DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 19 de setembro de 2007 Páx. 15.457

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

AVISO do 6 de setembro de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Monte Val do Vea 2º sector (A Estrada-Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Monte Val do Vea 2º sector, municipio da Estrada (Pontevedra) e que se transcribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2007.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas e Infraestruturas

Agrarias

Anexo

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 28 de agosto de 2007 relativa

á concentración parcelaria da zona de Monte Val de Vea (2º sector), no concello da Estrada (Pontevedra), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas

e Infraestruturas Agrarias. Clave: 2006/0240

Antecedentes

Por solicitude da maioría dos veciños das parroquias de Barcala, Couso, San Xurxo de Vea, Santo André de Vea e Frades (A Estrada, Pontevedra), a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias promove o proceso de concentración parcelaria para a zona de monte das devanditas parroquias.

No anexo I desta declaración resúmense as características da zona de concentración e no anexo II as medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental avaliado.

A devandita concentración parcelaria cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental, ao atoparse entre os proxectos recollidos no anexo I do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (grupo 9, letra c), 9º).

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 28 de marzo de 2007 publícase no Diario Oficial de Galicia (nº 62) Resolución do 9 de febreiro de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Monte Val do Vea 2º sector (A Estrada-Pontevedra), non consta a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data do 11 de maio de 2007 ten entrada, na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, o expediente ambiental remitido pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (órgano substantivo por razón da materia). No expediente inclúese informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Con data do 1 de agosto de 2007 recíbense os informes emitidos pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza e polo organismo autónomo Augas de Galicia. O 10 de agosto de 2007 recíbese informe da Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural (Servizo de Montes e Industrias Forestais). Na data de hoxe non se ten constancia da emisión do informe solicitado ao Concello da Estrada.

Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) para a concentración parcelaria da zona de monte do Val do Vea (2º sector), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da zona de monte do Val de Vea é ambientalmente viable sempre que:

* Co fin de asegurar que se protexen os valores naturais de interese local -se é o caso-, se conte coa conformidade do Concello da Estrada relativa á compatibilidade do proceso de concentración coas zonas clasificadas como solo rústico de protección de espazos naturais no Plan Xeral de Ordenación Municipal ou, na súa ausencia, nas normas subsidiarias de planeamento.

* Se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non poden comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese exclusivamente ao proceso de concentración parcelaria para a zona de monte das parroquias de Barcala, Couso, San Xurxo de Vea, Santo André de Vea e Frades (A Estrada, Pontevedra), que se vai desenvolver na zona delimitada no plano titulado Unidades Ambientais. Nº 11 do estudo de impacto ambiental avaliado, cuxo perímetro abrangue unha superficie dunhas 618 ha.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. O proxecto definitivo de concentración parcelaria deberá contar cun estudo acústico, realizado con base ao Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, no cal se definan con detalle as medidas protectoras e/ou correctoras necesarias para adoptar co fin de garantir o cumprimento do disposto ao respecto; na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello da Estrada.

2. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións auxiliares de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc., cos criterios sinalados ao longo do estudo de impacto ambiental, pero tendo en conta que non se sitúen excesivamente próximos a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

3. No caso de existencia de sobrantes procedentes dos movementos de terra, definiranse as posibles zonas para o depósito destes. A selección destas zonas realizarase con criterios ecolóxicos e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

4. Tal e como se recolle na documentación avaliada, no deseño da nova rede viaria aproveitarase ó máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas e evitando longos tramos de trazado rectilíneo. Logo da definición do trazado de novos accesos aplicaranse na medida do posible as seguintes medidas, co fin de completar as sinaladas no estudo de impacto ambiental:

-Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionando estas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Á saída destes pasos colocaranse dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.

-No caso de ser imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando no seu deseño que se non se coloquen piares no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cadanseu lado) ou, no seu defecto, obras de paso tipo pórtico, evitando adoptar pasos tipo marco ou tubo co fin de manter os cursos no seu estado natural.

5. No caso de que nos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo con un ou cos dous laterais abertos.

6. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindes arborados, valados de pedra, sebes, etcétera. Para iso, procurarase axustar a maior lonxitude posible de lindes das parcelas de achega aos citados elementos. Neste sentido, e tal como se prevé no estudo ambiental, promoverase a conservación e posterior traslado dos valados de pedra que queden sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador das novas parcelas.

7. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proxecto definitivo para esta concentración parcelaria, no cal se desenvolvan e presuposten detalladamente os labores de restauración vexetal e integración paisaxística descritos xenericamente no estudo de impacto ambiental. Na elaboración deste proxecto atenderase a criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística e terase en conta o seguinte:

* As especies que se van empregar:

-Serán autóctonas, tendo sempre presentes as circunstancias edafolóxicas e climáticas da zona que imos restaurar para a súa implantación e que estas (sexan árbores, arbustos, matas e/ou herbáceas) procederán da mesma zona ou outra similar, segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.

