De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente.
En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Mediante esta orde, a Consellería de Vivenda e Solo crea os ficheiros con datos de carácter persoal de propietarios e de arrendatarios, do programa de vivenda de aluguer, existentes nos seus centros directivos e nos organismos públicos dependentes, que se citan no anexo, nos termos e condicións establecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
Artigo 2º.-Contido.
A información que, de acordo co artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, deberá indicarse na disposición de creación de ficheiros, está contida nos anexos desta orde, en cada un dos ficheiros creados.
Artigo 3º.-Finalidade e usos dos ficheiros.
Os datos de carácter persoal rexistrados nos ficheiros da Consellería de Vivenda e Solo só serán utilizados para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.
Neste senso, a finalidade do ficheiro de propietarios é incorporar as vivendas baleiras dos propietarios no mercado de aluguer a través do programa de vivenda en aluguer, liberalos dos inconvenientes que poidan atopar para tal fin e concederlles subvencións para a rehabilitación, no caso de seren necesarias, todo iso conforme o establecido no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro e normativa que o desenvolve.
Pola súa banda, a finalidade do ficheiro de arrendatarios é tramitar as solicitudes de vivenda en aluguer dentro do programa de vivenda en aluguer e axudar a familias e unidades convivenciais con dificultades de acceso á vivenda tramitando as solicitudes de subvencións para o pagamento das rendas de aluguer destinadas a arrendatarios conforme o establecido no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, e normativa que o desenvolve.
Artigo 4º.-Seguridade dos ficheiros.
Será responsable dos ficheiros a Consellería de Vivenda e Solo. Os titulares dos órganos administrativos adoptarán as medidas de xestión e organización necesarias para asegurar a confidencialidade, seguridade e integridade dos datos, así como as dirixidas a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
Artigo 5º.-Xestión dos ficheiros.
Conforme o artigo 2 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, o programa de vivenda en aluguer levarao a Consellería de Vivenda e Solo a través das catro sociedades públicas de xestión urbanística de Galicia, ás cales se lles encomendará a súa xestión. Estas sociedades públicas terán, ademais, a condición de entidades colaboradoras e serán receptoras dos fondos públicos, colaborarán na xestión, e distribuirán os fondos, tendo as obrigas e dereitos que se establecerán mediante convenios de colaboración asinados entre a Consellería de Vivenda e Solo e cada unha das sociedades referidas, estando suxeitas ao disposto no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2007.
María Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo
ANEXO
a) Ficheiro de programa de vivenda en aluguer: propietarios.
Finalidade do ficheiro: a incorporación de vivendas no programa de vivenda en aluguer de acordo co establecido na normativa que o regula, ofrecéndose aos seus titulares os servizos e incentivos establecidos nel, concedéndolles, se fose o caso, as subvencións de rehabilitación precisas, co obxecto de proceder co seu arrendamento no programa.
Persoas afectadas: os propietarios das vivendas que soliciten ser incluídos no programa de vivenda en aluguer.
Procedemento de recollida de datos: mediante os impresos oficiais, en formato de papel, que presentan os propios interesados.
Estrutura básica dos ficheiros e tipo de datos de carácter persoal recollidos nestes: os datos de carácter persoal están contenidos en ficheiros mixtos, de carácter automatizado e de papel, e serán os seguintes:
-Nome e apelidos.
-DNI.
-Domicilio.
-Teléfono.
-Datos relativos a facenda pública: imposto sobre bens inmobles.
-Datos relativos a consumos de electricidade e auga e acreditativos da propiedade.
Cesións de datos: non se prevén.
Órganos da Administración responsables dos ficheiros: Secretaría Xeral.
Servizos ou unidades ante os cales se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición: Secretaría Xeral, Área Central s/n. Polígono das Fontiñas. Santiago de Compostela (A Coruña).
-Medidas de seguridad: nivel medio.
b) Ficheiro de programa de vivenda en aluguer: arrendatarios.
Finalidade do ficheiro: tramitar as solicitudes de incorporación ao programa e, de ser o caso, as solicitudes de subvención ao arrendamento establecidas neste e presentadas conforme o establecido na súa normativa, coa finalidade de axudar a familias e unidades de convivencia con dificultades de acceso a vivendas.
Persoas afectadas: os solicitantes das vivendas en aluguer.
Procedemento de recollida de datos: mediante os impresos oficiais, en formato de papel, que presentan os propios interesados.
Estrutura básica dos ficheiros e tipo de datos de carácter persoal recollidos neles: os datos de carácter persoal están contenidos en ficheiros mixtos, de carácter automatizado e de papel, e serán os seguintes:
-Nome e apelidos.
-DNI.
-Data de nacemento.
-Domicilio.
-Teléfono.
-Datos relativos a facenda pública: nivel de rendas de estar ao día coas obrigas tributarias.
-Datos retativos a infraccións penais: violencia de xénero.
-Datos relativos á Seguridade Social: datos relativos a estar ao día coas obrigas á Seguridade Social e relativos a pensións que cobre o solicitante.
-Datos relativos á percepción polo interesado de renda de integración social de Galicia.
-Datos de empadroamento.
-Datos relativos a familia numerosa.
-Datos relativos a saúde: discapacidade.
Cesións de datos: non se prevén.
Órganos da Administración responsables dos ficheiros: Secretaría Xeral.
Servizos ou unidades ante os cales se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición: Secretaría Xeral, Área Central s/n. Polígono das Fontiñas. Santiago de Compostela (A Coruña).
Medidas de seguridade: nivel alto.
ANEXO

