DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 25 de setembro de 2007 Páx. 15.811

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

AVISO do 10 de setembro de 2007, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental da concentración parcelaria para a zona de Arantón-Santa Sabiña (Santa Comba-A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da concentración parcelaria para a zona de Arantón-Santa Sabiña, municipio de Santa Comba (A Coruña) e que se transcribe no anexo deste aviso.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2007.

Xosé Carballido Presas

Director xeral de Estruturas e Infraestruturas

Agrarias

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 3 de setembro de 2007, relativa á concentración parcelaria da zona de Arantón e Santa Sabiña, no concello de Santa Comba (A Coruña), promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. (Clave: 2005/0251).

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias (hoxe Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias), por petición dos veciños, iniciou o proceso de concentración parcelaria das parroquias de Arantón e Santa Sabiña, no concello de Santa Comba, na provincia da Coruña.

A superficie total de ambas as parroquias é de 2.194 ha, das que por mor dos seus valores naturais e etnográficos se exclúen 765 ha, restrinxíndose a zona de actuación a 1.429 ha, das cales a meirande parte están ocupadas por solo agrícola.

No anexo I resúmense as características da zona de concentración e no anexo II as medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental avaliado.

O proxecto de concentración parcelaria das parroquias de Arantón e Santa Sabiña foi sometido ao trámite de avaliación ambiental con base nos seguintes puntos:

1. Na rede fluvial da zona de concentración atópanse varios cursos de auga superficial como o rego de Vilar Ramilo, de Busto e da Carballeira que conducen as augas de escorremento e pluviais ata o río Xallas (incluído no perímetro da concentración proposta), e o río García. Como consecuencia da execución da rede de camiños, que implica o tránsito de maquinaria e movementos de terras, poderán producirse episodios erosivos que afecten a calidade dos solos da zona e un arrastre de partículas que afecte a calidade das augas dos citados cursos fluviais por incorporación de sólidos.

2. O proceso concentrador podería afectar a braña presente na zona de estudo, a Braña do Monte de San Bartolomeu (catalogada no inventario de zonas húmidas de Galicia co nº 1110323) pola súa desecación e a consecuente perda dos seus valores naturais.

3. Do proceso de concentración despréndese a posible afección aos elementos do patrimonio cultural identificados na zona de estudo, entre os que se atopan elementos arqueolóxicos (as mámoas de Pedra Branca e da Medorra, os castros de San Bartolomeu e de Santa Sabiña, a necrópole da Pedreira) e arquitectónicos (varios muíños, igrexa e cemiterio de San Xulián, de Santa Sabiña e o Curro de Arantón).

4. A corta de especies arbóreas para a apertura ou mellora de camiños e a eliminación de lindes producirá fenómenos erosivos, unha simplificación da paisaxe e a transformación da estrutura de hábitats naturais, cuestión que afectará a conservación das comunidades naturais (aves e mamíferos de moi diversa entidade, réptiles...) e vexetais (piñeiros, breixeiras, vexetación de ribeira...) presentes na zona.

5. Do proceso concentrador deriva unha intensificación dos labores de explotación e do emprego de tratamentos fitosanitarios, operacións das que se desprende unha posible afección ao ambiente.

Mediante Resolución do 20 de setembro de 2006, da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias (DOG nº 194, do 6 de outubro), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria da zona de Arantón e Santa Sabiña sen que nese período conste a presentación de alegacións a el.

Con data do 11 de maio de 2007 recíbese na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o expediente ambiental do proxecto en que se inclúen os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, a Dirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, o Concello de Santa Comba, a copia da resolución publicada e o resultado da exposición pública.

Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, formula para os efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) da concentración parcelaria das parroquias de Arantón e Santa Sabiña, no concello de Santa Comba-A Coruña, promovida pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá engadirlle novas medidas ambientais a esta declaración.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que outorgen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta declaración. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, entregando documentación técnica que xustifique as medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ao proceso de concentración parcelaria das parroquias de Arantón e Santa Sabiña no concello de Santa Comba (A Coruña), que se vai desenvolver na zona delimitada no plano titulado Plano de localización, plano nº 1 do estudo de impacto ambiental de la zona de concentración parcelaria de Arantón e Santa Sabiña (Santa Comba-A Coruña), sobre unha superficie total de 2.194 ha.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de formulación.

1. Co fin de darlle cumprimento ao estipulado no punto 8 do artigo 4º da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, o proxecto definitivo da concentración parcelaria deberá contar co correspondente estudo acreditativo do seu impacto acústico.

No dito estudo que se realizará con base no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, definiranse as medidas protectoras e/ou correctoras para adoptar naqueles puntos en que puidesen superarse os límites establecidos no anexo da citada Lei 7/1997, así como, no caso de que dispoña dela o Concello de Santa Comba.

2. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións de obra, casetas, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etc., cos criterios sinalados no estudo de impacto ambiental, pero tendo en conta que non se sitúen excesivamente próximas a núcleos de poboación, para minimizar posibles molestias por ruídos e tráfico de maquinaria.

3. No caso de que existan sobrantes procedentes de movementos de terra, definiranse as posibles zonas para depósito destes. A selección destas zonas realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que de existir no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. En ningún caso se depositarán os sobrantes nas zonas con valores ambientais relevantes identificadas no estudo ambiental.

4. Tal e como se indica no estudo ambiental, no deseño da rede viaria aproveitarase ao máximo posible a traza dos camiños existentes, minimizando a execución dos novos accesos ás parcelas de substitución. De ser necesarios, na definición do seu trazado teranse en conta as seguintes medidas, ademais das sinaladas no estudo de impacto ambiental:

-Evitaranse longos tramos de trazados rectilíneos, sendo preferible que a traza se adapte ao relevo natural do terreo, co fin de acadar unha mellor integración paisaxística da infraestrutura.

-Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionaranse en función da máxima avenida previsible de modo que non se produza un efecto presa en ningún momento. Á saída destes pasos colocaranse dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía para evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ás canles naturais.

-No caso de ser imprescindible o cruzamento de cursos fluviais empregaranse pontes (sempre que sexa posible), procurando que os piares non se coloquen no leito nin a unha distancia menor de 5 metros desde as ribeiras do río. Se isto non for posible, empregaríanse obras tipo pórtico ou similares, evitando pasos tipo marco ou tubo co fin de manter as canles no seu estado natural. En todo caso o deseño que se adopte deberá permitir o paso da fauna ictícola en épocas de escaso caudal.