-Deberán ser compatibles co hábitat en que se van implantar. O hábitat, estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición), solo ou substrato (perfil, textura, fauna, flora, ciclos de nutrientes, etcétera) e factores bióticos.

-Deben ser compatibles entre si, no espazo e no tempo, aplicándose no seu caso os tratamentos oportunos, é dicir, a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptándose, ademais, para acadar este obxectivo, os tratamentos que sexan necesarios (rareos, rozas, etcétera).

* No caso de ser necesaria a eliminación dalgúns exemplares de especies arbóreas autóctonas, estas deberán ser replantadas, empregándose na restauración. De todos os modos, recoméndase a súa preservación, actuando unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.

* Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies que se van restaurar e os hábitats presentes (en superficies pequenas e/ou estacións de mala calidade diminúen exponencialmente as posibilidades de acadar esta premisa.

Así mesmo, neste proxecto preverase, sempre que sexa posible, a formación de sebes nos límites das novas parcelas como un elemento máis de integración paisaxística, empregando para iso especies arbustivas autóctonas presentes na zona.

8. Redactarase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, no cal se incorporarán aqueles aspectos para controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como os derivados do cumprimento do condicionado desta DIA.

O devandito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo ambiental e o establecido no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Na redacción deste programa fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

Na realización do programa de seguimento ambiental terase en conta que:

-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

-Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada e os resultados deberán estar asinados por un técnico da dita entidade.

-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fase de obras e explotación.

1. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a fase de obras, procederase á rega de superficies prevista cando se dean condicións de seca e/ou fortes ventos, evitando en todo momento asolagamentos e escorrementos.

Ademais, para minimizar a emisión de po debida ao tránsito de vehículos pesados e a afectación da vexetación circundante, deberán asfaltarase as pistas con maior tránsito sempre que sexa posible.

2. A maquinaria de obra, ademais de cumprir coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, deberá dispor de documentación acreditativa ao respecto.

3. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello da Estrada ao respecto.

4. Calquera actuación ou afección sobre o dominio público hidráulico, sobre as zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación de auga, e/ou vertedura ao medio natural (xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais), precisará da autorización do organismo de bacía correspondente, neste caso Augas de Galicia. No caso de verteduras cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.

5. Cumpriranse todas as especificacións contidas no Plan Hidrolóxico de Galicia Costa (PHGC) de aplicación para esta zona de concentración parcelaria.

6. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopen na zona afectada pola concentración parcelaria.

7. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias na zona de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregamento superficial, chuvias ou enchentes do caudal.

8. Cando se leven a cabo movementos de terra en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida axeitada co fin de evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.

9. Co obxecto de previr fenómenos erosivos e/ou incorporación de sólidos ás augas procederase, á medida que avanza a obra e na medida do posible, á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras. Ademais, na modelaxe dos noiros evitaranse as formas demasiado artificiais, procurando que o cambio de pendentes sexa gradual, integrándoos co natural e por extensión coa paisaxe.

10. Prohíbese o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que tras as obras a súa clasificación non diminúa respecto da existente antes do inicio destas.

11. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas, etc.) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

12. De ser preciso o emprego de formigón, evitarase a súa elaboración na propia obra, procurando adquirilo xa preparado en planta ou plantas que conten coas debidas autorizacións.

13. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites da zona de concentración parcelaria e da localización de todas as infraestruturas previstas, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

14. Extremaranse as precaucións e as medidas que se van desenvolver para a súa preservación, na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas, e zonas hidromorfas. Prestaráselle especial atención ao balizamento destas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

15. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais para utilizar na construción de novos camiños (para as bases ou subases ou para a pavimentación) proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

16. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, calquera préstamo deberá ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao remate da obra.

17. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.3 desta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.

18. A eliminación da vexetación reducirase ao estritamente necesario, respectando sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte directamente afectada pola execución das obras. Procederase ao balizamento ou sinalización das masas e formacións vexetais de interese ambiental para evitar a súa afección.

19. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

20. A xestión da terra vexetal, co fin de empregala na restauración das zonas alteradas, realizarase do xeito indicado no estudo ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado e que a altura das moreas sexa menor de dous metros como se prevé no estudo ambiental avaliado. Tamén se terá en conta que a terra vexetal mentres permaneza amoreada non poderá ser mesturada con ningún tipo de residuos ou entullos.

21. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valoración, evitando a queima destes restos (ou de calquera outro material), que de ser o caso terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

22. Aínda que non está previsto, no caso de ter que importar terra vexetal, esta deberá proceder de zonas que sexan froito de alteración autorizada.

23. Se na zona existisen afloramentos rochosos singulares con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polo proceso de concentración.

24. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B.1.7 desta DIA, paralelamente ao avance das obras sempre que sexa posible e vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

25. Previamente á revexetación realizarase un acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e labor superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

26. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras for preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

27. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.

28. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da concentración parcelaria deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a súa reciclaxe ou reemprego fronte á vertedura.

