DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 02 de outubro de 2007 Páx. 16.139

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 17 de setembro de 2007 pola que se modifica a do 31 de xullo de 2001 pola que se regula o procedemento para a concesión, uso e control da marca de Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia.

O artigo 8 da Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia faculta á Consellería de Innovación e Industria para que, logo da proposta da Comsión Galega de Artesanía, dite as normas precisas para crear distintivos que garantan a procedencia da produción artesanal galega e posibiliten a súa identificación nos mercados.

A Consellería de Innovación e Industria, mediante a Orde do 31 de xullo de 2001, pola que se regula o procedemento para a concesión, uso e control da marca de Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia, creou unha imaxe gráfica, consistente nun símbolo e nun logotipo Artesanía de Galicia para acreditar, como distintivo, a produción artesanal do noso país. Imaxe que foi debidamente rexistrada como marca. Así mesmo, a devandita orde regula o procedemento para concesión uso e control da marca, propiedade da Xunta de Galicia, e determina a forma e contidos dos modelos que utilicen a denominación Artesanía de Galicia.

A experiencia na súa utilización así como as novas tendencias estilísticas e de deseño aconsellan unha actualización e modernización do distintivo da marca e do logotipo Artesanía de Galicia que permita manter a súa calidade como imaxe e adecuala ao devir do tempo.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-De modificación do artigo 4 da Orde do 31 de xullo de 2001, pola que se regula o procedemento para a concesión, uso e control da marca de Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia.

Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 4 da Orde do 31 de xullo de 2001, que quedará redactado nos seguintes termos:

1. O distintivo da marca consiste nun símbolo deseñado en cores gris prata (Pantone 430 ou Pantone 877) e azul (Pantone 279) e o logotipo Artesanía de Galicia en cor gris prata (Pantone 430 ou Pantone 877) construído coa tipografía Avenir 45 Book, en caixa alta sen distorsións. Excepcionalmente, por cuestións técnicas de reprodución, poderá admitirse a versión en negativo (símbolo e logotipo en branco) impreso sobre un fondo escuro, preferentemente gris prata.

Artigo 2º.-De modificación da disposición derradeira da Orde do 31 de xullo de 2001, pola que se regula o procedemento para a concesión, uso e control da marca de Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia.

Modifícase a disposición derradeira da Orde do 31 de xullo de 2001, que quedará redactada nos seguintes termos:

Facúltase a dirección xeral competente en materia de artesanía para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición transitoria

Establécese un periodo transitorio dun ano durante o cal poderán convivir o distintivo de marca e logotipo regulado na Orde do 31 de xullo de 2001 e o establecido nesta orde, que modifica o anterior. Trancorrido o devandito período, unicamente será válido o novo distintivo de marca Artesanía de Galicia e o novo logotipo regulado nesta orde. Durante o período dun ano os interesados deberán solicitar conforme o disposto no artigo 6 da Orde do 31 de xullo de 2001 o cambio do material coa marca e logotipo antigos polo novo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2007.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

c) SUBSTITUCIÓNS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA