DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 24 de setembro de 2007 Páx. 15.739

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

AVISO do 10 de setembro de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de San Vitoiro da Mezquita-San Mamede de Urrós (Allariz-Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de San Vitoiro da Mezquita-San Mamede deUrrós, municipio de Allariz (Ourense) e que se transcribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2007.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas e Infraestruturas

Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 3 de setembro de 2007, relativa á concentración parcelaria da zona de San Vitoiro da Mezquita-San Mamede de Urrós, no concello de Allariz (Ourense), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. (Clave: 2005/0429).

Antecedentes.

Por solicitude dos veciños das parroquias de San Vitoiro da Mezquita e San Mamede de Urrós (Allariz, Ourense), a Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (actualmente Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias) iniciou o proceso de concentración parcelaria nas devanditas parroquias, que afecta unha superficie total dunhas 613 ha, das que aproximadamente 496 serán obxecto de concentración.

A devandita concentración parcelaria, que se atopa entre os proxectos recollidos no anexo II do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, cualificouse como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

No anexo I resúmense as características da zona de concentración e no anexo II as medidas preventivas e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental presentado.

Mediante Resolución do 9 de febreiro de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (publicada no DOG nº 62, do 28 de marzo), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria da referida zona, non constando a presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data do 11 de maio de 2007 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias como órgano substantivo por razón da materia, no que se inclúen os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Confederación Hidrográfica do Norte, non constando emisión de informe por parte das direccións xerais de Conservación da Natureza e de Montes e Industrias Forestais, así como o do Concello de Allariz, segundo indica o órgano substantivo no oficio de remisión do expediente.

Formalizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula, para os efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) da concentración parcelaria da zona de San Vitoiro da Mezquita-San Mamede de Urrós, no concello de Allariz (Ourense), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proceso de concentración parcelaria da zona de San Vitoiro da Mezquita-San Mamede de Urrós é ambientalmente viable sempre que:

-Co fin de asegurar que se protexen os valores naturais de interese local -se é o caso-, se conte coa conformidade do Concello de Allariz relativa á compatibilidade do proceso de concentración coas zonas clasificadas como solo rústico de protección de espazos naturais no Plan Xeral de Ordenación Municipal ou, na súa ausencia, nas normas subsidiarias de planeamento.

-Se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ao proceso de concentración parcelaria das parroquias de San Vitoiro da Mezquita e San Mamede de Urrós (Allariz, Ourense), que se desenvolverá na zona delimitada no plano titulado «Situación. Plano nº 1» do estudo de impacto ambiental, cuxo perímetro abrangue unha superficie dunhas 613 ha.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. Definirase a localización da zona ou zonas destinadas a casetas de obra, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc, cos criterios sinalados no estudo de impacto ambiental, coidando que non se sitúen excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

2. No caso de que nos camiños de servizo sexa necesario habilitar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán preverse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo con un ou os dous laterais abertos.

3. No deseño do novo parcelario favorecerase a integración paisaxística dos predios resultantes mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese ambiental; lindes arborados, muros de pedra, sebes, etc. Para iso, procurarase axustar a maior lonxitude posible de lindeiros dos predios de substitución aos citados elementos. Neste sentido, promoverase a conservación e posterior traslado dos muros ou valados de pedra que vaian quedar sen uso no interior dun predio para empregalos como elemento delimitador das novas parcelas.

4. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proxecto definitivo da concentración parcelaria, no que se desenvolvan e orcen detalladamente os labores de restauración e integración paisaxística aos que se fai referencia no estudo ambiental. Na elaboración deste proxecto atenderase a criterios de coherencia ecolóxica e paisaxística, e terase en conta o seguinte:

* En canto ás especies que se van empregar:

-Serán autóctonas, tendo sempre presentes as circunstancias edafolóxicas e climáticas da zona que se vai restaurar e que estas (sexan árbores, arbustos, matas e/ou herbáceas) procederán da mesma zona ou outra similar, segundo criterios bioxeográficos, litolóxicos, de vexetación potencial e climáticos.