5. No caso de que nos camiños de servizo sexa preciso habilitar barreiras canadenses para impedir o paso de gando deberán preverse medidas que permitan o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderá consistir, sen prexuízo de outras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo con un ou os dous laterais abertos.

6. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etc.).

7. Redactarase un proxecto de integración paisaxística axustado ao proxecto definitivo da concentración parcelaria, no cal se devolverán e presupostarán detalladamente os labores de restauración e integración paisaxística. Neste proxecto preverase asemade, sempre que sexa posible, a formación de sebes nos límites das novas parcelas como un elemento máis de integración paisaxística, empregando para isto especies autóctonas presentes na zona.

8. Desenvolverase o programa de vixilancia ambiental proposto no estudo ambiental, coas modificacións xurdidas do cumprimento desta DIA. Este programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, incorporando procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa deberá detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade e os indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se van utilizar en cada caso.

Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:

-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, designarase un/s responsable/s desta.

-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e polo tanto deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

-A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas.

-Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis poderán ser revisados baseándose nos resultados obtidos.

B.2. Fases de execución e explotación.

1. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Santa Comba.

2. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante a fase de obras ademais da rega da superficie prevista no estudo de impacto ambiental, os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similares, asemade procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

3. A maquinaria empregada no proceso construtivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ao respecto.

4. Non se afectarán ou serán repostos na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro que poida ser afectado pola lexislación hidráulica.

5. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación e/ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización do organismo de bacía competente.

6. Estremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica, charcas, zonas hidromorfas ou zonas húmidas, adoptando todas as medidas protectoras ou correctoras necesarias para a súa conservación ademais das recollidas no estudo de impacto ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

7. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estiveren en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.

8. Cando se leven a cabo movementos de terra en zonas de elevada pendente, disporanse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.

9. Co obxecto de evitar fenómenos antierosivos e a incorporación de sólidos ás augas, a medida que avanza a obra procederase á revexetación e estabilización dos noiros de desmonte ou terraplén afectados polas obras.

10. Tendo en conta a política de xestión de residuos da construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, estudarase a posibilidade, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc), de que sexan reciclados co fin de reutilizalos na propia obra. No caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.

11. No caso de que se precise material de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de explotacións autorizadas. Así mesmo estudarase a posibilidade de que parte do materiais que se utilizarán na construción dos novos camiños procedan de plantas de reciclaxe de residuos da construción e demolición.

12. Con carácter xeral e tendo en conta o sinalado no punto anterior, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Neste caso seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou no seu defecto lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao final das obras.

13. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra, se os houber, nos lugares seleccionados baseándose nos criterios do punto B1.3 de esta DIA, deberase contar cos correspondentes permisos.

14. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira terase en conta o disposto na lexislación vixente. Así mesmo, previo á corta de masas forestais, terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

15. A xestión da biomasa vexetal eliminada realizarase estritamente de forma mecánica. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades e pragas.

16. Se na zona de concentración existisen afloramentos rochosos de interese xeomorfolóxico deberán ser respectados sen que se vexan afectados polas obras.

17. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística a que se fai referencia no punto B1.7 desta DIA, paralelamente ao avance das obras, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr o máis pronto posible a integración paisaxística das zonas afectadas. Vixiarase a evolución da revexetación efectuada procedendo á reposición das calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións efectuadas.

18. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que existen na actualidade. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse xerar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

19. No caso de deterioración de estradas camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ao proceso de concentración parcelaria, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos á concentración.

20. Todos os residuos que se xeren, tanto na fase de execución como na de explotación, deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme á lexislación vixente, primando a súa reciclaxe fronte á vertedura.

21. Neste sentido adoptaranse as medidas oportunas para que os distintos residuos producidos se almacenen en condicións de hixiene, seguranza e segregación, garantindo en todo caso que non se produzan afeccións ao ambiente.

22. Nas labores de mantemento de cunetas e sistemas de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos ou manuais.

23. Se durante o programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectan impactos, imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias proporá as medidas precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, comunicarallo a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Antes do inicio das obras.

1. Tal e como se reflicte no plano nº 11 Propostas de exclusión do estudo de impacto ambiental e nas recomendacións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, excluiranse do proceso de concentración os seguintes terreos:

-Parque eólico e montes do Pico de Meda.

-Monte de San Bartolomé incluíndo especificamente a ermida e o castro de San Bartolomeu e a braña denominada do monte de San Bartolomé.

-Brañas no lugar do Mato, a uns 500 metros da poboación de Santa Sabiña, e as existentes entre as aldeas de Rieiro e A Xesteira, xunto ao río Xallas.

-Montes de Varilongo.

-Solo de núcleo rural.

2. Ademais do anterior, e con carácter xeral para os efectos ambientais, consideraranse elementos e áreas sensibles para conservar no proceso de concentración parcelaria as zonas próximas ás ribeiras dos ríos onde é frecuente a presenza de vexetación riparia (unidade ambiental A), mouteiras ou pés illados de frondosas autóctonas, lindes arborados e arbustivos de límites entre parcelas, especialmente aqueles poboados con acivros, para os cales debe cumprirse a Orde do 10 de decembro de 1984, de protección do acivro na comunidade de Galicia, especies vexetais e/ou faunísticas endémicas, singulares e/ou protexidas e os elementos do patrimonio cultural, tanto arqueolóxico como arquitectónico e etnográfico.

Ao longo de todo o proceso de concentración parcelaria, pero especialmente no deseño da rede viaria e das parcelas de achega, adoptaranse todas as medidas necesarias, ademais das propostas no estudo de impacto ambiental e as recollidas nesta DIA, co fin de evitar e minimizar posibles afeccións aos citados elementos. Tamén se terá en conta a presenza, se é o caso, de rutas de sendeirismo, áreas recreativas, miradoiros e calquera outra infraestrutura ou instalación para o tempo de lecer.

3. Realizarase un inventario das fontes e captacións de auga existentes no ámbito da concentración parcelaria que se poidan ver afectadas polas obras. Todas elas deberán ser protexidas, evitando as obras no seu perímetro e dentro do posible non modificando a súa propiedade.