Neste sentido, adoptaranse as medidas correctoras oportunas co obxecto de que os residuos se almacenen en condicións axeitadas de hixiene, seguranza e segregación, garantindo en todo caso que se impida calquera afección ao medio. En relación con isto, e no que respecta aos residuos perigosos, cumpriranse as normas técnicas vixentes relativas ao envasado, etiquetaxe, almacenamento e traslado establecidas na lexislación vixente.

Ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, de ser o caso, restaurados os espazos ocupados por elas á súa situación preoperacional. Isto é aplicable no caso de vías de obra que non vaian ser empregadas ao remate daquelas.

29. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. No caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.

30. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectasen impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. De manifestarse a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarallo a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase de formulación.

1. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural, observarase o seguinte:

a) Non se poderán executar pistas de novo trazado nas áreas de protección dos elementos do patrimonio cultural, que se corresponderán coas reflectidas nos planos titulados Bens documentados nº: 2 (P2) e Bens documentados nº: 2 (P1), incluídos na memoria da prospección arqueolóxica recollida no anexo I do estudo de impacto ambiental. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

b) Cando se definan os proxectos de rede viaria, de concentración parcelaria e acondicionamento de predios, e tras o o inicio das obras en cada un destes proxectos, deberá remitirse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o seu informe, unha avaliación do impacto destes proxectos sobre os elementos arqueolóxicos localizados na zona de concentración parcelaria. Esta documentación, deberá contar cunha ficha individualizada de cada elemento na que se fará constar: delimitación dos ámbitos de protección e o seu reflexo na fotografía aérea, na fotografía catastral, especificacións técnicas e características construtivas da obra ou proxecto que ocasiona o impacto e proposta de medidas protectoras e correctoras.

c) Unha vez a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe sobre os documentos a que se fai referencia no parágrafo anterior, deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de trazado de planta, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito da zona de concentración parcelaria. Para tal fin, e logo do inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ao proxecto arqueolóxico, deberase recoller na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa compresión.

d) En relación co xacigo arqueolóxico Couto de Outeiro/O Castro (GA36017044), proponse que, no proxecto de concentración, o ámbito definido no plano 10 do estudo de impacto ambiental (titulado Planeamento urbanístico) como solo rústico de protección do patrimonio e solo de protección exterior do patrimonio, quede como masa común.

e) No deseño dos proxectos de rede viaria, de concentración parcelaria e acondicionamento de predios, deberanse ter en conta (adoptando as medidas oportunas para a súa conservación, preservación e recuperación) os antigos camiños e corredoiras, valados de pedra, muros e peches tradicionais, etc. que configuran funcional e estruturalmente a paisaxe galega e caracterizan culturalmente o territorio. Os que por forza haxa que retirar, deberán ser obxecto de recuperación, desmontándoos e aproveitándoos para definir os novos predios.

f) Na fase de trazado de planta, deberanse revisar os impactos e valorar as medidas correctoras.

g) Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

h) Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

2. Nesta fase, e en relación co informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural, terase en conta o proceso de clasificación dos montes denominados Castro Valente e outros e a declaración do monte veciñal en man común de Cibrán, co fin de compatibilizar o cumprimento da normativa vixente de aplicación para estes sectores coa redacción e desenvolvemento do proxecto de concentración.

3. Excluirase de calquera actuación relacionada coas obras e coa explotación desta concentración parcelaria a parte do lugar de importancia comunitaria LIC Es 1140001 sistema fluvial Ulla-Deza, que se atopa dentro do perímetro da zona de concentración estudada, adoptando todas as medidas necesarias para evitar calquera afección directa ou indirecta a el. Entre esas medidas, que deberán ser aprobadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, estará o establecemento dunha zona de seguranza na súa marxe.

4. En todo momento terase presente que, para fases posteriores, deberá manterse a vocación forestal do terreo, co fin de, entre outros, non causar afeccións ao citado LIC por posibles variacións substanciais do balance hídrico da zona.

5. Serán elementos e áreas sensibles para preservar de calquera actuación relacionada coas obras e coa explotación desta concentración parcelaria as formacións de arboredo autóctono e os cursos fluviais principais e secundarios, incluíndo a súa vexetación de ribeira e ecosistemas intimamente ligados á auga. Ademais, buscarase a preservación dos corredores ecolóxicos, ecotóns e outros hábitats antropoxénicos de interese natural, cultural ou paisaxístico (sebes, valados de pedra, bancais, corredoiras, aliñacións de árbores, árbores illadas de interese, especies vexetais e/ou faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas, etc.).

En concreto, priorizarase a preservación de:

* Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica. (Código 9230).

* As unidades ambientais sinaladas no estudo ambiental como unidade 2 e unidade 3.

6. O deseño da rede viaria estará condicionado pola topografía do terreo, pola vocación forestal da meirande parte da superficie da zona estudada e pola maquinaria que se vai empregar na explotación dos novos terreos, debendo minimizar os movementos de terras o máximo posible. Sempre que sexa posible, en zonas de fortes pendentes e con dificultade de acceso adecuaranse camiños tradicionais ou forestais como vías de acceso ao futuro parcelario.