-Deberán ser compatibles co hábitat no que se vaian implantar. O hábitat, estación ou localización vai estar definido pola interdependencia e interrelación do clima, factores fisiográficos (topografía, pendentes, altitudes, exposición), solo ou substrato (perfil, textura, fauna, flora, ciclos de nutrientes, etcétera), e factores bióticos.

-Deben ser compatibles entre si, no espazo e no tempo, aplicándose, se é o caso, os tratamentos oportunos, é dicir, a competencia interespecífica e intraespecífica entre as especies que se implanten debe posibilitar o éxito da restauración, adoptándose, ademais, para acadar este obxectivo, os tratamentos que sexan necesarios (clareos, rozas, etcétera).

* No caso de ser necesaria a eliminación dalgúns exemplares de especies arbóreas autóctonas, estas deberán ser replantadas, empregándose na restauración. De todos modos, recoméndase a súa preservación, actuando unicamente sobre exemplares mortos ou moi danados.

* Maximizarase a diversidade da zona de restauración, tendo sempre presentes as superficies que se van restaurar e os hábitats presentes.

* Tal e como se sinala no estudo ambiental, considerarase a formación de sebes nos límites dos novos predios de substitución, como un elemento máis de integración paisaxística, empregando para iso especies arbustivas autóctonas presentes na zona.

* Así mesmo, e de acordo co proposto no estudo ambiental, sempre que sexa posible, levarase a cabo a restauración, como corredor de fauna, da vexetación de ribeira na zona de servidume de leitos, mediante a plantación de especies rípicolas propias da zona. Esta medida desenvolverase preferentemente nas zonas onde a dita vexetación estea máis minguada.

5. Redactarase un programa de vixilancia e seguimento ambiental baseado na proposta incluída no estudo ambiental, incorporando aqueles aspectos a controlar que xurdan ao longo da fase de formulación, así como todos os derivados do cumprimento do condicionado desta DIA.

O dito programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberá designarse un/s responsable/s do control desta.

-Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

-Fixaranse, para todas as fases, os indicadores ambientais, a periodicidade dos controis e os limiares (admisible, de alerta e inadmisible) que se vaian utilizar en cada caso.

-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo que se realizarán durante os labores con maior incidencia sobre os indicadores obxecto de control.

B.2. Fases de execución e explotación.

1. Adoptaranse todas as medidas propostas no estudo ambiental, así como calquera outra necesaria, para que os niveis de presión sonora non superen os previstos no estudo acústico incluído no anexo nº 4 do estudo ambiental e, en todo caso, os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello do Allariz ao respecto.

2. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente, neste caso a Confederación Hidrográfica do Norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

3. Non se afectarán, ou serán repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopen na zona afectada pola concentración parcelaria.

Así mesmo, respectaranse os mananciais que puidesen existir na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso para a execución da obra se resulta necesario. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.

4. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorregamento superficial.

5. Cando se leven a cabo movementos de terras en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiescorrega ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.

6. Co obxecto de prevenir fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas, a medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén nas zonas afectadas por movementos de terras. Ao pé dos noiros habilitaranse cunetas de interceptación ou balsas de decantación que impidan a chegada de arrastres aos cursos fluviais.

7. Non está permitido o lavado de maquinaria e utensilios nos cursos de auga. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Neste sentido, levarase a cabo o plan de control da calidade das augas proposto no anexo nº 5 do estudo de impacto ambiental.

8. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se istos se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

9. De ser preciso o emprego de formigón, evitarase a súa elaboración na propia obra, adquiríndoo xa preparado en plantas que conten coas debidas autorizacións.

10. Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria de obra realizaranse en talleres autorizados sempre que sexa posible, eliminando así o risco de verteduras accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (con mobilidade restrinxida ou non apta para circular por estrada), estas tarefas realizaranse na zona destinada a parque de maquinaria, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras, que incluirán un sistema de recollida, condución e decantación das augas procedentes desta zona que garanta a non afección ao contorno.

11. Levarase a cabo un control topográfico dos límites da zona de concentración parcelaria e da localización e dimensións dos predios de substitución e dos camiños de concentración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos considerados no proxecto, que en todo caso se axustará ao que derive desta declaración.

12. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas nas que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas, zonas hidromorfas ou zonas húmidas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación ademais das que figuran no estudo ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

13. No caso de que se precise material de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de explotacións autorizadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se vaian utilizar na construción de novos camiños (para as bases ou subbases ou para a pavimentación), proceda de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

14. Con carácter xeral, e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos resultantes serán restaurados ao remate da obra.

15. Previamente ao depósito de sobrantes procedentes dos movementos de terra -se os houbese- nos lugares seleccionados de acordo co indicado no estudo ambiental, deberase contar cos correspondentes permisos.

16. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario, respectando sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución das obras. Procederase ao balizamento ou sinalización das masas e formacións vexetais de interese ambiental para evitar a súa eliminación. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.

17. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira haberá que aterse ao disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

18. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

19. Se na zona de concentración existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.

20. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística aos que se fai referencia no punto B.1.4 desta DIA, paralelamente ao avance da obra sempre que sexa posible, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas alteradas polas obras. Vixilarase a evolución da revexetación efectuada, procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas.

21. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.

22. Todos os residuos que se xeren, tanto na fase de obras como na de explotación, deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a súa reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Neste sentido, adoptaranse as medidas oportunas para que os distintos residuos producidos se almacenen en condicións adecuadas de hixiene, seguridade e segregación, garantindo en todo caso que non se produzan afeccións ao ambiente.

23. Se durante a realización do programa de vixilancia e seguimento ambiental ao que se refire o punto B.1.5 desta DIA se detectan impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias propoñerá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais graves ou críticos, comunicarao a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase de formulación.

1. En relación coa protección do patrimonio cultural, haberá que aterse ao seguinte:

a) Nos ámbitos de protección integral dos xacementos arqueolóxicos sinalados no PXOM do concello de Allariz non se poderán realizar obras relacionadas coa rede de camiños principais da concentración parcelaria.

b) Unha vez se definan as accións a levar a cabo na zona de concentración parcelaria (no relativo ao proxecto de camiños e ao proxecto de concentración parcelaria), e previamente ao inicio das obras, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o seu informe, unha avaliación do impacto das accións dos ditos proxectos sobre os elementos do patrimonio cultural localizados na zona.

c) No que respecta ás obras inherentes á concentración parcelaria, ante a súa indefinición establécese a seguinte cautela: as obras e movementos de terras que se proxecten executar nas áreas de protección dos xacementos arqueolóxicos, terá que emitir informe previamente á Consellería de Cultura e Deporte. Para tal fin, deberase presentar un documento, asinado por técnico arqueólogo, no que se fará constar a localización da obra, coa referencia catastral da parcela, o tipo de obra e as súas especificacións técnicas, a afección que xerará sobre o patrimonio cultural e as cautelas a ter en conta durante a realización das obras.

d) De acordo coa documentación que consta no arquivo de xacementos arqueolóxicos depositado na Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, no ámbito da igrexa parroquial de San Mamede de Urrós foi localizada unha ara epigráfica identificada co código GA32001ACH11. Na avaliación do impacto arqueolóxico da concentración non foi tida en conta, polo que se deberá levar a cabo un seguimento arqueolóxico presencial dos movementos de terra das vías denominados B-7 e C-7.

e) Revisadas as afeccións ao patrimonio arqueolóxico e etnográfico, cómpre sinalar que os elementos do catálogo do Plan Xeral nº 248 e 251 (Ermida dos Condes e casa reitoral de San Vitoiro), xunto co seu contorno de protección (delimitado no Plan Xeral) se atopan na zona da concentración. Estes dous elementos xunto coa súa área de protección deben figurar na cartografía empregada polo persoal de obra durante o transcurso desta. Así mesmo, calquera obra que se vaia realizar no contorno de protección destes elementos a Consellería de Cultura e Deporte deberá emitir informe dela, por tratarse de bens do Inventario Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia.

f) Unha vez informados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural os documentos aos que se fai referencia nos puntos b) e c), terase en conta que en todo o ámbito da concentración parcelaria deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos.

Para tal fin, e previamente ao inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como anexo ao dito proxecto deberase recoller, na cartografía que empregue o persoal da obra durante o transcurso desta, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

g) Na fase de replanteo deberanse revisar os impactos e valorar a aplicación das medidas correctoras.

h) Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases da obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

i) Os traballos arqueolóxicos serán levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

2. No proceso de concentración parcelaria preservaranse especialmente as áreas de ribeira que presenten Bosques aluviais residuais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae), hábitat natural prioritario recollido no anexo I da Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, co código 91E0*.

3. Ademais do anterior, consideraranse elementos e áreas sensibles para conservar o máximo posible as formacións densas de arboredo autóctono, especialmente cando constitúan Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica -código 9230- ou Bosques de Castanea sativa -código 9260-, os cursos fluviais e a súa vexetación de ribeira (aínda que non constitúa hábitats 91E0) xunto cos ecosistemas intimamente ligados á auga, as árbores e monteiras singulares, os lindeiros arborados e arbustivos de límite entre parcelas e as especies vexetais e/ou faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas. Moitos destes elementos englobaríanse nas zonas de especial protección e conservación ás que se fai referencia na epígrafe de medidas preventivas do estudo ambiental e aparecen reflictidos no plano nº 8 do estudo.

Ao longo de todo o proceso de concentración, pero especialmente no deseño da rede viaria e dos predios de substitución, adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das propostas no estudo de impacto ambiental e as establecidas nesta DIA, co fin de evitar ou minimizar as afeccións aos citados elementos. Tamén se terá en conta a presenza, se é o caso, de rutas de sendeirismo, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer.

4. A traza da rede de camiños principais proposta no estudo ambiental axustarase, no que resulte preciso, ao contido desta declaración. Nese caso, e tamén se resultan precisos outros novos accesos, na definición do trazado teranse en conta as seguintes medidas, ademais das sinaladas no estudo ambiental:

-Aproveitarase o máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a execución de novos accesos ás parcelas. Evitaranse longos tramos de trazado rectilíneo, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura.

-Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que na rede viaria deberán dispoñerse as estruturas de drenaxe necesarias para iso, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

Á saída dos pasos de auga colocaranse dispositivos protectores ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas de drenaxe aos cursos naturais. Neste sentido, se é preciso adaptarase o plan de seguimento hidrolóxico a desenvolver nas fases de obras e explotación, segundo a proposta contida no anexo nº 5 do estudo ambiental.

-No caso de ser imprescindible o cruzamento de cursos fluviais, empregaranse pontes sempre que sexa posible (procurando que os piares non se coloquen no leito e que os estribos se sitúen a máis de 5 m a cada lado deste) ou, no seu defecto, obras de paso tipo pórtico, evitando pasos tipo marco ou tubo con fin de manter os leitos no seu estado natural. En calquera caso, o deseño que se adopte deberá permitir o paso da fauna ictícola en datas de escaso caudal. Así mesmo, adoptaranse as medidas precisas para evitar a sobreelevación das augas, que non poderá ser superior a 10 cm, e o aumento da área inundable.

5. Desenvolveranse as medidas necesarias, entre elas as sinaladas no estudo ambiental, para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser a aparición de edificacións ou peches, o abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos e as cortas indiscriminadas de vexetación ante a incerteza dos actuais propietarios das parcelas pola titularidade futura destas.

Neste sentido, lembraráselle aos propietarios a necesidade de obter autorización ou permiso para a corta de especies arbóreas, así como doutras limitacións establecidas na normativa ao respecto, e procurarase en todo momento telos informados da marcha do proceso de concentración, establecendo canles fluídas de comunicación e colaboración entre todos os axentes implicados no proceso.

6. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitirá a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración no que se incluirá, ademais do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia, un anexo específico sobre a adecuada inclusión no dito proxecto tanto das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental como do condicionado desta DIA.

C.2. Fase de execución.

1. Previamente ao inicio efectivo das obras inherentes á concentración parcelaria, levarase a cabo a campaña preoperacional do plan de control da calidade das augas, conforme o recollido no anexo nº 5 do estudo de impacto ambiental. Os resultados da dita campaña incorporaranse aos informes de seguimento ambiental para comparalos cos datos obtidos durante o seguimento.

2. Serán obxecto de especial atención en canto á súa preservación e adopción das medidas protectoras, correctoras ou compensatorias necesarias, así como obxecto dun especial seguimento e vixilancia ambiental, os elementos e áreas sensibles sinalados no punto C.1 da DIA.