4. Realizarase unha prospección exhaustiva co fin de determinar dentro das zonas que se van concentrar a existencia de hábitats que inclúan algunha das seguintes especies: Isoetes longuissimun, Centaurea ultreiae e Euphorbia uliginosa, consideradas en estado crítico de extinción (CR) e que se distribúen entre outros polo concello de Santa Comba:

5. En relación coa protección dos elementos do patrimonio cultural observarase o seguinte:

-Non se poderán executar pistas de novo trazado nas áreas de protección integral dos elementos do patrimonio cultural, que se corresponderán coas reflectidas no plano denominado Estudo Patrimonial, contido na memoria da prospección arqueolóxica.

-Tal e como se recolle na memoria da prospección arqueolóxica, non se poderán construír pistas de novo trazado nas áreas de respecto dos elementos do patrimonio arqueolóxico.

-Débese ter en conta que unha vez emitido o informe por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, os documentos a que fai referencia no punto anterior, e durante a fase de trazado de planta, execución de obra e restitución dos terreos, deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico en todo o ámbito do proxecto. Para tal fin, e logo do inicio destas obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Como anexo ao proxecto deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no cal figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos de patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión ou cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Ese plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

-Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

-Na fase de traza de planta revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

-Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

6. Desenvolveranse as medidas necesarias para evitar posibles impactos asociados á fase de formulación, como poden ser aparicións de edificacións, abandono, modificación ou intensificación abusiva de cultivos e as cortas indiscriminadas de vexetación ante a incerteza dos actuais propietarios pola titularidade futura das parcelas.

Neste senso, lembraráselles aos propietarios a necesidade de obter autorización ou permiso para a corta de especies arbóreas e procurarase en todo momento mantelos informados da marcha do proceso de concentración, establecendo canles fluídas de colaboración e comunicación entre todos os axentes involucrados no proceso.

7. Ademais de cumprir co sinalado no punto B.1.8. da DIA, o programa de vixilancia ambiental deberá recoller especificamente os seguintes aspectos.

-Plan de seguimento do nivel de ruído durante a execución das obras, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade dos controis e límites que se van impoñer, elixindo como punto de control as vivendas ou edificacións habitadas máis próximas ás zonas onde estea previsto executar obras. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

-Plan de control da calidade das augas dos cursos fluviais afectados polas obras, tanto na fase de obras como ao final destas ata que constate a ausencia de afeccións seleccionando puntos de toma de mostras, augas arriba e abaixo da zona afectada, considerándose como mínimos os seguintes parámetros: pH, temperatura, materiais en suspensión, oxíxeno disolto, condutividade e presenza de hidrocarburos.

-Plan de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente tanto para a fase de obras como para a de explotación.

8. Debe establecerse un procedemento para a recollida, almacenamento, conservación e xestión da terra vexetal afectada polas obras. Dada a importancia do solo vexetal, por conter as características da zona, utilizarase na reparación das zonas degradadas.

9. Previamente ao inicio das obras, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias remitiralle a esta dirección xeral, para a súa avaliación, o proxecto de concentración no cal se incluirá ademais do sinalado no artigo 30 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia, un informe sobre a adecuada inclusión no dito proxecto tanto das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental, como no condicionado de esta DIA. Terase en conta que non se poderá proceder ao inicio das obras antes de contar co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

10. Para o adecuado desenvolvemento da explotación sustentable dos produtos forestais recoméndase o seguimento do código de boas prácticas de xestión e, en particular:

-Asegurar a persistencia das masas arboradas fomentando sempre que sexa posible a rexeneración natural, pero facendo uso da plantación artificial cando o éxito da rexeneración non estea asegurado ou as características xenéticas das masas non sexan as máis adecuadas. No caso de zonas de forte pendente (superior ao 30%), as operacións de subsolo previas á plantación deberán realizarse de maneira descontinua e as cortas de arboredo non poderán afectar o total das masas existentes.

-Promoveranse as masas mixtas ou cando menos a aparición de especies acompañantes á principal, especialmente frondosas autóctonas.

-As especies arbóreas empregadas deberán ser as máis adecuadas á estación forestal e o material reprodutivo terá cando menos identificada a súa procedencia. Sempre que sexa posible empregarase material selecto.

-Recoméndase que as superficies forestais incluídas na concentración parcelaria conten cun instrumento de xestión que cumpra coa lexislación vixente.

-Minimizaranse os impactos na vexetación remanente despois dunha corta de rexeneración ou tratamento silvícola.

-Só se recorrerá ao abono das plantacións se está xustificado tecnicamente e está legalmente autorizado.

-Vixiarase o arboredo para que se poida detectar no menor espazo de tempo posible a aparición de pragas ou enfermidades. Non se empregarán produtos fitosanitarios químicos nin doses que non estean legalmente autorizadas, debendo autorizar a súa aplicación a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais. Aconséllase a utilización de técnicas de loita integrada.

-Débese velar polo éxito do rexenerado, tomando as medidas oportunas para o seu correcto desenvolvemento, especialmente no que se refire á súa protección fronte os herbívoros.

-Racionalizarase a rede viaria forestal, minimizando o número de ramais cegos, evitando os tramos de excesiva pendente e construíndo obras de drenaxe xustificadas tecnicamente.

-Fomentarase a conservación da diversidade e ecosistemas, con medidas tales como a conservación de mouteiras maduras. Así mesmo fomentarase o mantemento de árbores mortas sempre que non supoñan un risco de pragas, enfermidades ou incendios.

-Procederase á limpeza de residuos causados polas actividades forestais. No caso de cortas de árbores, os tocos non sobrepasarán unha altura de 10 cm contados a partir do solo. Evitarase a vertedura de residuos industriais nos labores forestais.

-Minimizaranse os impactos paisaxísticos racionalizando as superficies de corta e deixando pequenas mouteiras maduras ou árbores mortas que interrompan a uniformidade da corta.

-Fomentarase a función recreativa e social das zonas forestais.

C.2. Fase de execución.

1. Serán obxecto de especial atención en canto á súa preservación e/ou adopción de medidas protectoras, correctoras e compensatorias e polo tanto dun intenso seguimento, os elementos e áreas sensibles sinalados nos puntos C1.1, C1.2, C1.3 e C1.4 da DIA.

2. Tal e como se sinala no estudo de impacto ambiental, o período de obras non deberá coincidir con épocas de cría e nidificación da fauna de interese presente na zona de concentración, reflectida no apartado 2.1.6.2, páxina 78, parágrafos 2º, 3º e 4º e páxina 79, do dito estudo.

3. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias responsabilizarase de que se leve a cabo o programa de vixilancia e seguimento ambiental a que se refiren os puntos B 1.8, B 2.23 e C1.7 de esta DIA, e como órgano substantivo, terá en conta o disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.

Durante esta fase elaboraranse os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan a continuación:

A. Semestralmente:

-Informe do avance das obras (incluíndo gráfico de tempos-actividades actualizado) onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto, acompañado de plano en planta no cal se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade.

-Memoria do seguimento realizado, de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do sinalado nesta DIA, incluíndo os resultados nos plans de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas, funcionamento da rede de drenaxe e mantemento do réxime hidrolóxico. Detallaranse os resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, variacións respecto do proxectado, labores de restauración efectuados, xestión de residuos de obra sobrantes de terra, etc. O informe reflectirá o cumprimento desta declaración en relación a todos os aspectos previstos nela.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras en especial as relativas aos elementos e ás áreas sensibles sinalados nos puntos C1 e C2 da DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

B. Antes da emisión da acta de recepción da obra:

-Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, na cal quede constancia dos controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo de acordo co sinalado no estudo ambiental e o disposto nesta DIA. Descrición do estado final da zona de concentración parcelaria, con especial mención ás medidas de protección da vexetación e ós labores de restauración e integración paisaxística efectuados. Describiranse asemade, se é o caso, as variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado, así como calquera outra incidencia ou imprevisto acontecido e a solución adoptada.

-Neste senso realizarase un seguimento específico da superficie ocupada pola vexetación autóctona, hábitats naturais e demais formacións e áreas de interese ambiental sinaladas nos puntos C1.1, C1.2, C1.3 e C1.4 desta DIA, antes e despois da concentración parcelaria, co obxecto de poder obter unha avaliación do impacto final do proceso concentrador.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como o estado xeral da zona de concentración parcelaria e das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras, e en especial as relativas á protección dos elementos e das áreas sensibles sinaladas no estudo ambiental e nesta declaración. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

C.3. Fase de explotación.

1. Promoverase o desenvolvemento sustentable da zona concentrada mediante a adopción de criterios de sustentabilidade no uso das parcelas asignadas a cada propietario, que se comprometerán a manter o uso que se lle teña atribuído a cada parcela ao longo do proceso de concentración.

Neste senso, considérase de especial importancia o adecuado desenvolvemento do programa de formación proposto no estudo de impacto ambiental, dirixido aos propietarios das parcelas de cara á mellora ambiental das explotacións e ao seu aproveitamento respectuoso co medio.

2. Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deberán ser depositados en contedores axeitados e dentro dun sistema integrado de xestión de envases ou entregados a xestor autorizado. Os envases que conteñan produtos que estean fóra de uso xestionaranse como residuos perigosos e serán entregados a xestor autorizado.

3. Anualmente elaborarase un informe de seguimento ambiental que como mínimo inclúa:

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido en cumprimento do disposto nesta DIA. Describiranse os resultados dos labores de restauración e integración paisaxística, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías da concentración e dos seus sistemas de drenaxe, así como daquelas zonas en que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallarase a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas ao longo da fase de obra.

-Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando nas fotografías a data e a hora e acompañándoas dun plano de localización.

-De ser o caso, incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento poderase revisar, se é o caso, o contido ou frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores, ou estudar as posibilidades de dar por finalizado o seguimento. Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2007. Joaquín Lucas Buergo del Río, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Resumo da actuación descrita na documentación avaliada

O obxecto desta actuación é a concentración parcelaria nas parroquias de Arantón e Santa Sabiña, ambas no concello de Santa Comba (A Coruña). Con ela preténdese establecer unha nova ordenación da propiedade do solo na zona de estudo que permitirá aumentar o rendemento das explotacións afectadas, favorecer as melloras nos sistemas produtivos e aumentar a calidade de vida dos propietarios.

Para o desenvolvemento da concentración seguiranse tres fases: formulación, execución e explotación. As actuacións que implican máis risco de deterioración dos elementos ambientais son o acondicionamento das parcelas de substitución e a execución dos camiños de servizo a estas parcelas

O proceso de concentración desenvolverase sobre unha superficie total de 2.194 ha das que se excluirán 250 ha do monte do Pico de Meda, 240 ha do monte e brañas de San Bartolomeu, 115 ha do monte de Varilongo e 160 ha clasificadas como solo de núcleo rural no planeamento urbanístico do concello de Santa Comba.

As parroquias de Arantón e Santa Sabiña atópanse situadas na bacía do río Xallas, sendo cruzadas por varios afluentes deste como o Busto, o Carballeira e o García que forman sub-bacías menores que drenan a zona de actuación.

A aptitude agrícola dos solos está condicionada tanto polos materiais de partida, como pola orografía e o clima; as parroquias obxecto de estudo defínense por pendentes ao redor do 5%, unha elevada pluviosidade (2.781 mm) e un material de partida composto basicamente por rochas ácidas, estas características definen solos con rendementos agrícolas medios-baixos e escasa fertilidade intrínseca, o que fai necesario o emprego abundante de emendas e abonos xunto con labores de cultivo ben planificados e executados.

ANEXO II

Resumo das medidas de integración ambiental propostas no estudo de impacto ambiental

1. Medidas para aplicar durante a fase de estudos previos ou formulación.

1.1. Definición de subperímetros.

Durante a investigación e clasificación do terreo, estudarase coa Xunta Local a delimitación das zonas que se van excluír por razón da proximidade aos núcleos.

Dos bens de dominio público municipal só quedarán exceptuados aqueles que sexan de servizo público, salvo que soliciten a súa inclusión as entidades locais (art. 10/85, de concentración parcelaria para Galicia).

Dentro da zona de estudo existen tres zonas para excluír do proceso de concentración:

Monte do Pico de Meda.

Monte de San Bartolomeu.

Monte de Varilongo.

Das 2.294 ha obxecto deste estudo, excluíndo as zonas anteriormente citadas así como as 160 ha que figuran no planeamento municipal como solo de núcleo rural, estímase que a superficie final da concentración parcelaria será de 1.429 ha.

1.2. Localización nos planos de bases definitivas daqueles enclaves sensibles ás actuacións de concentración parcelaria.

A fase de formulación, estudos previos e deseño consiste principalmente na elaboración dun levantamento topográfico da zona parcelaria afectada así como unha clasificación posterior do terreo. Ambos os resultados conforman os planos das bases definitivas.