Así, en relación co anterior, executaranse novas pistas principais no menor número posible e procurando un trazado por curva de nivel, e o resto das vías de menor entidade realizaranse, na medida do posible, tipo sendas de penetración co fin de atenuar a erosión do monte.

7. No deseño desta rede viaria, así como das parcelas de achega e demais actuacións propias do proceso de concentración parcelaria terase en conta tamén a presenza, se é o caso, de rutas de sendeirismo, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer.

8. Para chegar á proposta de rede viaria ambientalmente máis axeitada estudaranse varias alternativas, alternativas que xunto coa proposta que se escolla deberán incluírse no proxecto de concentración. Asemade, no proxecto definiranse as anchuras finalmente escollidas para todas as vías de nova execución, facendo fincapé e distinguindo os de acceso forestal.

9. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser o abandono ou as cortas indiscriminadas ante a incerteza pola propiedade das parcelas.

Estas medidas pasan por manter informados os propietarios das parcelas en todo momento, lembrándolles a necesidade de obter autorización ou permiso para a corta de especies arbóreas e establecendo canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso de concentración parcelaria.

10. Ademais de cumprir o sinalado no punto B.1.8 desta DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos:

a) Plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras tendo en conta o recollido no punto B.1.1 desta DIA. Os puntos elixidos para a mostraxe serán os mesmos que os seleccionados para as medicións preoperacionais efectuadas (incluídas no estudo ambiental), co fin de poder comparar os resultados unha vez obtidos, incluíndo as vivendas ou edificacións habitadas máis próximas ás áreas onde se teña previsto a execución das obras. Ademais o plan incluirá a metodoloxía, periodicidade dos controis e límites para aplicar. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

b) Plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais afectados polas obras, tanto durante as obras como ao final destas ata que se constate a ausencia de afeccións, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Consideraranse como mínimo os seguintes parámetros: pH, temperatura, materias en suspensión, oxíxeno disolvido, condutividade e presenza de hidrocarburos.

Este plan completarase cunha estimación do nivel de colmatación de finos no leito dos tramos de depósito dos ríos, regos e regatos que poidan verse afectados polas obras, que incluirá a realización dunha reportaxe fotográfica que reflicta o seu estado.

c) Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente, tanto para a fase de obras como para a de explotación.

Terase en conta que previamente ao inicio das obras deberá contarse coa realización de campañas preoperacionais do plan de seguimento do control da calidade das augas e nivel inicial de finos nos leitos dos ríos. Os resultados destas campañas incorporaranse nos informes de seguimento ambiental (tanto os da fase de obra como os de explotación) para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.

11. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitiralle a esta dirección xeral, para a súa avaliación: proxecto de rede viaria acompañado das alternativas estudadas, proxecto de integración paisaxística e programa de vixilancia ambiental. Esta documentación acompañarase dun anexo no que se documente a adecuada inclusión das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo de impacto ambiental e do condicionado desta DIA.

Así mesmo, do mesmo xeito que se expón no parágrafo anterior e unha vez que se dispoña del, o promotor remitiralle a esta dirección xeral o proxecto de concentración parcelaria para a súa avaliación.

C.2. Fase de obras

1. Serán obxecto de especial atención en canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, e polo tanto obxecto dun intenso seguimento, os elementos e áreas sensibles sinaladas nesta DIA.

2. Evitarase calquera afección ás ribeiras dos cursos fluviais e á súa vexetación (tanto ás formacións arbóreas autóctonas como ás comunidades asociadas á estrutura interna e externa do río), co fin de ocasionar efectos como a sedimentación de limos nos fondos dos ríos, alteración de propiedades físico-químicas das augas, etc.

3. Tal como se recolle no estudo de impacto ambiental avaliado, o período de obras (labores de corta e roza, etc.) non deberá coincidir con períodos de cría e/ou nidificación da fauna especialmente sensible presente nesta zona de concentración. As obras tamén se realizarán sempre que sexa posible en horario diúrno.

4. Para o establecemento de puntos ou balsas de auga, deberase efectuar oportuna comunicación ao organismo competente e, se for o caso, contar coas oportunas autorizacións.

5. Ao finalizar as obras levarase a cabo unha rigorosa campaña de limpeza e desmantelamento das instalacións de obra. A área de influencia do proxecto deberá quedar limpa de restos de obra.

6. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, como promotora da concentración parcelaria, responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refire esta DIA, e como órgano substantivo terá en conta o disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.

