciadas pola dirección dos centros e xunto con ela achegarase a seguinte documentación, debidamente cotexada:

a) Copia do DNI.

b) Copia do contrato de traballo que acredite a condición de persoal fixo ou indefinido.

c) Copia do título exixible para o desempeño da categoría.

d) Certificado de servizos prestados ou documentación que acredite a antigüidade da persoa interesada e anexo II do Real decreto 1181/1989, do 29 de setembro.

e) Copia da resolución pola que se estime a suspensión do contrato de traballo e se determine a súa causa, de ser o caso.

f) No caso do persoal que exerza funcións ou desempeño de postos de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade, entregarase copia da designación realizada pola xerencia.

g) No caso do persoal pertencente á categoría de persoal de servizos xerais (PSX), informe sobre funcións e destino na institución.

Examinadas as solicitudes, a División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional poderalle solicitar documentación complementaria ao interesado ou á dirección do centro que se entenda relevante para dilucidar as circunstancias laborais do alcance da integración.

O persoal que non formule a solicitude de integración nos termos previstos na presente orde entenderase que opta por permanecer na situación prevista no artigo 9 do Decreto 91/2007, do 26 de abril.

Artigo 7º

As solicitudes de integración serán resoltas no prazo dos tres meses seguintes ao remate do prazo para a presentación daquelas.

A resolución pronunciarase sobre a estimación, desestimación ou inadmisión das solicitudes. As resolucións polas que se desestime ou inadmita unha solicitude serán debidamente motivadas.

As resolucións estimatorias conterán pronunciamento sobre a categoría básica en que se integran as persoas interesadas, o carácter do destino, a situación administrativa que corresponda declarar, segundo o caso, e a súa adscrición ao posto de traballo de conformidade co disposto na presente orde e no seu anexo I.

As resolucións polas que se resolvan as solicitudes de integración no réxime estatutario terán efectos do 1 de xullo de 2007.

Artigo 8º

O persoal facultativo poderá exercer a opción polo réxime de dedicación normal ou exclusiva, coa conseguinte solicitude ou renuncia á percepción do complemento específico, segundo o caso, de conformidade co previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os postos de traballo do persoal que resulte integrado consideraranse amortizados e reconvertidos en postos de réxime estatutario, consonte a táboa de homologacións prevista no anexo I da presente orde.

No momento en que se produza vacante nun posto cuxa titularidade corresponda a persoal laboral que non se integre e non teña dereito de reserva sobre ela, producirase a súa amortización.

Segunda.-Agás o establecido na disposición transitoria, os postos de traballo desempeñados por persoal laboral temporal amortizaranse e o persoal será cesado por tal motivo con efectos da data da amortización.

Sempre que sexa necesario o seu mantemento, transformaranse, sen solución de continuidade, en postos do réxime estatuario da respectiva categoría, segundo as táboas de homologación do anexo I e o persoal que anteriormente os viña desempeñando e reunise os requisitos de titulación, vincularase mediante nomeamento estatutario de equivalente causa a aquela que constase no contrato de traballo inicial e co mesmo carácter temporal, con efectos do día seguinte ao do cesamento.

O persoal laboral temporal que non dispoña da titulación exixida para o desempeño da praza da categoría estatutaria de correspondencia non poderá ser obxecto de integración no réxime estatutario. Os postos de traballo desempeñados polo citado persoal serán obxecto de cobertura definitiva por persoal fixo laboral ou estatutario, segundo a opción do titular e/ou a convocatoria que se realizase para a súa cobertura definitiva. A incorporación do persoal fixo ocasionará o seu cesamento.

O persoal temporal que estivese a desempeñar un posto de traballo en condición de substituto de persoal laboral fixo, manterá a súa vinculación con tal causa ata a reincorporación do titular ou a extinción do dereito de reserva do dito posto. A vinculación do citado persoal manterase no réxime laboral ou pasará a réxime estatutario en función do réxime do posto desempeñado e, xa que logo, do exercicio do dereito de opción polo seu titular. Producida a extinción do dereito de reserva do traballador substituído que non optase por integrarse, o persoal substituto cesará na súa prestación de servizos e a praza amortizarase podendo transformarse en praza de réxime estatutario, de ser o caso. A cobertura da citada praza realizarase polo procedemento regulamentariamente establecido para as vinculacións temporais de réxime estatutario.

Terceira.-Sen prexuízo do establecido no artigo 2º da presente orde, o persoal laboral fixo que no momento en que se publique a presente orde reúna os requisitos para a homologación da súa titulación profesional, de conformidade coa normativa de ordenación das titulacións oficiais e das profesións, poderá exercer a súa opción de integración quedando a súa resolución en suspenso ata que se acredite a citada homologación, mediante resolución oficial ditada por órgano competente.

Acreditada a homologación profesional polo interesado, producirase a integración na categoría estatutaria que corresponda, con efectos da data da acreditación.

O prazo para que o traballador presente a resolución de homologación profesional non poderá exceder un mes desde a súa notificación. De non presentar a acreditación neste prazo entenderase caducada a súa solicitude e a dita acreditación carecerá de efectos de cara a estimar a súa opción de integración.