Para o seu desenvolvemento é imprescindible un completo traballo de campo polo que se propón que este sirva tamén para a localización destes enclaves de interese sobre os que se proporán medidas de integración quedando igualmente reflectidos nos planos de bases definitivas do proxecto de concentración.

1.3. Métodos de conservación dos enclaves de interese ambiental dentro da zona de concentración parcelaria.

Na extensa área que se vai concentrar, atópanse distintos enclaves de interese ecolóxico, os cales deben ser valorados e coidados ao longo de todo o proceso. Destacan como zonas de interese as galerías de ribeira, os lindes arborados e os pés illados de especies arbóreas.

Propomos a seguir unha serie de medidas a ter en conta para a protección destas zonas:

Brañas.

Dotaranse as medidas necesarias para a protección das brañas do monte de San Bartolomeu, presente na nosa zona de estudo e que aparece no inventario de zonas húmidas de Galicia.

Vexetación de ribeira.

Recoméndase que se considere a superficie ocupada pola vexetación de ribeira dentro do largo de ocupación dos cursos fluviais, de modo que esta non quede incluída nos planos de masas do proceso de concentración.

Ademais cando existan cursos de auga con vexetación asociada dentro das actuais parcelas estes intentaranse manter como lindes nas novas parcelas.

Sebes e lindes arborados.

Considérase imprescindible a conservación dos lindes arbóreos de interese, presentes principalmente na unidade 1, co fin de evitar a perda da riqueza paisaxística actual.

É por iso que cando existan lindes con elementos vexetais destacados ou elementos tradicionais asociados, deberán respectarse e restaurarse na medida do posible, co fin de conservar o seu valor paisaxístico e etnográfico. Procuraremos así deseñar os novos predios adecuándose ao trazado actual e conservando principalmente aqueles con elementos destacados.

Pés illados de especies vexetais autóctonas.

Intentaranse conservar as pequenas mouteiras ou pés illados de frondosas, informando os propietarios sobre os seus valores.

Co fin de evitar que estes sexan danados, procederase a sinalizar as zonas onde a maquinaria debe limitar as súas actuacións.

Por outro lado, naqueles lugares onde se proxecten restauracións, estas deberán realizarse con especies autóctonas, nunca plantacións monoespecíficas, e nunha procura continua da recuperación de comunidades vexetais de interese.

Piñeirais e eucaliptais replantados.

Planéanse para eles unha serie de medidas:

Limitarase por completo a plantación de eucalipto polo seu alto poder colonizador e limitador da diversidade da flora e da fauna.

1.4. Deseño do trazado da nova rede viaria.

Recoméndase como medida preventiva conservar a meirande parte da rede viaria existente de modo que as operacións de apertura de novos camiños se vexan notablemente reducidas.

Por outro lado o trazado deberá cumprir as seguintes premisas:

-Como xa comentamos, e co fin de reducir o impacto visual creado trataremos de aproveitar ao máximo os camiños xa existentes, minimizando así a cantidade de accesos aos predios e conservando sempre que sexa posible todo tipo de valados, lindes arborados, etc. O que nos permitirá reducir o impacto visual asociado ao novo trazado das pistas.

-Evitaremos longos tramos de trazados rectos, igual que as modificacións do réxime hidrolóxico existente.

-A densidade da rede será a mínima indispensable para conseguir os obxectivos propostos, racionalizando o deseño para obter o máximo aproveitamento nas operacións agrícolas e silvícolas.

-Os novos camiños teñen como principal misión ser vía do tránsito rural para o que cómpre dispor do suficiente espazo de manobrabilidade en xiros e larguras mínimas en traxectos rectilíneos. Estas amplitudes necesarias serán medias ou reducidas, debido a que o parque actual e o que poida ser demandado no futuro está formado por vehículos agrícolas e forestais de pequenas ou medianas dimensións. É por iso que os novos camiños deberán dar o maior servizo ocupando o menor solo posible, así evitaranse largos innecesarios, firmes excesivos ou trazados reiterativos.

-Os camiños proxectados non deben superar como norma xeral un largo máximo de 5-6 m de plataforma no principal e 3 metros nos secundarios. A cuneta será en todos eles de 1 metro mentres que a beiravía oscilará entre 0,75 metros nos camiños de acceso agrícola e 1 metro nos de acceso a lugares. Deste xeito o largo total dos camiños variará entre os 7 metros os de acceso agrícola e os 9 metros naqueles que ofrezan acceso aos lugares con tráfico medio elevado.

-Nas zonas de monte a largura das pistas será a necesaria para o mantemento do uso forestal, sendo preferible que esta sexa a mínima que permita a manobrabilidade e creando asemade cada certa distancia apartadoiros que permitan o xiro dos vehículos e a acumulación da madeira de corta ata o seu transporte.

-As consideracións anteriores non son ningún obstáculo para incorporar aos traballos de concentración melloras en camiños existentes, rectificacións de curvas, suavización de pendentes, eliminación de vexetación invasora na calzada, construción de canles e demais actuacións que complementen o obxectivo xeral de manter a funcionalidade efectiva dos camiños actuais.

-Evitaremos o paso das pistas a través de zonas arboradas de interese, por lugares onde se localizase algún ben do patrimonio cultural ou onde infiran coa rede hidrográfica actual.

-Aqueles lindes constituídos por muros de pedra restituiranse na medida do posible, logo da apertura ou ampliación de camiños.

-Un bo deseño da rede viaria reducirá os custos das posteriores medidas correctoras.

1.5. Deseño dos novos predios de substitución.

Recoméndase que no deseño dos novos predios de substitución se sigan as pautas da paisaxe actual, aproveitando sempre que sexa posible os antigos lindes, valados, sebes, etc. como límite dos novos predios de xeito que se aproveite o maior número posible deles.

Outra das pautas a seguir na conformación dos predios de substitución é a de manter unha orientación que sexa a máis adecuada ao relevo do terreo.

Por outro lado a distribución dos novos predios debería potenciar a continuidade dos cultivos e pasteiros. Nas zonas onde predominan os cultivos forestais procurarase a formación de predios grandes, onde o aproveitamento forestal resulte máis rendible.

1.6. Deseño de noiros e terrapléns.

Á hora de deseñar os noiros teremos moi en conta os factores altura e pendente, co fin de evitar impactos notables.

Da mesma maneira e co fin de facilitar unha boa integración paisaxística, evitaremos a existencia de formas regulares ou planas, perfís planos ou rectos e arestas vivas nos bordos superiores destes noiros.

1.7. Calendario das obras.

É fundamental o establecemento dun calendario previo ás obras, no cal se estuden todas as accións propias desta etapa e a súa posible influencia no contorno co fin de reducir o impacto causado por elas.

Cómpre ter en conta as afeccións á fauna á hora de deseñalo, así evitaranse actividades importantes pola noite e en épocas críticas do ano. Intentaremos polo tanto realizar estas obras en horario diúrno e preferentemente evitando, por ser os meses mais críticos para a cría de aves, o período entre abril e xuño.

De igual modo cómpre ter en conta as molestias a veciños e visitantes.

Tendo en conta os recursos hídricos e a conservación dos solos, recoméndase o verán como época de realización das obras pola menor frecuencia das precipitacións.

Estruturarase este calendario tamén co fin de empregar os ocos iniciais do terreo e reducir así o número de entulleiras e vertedoiros xerados. Definiremos zonas para o depósito de sobrantes procurando encher áreas necesitadas debido a movementos de terras ou a actividades extractivas.

1.8. Formulacións de plans de emerxencia de verteduras.

Será preciso dispor, antes do comezo das obras, dun plan de emerxencia de verteduras no cal se sinale detalladamente o modo de actuación ante un accidente (participantes, elementos que se empregarán, orde de aviso, etc.).

1.9. Respecto das zonas de protección dos xacigos arqueolóxicos.

Á hora de sinalar os novos planos dos terreos e da rede viaria terase en conta o anexo arqueolóxico existente neste estudo, co fin de respectar as zonas de cautela sinaladas par cada un dos elementos arqueolóxicos que se detectasen.

1.10. Implementación dun fondo de terras.

Se a información do fondo de terras resultar de interese a xuízo das xuntas locais, empregarase unha parte da superficie como base para o desenvolvemento de melloras de interese social, entre as que se debe dar pulo aos lugares de aproveitamento común ou melloras de caracter ambiental.

Recoméndase ademais crear lugares de uso comunal para a situación das balsas de auga. A localización das ditas balsas debe estar acorde coas necesidades da extinción dos incendios forestais.

2. Medidas para aplicar durante as fases de execución e explotación.

2.1. Atmosfera.

2.1.1. Control da emisión de ruídos.

A maquinaria debe limitarse á zona restrinxida para ela, actuando sempre o máis afastada posible dos núcleos de poboación e dos cursos de auga.

As obras realizaranse exclusivamente en horario diúrno.

Antes do inicio das obras o responsable entregaralle as certificacións de homologación e mantemento da maquinaria á dirección de obra e constará dilixencia no proxecto de ordes oportuno.

Ao pór en funcionamento a maquinaria, e en caso de dúbida entre a emisión real e a citada no estudo, poderase solicitar medición normalizada conforme o establecido na normativa comunitaria. Do mesmo xeito a dirección poderá exixir medición dos niveis compostos producidos pola simultaneidade dos medios mecánicos.

2.1.2. Rega de camiños e emprego de lonas para evitar o risco de levantamento de po.

Os movementos de terras, o transporte, a exposición de terra núa co efecto erosivo do vento, etc. xeran emisións de po, polo que se regarán as pistas con auga cada certo tempo, mediante camións cisternas apropiados, coa finalidade de minimizar o impacto e conseguir que estes camiños se atopen habitualmente co grao de humidade preciso para evitar a produción de po.

Do mesmo modo, empregaranse lonas para tapar os camións de transporte e as moreas de almacenamento, e impedir un aumento notable da cantidade de po procedente do transporte de materiais, entullos, etc.

Outras medidas de interese consisten en humedecer os materiais realizando un lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras e en efectuar as descargas desde alturas inferiores a un metro, cando iso sexa posible.

Por outro lado evitarase o paso de maquinaria da obra polos núcleos urbanos. En caso de necesidade, procurarase pasar nas horas menos molestas para os veciños e reducindo a velocidade.

2.2. Recursos hídricos e solos.

2.2.1. Restricións ao paso de maquinaria.

Delimitaremos a traza a seguir pola maquinaria nos seus labores cotiáns, evitando con iso o esmagamento e compactación do terreo, así como innecesarias desfeitas, tanto na capa vexetal como nas especies arbóreas da zona.

Esta traza atoparase perfectamente sinalizada mediante cintas de balizamento, procurando que coincida no posible con camiños existentes na actualidade.

Tamén se balizarán aquelas zonas consideradas de acceso prohibido para maquinaria e persoal por tratarse de hábitats de interese ou ante a presenza de especies con importante valor ecolóxico.

A maquinaria baixo ningún concepto pode saír da zona establecida para ela, para o cal deberán informarse previamente os operarios dos condicionantes que estas indicacións supoñen e das correspondentes sancións polo seu incumprimento.

Co fin de evitar posibles accidentes ou fugas de verteduras (aceites, lubricantes, etc.), ao terreo ou ás augas subterráneas, definiremos zonas exclusivas para o desenvolvemento das operacións de mantemento e reparación da maquinaria, as cales se atoparán perfectamente sinalizadas. O seu coñecemento será común a todos os empregados.

A retirada posterior destas verteduras estará debidamente controlada por un xestor autorizado.

Por outro lado, recoméndase situar as instalacións e o parque de maquinaria en zonas planas, próximas aos núcleos urbanos e illadas dos cursos fluviais, onde non aparezan comunidades vexetais de interese, se teña un acceso rápido a elas e non cause impactos paisaxísticos.

2.2.2. Retirada, almacenamento, conservación e recuperación da terra vexetal.

Para unha mellor e máis rápida restauración de certas áreas afectadas polas obras, recoméndase a acumulación dos solos retirados durante estas e o seu emprego, debido á importante carga de sementes de especies autóctonas que posúe, estando estas adaptadas ás condicións ambientais da zona.

É por iso que se levará a cabo durante esta fase de execución a acumulación desta capa superior de terra (15-30 cm), a cal deberá ser tratada en particular, co fin de volver a situala neses 15-30 cm das zonas restauradas.

Reutilizarase polo tanto, sempre que non se trate de solos antrópicos ou con cantidades de materia orgánica moi baixa.