3. Tal e como se sinala no estudo de impacto ambiental, procederase á limitación e control de actividades potencialmente molestas para a fauna durante as épocas de cría ou nidificación, con especial atención ás especies de interese ou que sexan figuras de protección legal.

4. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental ao que se refire o punto B.1.5 desta DIA e, como órgano substantivo, estará ao disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.

Durante esta fase elaboraranse os seguintes informes de seguimento, cos contidos mínimos que se sinalan a continuación:

a) Semestralmente:

-Informe de avance das obras (incluíndo cronograma actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto de concentración, acompañado de plano en planta no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

-Memoria do seguimento ambiental realizado en cumprimento desta DIA, incluíndo os resultados dos plans de control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras, correctoras ou compensatorias, incidencias ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra, sobrantes de terra, etc. O informe reflictirá o cumprimento desta declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas aos elementos e áreas sensibles sinalados no punto C.1 da DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

b) Antes da emisión da acta de recepción de obra:

-Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, na que quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo conforme o sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA. Descrición detallada do estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección da vexetación e aos labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Describiranse, así mesmo, de ser o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecidos e as solucións adoptadas.

Neste sentido, realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona, hábitats naturais e demais formacións e áreas de interese sinaladas no punto C.1 da DIA, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración e das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, en especial as relativas á protección dos elementos e áreas sensibles sinalados no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e virán acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante a adopción de criterios de sustentabilidade ambiental no uso dos predios asignados a cada propietario, que se comprometerán a manter o uso que se lle teña atribuído ao longo do proceso de concentración parcelaria.

Así mesmo, considérase de importancia, tal e como se propón no estudo de impacto ambiental, que os agricultores teñan en conta e poñan en práctica as medidas contidas no Código Galego de Boas Prácticas Agrarias, de cara a un aproveitamento das parcelas máis respectuoso co ambiente.

2. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores habilitados dentro dun Sistema Integrado de Xestión de Envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produto e que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

3. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que como mínimo inclúa:

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías da concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.

-Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, referida a todos os seus elementos, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

-Se é o caso, incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar en anos posteriores, ou estudar a posibilidade de dar por finalizado o seguimento.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2007.

Joaquín Lucas Buergo del Río

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo das características da zona

de concentración parcelaria

Preténdese levar a cabo o proceso de concentración parcelaria nas parroquias de San Vitoiro da Mezquita e San Mamede de Urrós, no Concello de Allariz (Ourense), promovendo a reordenación do solo con fin de mellorar o rendemento agrario dos novos predios de substitución.

A superficie englobada polo perímetro da zona de concentración é dunhas 613 ha. Tendo en conta que o conxunto de terreos que se prevé excluír do proceso de concentración totalizan unhas 117 ha, a superficie que vai ser obxecto de concentración ronda as 496 ha, repartidas entre 5.467 parcelas.

O proceso desenvolverase en tres fases; formulación, execución e explotación. As actuacións que implican un maior número de operacións de maquinaria e risco de deterioración de elementos ambientais son o acondicionamento dos predios de substitución e a execución dos camiños de servizo ás ditas parcelas.

A rede hidrográfica da zona que se vai concentrar está constituída por regos e regatos de escasa entidade, pertencentes á bacía do río Arnoia. No tocante ás unidades de vexetación, ademais dos cultivos e prados (que ocupan gran parte da superficie de concentración) e a matogueira -de toxo e breixo-, no estudo ambiental sinálanse as seguintes: arboredo autóctono (rebolo, carballo, castiñeiro e bidueiro) que en ocasións forma masas densas aínda que non extensas, masas produtoras de piñeiro e vexetación de ribeira.

ANEXO II

Resumo das medidas preventivas e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental

A) Fase de formulación.

Medidas preventivas.

-Delimitación de zonas de especial protección e conservación; para asegurar e manter os valores ecolóxicos, deberanse establecer zonas de protección estrita, zonas de conservación activa e zonas de protección de restos arqueolóxicos. As zonas de especial protección son áreas cun apreciable interese ecolóxico, estando constituídas por formacións arbóreas autóctonas de considerable extensión, que deben conservarse evitando a súa alteración. Dentro destas zonas englóbase tamén a vexetación presente no contorno dos regatos existentes ao sur da zona de concentración.