Durante a fase de obras elaboraranse os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan a seguir:

a) Semestralmente:

-Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto, acompañado de plano en planta en que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

-Memoria do seguimento realizado en cumprimento do sinalado nesta DIA. Incluiranse os resultados dos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra, sobrantes de terra, etc.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial das ocupadas polos elementos e áreas sensibles. Nas fotografías indicarase a data e a hora de realización e deben ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

-Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, en que quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo de acordo co estudo ambiental e co disposto nesta DIA. Describirase detalladamente o estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección do solo e da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Asemade incluiranse na memoria, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona, hábitats naturais e demais formacións e áreas de interese ambiental, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración parcelaria e das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora e deben ir acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante criterios ambientais de sustentabilidade no uso das parcelas, tendo en conta a súa asignación final. Os propietarios comprometeranse a manter o uso de cada parcela ao longo do proceso de concentración.

Neste sentido, considérase de especial importancia o adecuado desenvolvemento dun programa de formación ambiental, que inclúa as consideracións que ao respecto se recollen no estudo ambiental, dirixido aos propietarios das parcelas de cara á mellora ambiental das explotacións e ao seu aproveitamento respectuoso co ambiente.

2. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

3. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que como mínimo inclúa:

a) Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados do seguimento dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos vieiros da concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.

b) Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

c) Se for o caso, incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, poderase modificar o contido e/ou frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2007.

Joaquín Lucas Buergo del Río

Director xeral de Calidade e Avaliación

Ambiental

ANEXO I

Resumo das características da zona

de concentración parcelaria

A zona estudada para o desenvolvemento do proceso de concentración parcelaria de referencia atópase ao norte da provincia de Pontevedra, dentro da comarca de Tabeirós-Terra de Montes e representa unha zona basicamente de monte.

Na zona de concentración atópase parte do lugar de importancia comunitaria LIC Es 1140001 sistema fluvial Ulla-Deza. Nas parroquias obxecto deste proceso de concentración parcelaria tamén se atopan as zonas húmidas de Castro de Conso e das Pías, ben que estes non se localizan no perímetro da zona que se vai concentrar.

Das 618 ha que comprenden esta zona, aproximadamente un 90% está dedicada a explotación forestal de piñeiro e/ou eucalipto, un 5,6% forma unha galería ripícola basicamente ao longo do río Ulla, un 2,2% representa vexetación autóctona e o 2,2% restante representa aproveitamento de prados/cultivos.

No estudo de impacto identifícanse catro (4) unidades ambientais:

-Unidade 1: áreas de aproveitamento agrícola-gandeiro delimitadas por lindes de pedra e/ou arboredo.

-Unidade 2: galerías de ribeira nas marxes dos ríos: son galerías de ribeira, duns 5 m de anchura, na beira de todos os cursos de auga que percorren a zona de estudo. En ocasións, esta vexetación ripícola pode estenderse uns metros englobando unha franxa máis larga ca a simple beira do río.

-Unidade 3: vexetación autóctona típica, principalmente de carballos e castiñeiros, en zonas de valgada.

-Unidade 4: masas de piñeiro e/ou eucalipto en cotas intermedias.

Nas áreas próximas á zona de concentración atópanse os seguintes hábitats tal e como os define a Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres:

* Uceiras secas europeas. (Código 4030).

* Uceiras oromediterráneas endémicas con toxo. Código 4090.

* Rochedos silíceos con vexetación pioneira de Sedo-scleranthion ou do Sedo albi-veronicion dillenii. Código 8230.

* Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica. (Código 9230).

* Lagos eutróficos naturais con vexetación Magnopotamion ou Hydrocharition. Código 3150.

* Bosques aluviais residuais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae). (Código 91E0*. Hábitat de interese prioritario).

* Ríos de pisos de planicie montana con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-batrachion. (Código 3260).

Salientar que segundo se recolle no plano 8 titulado Áreas de protección especial, incluído no estudo ambiental, na zona de concentración atópase un dos citados hábitats: carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica. (Código 9230).

No que respecta á hidroloxía superficial, a rede fluvial da zona que imos concentrar pertence á bacia media do río Ulla e articúlase fundamentalmente sobre os seus afluentes, o río Vea e o rego do Frochán. Entre os ríos que discorren pola zona que se vai concentrar atópanse o Loureiro e o Valiña.

Por outra banda sinalar que a zona presenta unha topografía accidentada con acusadas pendentes e diferenzas de cota importantes entre unhas zonas e outras da área que se vai concentrar.

No estudo ambiental proponse a exclusión deste proceso de concentración dunhas 6,36 ha de terreo, que corresponderían cos terreos identificados no Plan Xeral de Ordenación Municipal como solo de núcleo rural, de expansión do núcleo rural e de protección de elementos catalogados.

ANEXO II

Resumo das medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental

Fase de estudos previos ou formulación.

A. Definición de subperímetros (inclusións, rectificacións, ou exclusión):

-Estudarase coa Xunta Local a delimitación das zonas que se deben excluír por razón da súa proximidade ao núcleo urbano.

-Dos bens do dominio público municipal exceptuaranse os que sexan de servizo público, salvo que soliciten a súa inclusión as entidades locais.

-Proponse a inclusión no proceso de concentración daquelas áreas de elevado valor ambiental (fragas), as cales ou ben se reasignarán aos propietarios actuais ou quedarán como masa común (sempre promovendo a conservación destas despois da concentración).