Cumprirá realizar un acondicionamento da terra vexetal sempre que se coloque en pendentes, para que non sexa arrastrada antes de que as plantas se fixen no terreo.

Estes solos fértiles así obtidos almacenaranse o longo da traza da maquinaria en montóns de altura non superior a 1,5 m para facilitar a súa aireación e compactación. Fomentaranse os procesos de colonización vexetal co fin de manter as súas propiedades, incluíndo en caso de que sexa preciso regas, sementeiras e abonos periódicos.

Considerando o volume de terra vexetal previsto no estudo informativo, procederase á súa extensión polas zonas afectadas polas obras, tanto noiros como áreas degradadas durante as construcións. Así mesmo, os excedentes de terra vexetal que deben ser retirados a vertedoiro situaranse na súa parte superior para facilitar a restauración.

Con esta medida preténdense crear as condicións naturais para que a vexetación poida penetrar e permanecer nuns terreos onde son difíciles os coidados de mantemento.

2.2.3. Integración dos noiros de camiños na paisaxe.

Á hora de conseguir unha boa integración paisaxística dos noiros, débense evitar as formas regulares e planas, os perfís rectos e as arestas vivas nos bordos superiores.

Naquelas zonas afectadas por movementos de terras, escavacións e todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. A vexetación cumpre unha importante función no control erosivo do noiro ao darlle consistencia por medio do enramado mecánico das súas raíces.

No caso de ser necesarias adoptaranse medidas adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.

Para a vexetación son recomendables as especies nativas e comprobouse que o máis efectivo para defender os noiros son as plantacións continuas de pastos e herbáceas.

Realizaranse tamén restauracións vexetais naquelas zonas que foran alteradas dalgún modo durante a execución das obras (zonas de almacenamento de materiais, parques de maquinaria, etc), ben que o principal obxectivo é a protección de noiros e terrapléns causados tras a construción e acondicionamento dos camiños.

As sementeiras e plantacións que poida ser necesario levar a cabo deseñaranse con especies autóctonas da vexetación potencial da zona ou non agresivas para ela. En zonas de alto risco de incendios forestais non se empregarán especies pirófilas. As plantacións terán en conta non só as características físicas das distintas unidades de actuación, senón a súa litoloxía e a composición da vexetación do contorno inmediato, así como a súa resistencia á seca. Verificarase que as especies propostas se atopan comercializadas, de xeito que sexa viable a realización do proxecto.

O proxecto de rede viaria integrará as medidas de restauración da cuberta vexetal das obras de modo que os noiros se sementen despois da súa apertura. Así mesmo coordinarase que a extensión de terra vexetal sexa inmediatamente anterior ás sementeiras e hidrosementeiras, en especial aquelas zonas con pendentes, para evitar o transporte hídrico das terras achegadas.

No proxecto especificaranse e orzamentaranse as obras de mantemento precisas para asegurar o éxito das labores de revexetación.

Á hora de revexetar teranse en conta os seguintes pasos:

-Programación da vexetación; a partir dos datos climatolóxicos existentes e da programación da obra, fixaranse as épocas adecuadas para a execución das obras.

-Planeamento da vexetación; delimitaranse con precisión as zonas sobre as cales se vai reforestar.

-Control dos traballos previos á revexetación; comprobarase o cumprimento exacto das prescricións dos materiais establecidos no prego de condicións técnicas.

-Control dos traballos de revexetación; supervisaranse os traballos de revexetación verificando as condicións ambientais e a correcta sementeira das plantas.

-Control dos traballos de conservación e mantemento; faranse regos, abonos, etc.

2.2.4. Situación adecuada das zonas de almacenamento de materiais, maquinaria, préstamo e vertedura.

A terra sobrante dos desmontes deberá colocarse en zonas próximas á obra co fin de ter acceso rápido a ela, polo que se disporá ao longo da traza do camiño en alturas inferiores a 1,5 m.

Da mesma maneira situarase en zonas chás e nunca sobre vexetación natural, quedando prohibido o emprego das ribeiras, marxes e zonas de servidume para o depósito de materiais, instalacións de parques de maquinaria e, en xeral, todas aquelas actividades que puidesen supor a contaminación das augas.

Será interesante tamén designar zonas de localización de entulleiras, materiais, etc. co fin de reducir o posible os impactos derivados do tránsito de persoas e maquinaria. Estas localizaranse preferiblemente en zonas de elevada capacidade de absorción visual, planas e afastadas de canles fluviais.

2.2.5. Definición de zonas exclusivas para o cambio de aceites, lubricantes, etc.

Co fin de evitar posibles fugas de verteduras (aceites, lubricantes, etc.), ao terreo ou ás augas subterráneas, definiremos zonas exclusivas para o desenvolvemento destas operacións de mantemento e reparación da maquinaria, as cales se atoparán perfectamente sinalizadas e o seu coñecemento será común para todos os operarios.

Do mesmo xeito levarase a cabo unha retirada axeitada destas verteduras. Estes labores de limpeza, mantemento e reparación realizaranse en talleres autorizados, eliminando o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes.

2.3. Vexetación.

2.3.1. Protección da vexetación.

Co fin de evitar danos innecesarios na vexetación, procederase á sinalización de zonas ás que a maquinaria deberá reducir as súas actuacións mediante cintas de balizamento.

Do mesmo modo, delimitaranse e acordoaranse aquelas áreas en que existan especies singulares ou formacións vexetais para as cales se crea oportuno restrinxir o paso de maquinaria como de persoal.

2.3.2. Protección de marxes e ribeiras.

Recoméndase que se considere a superficie ocupada pola vexetación de ribeira dentro do largo de ocupación dos curso fluviais de modo que esta non quede incluída dentro dos planos de masas do proceso de concentración parcelaria. Ademais cando existan cursos de auga con vexetación asociada dentro das actuais parcelas estes manteranse como linde no deseño de novos predios.

2.3.3. Perigo de introdución de especies foráneas e invasoras.

Cómpre tomar medidas preventivas na elección da orixe das terras de préstamo, procurando que estas non introduzan especies foráneas.

2.4. Fauna.

2.4.1. Adecuación das obras a épocas non delicadas para a fauna.

Cómpre ter en conta a afección á fauna á hora de deseñar o calendario das obras; levarase a cabo para iso un control de prevención do ruído xerado durante esta fase das obras, como consecuencia dos movementos de terras e o tránsito de persoal e maquinaria. Deste xeito evitarase a realización de actividades importantes polas noites e en épocas críticas do ano. É por isto que se tentarán realizar estas obras en horario diúrno e evitando por ser os meses máis críticos para a cría de aves o período comprendido entre abril e xuño.