Nos documentos das bases de concentración deben incluírse as ditas zonas cunha valoración que inclúa o valor do terreo e da masa forestal, informando aos propietarios que se realizan algún aproveitamento do predio distinto ao tradicional modificarán o valor das parcelas de achega e poden incorrer en multas. A delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente deberá vixilar para evitar a corta e venda de árbores a terceiros. Deberase cumprir coa Lei 43/2003, do 21 de novembro, sobre aproveitamentos madereiros e leñosos. É conveniente na medida do posible establecer masas comúns (predios destinados ao fondo de terras) nas zonas de protección estrita, co fin de que ao ser o titular a propia Administración se poida conservar a vexetación natural.

Delimitarase unha zona de protección de restos arqueolóxicos para evitar alteracións durante a execución da obra. Definirase claramente na cartografía a localización do patrimonio arqueolóxico.

-Estudo do trazado da rede de camiños; en ningún caso a rede de camiños deberá atravesar as zonas de protección e conservación citadas anteriormente sempre que non sexa estritamente necesario. A rede de camiños deberá apoiarse maiormente na rede de camiños existententes, adaptando o largo e a capa de rodadura. Os movementos de terra serán os mínimos necesarios. No deseño dos camiños e dos predios de substitución teranse en conta a presenza de muros tradicionais e lindes arborados e arbustivos, para facer coincidir, na medida do posible, os antigos e os novos lindeiros e así conservar estes elementos.

-Información continuada aos propietarios e aos afectados polo proceso, co obxecto de diminuír os impactos pola incerteza sobre a localización das novas parcelas; proliferación de peches nas antigas parcelas, abandono de cultivos...

-Habilitarase unha partida no proxecto de acondicionamento de predios para indemnizar aos propietarios de frondosas autóctonas diseminadas que non estean dentro de zonas de protección e conservación para que ao perder a parcela de achega non os corten e pasen ao novo propietario, quedando este obrigado a non cortalo, podendo realizar o aproveitamento tradicional. É moi importante informar sobre este punto para evitar talas indiscriminadas.

B) Fase de execución.

Medidas preventivas.

-Limitación das zonas de obra. Minimización da ocupación.

-Regraxe e mantemento da maquinaria.

-Elección da maquinaria de obra; redución das emisións de gases.

-Control e prevención de nubes de po (rega de superficies, precaución nas operacións de carga e descarga de materiais, evitar amoreamentos de materiais en zonas desprotexidas do vento, circulación a velocidades moderadas, transporte de materiais en camións con caixa cuberta, cubrición das moreas de materiais que poidan xerar po con lonas ou plásticos...).

-Control e prevención do ruído: instalación de silenciadores nos equipamentos móbiles. Mantemento preventivo adecuado. Instalación de mantas de goma nas caixas abatibles para rebaixar o ruído por impacto dos materiais na caixa. Limitar o traballo da maquinaria máis ruidosa ás horas centrais da xornada diúrna. Os niveis sonoros non deberán superar os establecidos na lexislación vixente.

-As instalacións de obra e os amoreamentos de materiais situaranse sobre solos nos que non existan cultivos ou vexetación natural, establecéndose preferentemente sobre áreas degradadas ou cruzamentos de camiños.

-As operacións relacionadas co mantemento dos vehículos de obra concentraranse nunha soa zona, tomando as máximas precaucións nos cambios de aceite e xestionando adecuadamente todos os residuos que se produzan.

-Os sobrantes de terras depositaranse en áreas degradadas e posteriormente procederase á súa integración.

-Xestión da terra vexetal. Retirada, amoreamento e conservación. Emprego na restauración.

-Xestión de restos de demolición de muros e peches de predios. En todo caso, evitarase na medida do posible a demolición das estruturas tradicionais de cachotaría.

-Xestión de residuos de obra.

