Con data do 6 de setembro de 2007 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de agosto de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de bolsas para o acceso en aluguer a vivenda para estudantes de ciclos formativos da formación profesional inicial.
Esta orde, no seu artigo 3 establece como requisito ter aprobadas todas as materias ou módulos do curso 2006-2007 na convocatoria de xuño. Así mesmo, no seu artigo 6, establece que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes natural contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no DOG.
Tendo en conta as solicitudes presentadas enténdese oportuno modificar estes aspectos.
Por outra banda, clarifícase o modo en que se poderán acreditar os ingresos no caso de que non presentasen a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Por todo o exposto, e de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único.-Modificar a Orde do 30 de agosto de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de bolsas para o acceso en aluguer a vivenda para estudantes de ciclos formativos da formación profesional inicial.
Un.-Modifícase o artigo 3 b), no senso de que onde se indica «xuño» hai que engadir «ou setembro».
Dous.-Engádeselle un punto 5 ao artigo 4 co seguinte texto:
«Se non se presentase a declaración da renda, por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, sen prexuízo da comprobación administrativa».
Tres.-Modifícase o artigo 6 que queda redactado segundo o seguinte teor:
«Amplíase o prazo de presentación de solicitudes inicialmente concedido por un mes natural máis contado desde o mesmo día da publicación desta orde».
Catro.-Publícase novamente o modelo de solicitude como anexo a esta orde.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2007.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo
Ver referencia pdf "19400D007P010.PDF"