-Asegurar a permanencia da masa arbórea co sistema de redistribución da propiedade.

B. Localización nos plans de bases definitivas dos enclaves sensibles ás actuacións de concentración parcelaria.

C. Conservación dos enclaves de interese ambiental:

-Terase en conta a superficie ocupada pola vexetación de ribeira dentro do largo de ocupación dos cursos fluviais, de modo que esta superficie non quede incluída nos plans de masas do proceso de concentración.

-Cando existan cursos de auga con vexetación asociada dentro das actuais parcelas, estes intentaranse manter como lindes no deseño dos novos predios.

-Conservación dos lindes arbóreos de interese (frondosas, ameneiros,...) co fin de evitar a perda da riqueza paisaxística actual. Respectaranse na medida do posible e/ou restauraranse os elementos tradicionais (muros de pedra, canles...).

-Conservaranse na medida do posible as pequenas mouteiras ou pés illados de especies vexetais autóctonas, informando o propietario sobre os seus valores. Co fin de que estes non sexan danados, procederase a sinalizar as zonas onde a maquinaria debe limitar as súas actuacións.

-Naqueles lugares onde se proxecten restauracións, estas realizaranse con especies autóctonas, nunca plantacións monoespecíficas, e nunha busca continua da recuperación de comunidades vexetais de interese.

-Limitarase por completo a plantación de eucalipto.

-As valgadas plantaranse con frondosas autóctonas.

-Na medida do posible manteranse as características dos bosquetes de carballos e castiñeiros, balizando a área ocupada por estas formacións, co fin de evitar o tránsito de maquinaria e persoal por ela.

D. Deseño do trazado da nova rede viaria:

-Aproveitar ao máximo os camiños existentes, evitando longos tramos de trazado recto, igual que modificacións do réxime hidrolóxico existente.

-A densidade da rede será a mínima indispensable para acadar os obxectivos propostos.

-Evitaranse firmes excesivos ou trazados reiterativos, ocupando o menor solo posible.

-A largura dos camiños serán medias ou reducidas, adaptándose a maquinaria que se vai empregar (vehículos agrícolas e forestais de pequenas ou medianas dimensións).

-Os camiños non deben superar como norma xeral un largo máximo de 5-6 m de plataforma nas principais vías e de 3 m nas secundarias. A cuneta será en todos eles dun (1) metro, mentres que a beiravía oscilará entre 0,75 m nos camiños de acceso agrícola e 1 m nos de acceso a lugares de tráfico medio/elevado.

-En zonas de monte a largura das pistas será a necesaria para o mantemento dun uso forestal, sendo a mínima que permita a manobrabilidade e creando cada certa distancia zonas máis largas a modo de aparcadoiros que permitan o xiro dos vehículos e o desenvolvemento das tarefas de explotación.

-Efectuaranse melloras nos camiños existentes, como rectificación de curvas, suavización de pendentes, eliminación de vexetación invasora na calzada, etc.

-Evitarase o paso de pistas a través de zonas arboradas de interese, por lugares en que se localice algún ben patrimonial, ou onde interfiran coa rede hidrográfica actual.

-Restituiranse na medida do posible os lindes constituídos por muros de pedra afectados polas actuacións.

E. Deseño dos novos predios de substitución:

-Proponse seguir as pautas de paisaxe actual, aproveitando sempre que sexa posible os lindes como límite dos novos predios.

-Manter unha orientación que sexa a máis axeitada ao relevo do terreo.

-A distribución dos novos terreos deberá potenciar a continuidade dos cultivos e pasteiros. Nas zonas maioritariamente forestais procurarase a formación de predios grandes para un maior aproveitamento.

F. Deseño de noiros e terrapléns:

-Evitarase a existencia de formas regulares ou planas, perfís planos ou rectos e arestas vivas nos bordos superiores dos noiros.

G. Calendario de obras:

-Evitaranse actividades pola noite e en épocas críticas do ano para a fauna (aparellamento, cría,...).

-Aproveitaranse ao máximo os ocos iniciais de terreo, definiranse zonas para o depósito de sobrantes e procurarase volver encher as áreas precisadas debido a movementos de terras.

H. Formulación de plans de emerxencia de verteduras:

-Disporase, logo do comezo das obras, dun plan de emerxencia de verteduras no cal se sinale detalladamente o medio de actuación ante un accidente.

I. Respecto das zonas de protección de xacigos arqueolóxicos:

-No deseño da rede viaria e dos planos de leiras terase en conta o anexo arqueolóxico do estudo de impacto ambiental, co fin de respectar as zonas de cautela sinalada para cada un dos elementos arqueolóxicos detectados.

J. Implementación dun fondo de terras:

-Se resultar de interese a xuízo das xuntas locais, empregarase unha parte da súa superficie como base territorial para o desenvolvemento de melloras de interese local, dándolles prioridade aos lugares de aproveitamento común ou melloras de carácter ambiental.