-Limitación das operacións de eliminación de vexetación: sempre que sexa posible, sobre todo nas zonas con pendente maior do 25% e nas áreas con vexetación arbórea, preservarase a cuberta vexetal orixinal coa finalidade de controlar a erosión. Proponse como vexetación a conservar todas as masas arboradas que estean dispersas pola zona, incluíndo a vexetación ligada a leitos fluviais. Só se talarán aqueles pés que sexa estritamente necesario eliminar. Marcaranse con pintura aqueles pés que pola súa singularidade se decida conservar no medio do uso agrícola. Co mesmo obxectivo, marcaranse as zonas excluídas das actuaciós de acondicionamento de predios e especialmente as zonas de arboredo para evitar a entrada accidental de máquinas.

-Aproveitamento ao máximo de vías existentes.

-Medidas de prevención de incendios forestais, seguindo a normativa ao respecto, prestando especial atención no contorno da zona de instalacións de obra.

-Prevención do impacto paisaxístico: nas novas pistas, seguir na medida do posible o trazado de camiños existentes. Evitar a demolición de estruturas tradicionais de pedra. Conservar a vexetación existente ao máximo posible.

-Transparencia informativa.

-Medidas para a protección dos elementos arqueolóxicos, entre elas o desvío dunha pista no contorno do castro de Monte Castrelo.

-Mantemento da permeabilidade territorial e dos servizos locais.

Medidas correctoras.

-Atmosfera: humectación de camiños e pistas para evitar o levantamento de po. Observarase a lexislación de protección da atmosfera no relativo, entre outras cuestións, ás emisións de gases e ruído por parte da maquinaria de obra.

-Restitución xeolóxica e xeomorfolóxica.

-Restitución edáfica.

-Hidroloxía: construción de sucos transversais cando se leven a cabo rozas de vexetación en zonas de pendente, co obxecto de frear a erosión. Obras de drenaxe para evitar erosións en noiros e terrapléns e para manter o réxime hídrico existente na zona. Respectarase a vexetación de ribeira. O cruzamento de ríos e regatos pola maquinaria só se realizará a través dos camiños e pasos existentes. Para salvar o cruzamento de leitos, as vías de nova execución deberán estar dotados das obras de paso necesarias, respectando en todo momento as condicións do medio. Non se poderá variar o trazado dunha corrente superficial sen o preceptivo proxecto ou autorización por parte do organismo competente.

-Vexetación: retirada de terra vexetal para o seu posterior emprego na restauración. Labores de restauración, especialmente nas zonas de arboredo disperso que puidesen ser afectadas, nas zonas con pendente superior ao 25% con risco de erosión, zonas con vexetación de ribeira e nos lindeiros das parcelas, procedendo á reposición de exemplares. Sementeira con herbáceas para a protección do solo, empregando especies autóctonas adaptadas á zona. Implantación de sebes e lindes arboradas nos novos predios de substitución. Independentemente da súa afección ou non polas obras, sería de grande interese a restauración, como corredores de fauna, dos 5 metros de protección de marxes de ríos e regos, mediante plantación de especies ripícolas sobre todo nos tramos onde está moi degradada. Tamén serán obxecto preferente de restauración aquelas zonas nas que se realizaron accesos temporais, zonas de amoreamento de materiais e outras áreas degradadas. Plan de prevención de incendios forestais.

-Fauna: limitación e control de actividades molestas para a fauna, durante as épocas de reprodución e cría, con especial atención ás especies singulares que puidese haber. Se se localizase algún niño das especies de maior valor, procederase á interrupción das obras neses puntos ou ben demoraranse ata que finalice o periodo de cría. Redución de emisións sonoras durante a época de reprodución. Cando se efectúen rozas, realizaranse á velocidade máis baixa posible para que a fauna poida fuxir da maquinaria.

-Paisaxe: na remodelación do terreo non se permitirán formas angulosas ou novas formas no terreo. Na restitución do terreo buscarase a cota orixinal deste. Procurarase a reutilización de materiais propios da zona da obra. Non se permitirá o tránsito de vehículos fóra das vías.

C) Fase de explotación.

Levaranse a cabo medidas preventivas nas zonas de tipo hidromorfo, onde a agricultura intensiva ou un mal uso de praguicidas e fertilizantes pode provocar a contaminación deses solos. Para iso teranse en conta as especificacións do Código Galego de Boas Prácticas Agrarias, posto á disposición de todos os agricultores da zona interesados en poñelo en práctica.