Cuarta.-Como consecuencia da resolución de integración:

a) Ningún profesional poderá posuír simultaneamente a condición de persoal estatutario fixo e temporal nunha mesma categoría.

b) Ningún profesional poderá simultaneamente acreditar a condición de persoal estatutario en activo e en situación distinta á de activo nunha mesma categoría.

c) Ningún profesional poderá simultaneamente posuír o dereito de reingreso en máis dunha institución do ámbito institucional definido no Decreto 91/2007, do 26 de abril, ou das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Xa que logo, tidas en conta as circunstancias da mobilidade dos profesionais entre as institucións sanitarias públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, as cuestións que se susciten derivadas da concorrencia dunha pluralidade de vínculos nunha mesma categoría coas institucións do ámbito de aplicación do Decreto 91/2007, do 26 de abril, ou coas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, por mor da tramitación das solicitudes de integración do persoal, resolveranse consonte os criterios seguintes:

a) Persoal fixo con praza en propiedade, nunha mesma categoría ou categoría equiparable para os efectos da integración, en dúas ou máis institucións do ámbito referido no parágrafo anterior:

1. O persoal que posuíse o dereito de reserva de praza nunha institución e estivese en activo nunha praza en propiedade doutra institución deberá optar por reincorporarse á anterior ou permanecer na actual, perdendo calquera dereito sobre aquela pola que non optase.

2. Se, posuíndo un dereito de reingreso, o persoal que opte pola integración estivese en activo noutra institución e acreditase a propiedade sobre praza desta última, entenderase vinculado definitivamente a ela, perdendo aquel dereito de reingreso, agás que, cumprindo cos requisitos exixidos para o reingreso, xunto coa solicitude de integración o instase e a xerencia resolvese favorablemente con anterioridade á finalización do prazo para a resolución da integración. Neste suposto, a toma de posesión en virtude do reingreso suporá a perda do destino no posto de traballo que viñese desempeñando con anterioridade.

b) Persoal fixo nunha institución do referido ámbito que estivese a desempeñar servizos de carácter temporal noutra institución na mesma categoría ou categoría equiparable:

1. O persoal que posuíse o dereito de reserva de praza nunha institución e estivese en activo como persoal temporal noutra institución integrarase no réxime estatutario na categoría que corresponda, permanecendo na institución, do seu actual destino en comisión de servizos, logo do informe favorable da dirección da institución na cal teña reservada a súa praza. De non autorizarse esta, o persoal deberá reincorporarse á súa praza en propiedade ou renunciar á estatutarización. De non realizar ningunha das dúas opcións entenderase que renuncia ao dereito á estatutarización.

2. O persoal que posuíndo un dereito de reingreso nunha institución estivese prestando servizos como persoal temporal noutra institución na mesma categoría, sempre e cando reúna os requisitos para solicitar o reingreso, será declarado en situación de reingreso provisorio xunto coa resolución de integración, coas consecuencias inherentes á dita condición.

Quinta.-A institución obxecto do ámbito de aplicación desta orde suxeitarase ás normas xerais de coordinación que se diten en materia de xestión de persoal e ordenación dos cadros de persoal que se consideren necesarias para o establecemento de criterios homoxéneos de actuación en materia de persoal.

Sexta.-Habilítase o director da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés para a realización de todos os actos de xestión ordinaria do persoal estatutario que traballe na institución.

Sétima.-Da presente orde darase conta ao Padroado da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés.

Disposición transitoria

Se á entrada en vigor da presente orde estivese tramitándose algún proceso selectivo, convocado con anterioridade á dita data, que estea pendente de resolución, os aspirantes que superasen o proceso poderán exercer a súa opción de integración no prazo para a toma de posesión do posto adxudicado.

O exercicio da opción polo interesado comportará a transformación do posto de traballo en praza do réxime estatutario.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2007.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "16400D006P047.PDF"

Relación de documentos que achegan coa solicitude que deberán estar debidamente compulsados (disposición sexta, parágrafo 3º):

o Fotocopia compulsada do DNI ou do pasaporte ou documento que acredite a identidade, nacionalidade e data de nacemento do interesado, así como, de ser o caso, as circunstancias do dereito a que se refire a alínea a) da base segunda.

o Fotocopia do contrato de traballo que acredite a condición de persoal fixo ou indefinido.

o Fotocopia da resolución que recoñeza a situación de promoción interna temporal.

o Fotocopia do título exixible para o desempeño da categoría de pertenza.

o Fotocopia do título exixible para o desempeño de distinta categoría á de pertenza.

o Certificado de servizos prestados ou documento que acredite a antigüidade da persoa interesada e anexo II, do Real decreto 1181/1989.

o Fotocopia da resolución pola que se estime a suspensión do contrato de traballo e se determine a súa causa, de ser o caso.

o No caso do persoal que exerza funcións ou desempeño de postos de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade achegarase copia da designación realizada pola xerencia.

o Informe sobre funcións realizadas no desempeño do posto de traballo.

o Outra documentación.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------