Consideramos como o máis axeitado desde o punto de vista acústico o período comprendido entre os meses de agosto e setembro.

2.5. Procesos.

2.5.1. Prevención de incendios.

Adoptaranse unha serie de medidas co fin de previr a súa presenza. Entre outras:

-Disporase unha rede de vixilancia para a prevención de incendios.

-Evitaranse focos de lume para labores da obra.

-Evitarase o risco de lumes nos vehículos.

-Disporase a pé de obra de varias unidades de extinción.

-Evitarase abandonar obxectos que poidan exercer efecto lente.

-Disporase de contedores para a recollida de RSU, principalmente botellas.

-Prohibirase ou limitarase a práctica de fumar.

-Levarase a cabo unha revisión da maquinaria para evitar a formación de chispas espontáneas.

2.6. Medio socioeconómico.

2.6.1. Accións xerais de formación.

Propoñemos como medidas alternativas de gran interese a realización dun programa de formación dirixido aos titulares das explotacións, de cara á súa integración e mellora ambiental.

Para avaliar a conveniencia destas actividades de formación hai que ter en conta que a evolución das explotacións, de dinámica relativamente pausada, vai verse transformada pola acción da concentración nun período de tempo comparativamente breve.

As accións formativas non deben ser só técnicas senón que tamén proverán as ferramentas precisas para a procura de subvencións, créditos e axudas para a produción compatible co ambiente.

Este asesoramento entre os agricultores debería cubrir os seguintes aspectos:

Ordenación dos cultivos:

Ao proceso de concentración parcelaria incorporaráselle un plan de aproveitamento de cultivos adecuado ás características agronómicas das terras, de modo que se poida alcanzar un aproveitamento racional e sustentable delas. Teranse en conta para a realización deste plan as recomendacións existentes no Código Galego de Boas Prácticas agrarias aprobado pola Orde do 7 de setembro de 1999.

Se a zona de concentración incluíra terreos de uso forestal ou algún recurso natural que interesase manter ou protexer, o servizo provincial oportuno requirirá do órgano competente en materia de montes a elaboración do correspondente plan forestal da zona, que será emitido nun prazo de catro meses. Se tras o tempo indicado non se elabora o dito plan entenderase que existe conformidade coas actuacións que a ese respecto realice a consellería competente en materia de agricultura.

Fertilización:

Teranse en conta en todo momento as recomendacións existentes no Código Galego de Boas Practicas Agrarias.

Tratamentos fitosanitarios:

Procurarase reducir a utilización de produtos fitosanitarios promovendo unha exhaustiva información sobre os produtos aplicables de menor impacto, os seus efectos colaterais, época recomendada de uso e lugares ou cultivos permitidos consonte a lexislación vixente na materia (Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal e Real Decreto 1416/201,sobre envase e produtos fitosanitarios).

2.6.2. Medidas de protección do patrimonio cultural.

Antes do comezo das obras levarase a cabo o balizamento de todos os elementos patrimoniais detectados na prospección arqueolóxica e que se atopan localizados no plano axuntado co anexo de arqueoloxía no presente estudo, así como as súas zonas de cautela. A pesares diso e durante a fase de obras levarase a cabo unha vixilancia continua por parte dun arqueólogo de todas aquelas operacións que impliquen levantamento ou movemento de terras.

O contratista estará obrigado a paralizar as obras, informar a Patrimonio e esperar resposta ante calquera obxecto encontrado durante a súa execución.

2.6.3. Medidas para evitar a simplificación e perda da toponimia.

Recoméndase para evitar a perda da toponimia da zona que esta figure nas follas de investigación da propiedade e ao longo de todo o proceso de concentración parcelaria, reflectindo o nome das parcelas que figuran no escrito de propiedade de cada propietario.

2.6.4. Medidas para garantir a seguranza e a saúde dos traballadores.

-Disporase de procedementos de traballo normalizados.

-O operador da maquinaria deberá coñecer todas as normas de seguridade e procedementos de manexo do equipo que esta a operar. Estes deberán ser entregados por escrito ao traballador.

-O contratista está na obriga de subministrarlles aos traballadores todos os elementos de protección persoal de acordo coas actividades que realicen e ter á súa disposición equipos de primeiros auxilios.

-Deberase ter precaución no caso de empregar produtos tóxicos.

-Traballarase unicamente dentro da zona delimitada para tal fin mediante cinta sinalizadora.

-Todo traballador que informe que sufre de vertixe ou medo ás alturas deberá traballar unicamente en terra.

-O encargado de seguranza por parte do contratista deberá vixiar o uso correcto e adecuado dos elementos de protección persoal e garantir o seu cambio ou mantemento oportuno, dispoñendo dunha cantidade suficiente destes en existencias.

2.6.5. Medidas para garantir a saúde e seguranza da veciñanza.

-Informarase cal é a área de traballo e prohibirase o acceso á zona.

-Esta área de traballo estará perfectamente sinalizada e acordoada.

-A maquinaria reducirá a velocidade en presenza de peóns.

2.6.6. Medidas compensatorias.

Adecuaranse as redes existentes de camiños e sendas rurais co fin de promover a práctica ordenada do excursionismo e o sendeirismo, o cal podería traer beneficios á zona.

2.7. Paisaxe.

2.7.1. Integracións paisaxísticas.

Unha vez establecidos os novos predios resultantes, intentarase reducir o impacto visual causado polas obras nas vías e as modificacións do parcelario mediante a conservación do maior número posible de elementos lineais de interese, como lindes arborados, sebes, valados de pedra, etc., é por iso que se favorecerá a conservación e posterior traslado daqueles valados de pedra que queden sen uso no interior dalgún predio para empregalos como elemento delimitador de novos terreos.

Os elementos construtivos ou sinalizacións de calquera tipo deberán integrarse no medio natural onde se sitúen de xeito que causen o menor impacto ambiental.

A restauración exterior das construcións e edificacións existentes, así como a realización doutras novas, deberán procurar non alterar as características arquitectónicas tradicionais. Fomentarase a través das liñas de subvención necesarias, a rehabilitación, mellora e nova construción de vivendas rurais que manteñan a fisionomía tradicional dos núcleos urbanos.