-Proponse crear lugares de uso comunal para a localización de balsas de auga, cuxa situación debe estar acorde coas necesidades na extinción de incendios forestais.

Fases de execución e de explotación.

A. Atmosfera:

Control da emisión de ruído:

-A maquinaria limitarase á zona restrinxida para ela, actuando sempre o máis afastada posible dos núcleos de poboación e dos cursos de auga.

-As obras realizaranse exclusivamente en horario diúrno.

-Logo do inicio das obras, entregaranse as certificacións de homologación e mantemento da maquinaria á dirección de obra e constará dilixencia no libro de ordes oportuno.

Rega de camiños e emprego de lonas para evitar levantamento de po:

-Levaranse a cabo regas de pistas con auga, mediante camións cisterna axeitados, co fin de acadar que os camiños se atopen habitualmente co grao de humidade necesario para evitar a produción de po.

-Empregaranse lonas para tapar os camións de transporte e as moreas de almacenamento.

-Humedeceranse materiais, realizarase o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras e efectuaranse descargas desde alturas inferiores a un (1) metro.

-Evitarase o paso de maquinaria da obra polo núcleos urbanos. En caso de necesidade, procurarase reducir a velocidade e pasar nas horas menos molestas.

B. Recursos hídricos e solos:

Restrición ao paso da maquinaria:

-Delimitarase a traza a seguir pola maquinaria nos labores mediante cintas de balizamento, evitando, entre outros, o esmagamento e compactación do terreo.

-Balizaranse aquelas zonas consideradas de acceso prohibido para maquinaria e persoal por tratarse de lugares de interese ambiental, informando previamente os operarios da situación.

-Co fin de evitar posibles accidentes ou fugas de verteduras ao terreo e ás augas subterráneas, definiranse zonas exclusivas para o desenvolvemento das operacións de mantemento e reparación da maquinaria, as cales se atoparán perfectamente sinalizadas e serán coñecidas por todos os operarios. Asemade recolleranse os posibles efluentes e a súa retirada estará debidamente controlada por xestor autorizado.

-Proponse establecer as instalacións e parque de maquinaria en zonas chás, próximas a núcleos urbanos, e afastadas dos cursos fluviais, onde non aparezan comunidades vexetais de interese, se teña un rápido acceso a elas, e non se causen impactos paisaxísticos.

Retirada, almacenamento, conservación e recuperación da terra vexetal:

-Acumularase o solo retirado das áreas afectadas polas obras, para posteriormente empregalo na restauración de superficies.

-Os solos fértiles almacenaranse ao longo da traza da maquinaria en montóns de altura non superior a 1,5 m para facilitar a súa aireación e evitar a compactación. Así mesmo, establecerase un sistema co fin de conservar as súas propiedades incluíndo, no caso de ser necesario, a súa sementeira, rega e aboamento periódico.

-Considerando o volume de terra vexetal previsto, procederase a súa extensión en todas as zonas afectadas polas obras.

-Os excedentes de terra vexetal que deban ser retirados a vertedoiro situaranse na súa parte superior para facilitar a súa restauración.

-Realizarase o acondicionamento da terra vexetal de cara a depositala en pendentes co fin de evitar o seu arrastre antes de que as plantas se fixen ao terreo.

Integración dos noiros de camiños na paisaxe:

-Evitaranse as formas chás, perfís planos e rectos e arestas vivas nos bordos superiores.

-Naquelas zonas afectadas por movementos de terras, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies espidas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso necesario, adoptaranse medidas correctoras adicionais, como pode ser extender mantas de fibras naturais.

-Realizaranse restauracións vexetais naquelas zonas alteradas durante a realización das obras (zonas de almacenamento de materiais, parque de maquinaria...).

-As sementeiras e plantacións deseñaranse con especies autóctonas ou non agresivas para a zona. Nas zonas de alto risco de incendios forestais non se empregarán especies pirófilas. Verificarase que as especies se atopen comercializadas de forma que sexa viable a execución do proxecto.

-O proxecto de rede viaria integrará as medidas de restauración da cuberta vexetal coa execución das obras, de xeito que os noiros se hidrosementen de forma inmediatamente posterior a súa apertura. Así mesmo coordinarase que a extensión da terra vexetal sexa inmediatamente anterior ás sementeiras e hidrosementes, en especial en zonas con pendente como os noiros, para evitar o arrastre hídrico das terras achegadas.

-No proxecto especificaranse e presupostaranse os labores de mantemento necesarias para asegurar o éxito da revexetación.

Localización axeitada das zonas de almacenamento de materiais, maquinaria, préstamo e vertedoiro:

-A terra sobrante dos desmontes colocarase en zonas próximas á obra: ao longo da traza do camiño e en alturas inferiores a 1,5 m. Esta terra situarase en zonas chás, nunca sobre vexetación natural, quedando prohibido o emprego de ribeiras, marxes e zonas de servidume (áreas de dominio público hidráulico) como lugar para o depósito de materiais, instalación de parque de maquinaria, etc.

Definición de zonas exclusivas para cambio de aceites, lubricantes, etc:

-Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida) estas tarefas realizaranse na zona de parque de maquinaria, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras, que incluirán un sistema de recolla, condución e decantación das augas procedentes desta zona que garanta a non afección ao contorno.

C. Vexetación:

Protección da vexetación:

-Sinalizaranse as zonas onde a maquinaria debe limitar as súas actuacións mediante cinta de balizamento. Do mesmo xeito, delimitaranse e acordoaranse as áreas en que existan especies singulares.

Protección de marxes e ribeiras:

-Proponse considerar a superficie ocupada pola vexetación de ribeira dentro dos largos de ocupación dos cursos fluviais, de xeito que esta non quede incluída nos planos de masas do proceso de concentración. Ademais, cando existan cursos de auga con vexetación asociada dentro das actuais parcelas, estes manteranse como linde no deseño de novos predios.

Perigo de introdución de especies alóctonas e invasoras:

-Tomaranse medidas preventivas na elección da orixe das terras de préstamo, co fin de non introducir especies foráneas. Á hora de realizar as restauracións deberán empregarse plantacións heteroespecíficas, obrigatoriamente autóctonas, co fin de crear hábitats similares aos anteriormente presentes na zona.

D. Fauna:

Adecuación das obras a épocas non delicadas para a fauna:

-Levarase a cabo un control e prevención do ruído xerado durante a fase de obras como consecuencia dos movementos de terras e tránsito de maquinaria e persoal. Así, intentaranse desenvolver as obras en horario diúrno e evitarase o período comprendido entre abril e xuño por ser crítico para a cría das aves.

E. Procesos:

Prevención de incendios:

-Disporase dunha rede de vixilancia para prevención de incendios.

-Evitaranse focos de lume para cometidos das obras.

-Disporase a pé de obra de varias unidades de extinción.

-Evitarase abandonar obxectos que poidan exercer efecto lente.

-Disporase de contedores para a recolla de residuos sólidos urbanos.

-Prohibirase/limitarase a práctica de fumar.

-Levarase a cabo unha revisión periódica da maquinaria co fin de evitar a formación de chispas espontáneas.

F. Medio socioeconómico:

Accións xerais de formación:

-Proponse a realización dun programa de formación dirixido aos titulares das explotacións, de cara á súa integración e mellora ambiental.

-Realizarase un plan de aproveitamento de cultivos e requiriráselle ao órgano competente en materia de montes a elaboración do correspondente plan forestal da zona.

-Para a fertilización teranse en conta en todo momento as recomendacións do Código galego de boas prácticas agrarias.

-Procurarase reducir o emprego de produtos fitosanitarios promovendo unha exhaustiva información sobre os produtos aplicables de menor impacto, época recomendable para o seu uso e lugares ou cultivos permitidos para o seu emprego consonte a lexislación vixente na materia.

Medidas de protección do patrimonio cultural:

-Tras o comezo das obras, levarase a cabo o balizamento de todos os elementos do patrimonio arqueolóxico detectados na prospección arqueolóxica, así como as súas zonas de cautela.

-Durante a fase de obras, e por medio dun arqueólogo, levarase a cabo unha vixilancia continua de todas aquelas operacións que impliquen levantamento ou movemento de terras.

-O contratista está obrigado a paralizar as obras, informar a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e agardar resposta, ante calquera obxecto atopado durante a súa execución.

Medidas para evitar a simplificación e perda da toponimia:

-A toponimia da zona figurará nas follas de investigación da propiedade e ao longo dos documentos de todo o proceso de concentración, reflectindo os nomes das parcelas que figuran na escritura de propiedade de cada propietario.

Medidas para garantir a seguranza e saúde dos traballadores:

-Disporase de procedementos de traballo normalizados. Os operadores coñecerán as normas de seguranza e procedementos de manexo de equipamentos, os traballadores contarán cos elementos de protección necesarios, etc.

Medidas para garantir a seguranza e saúde da veciñanza:

-Informaranse os veciños da situación da área de traballo, prohibíndolle a estadía nela a persoal non autorizado. Esta área estará perfectamente sinalizada e acordoada.

-A maquinaria diminuirá a velocidade ante a presenza de peóns.

Medida compensatoria:

-Adecuaranse as redes existentes de camións e sendas rurais co fin de promover a práctica ordenada do excursionismo.

G. Paisaxe:

Integración paisaxística:

-Unha vez establecidas as novas leiras resultantes, conservarase o maior número posible de elementos lineais de interese, como lindes arborados, valados de pedra, sebes, etc.

-Favorecerase a conservación e posterior traslado daqueles valados de pedra que queden sen uso no interior dalgún predio, para empregalos como elemento delimitador de novos terreos.

-Os elementos construtivos ou sinalizacións de calquera tipo deberán integrarse no medio en que se sitúen de xeito que causen a menor afección visual posible.

-Procurarase non alterar as características arquitectónicas tradicionais na restauración exterior das construcións e edificacións existentes.